Giotto di Bondone
Giotto di Bondone, quizais un hipocorístico de Ambrosio ou Ambrogiotto, máis coñecido coma Giotto, nado en Colle di Vespignano no ano 1267 e finado en Florencia o 8 de xaneiro de 1337, foi un notábel pintor, escultor e arquitecto italiano do Trecento. Foi o primeiro pintor toscano que traballou no norte de Italia, en Rimini e en Padua. Unha das obras que levou a cabo en Padua foi o conxunto de frescos sobre a Vida da Virxe e de Cristo na Capela dos Scrovegni, obra fundamental para a evolución da pintura europea.
Considerado o primeiro artista dos moitos que contribuíron á creación do Renacemento italiano e un dos primeiros en romper as limitacións da arte e os conceptos medievais e representara expresión dos sentimentos e un espazo tridimensional.[1] Dedicouse fundamentalmente a pintar temas relixiosos, sendo capaz de dotalos dunha aparencia terreal, chea de sangue e forza vital.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Nenez e aprendizaxe
[editar | editar a fonte]Giotto naceu, segundo as fontes máis críbeis, en Colle de Vespignano, nas proximidades de Vicchio del Mugello, un pobo próximo a Florencia. Segundo o seu principal biógrafo, Giorgio Vasari, era fillo dun campesiño chamado Bondone, e pasou a súa infancia como pastor nos campos. Se ben a maioría dos autores cre que se chamaba en realidade Giotto dei Bondone, outros opinan que o seu verdadeiro nome de pía era Ambrogio ou Angelo, e que o nome polo que é coñecido, Giotto, non sería máis que un diminutivo, derivado de Ambrogiotto ou Angelotto.
Existen controversias acerca do seu ano de nacemento, inda que o máis probábel é que nacese en 1266 ou 1267. Estas datas dedúcense da afirmación do cronista florentino Antonio Pucci, que di que Giotto morreu aos setenta anos de idade en 1337 (ano do calendario florentino, que se iniciaba o 25 de marzo). O día exacto descoñécese.
Segundo os seus biógrafos, foi discípulo do pintor florentino Cimabue, o artista máis coñecido da súa época. Vasari relata o modo en que o pequeno de once anos demostrou por primeira vez o seu talento artístico: conta que, estando o neno ao coidado dunhas ovellas, mataba o tempo debuxando unha delas sobre unha pedra plana cun xiz. Acertou a pasar por alí Cimabue, quen, impresionado polo talento natural de Giotto -que debuxara unha ovella tridimensional, tan natural e perfecta que parecía viva-, acompañouno até a súa cabana e conseguiu convencer o pai de que o deixase facer do rapaz o seu aprendiz.[2]
Outra versión da biografía de Giotto[3] manifesta que o seu pai o mandou a Florencia para que traballase como aprendiz cun mercador de las. O mozo, moi interesado na arte, tomou o costume de visitar o estudio de Cimabue para ver os artistas traballar. Ansioso de incorporarse ao taller, insistiu tanto ao seu pai que á fin se lle permitiu aprender co gran mestre.
Vasari refire que Giotto era un aprendiz divertido e bromista, a tal punto que nunha ocasión pintou unha mosca no nariz dun retrato. A súa técnica era tal que Cimabue intentou espantala coa man antes de decatarse de que estaba pintada. Esta anécdota de mocidade presaxia xa a técnica característica de Giotto, que o capacitaba para pintar figuras case reais.
Primeiras obras coñecidas
[editar | editar a fonte]Cando Giotto alcanzaba a trintena, a súa fama transcendera as fronteiras de Florencia e estendíase xa por toda Italia, a tal punto que o papa Bonifacio VIII lle enviou un mensaxeiro para pedirlle algunhas mostras da súa arte, coa intención de ver por si mesmo se o renomeado pintor era digno de recibir propostas para traballar en Roma. Segundo Vasari, Giotto tomou un lenzo branco en presenza do recadeiro, afundiu o seu pincel en pintura vermella e, cun só trazo continuo, debuxou a man alzada un círculo xeometricamente perfecto, dicindo ao home: «A valía deste traballo será recoñecida». Escribe Vasari: «O papa viu o lenzo, percibiu instantaneamente que Giotto era superior a todos os demais pintores do seu tempo».
