Saltar ao contido

Golpe de Estado de Kornilov

Este é un artigo de calidade da Galipedia
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Golpe de Estado de Kornilov
Parte de Revolución rusa de 1917

Kornilov e os seus seguidores entre os altos oficiais, no seu arresto tralo golpe de Estado.
Data 9 de setembro de 1917 - 14 de setembro de 1917
Lugar Petrogrado, República de Rusia
Resultado Derrota dos golpistas
Belixerantes
Forzas contrarrevolucionarias, oficias do Estado Maior e unidades do Exército ruso Goberno Provisional Ruso, Soviet de Petrogrado
Líderes
Lavr Kornílov Aleksandr Kerenskii

O golpe de Estado de Kornilov foi un errado intento de golpe de Estado contrarrevolucionario levado a cabo polo comandante en xefe do Exército ruso, o xeneral Lavr Kornilov, en setembro de 1917. O Goberno Provisional Ruso e os soviets recibiron o apoio maioritario da poboación e fixeron que o golpe fracasara aos poucos días do alzamento militar.[1]

Tralo fracaso da Ofensiva de Kerenskii en xullo, o novo primeiro ministro, Aleksandr Kerenskii, nomeou o xeneral Lavr Kornilov novo comandante en xefe do Exército ruso; desde o comezo xurdiron roces entre ambos polos desexos do xeneral de aplicar unha serie de reformas conservadoras e opostas aos consellos, que na súa opinión, debían servir para mellorar a situación militar. Pronto Kornilov converteuse no candidato das dispersas organizacións conservadoras e dos representantes da Entente para encabezar un novo goberno.

A mediados de agosto, Kornilov presentou un plan de reforma que equivalía á implantación dunha ditadura militar e que Kerenskii rexeitou, a pesar do apoio do viceministro de Defensa, o socialrrevolucionario Boris Savinkov. Kornilov prefería aplicar as súas medidas coa colaboración do Goberno, pero preparouse para facelo incluso na súa contra; Kerenskii, pola súa banda, desexaba tratar con el desde unha postura reforzada pola Conferencia Estatal de Moscova, pero fracasou pola crecente polarización política.

A finais de agosto e comezos de setembro parecía que Kerenskii e Kornilov chegarían a un acordo para aplicar as reformas políticas e militares, pero a confusa intervención do antigo procurador de Sínodo Sagrado, Vladimir Lvov, confundiu a ambos: Kornilov creu que Kerenskii aceptara plenamente os seus plans e este que Kornilov presentáballe un ultimato e pretendía apartalo do poder. Forzou entón a rebelión aberta do xeneral ao destituílo e a marcha da capital resultou un fracaso, desbaratada pola resistencia non tanto do impotente goberno coma dos consellos e, especialmente, dos bolxeviques, que se recuperaron politicamente do revés sufrido nas Xornadas de Xullo.

O errado golpe acrecentou o desprestixio e a debilidade de Kerenskii, desacreditou á dereita e acelerou os preparativos bolxeviques para tomar o poder.

Antecedentes

[editar | editar a fonte]

Crise nacional

[editar | editar a fonte]

Rusia encontrábase nunha grave crise, acentuada pola inacción do Goberno: no campo a falta dunha profunda reforma agraria aumentaba o descontento do campesiñado e reducía a produción, nas cidades diminuía tamén a produción industrial, aumentaba o desemprego e crecía a penuria do proletariado, o que radicalizou politicamente este sector.[2] A falta de bens de consumo e principalmente de alimentos levou a certas rexións do país ao bordo da fame; a escaseza fomentou a inflación e o mercado negro.[2] A escaseza afectaba tamén ao Exército, falto de víveres, armamento e vestimenta; esta minaba o espírito de combate das tropas e a súa confianza nas autoridades civís e militares, facéndoas cada vez máis receptivas á propaganda da extrema esquerda derrotista.[2] A orde número 1 democratizou o Exército pero destruíu a antiga disciplina e o control gobernamental das unidades; a situación militar era polo tanto moi grave.[2]

