Francisco de Biedma Zayas
Biografía | |
---|---|
Capitán xeneral de Galicia | |
11 de maio de 1808 – 20 de xuño de 1808 ← Francisco Taranco y Llano (pt) – Antonio Filangieri → | |
Capitán xeneral de Galicia | |
1799 – 1800 ← Galceran de Vilalba-Meca i de Llorac (en) – Francisco Xavier de Negrete y Adorno (en) → | |
Actividade | |
Ocupación | político |
Francisco de Biedma Zayas, nado probabelmente na provincia de Xaén na segunda metade do século XVIII e cuxa data e lugar de falecemento se descoñece, foi un militar español, afrancesado, gobernador de Galicia e Capitán Xeneral, en dúas ocasións (1799 e 1808) e por moi breve tempo en ambas as dúas.[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Hai poucos datos da vida de Francisco de Biedma (se cadra, polo escurecemento polos historiadores liberais do século XIX debido á súa condición de afrancesado). Membro dunha familia nobre de Xaén, quizais fillo ou sobriño de Francisco de Viedma (ou Biedma) e Narváez (Xaén, 11 de xuño de 1737 - Cochabamba, Bolivia, 28 de xuño de 1809), mariño, explorador da costa patagónica arxentina, que foi gobernador de Santa Cruz de la Sierra e intendente de Cochabamba, fundador das cidades de Viedma e Carmen de Patagones, ou do seu irmán Antonio, que dá nome á Estación Antonio de Biedma, antiga estación ferroviaria situada no Departamento Deseado, Provincia de Santa Cruz, Arxentina, así chamada en recordo deste personaxe que, en 1780, percorreu a zona patagónica.[2]
O que si está documentado é que, no ano 1767 estaba destinado, como capitán de artillaría, na cidade da Coruña, onde casa con María Josefa Pedrosa y Somoza, da familia dos Pedrosa, propietaria da antiga casa dos Ponte, e prima do xurisconsulto Francisco Somoza de Monsoriu.[3]
Invasión francesa
[editar | editar a fonte]Ao comezo da Guerra da Independencia (1808) estaba vacante o posto do Capitán Xeneral de Galicia, xa que en marzo dese ano morrera no Porto, de enfermidade, o seu titular, Francisco de Taranco y Llano, que estaba alí ao mando das forzas galegas desprazadas en decembro de 1807 (uns 10.000 soldados) e que ocuparan o norte de Portugal ao servizo de Junot, en razón da daquela vixente alianza franco-española (establecida no Tratado de Fontainebleau).[4] Interinamente desempeñaron o cargo, sucesivamente, Domingo Balestá, enxeñeiro militar e Mariscal de Campo, que regresou precipitadamente de Portugal onde estaba dirixindo un plano da costa setentrional dese país (posteriormente, o 16 de abril de 1813, a Rexencia do Reino —Cortes de Cádiz— destinaríao como Director-Subinspector da Costa de Granada).[5] e Francisco Biedma, tamén Mariscal de Campo, destinado na Coruña.
Biedma, Capitán Xeneral de Galicia desde o 11 até o 29 de maio de 1808, era mirado con desconfianza polos patriotas (tanto civís como militares) por pensaren, non sen razón, de connivencia cos franceses (aínda que se pode supoñer con algún fundamento que o seu maior pecado era, en realidade, que fora nomeado por Godoy). Pero a condición de afrancesado de Biedma queda patente no seu nomeamento, en 1810, de cabaleiro da Orde Real de España polo rei Xosé I[6]
Aínda que na primavera de 1808 Galicia albergaba un dos núcleos de tropas regulares españolas máis importantes, e tampouco faltaban destacadas instalacións militares: fortes, polvoreiras, a maestranza de artillaría na Coruña, unha base e arsenal navais en Ferrol (pero despois do Tratado de Fontainebleau medio exército acabara esparexido desde o norte de Portugal até Dinamarca). A maior parte da oficialidade, sobre todo a do rexemento de Navarra, o único que quedara practicamente completo na gornición da Coruña, militaba no bando patriota, reuníndose secretamente cun grupo de paisanos liberais, entre outros, Manuel Pardo de Andrade e Sinforiano López.
Cando Biedma recibiu as noticias dos sucesos do 2 de maio en Madrid, temeroso de que se producira na Coruña un alzamento popular similar, ditou unha serie de medidas preventivas (como, por exemplo, emprazar unha batería de artillaría diante do edificio da capitanía), moitas das cales irritaran aínda máis á poboación.[7] e publicou un bando no que denunciaba os acontecementos sucedidos en Madrid, para o que redactou un informe que enviou aos principais concellos galegos o 11 de maio.
Pero o levantamento acabou producíndose, e constituíndose na Coruña a Xunta Suprema do Reino de Galicia, que enviou a Biedma fóra de Galicia e nomeou Capitán Xeneral a Antonio Filangieri.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Tarrío, José M. (1998): "Casamientos en la vieja Coruña", in Anuario Brigantino, nº 21, p. 140.
- ↑ Coombs, Martin: Etymology of Patagonian station names Ferrocarriles en el Cono Sur. Patagonia, Tierra del Fuego e Islas del Atlántico Sur[Ligazón morta]
- ↑ Tarrío, J. M., Op. cit..
- ↑ Barreiro Fernández, Xosé Ramón (1982): Historia Contemporánea de Galicia. I. De la Guerra de la Independencia al Postfranquismo (1815-1893). A Coruña: Ediciones Gamma, p. 63.
- ↑ Capel Sáez, Horacio et. al. (1983): Los ingenieros militares en España. Siglo XVIII. Repertorio biográfico e inventario de su labor científica y espacial. Barcelona: Edicións Universitat de Barcelona. ISBN 84-7528-117-6, p. 66. Google Books
- ↑ GRAN CANCILLERÍA DE LA ORDEN REAL DE ESPAÑA
En nuestro palacio de Madrid á 7 de enero de 1810,
Don Josef Napoleon por la gracia de Dios y por la constitucion del estado, REI de las Españas y de las Indias.
Oido el gran consejo de de la Oren Real de España, hemos decretado y decretamos lo siguiente:
ARTICULO I. Quedan nombrados caballeros de la Orden Real de España
Los Señores
(...) Biedma (D. Francisco), mariscal de campo de nuestros reales exércitos. (...)
ART. II. Nestros gran canciller y gran tesorero de la Orden quedan encargados de la execución del presente decreto.=Firmado=YO EL REI=Por S. M. el gran canciller de la Orden Manuel de Negrete y de la Torre.
Publicado en: Ministerio de la Gobernación. Gazeta de Madrid, volume 1, pp. 42-43. Gazeta de Madrid, Volume 1 - ↑ González López, Emilio (1970): "La muerte del capitán general don Antonio Filangieri". Revista La Coruña. Verano 1970.