Provisto do seu talento natural e das ensinanzas de Cimabue, Giotto comezou pronto a ocuparse de encargos de terceiros, principalmente traballos relixiosos. Así, atribúenselle como primeiras obras dúas series de frescos na basílica de San Francisco de Asís. Un primeiro ciclo, na parte alta das paredes do templo, realizado posibelmente na primeira metade da última década do século XIII, e de atribución bastante dubidosa, desenvolve temas bíblicos. Máis adiante, entre 1297 e 1299, unha nova serie de frescos foi moi probabelmente executada por Giotto na parte inferior dos muros da igrexa, acerca da vida de Francisco de Asís. Vistos os excelentes resultados, solicitóuselle que pintase -entre 1305 e 1306- os extraordinarios frescos da Capela da Area en Padua.
Viaxes por Italia e encargos públicos
[editar | editar a fonte]Giotto viaxou por case toda Italia, executando ducias de retratos de príncipes, nobres e dignitarios eclesiásticos na súa cidade natal, Nápoles e Roma. As capelas Peruzzi e Bardi da Igrexa da Santa Cruz amosan os seus frescos.
No ano 1334, a cidade de Florencia decidiu honrar ao gran pintor. Outorgóuselle o título de magister et gubernator ('mestre e gobernador') da Obra de Santa Reparata, que se encargaba das obras da catedral, así como arquitecto en xefe da cidade e superintendente de obras públicas. Nesta última etapa da súa vida, Giotto deseñou o famoso campanile ('campanario') da catedral de Florencia, cuxa construción se iniciou nese mesmo ano de 1334, pero que non puido ver concluído. Segundo Ghiberti, os baixorrelevos do corpo inferior do campanario foron tamén obra súa. Curiosamente, inda que finalmente o campanile non se construíu de acordo cos seus proxectos, é universalmente coñecido como «campanile di Giotto».
Morte
[editar | editar a fonte]Finou o 8 de xaneiro de 1337, antes de poder ver rematadas as obras do campanile. Foi enterrado en Santa Reparata, con grandes honras por parte do comune (concello) da cidade, o cal era moi pouco frecuente na época. Trátase dun caso practicamente único entre os pintores do seu tempo. O recoñecemento de que gozaba era tan grande que foi enterrado con honras de nobre e dignitario político, algo impensábel para un artista, aos que naquel tempo se consideraba meros artesáns.
Carácter e costumes
[editar | editar a fonte]Giotto era un home aberto e de vida caseira, gran conversador e de ánimo bromista. Casado, deixou seis fillos que o sobreviviron. Foi pouco amigo de dispendios e gastos inútiles. Este costume, xunto cos bos prezos que obtivo polas súas obras, permitiulle aforrar o seu diñeiro -ao revés que a maior parte dos seus colegas- e morrer como home rico.
Relacionábase con soltura tanto cos ricos e nobres coma cos homes do pobo. Sábese que tivo moita confianza co papa Bonifacio, e o rei Roberto I de Nápoles escribiu del que era o seu «grande amigo». Existe unha tradición segundo a cal Dante Alighieri foi tamén o seu amigo, e teríao visitado durante a realización dos frescos da capela dos Scrovegni, pero non puido ser confirmada por fontes fiábeis. En todo caso, na Divina Comedia, Dante afirma que Giotto foi superior ao seu mestre Cimabue. Boccaccio retrátao no Decamerón[4] e no ano 1400 Cennino Cennini escribiu que «Giotto traduciu a arte da pintura do grego ao latín».
A súa pintura
[editar | editar a fonte]A arte de Giotto foi extremadamente innovadora e é considerado precursor da evolución que pouco despois levou ao Renacemento. As súas obras foron o punto de inflexión entre a arte bizantina da Baixa Idade Media e o moito máis realista e humanista que floreceu no Renacemento.
As figuras planas e simbólicas do Bizantino deron lugar ás modeladas e individuais en perspectiva. Giotto adoptou a linguaxe visual da escultura ao darlles volume e peso. A comparación entre a Madonna de Giotto e a do seu mestre Cimabue mostra por que os seus contemporáneos consideraban as súas pinturas como «milagres do naturalismo».