Kerenskii foi incapaz de chegar a consenso cos ministros do seu gabinete un programa de reformas e, temeroso da reacción popular a medidas represivas para restaurar a orde sen contar con estas reformas como contrapeso, encontrouse paralizado.[3] Esta parálise decepcionou os conservadores, parte dos liberais e os Aliados. Para estes grupos, a opción de implantar unha ditadura[4] apoiada por liberais e conservadores parecía a única opción para eliminar a dualidade de poder político mediante a supresión do soviet e conducir a poboación á defensa do país.[3][5] A exixencia de reformas considerábase irresponsable e causa do caos no país.[5] Para estes grupos, era necesaria a eliminación da dualidade do poder, o reforzamento do Goberno e a supresión dos consellos e do detestado partido bolxevique.[4] Esta postura era maioritaria entre os kadetes e algunhas destacadas organizacións como a Unión de Terratenentes ou a Unión Nacional de Comercio e Industria a finais do verán de 1917.[3] Contrarios a participaren directamente na preparación dun golpe de estado, estes grupos trataron primeiro de exercer presión sobre o Goberno para que adoptase as medidas que desexaban para restaurar a orde e a capacidade de combate do Exército.[3] Temerosos da reacción popular a posibles medidas autoritarias, trataban de utilizar o Goberno e os socialistas moderados como intermediarios que xustificasen estas accións ante a poboación.[6] Porén, outro grupo máis radical, e formado principalmente por militares, mostrouse disposto xa desde a primavera a colaborar en tal empresa. As principais organizacións eran a Unión de Oficiais do Exército e a Armada, a Liga Militar e a Unión de Cabaleiros de San Xurxo.[3] Entre as organizacións civís de orientación similar contábanse a Sociedade para a Rehabilitación Económica de Rusia, presidida por Aleksandr Guchkov e Alexei Putilov e o Centro Republicano.[7]

Fracaso da ofensiva de xullo

[editar | editar a fonte]
Aleksandr Kerenskii, ministro de Defensa do Goberno Provisional Ruso, arengando as tropas no verán de 1917. O fracaso da ofensiva de xullo precipitou o nomeamento de Kornilov como comandante en xefe do Exército, a pesar das dúbidas de Kerenskii.

O Goberno Provisional estaba cada vez máis acosado polas exixencias do Soviet de Petrogrado[8] Trala derrota da Ofensiva de Kerenskii en xullo de 1917, este, acabado de nomear Primeiro Ministro do Goberno provisional, atribuíu ás proclamas do Soviet a desmoralización que levara á derrota.[9] Kornílov, que non puido acudir o 16 de xulloxul./ 29 de xullo de 1917greg. á reunión do Primeiro Ministro cos mandos militares pola delicada situación na fronte suroeste,[10] solicitou a restrición dos poderes dos consellos de soldados, a restauración da pena de morte e dos tribunais militares na zona da fronte e a prohibición das reunións políticas e da propaganda antipatriota entre as tropas.[9] Pediu, porén, o reforzamento dos comisarios políticos e a reorganización do Alto Mando,[11] insinuando que a razón da derrota non se encontraba unicamente nas tropas, senón tamén na dirección das operacións.[9] Durante a ofensiva, arredor de dous centenares de desertores foron aforcados tras restaurar Kornilov unilateralmente a pena de morte no seu sector da fronte.[12]

A pesar da protesta do comandante en xefe do Exército, inmediatamente despois da fracasada ofensiva, Kornilov foi nomeado comandante da fronte suroeste.[12] Exixiu poder disparar contra os desertores.[10] O seu telegrama ao Primeiro Ministro, redactado polo seu asesor Zavoiko, era tan ameazador que Savinkov tivo que solicitar que fose emendado.[10] Kornilov ordenou o uso das metralladoras e da artillaría contra as unidades que se retirasen sen recibir ordes para facelo incluso antes de recibir o beneplácito gobernamental á medida;[12] Kerenskii, pola súa banda, enviara unha orde similar o 9 de xulloxul./ 22 de xullo de 1917greg., antes de recibir a exixencia de Kornilov.[10][13] Tres días máis tarde e por recomendación do Primeiro Ministro, o Goberno aprobou a restauración da pena de morte na fronte co obxectivo de manter a disciplina militar.[10][12] Na prensa, porén, deuse a impresión de que Kerenskii actuaba premido por Kornilov o que levou a un aumento do prestixio deste a costa do do Goberno nos círculos conservadores.[10]

