Galizionario
O Galizionario, tamén denominado Galicionario, é a versión en galego do Wiktionary, un dicionario multilingüe de contido libre que forma parte dos proxectos da Fundación Wikimedia.
Denominación
[editar | editar a fonte]Creado o 6 de maio de 2004, o nome Galizionario fíxose oficial o día 21 de decembro de 2004 mediante votación da comunidade[1]. O 31 de decembro do mesmo ano pasou a chamarse Galizionario, incorporando o prefixo Gali- no seu nome como xa se viña facendo na Galipedia.
Características
[editar | editar a fonte]O Galizionario recolle vocábulos en todas as linguas xunto coas súas traducións ao galego, sendo as entradas máis numerosas as que se refiren á definición de termos en lingua galega.
Presenta moitas características iguais a outras versións do Wiktionary:
- Diferenciación de maiúsculas e minúsculas iniciais.
- Estrutura das entradas como as dun dicionario.
- Presentación fixa dos datos, fornecendo categoría gramatical, etimoloxía, pronuncia (ficheiro de son e transcrición fonolóxica), definición de cada unha das acepcións, traducións a varias linguas, observacións de uso, táboas de flexión (conxugación ou declinación), palabras relacionadas, fraseoloxía etc.
- Organización en categorías das entradas segundo a súa lingua e categoría gramatical, o cal permite xerar automaticamente listaxes de palabras segundo estes parámetros.
- Listaxes de traducións bilingües, como é o caso do Dicionario Galego-Aragonés e o Dicionario Aragonés-Galego que tamén está no Biquizionario, o Wiktionary en aragonés.
- Remisións ó proxecto Wikipedia galego, a Galipedia, cando existe un artigo homónimo relacionado.
- Remisións a outros proxectos de Wiktionary.
Tamén, como outros proxectos de Wiktionary, presenta un importante uso de modelos, pois as entradas están moi estruturadas e fixadas.
É importante tamén que contén tamén entradas de carácter toponímico[2], nalgunhas palabras presenta corpus fraseolóxicos[3], clasificación onomasiolóxica [4] e mesmo categorización dos fenómenos de evolución fónica dende a suposta etimoloxía[5].
Fitos
[editar | editar a fonte]A comezos de 2005, a versión en galego do Wiktionary era o terceiro dicionario da Fundación Wikimedia con máis entradas de todos os existentes naquel momento[7]. O 20 de agosto do 2015 (data na que ocupaba o posto 44)[8] acadaba as 44.867 páxinas, que contiñan máis de 55.700 entradas en 357 linguas; delas, máis de 19.600 eran do galego, pero tamén contaba cunhas 8.220 do castelán[9], 5.032 do italiano[10], 3.664 do francés[11], 2.849 do inglés[12], 1.732 do portugués[13], e outros idiomas, tanto da nosa contorna, como o latín[14], o catalán[15], o vasco[16], ou o alemán[17], como outras linguas máis afastadas, como o cheyenne[18], o chinés[19] ou o suahili[20]. Esta cantidade de palabras convérteo nun dos máis grandes da escasa lexicografía galega de dicionarios en liña e dicionarios bilingües non dirixidos ó castelán.
Desde o 23 de febreiro de 2006, o sistema (en contraste coa Wikipedia) permite crear entradas tanto en minúsculas como en maiúsculas para facilitar o uso da grafía máis precisa en cada caso.
O Galizionario, do mesmo xeito que a Wikipedia, baséase no software wiki e publícase baixo a licenza GFDL.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ wikt:Wiktionary:Actualidade#2004
- ↑ wikt:Categoría:Toponimia
- ↑ wikt:cabalo ou wikt:chover
- ↑ wikt:Categoría:Entradas por significado
- ↑ wikt:Categoría:Entradas por evolución fónica
- ↑ wikt:Wiktionary:Actualidade
- ↑ en:Wiktionary:Wiktionary:Multilingual statistics#Ranking
- ↑ m:Wiktionary
- ↑ wikt:Categoría:Castelán
- ↑ wikt:Categoría:Italiano
- ↑ wikt:Categoría:Francés
- ↑ wikt:Categoría:Inglés
- ↑ wikt:Categoría:Portugués
- ↑ wikt:Categoría:Latín
- ↑ wikt:Categoría:Catalán
- ↑ wikt:Categoría:Vasco
- ↑ wikt:Categoría:Alemán
- ↑ wikt:Categoría:Cheyenne
- ↑ wikt:Categoría:Chinés
- ↑ wikt:Categoría:Suahili