Ao igual que os demais artistas do seu tempo, Giotto carecía dos coñecementos técnicos de anatomía e teoría da perspectiva que os pintores posteriores se acostumaron a aprender. Independentemente diso, os que si posuía eran infinitamente superiores aos dos que o precederon e imitaron.
Coas súas composicións de profunda emotividade, Giotto é o grande iniciador do espazo tridimensional na pintura europea, tratando cun novo espírito os temas relixiosos que dominaron a arte medieval. O seu estilo caracterízase por unha frescura e unha vida inesperadas, polo que os críticos falan da emoción humana e unha carga de todo o que é importante para o ser humano como as máis claras peculiaridades dos seus traballos.
Ao concentrarse nestes conceptos esenciais, Giotto foi capaz de crear impresionantes imaxes de xente baixo presión, persoas en crise e homes nos que se percibe claramente que están a tomar graves decisións espirituais. Os pintores modernos, que a miúdo utilizaron as obras do florentino como fonte de inspiración, din ter atopado nel unha forma de aproximación directa á máis íntima e intricada experiencia do espírito humano. Esta característica é intemporal e seguiu sendo válida para todas as épocas posteriores á súa.
Obras
[editar | editar a fonte]A despeito da súa fama e a incríbel demanda que os seus servizos como pintor, arquitecto, decorador e escultor tiveron en vida de Giotto, ningunha das súas obras superviventes pode ser documentada como súa máis alá de toda dúbida razoábel. En efecto, trátase dun dos pintores que presentan maiores problemas de atribución.
A Capela dos Scrovegni
[editar | editar a fonte]Non obstante, hai unanimidade en atribuír a Giotto o notábel ciclo de frescos da Capela dos Scrovegni,[5] en Padua, xa que existen varios testemuños do mesmo século XIV que así o confirman. Os frescos desta capela son considerados polos críticos o momento culminante da madureza artística de Giotto.
O edificio, tamén coñecido polo nome de Capela da Area, por estar construído sobre as ruínas dunha "area" ou anfiteatro, foi construído por Enrico Scrovegni como penitencia para expiar os pecados do seu pai, un coñecido usureiro -que tamén foi retratado por Dante na Comedia en termos non moi prometedores-. A construción da capela comezou en 1303. A opinión máis estendida é que Giotto empezou a pintar os frescos dous anos máis tarde e os concluíu en 1306. Os frescos cobren por enteiro a única nave da capela: a parede occidental, aos pés do templo, está cuberta cun "Xuízo Final", o arco da cancela mostra unha "Anunciación" e as áreas principais das paredes teñen tres filas de pinturas que representan escenas da vida da Virxe e os seus pais -Santa Ana e San Xoaquín- e escenas da vida de Cristo. Baixo estas escenas poden verse alegorías, é dicir, figuras humanas que personifican as Virtudes e os Vicios, pintadas en monocromía, simulando ser esculturas.
As figuras da secuencia narrativa principal están feitas a media escala, pero o concepto de Giotto é tan grandioso e potente que, na reprodución dun libro, por exemplo, parecen de tamaño natural. Presentan un sentido tridimensional e unha presenza física completamente descoñecidas na época en que foron realizadas, evidenciando a capacidade do artista para retratar un sentimento de "peso moral" máis que o esplendor relixioso ou divino.
É moi posíbel que Giotto basease o seu traballo en experiencias persoais, e ningún outro artista conseguiu mostrarse tan convincente na tarefa de dirixirse directamente ao núcleo da historia que relata e expresala con xestos e expresións tan perfectamente claras e recoñecíbeis. A Capela dos Scrovegni posúe unha réplica oficial que foi exposta en moitos países; e, por exemplo, chegou ao Perú, no 2004, e expúxose no Museo de Arte Italiana.