Parecendo, porén, o home adecuado para realizar as reformas militares consideradas necesarias e máis moderado[11][14] que os seus colegas, favorable á implantación de medidas draconianas pero con inclinacións demócratas e co favor de Boris Savinkov[11] —comisario da fronte suroeste onde servía Kornilov, próximo a Kerenskii e a punto de asumir o cargo de viceministro de Defensa[14][15][16]—, tomou posesión como comandante en xefe o 19 de xulloxul./ 1 de agosto de 1917greg.,[15][17][18] relevando a Brusilov,[19][20] aínda que Kerenskii pronto planificou destituílo[20] ao exixir o xeneral unhas condicións para aceptar o nomeamento que podían levar a súa independencia do Goberno.[9][14][16] O gabinete, porén, decidiu amparar a Kornilov a pesar das dúbidas de Kerenskii.[9][15][16] Para entón era plenamente coñecida a súa escasa simpatía pola revolución e os seus tratos con elementos conservadores.[21] Estes consideraron o nomeamento de Kornilov como un paso político cara á implantación dun futuro Goberno autoritario e mostraron a súa satisfacción.[13] Ao ser nomeado para o posto, Kornilov declarou que só respondería ante a súa conciencia e ante «o pobo»[14][20] e que non permitiría a inxerencia nas operacións militares do Goberno ou dos consellos; as súas relacións co gabinete, especialmente cos ministros socialistas, foi tensa desde o comezo.[15] Savinkov e Filonenko, porén, lograron convencer[11] ao Primeiro Ministro e ao novo comandante en xefe de que a súa cooperación era necesaria para restaurar a disciplina militar e a autoridade gobernamental.[14] Para Kerenskii, Kornilov parecía un home decidido, era moi popular entre a dereita política cuxo apoio necesitaba para apuntalar su posición e era unha das escasas opcións entre os mandos veteranos do Exército, na súa maioría reaccionarios e hostís ao Primeiro Ministro.[20] Savinkov e Filonenko —nomeados comisarios gobernamentais ante o Alto Mando— debían moderar a Kornilov como xa lograran no primeiro enfrontamento a propósito do seu nomeamento e permitir ao Primeiro Ministro controlar ao xeneral.[20]

Os apoios de Kornilov

[editar | editar a fonte]

Xa en abril algúns conservadores reuníranse con oficiais do Estado Maior para sopesar a posibilidade de formar un novo Goberno militar. Os presentes optaron por Kornilov como Xefe desde futuro Goberno,[22] despois de sopesar a outras figuras como o xeneral Mikhail Alexeiev, o comandante en xefe Alexei Brusilov ou o vicealmirante Aleksandr Kolchak.[4][7] Pouco despois Kornilov comunicou a estes grupos conservadores a súa disposición a cooperar con eles.[23] Vasili Zavoiko, membro dun dos grupos dereitistas favorables á implantación dun Goberno autoritario, enrolouse no Exército para acompañar como ordenanza a Kornilov á fronte trala súa renuncia ao mando militar na capital trala crise de abril.[24] Conspirador e intrigante, Zavoiko converteuse no asesor do xeneral, con grande influencia nel.[24] As sospeitas e rivalidades mutuas fixeron, porén, que non xurdise unha coordinación completa entre as diversas organizacións da dereita, a pesar do apoio de todas a Kornilov.[25] Xunto ás organizacións de industriais, banqueiros e militares conservadores, os terratenentes tamén apoiaban a candidatura de Kornilov ao Goberno.[25][26] O xeneral converteuse na aposta de todos aqueles grupos que se opoñían cada vez máis aos cambios que se produciron trala revolución:[27] a influencia dos consellos, a existencia de consellos de soldados no Exército, a política agraria do socialrevolucionario Víctor Chernov ou a política laboral do menxevique Mikhail Skobelev. Kornilov contou tamén coas simpatías dos representantes da Entente, que lle consideraban o único home capaz de devolver a orde ao país e devolvelo á loita contra os Imperios Centrais, o seu principal obxectivo en Rusia.[28] A prensa conservadora desatou unha campaña de enxalzamento do xeneral como o home providencial que debía salvar a Rusia; para a esquerda rusa, converteuse no símbolo da contrarrevolución.[24][27] No Exército, o xeneral contaba co apoio da Unión de Oficiais, unha das numerosas asociacións xurdidas trala caída da monarquía, que serviu de enlace entre Kornilov e outras asociacións militares patrióticas de oficiais da retagarda,[29] financiadas xenerosamente polo «Centro Republicano» ou a Liga pola Rexeneración Económica de Rusia de Aleksandr Guchkov.[30] Para os seus partidarios, Kornilov era o salvador destinado a devolver a orde ao país, restaurar a disciplina na fronte e eliminar a influencia política da esquerda radical, especialmente a dos bolxeviques. A súa fama de heroe de guerra, a súa fuga dun campo de prisioneiros austrohúngaro en 1916 e o seu notable desempeño á fronte do 8.º Exército durante a ofensiva de xullo cimentaban o seu prestixio.[14]