A vida de San Francisco
[editar | editar a fonte]O segundo ciclo de frescos de importancia asociado ou atribuído a Giotto é a "Vida de San Francisco" na igrexa superior de San Francisco de Asís. Se o autor foi en verdade Giotto non é soamente un dos maiores problemas que enfrontan os expertos, senón tamén unha das maiores controversias da historia da arte. Os frescos de San Francisco son, evidentemente, obra dun pintor de enorme talento. Os seus retratos íntimos e humanos definiron, en realidade, a imaxe popular que se ten do santo. Pero existen, non obstante, grandes diferenzas técnicas e estilísticas entre estas obras e as da Capela dos Scrovegni. Elas fixeron que moitos críticos se neguen, aínda hoxe en día, a aceptalas como obras do mesmo artista. Os intentos de atribuír a Giotto outros frescos da cidade de Asís produciron disputas similares entre os estudosos da súa obra.
Na actualidade, non obstante, son maioría os estudosos que consideran segura a autoría de Giotto, se ben admiten que tería contado con ampla colaboración dos membros do seu taller. Non hai acordo en canto á cronoloxía da obra, pois, aínda que é maioritaria a datación nos primeiros anos do século XIV, hai autores que retrotraen a data até 1291-1292. Hai acordo en canto a que se trata dunha obra anterior á da Capela dos Scrovegni.
Os frescos cobren a parte inferior de tres das paredes do templo, os dous laterais e a interior da fachada, a ambos os dous lados da porta. Trátase de 28 episodios da vida do recentemente canonizado Francisco de Asís, seguindo o relato da Legenda maior de San Boaventura.
A Santa Croce de Florencia
[editar | editar a fonte]As pinturas da basílica da Santa Croce (Santa Cruz) de Florencia, pola contra, gozan de maior consenso entre os expertos, que coinciden en xeral en atribuílas ao pincel de Giotto. Posibelmente as catro capelas sexan súas, e os frescos das capelas Peruzzi e Bardi foron datadas en ou ao redor de 1320, cando o pintor estaba na cidade. Algúns dos frescos non se encontran ben conservados, xa que se intentou lavalos no século XVIII, pero algúns da capela dos Bardi seguen sendo tan impresionantes como na data en que se fixeron.
Na capela Peruzzi están representadas escenas da vida de San Xoán o Bautista e de San Xoán Evanxelista. Na capela Bardi, en cambio, os frescos representan escenas da vida de San Francisco de Asís.
Outras pezas
[editar | editar a fonte]Lamentabelmente, as pinturas que Giotto realizou para Roberto de Anjou en Nápoles non conservan ren do traballo do artista. O mesmo sucede co xigantesco mosaico que deseñou para a Navicella (a nave da Antiga Basílica de San Pedro, en Roma), que foi tan alterado, é reformado e é cambiado que non pode dicirnos absolutamente nada acerca do seu estilo.
Certas obras levan a firma de Giotto: tal é o caso do políptico Stefaneschi, actualmente na Pinacoteca Vaticana, feito por encarga do cardeal dese nome, que tamén encargara as pinturas da Navicella, para o altar maior da antiga basílica de San Pedro. Algúns expertos afirman, empero, que a firma non é proba da man do autor, senón máis ben unha "marca rexistrada" que só indicaba que a obra fora realizada polo taller de Giotto. Por outro lado, La madona de Ognissanti (tamén chamada «Virxe entronizada»), que actualmente se custodia na Galleria degli Uffizi de Florencia, inda que non está asinada nin pode documentarse a súa autoría, é un traballo de grandeza e humanidade tan patentes que lla acepta universalmente como proveniente do pincel do gran mestre.
Unha das pezas máis soberbias atribuídas a Giotto é o crucifixo de Santa Maria Novella en Florencia, que pintou ao redor de 1290, sendo arquitecto maior da cidade. Na Igrexa de San Francisco de Rimini, encóntrase outro crucifixo que foi pintado antes de 1309. En outubro de 2010 confirmouse a atribución a Giotto do crucifixo, de 5 m de lonxitude, existente na Igrexa de Todos os Santos de Florencia, realizado entre 1310-20.[6]
Atribúeselle, amais, o fresco de Bonifacio VIII bendicindo durante o Xubileu de 1300, que se conserva actualmente na Basílica de San Xoán de Letrán. Debido á súa deterioración, non se confirmou se pertence efectivamente ao pintor ou a algún axudante deste.