Tralas Xornadas de Xullo, Aleksandr Kerenskii tratou de lograr o apoio de industriais e kadetes, que impuxeron a Kornilov como ministro dun futuro Goberno de coalición autoritario.[31] O seu nomeamento como comandante en xefe do Exército debeuse en parte ao desexo do primeiro ministro de gañar o apoio destes sectores.[31]

Plan de reformas de Kornilov

[editar | editar a fonte]
Kornilov e os seus edecanes. Boris Savinkov, viceministro de Defensa, aparece xunto ao xeneral, o primeiro pola esquerda.

A proposta de Savinkov, novo viceministro de Defensa e figura clave no nomeamento de Kornilov como comandante en xefe,[18] este visitou o Primeiro Ministro o 3 de agostoxul./ 16 de agosto de 1917greg. na capital,[14][32] levando un plan[33] para restaurar a disciplina nas forzas armadas —de novo redactado por Zavoiko[33]— que non gustou a Kerenskii.[18][34][35][36] O plan orixinal, practicamente limitado a medidas relativas á fronte, foi pronto ampliado para incluír medidas que, na práctica, supoñían a proclamación dunha ditadura militar.[37] O plan contaba coa simpatía da maioría do xeneralato ruso.[36] O xeneral entrevistouse primeiro con Kerenskii, o ministro de Exteriores Mikhail Tereshchenko e Savinkov, e Kerenskii negouse a presentar o seu plan ante o gabinete ao completo convencido de que afundiría a coalición pola oposición de Víctor Chernov e dos soviets;[32] finalmente o xeneral limitouse a informar ao Consello de Ministros da situación na fronte,[33] sen presentar o seu plan.[38] O comisario Filonenko quedou encargado de realizar unha revisión do borrador[39] para presentalo máis tarde ao Consello de Ministros cunha redacción máis aceptable.[33] Filtrado o plan á prensa, produciu unha gran controversia entre os seus defensores e adversarios.[33] O 6 de agostoxul./ 19 de agosto de 1917greg., Kornilov solicitou o traspaso do mando do distrito militar de Petrogrado, entón dependente do Ministerio de Defensa, xustificándose pola proximidade da capital á fronte e comezou a ordenar o achegamento de certas unidades á capital.[40]

Tralo rápido regreso do xeneral á fronte, comezaron a circular rumores sobre o seu inminente relevo, que organizacións de dereita aproveitaron para pedir que seguise no seu posto.[41] Para entón, Kornilov estaba convencido da necesidade de militarizar as fábricas[14] e os ferrocarrís —puntos que Filonenko incluíu no seu novo borrador do plan de reformas[42]—, a eliminación dos soviets e o esmagamento dos bolxeviques.[32] Desconfiaba ademais de que Kerenskii quixese aceptar estas medidas e, nunha conversación privada cun xeneral británico de enlace no Estado Maior, acusouno de oportunista e pouco fiable.[32]

Kornilov, aclamado polos conservadores a súa chegada a Moscova para a conferencia nacional.

O 8 de agostoxul./ 21 de agosto de 1917greg., Savinkov tratou en van que Kerenskii aprobase certas detencións de extremistas de esquerda e dereita e a restauración da pena de morte na retagarda da fronte.[43] O rexeitamento de Kerenskii impedía que a proposta se debatese no Consello de Ministros, pero Savinkov decidiu logralo facendo que a presentase Kornilov como Xefe do Estado Maior, que,[44] polo seu cargo, podía dirixirse sen problemas ao Goberno.[43] Kerenskii mostrábase partidario das medidas redactadas por Filonenko para tratar de acabar coa crise industrial e do transporte,[42] pero temía a reacción do soviet e dos obreiros e soldados.[44] Ante a posibilidade de que o anuncio das medidas levase a unha ruptura co soviet, un enfrontamento civil e a instauración dun Goberno a mercede dos militares, Kerenskii vacilaba.[44]

Días despois e temendo ser destituído[43] e arrestado, Kornilov negouse a volver a acudir á capital para informar ao Goberno dos seus plans de reforma militar.[41] O 10 de agostoxul./ 23 de agosto de 1917greg., convencido por Savinkov[43] da necesidade de viaxar á capital para lograr a aprobación do seu plan de reformas, Kornilov trasladouse,[14] porén, a Petrogrado rodeado de gardacostas[44] —temía ser asasinado[44] polo Soviet de Petrogrado[43]— e volveu a entrevistarse con Kerenskii,[45][46][47][48] tras aprobar o segundo borrador de Filonenko.[39] Kerenskii, que non permitiu que o xeneral expuxese as súas propostas ante o gabinete en pleno,[49] rexeitounas nunha tensa[14][44] entrevista con Kornilov que acabou a berros.[47][50] Ambos acusáronse de levar ao país ao desastre.[47] O Goberno en pleno seguiu sen coñecer o contido da proposta de Kornilov, que unicamente puido presentala ante Tereshchenko, Nekrasov e o propio Kerenskii.[49][51] Estes mostrábanse dispostos a apoiar ante o resto dos seus colegas as medidas presentadas no primeiro borrador, pero rexeitaron as engadidas ao segundo relativas á industria e o transporte.[49]

Esa mesma noite, Kornilov regresou a Mogilev, informándose de camiño da dimisión de Savinkov,[51] que tratou con esta acción de premer ao Primeiro Ministro para que aceptase as medidas propostas polo xeneral.[52] Ao día seguinte, Kornilov ordenou ao III corpo de cabalería trasladarse a unha posición que lle permitiría marchar facilmente sobre a capital.[47] Porén, confiaba aínda en poder impoñer o seu plan de reformas coa cooperación do Goberno, mostrándose disposto, se fora preciso, a facelo incluso coa oposición do mesmo.[40][47] Dirixíndose ao seu lugartenente o xeneral Lukomski, Kornilov afirmou que o envío de tropas á capital era necesario debido a que «xa era hora de aforcar aos axentes e espías alemáns encabezados por Lenin» e de «dispersar o soviet de traballadores e soldados de xeito que non puidese volver a reunirse en ningunha parte». O nomeamento do ultraconservador Krýmov para dirixilas debíase a que non dubidaría en caso necesario en «colgar a todos os membros do soviet».[40]

Kerenskii abandonando o teatro Bolshói de Moscova, sede da conferencia estatal. O intento de reforzar a súa su posición mediante a reunión de diversos sectores da sociedade rusa resultou un fracaso que mostrou claramente a polarización crecente entre esquerda e dereita.