Influencia
[editar | editar a fonte]A obra de Giotto transcendeu no tempo e na xeración posterior á súa morte estendeuse a influencia do seu estilo, cristalizando nas obras de todos os pintores que o seguiron. A estrela do florentino non declinou senón até o grande auxe do gótico, pero, aínda pasado este, seguiu influíndo e inspirando a obra doutros formidábeis artistas como Masaccio e Michelangelo. Foi citado como exemplo de excelencia pictórica polo Marqués de Santillana nunha Canción dedicada á raíña Sabela de Portugal, esposa de Xoán II de Castela ("qual Ioto (sic) non vos pintase").
Giotto e o cometa Halley
[editar | editar a fonte]Un dos frescos da Capela da Area é a "Adoración dos Reis Magos", que se encontra entre os máis reputados e admirados da serie. No ceo, enriba do teito do presebe, pode observarse a Estrela de Belén, a que, na iconografía católica, representa a guía divina que conduciu aos Reis Magos até Belén. A imaxe representada por Giotto ten forma de cometa (coa súa cabeza e cola), e dominou a idea colectiva que todos temos acerca deste episodio bíblico.
Giotto viu o cometa Halley na súa aparición de 1301 no ceo italiano, e é moi probábel que este obxecto astronómico fose o modelo para a sobrenatural estrela da súa "Adoración". O que Giotto non tiña forma de saber é que o cometa Halley, co seu período de entre 76,5 e 79,3 anos, apareceu en 11 ou 10 a. C., é dicir, entre 4 e 7 anos antes do nacemento de Cristo. Non pode asegurarse que o Halley inspirase o episodio da Estrela de Belén, pero si resulta interesante que case con certeza, tanto a estrela do relato bíblico coma a pintada polo mestre florentino sexan o mesmo cometa en dúas aparicións separadas por trece séculos.
Por esta circunstancia, a Axencia Espacial Europea bautizou como "Misión Giotto" á sonda que en 1986 se aproximou ao cometa para estudalo. Non é a única homenaxe que Giotto recibiu das ciencias do espazo: en Mercurio (planeta poboado de accidentes xeográficos con nomes de artistas) atópase un cráter que foi bautizado na súa honra.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ D'Harcourt 2004, p. 58.
- ↑ "Vasari: Vita di Giotto". Arquivado dende o orixinal o 17 de abril de 2008. Consultado o 05 de agosto de 2015.
- ↑ Esta versión procede dun comentarista anónimo da Divina Comedia, que escribiu cara a 1395
- ↑ Giotto é o protagonista dun dos relatos (o quinto, concretamente) narrados na sexta xornada do Decamerón. O xuízo encomiástico que o pintor lle merece a Boccaccio é digno de mención. Segndo el, Giotto "tivo un enxeño tan excelente que nada ofrece a natureza [...] que el co estilo e a pluma ou co pincel non o pintase tan semellante a esta que parecía non xa semellante senón incluso ela mesma" e "deu esplendor a esa arte [a pintura], que durante moitos séculos estivo sepultado baixo os erros dalgúns que pintaron máis para deleitar os ollos dos ignorantes que para compracer ao intelecto dos sabios" (Boccaccio, Decamerón. Traducción de María Hernández Esteban. Cátedra, Madrid, 2005, pp. 709-710).
- ↑ D'Harcourt 2004, p. 62.
- ↑ Redacción (26-10-2010). "Redescubren una obra maestra de Giotto". abc.es (en castelán). Consultado o 21-8-2020.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Giotto di Bondone |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- D'Harcourt, Claire (2004). Mirar con lupa: las grandes obras maestras de la pintura occidental. Barcelona: El Aleph. ISBN 9788476696613.
- Janson, H.W. (1999). Historia General del Arte: Tomo II, La Edad Media. Madrid: Alianza Editorial. ISBN 84-206-7101-0.
- Margariti, Antonio I. (20-07-2007). "Giotto y la rebelión fiscal". elcato.org. Consultado o 13-09-2018.
- Pijoán, José (1979). Summa Artis. Historia general del arte. Arte del período humanístico. Trecento y Cuatrocento XIII (6ª ed.). Madrid: Espasa-Calpe. ISBN 84-239-5213-4.
- Vasari, Giorgio (1996). Lives of the Painters, Sculptors and Architects (en inglés). Londres: Everyman's Library. ISBN 0-679-45101-3.