Consciente de que a aplicación das medidas propostas por Kornilov levaríano a un enfrontamento co soviet,[53][54][55] Kerenskii pretendía reforzar a súa posición na Conferencia Estatal de Moscova[27][54] (12 de agostoxul./ 25 de agosto de 1917greg. - 14 de agostoxul./ 27 de agosto de 1917greg.[14]) antes de ter que discutir co xeneral mentres que este comezou a tratar de reunir apoios que lle permitisen poñer en marcha os seus plans incluso ante a oposición do Goberno.[45] Kerenskii desexaba obter un mandato da nación para revitalizar a guerra ata lograr a vitoria militar pero sen sacrificar o que consideraba logros da revolución.[55] A finais de agosto, pouco antes da conferencia estatal, outra conferencia privada de destacadas figuras da dereita, principalmente kadetes e empresarios, animou a Kornilov a dar un golpe de estado e acabar co Goberno Provisional Ruso.[37][56]

Na conferencia, Kornilov foi aclamado polos representantes da dereita.[27][45][57] A reunión, en vez de converterse na ocasión para reforzar o poder gobernamental, simplemente mostrou a ruptura irreconciliable entre dereita e esquerda no país.[27][54][58][59] Os bolxeviques opuxéronse á conferencia, non acudiron e convocaron unha folga na cidade,[55][57] que se encontrou medio paralizada durante a conferencia.[60] Para o Primeiro Ministro foi unha derrota[14] política e a súa posición quedou moi debilitada,[57] como recoñeceu ao propio Savinkov, que recuperou o seu posto de viceministro por insistencia dos asesores militares do Primeiro Ministro.[61] O xeneral quedou elevado, polo contrario, como o campión da dereita rusa.[60] Kornilov regresou ao cuartel xeral convencido da imposibilidade de lograr a cooperación de Kerenskii no seu plan de reformas defendidas polas forzas da dereita.[62]

O 17 de agostoxul./ 30 de agosto de 1917greg., Kerenskii, cada vez baixo maior presión,[63] indicou a Savinkov[52] a súa disposición a aceptar en principio os plans de reforma do xeneral,[52][64] incluíndo a restauración da pena de morte na retagarda;[50][65] este entendeu que as súas propostas recibían así o beneplácito do Goberno.[47][58][59] Porén, descoñecía a acción do Primeiro Ministro.[58] Kerenskii aceptara ante Savinkov o control da capital por Kornilov ante a crecente proximidade da fronte tralo comezo da ofensiva alemá contra Riga, pero só tralo traslado da capital a Moscova; isto debía servir para esmagar militarmente aos bolxeviques sen deixar á vez ao Goberno a mercede do alto mando.[66] O 20 de agostoxul./ 2 de setembro de 1917greg., Savinkov partía de novo cara á sede do Estado Maior para tratar con Kornilov por encargo do Primeiro Ministro.[52][65]

Mentres, o comandante en xefe continuou os seus preparativos militares para concentrar un gran número de tropas cerca da capital, as unidades principais eran a 1.ª División Cosaca e a División Montada Usuriski, parte do III Corpo de Cabalería ao mando de Krýmov.[64] Consideradas entre as máis disciplinadas e fiables politicamente polos mandos, estas unidades foran trasladadas a mediados de agosto desde as súas posicións na reserva da fronte romanesa cara ás proximidades de Velíkiye Luki, a uns 450 km da capital por ferrocarril.[64] O 21 de agostoxul./ 3 de setembro de 1917greg., a 1.ª División marchou cara a Pskov, a metade de camiño da capital.[64] Ao mesmo tempo, asignouse ao III corpo división salvaxe, formada por montañeses do Cáucaso famosos pola súa ferocidade e crueldade no combate, que marchou cara ao norte desde a fronte suroeste.[67] Unidades cosacas e de choque do Báltico preparáronse tamén para actuar en Petrogrado. Convocouse ao comandante do I corpo de cabalería á sede do Estado Maior para tratar a marcha da 5.ª División Cosaca sobre a capital desde o norte.[67]

Acordo Kornilov-Kerenskii

[editar | editar a fonte]
Kornilov e Savinkov. As conversacións entre ambos levaron a un acordo que posteriormente Kerenskii rexeitou, desencadeando o enfrontamento entre el e o xeneral.

Tras intensas negociacións[68] entre Savinkov e Kornilov a tarde do 23 de agostoxul./ 5 de setembro de 1917greg. e a mañá do 24 de agostoxul./ 6 de setembro de 1917greg.,[14][69] chegouse a un acordo sobre as medidas a adoptar.[58][70] Unha delas estipulaba que a capital quedaría fóra da xurisdición militar do comandante —a pesar das reiteradas peticións de Kornilov para controlar as unidades acuarteladas na cidade[71]—,[71][72] mentres que outra indicaba o desexo do Primeiro ministro de recibir as tropas do III Corpo de Exército[14][69][72][73] na capital.[58][70][74] Kornilov interpretou esta solicitude como a intención de Kerenskii de utilizalas contra os bolxeviques e demais organizacións radicais,[14][47][58][68] que previsiblemente se oporían á próxima extensión da pena de morte á retagarda, medida que Savinkov indicou Kerenskii estaba a punto de aprobar.[72] O Primeiro Ministro debía ter esa intención, xa que as tropas non podían utilizarse para esmagar un posible golpe de estado da dereita.[75] Kerenskii temía que a publicación da aprobación dos plans militares de Kornilov poderían levar a un alzamento dos bolxeviques, para o que podería necesitar as tropas da fronte.[54][75]

En realidade, as tropas que debían enviarse á capital comezaran a reunirse xa antes[69] da Conferencia de Moscova;[76] con 15 000 veteranos da fronte, o «Exército especial de Petrogrado» debía servir para acabar cos bolxeviques.[73] A división de carros blindados británica foi retirada da fronte suroeste para apoiar a estas tropas.[73] Para xustificar a marcha destas tropas sobre a capital, Kornilov preparaba un falso levantamento de oficiais que, facéndose pasar por bolxeviques rebeldes en Petrogrado, lle permitise presentarse como salvador do Goberno ante unha confabulación alemá.[77] Tres de cada división foron enviados polo alto mando[39] á capital días antes do sinalado para a acción.[67] A prensa favorable a Kornilov animaría a tensión na cidade e os conspiradores tratarían de chamar aos obreiros a un levantamento que fose esmagado polas tropas que marcharían sobre a capital.[67] Ademais, o xeneral incluíra entre as forzas enviadas ás proximidades da capital a chamada «división salvaxe», formada por montañeses do Cáucaso, a pesar da petición[69] expresa de que esta unidade fose excluída das unidades enviadas.[78] Savinkov pactou tamén que non fose o reaccionario xeneral Krýmov quen mandase o III Corpo na súa marcha cara á capital, condición de Kornilov aceptou en principio pero incumpriu máis tarde.[69] porén, tralas súas conversacións con Savinkov, Kornilov convenceuse[71] de que non faría falta actuar ilegalmente para acabar co radicalismo de esquerda na capital ao contar co apoio[69] de Kerenskii.[76]

Kerenskii, pola súa banda, aceptara a supresión da gornición da base naval de Kronstadt,[39] o bloqueo dos buques controlados polos mariñeiros bolxeviques mediante o afundimento de certas barcazas por parte de oficiais, o intento de suborno de certas unidades de letóns e o uso de unidades polacas e checas para tratar de controlar certos puntos estratéxicos.[77]

Ao seu regreso á capital, Savinkov urxiu en varias ocasións a Kerenskii a firmar os borradores das leis pactadas con Kornilov e presentalas ante o gabinete, que o xeneral estaba convencido as aprobaría, quizais coa oposición illada dalgún ministro, do soviet e dos bolxeviques, oposición que estaba disposto a esmagar militarmente.[79] Nunha última audiencia privada con Kerenskii, Savinkov recriminoulle as súas dúbidas e dilación en aprobar as leis e logrou a súa promesa de facelo ese mesmo día 26 de agostoxul./ 8 de setembro de 1917greg..[79]

Actividades de Lvov

[editar | editar a fonte]
Vladimir Lvov, antigo deputado outubrista e procurador do Sínodo Sagrado, levou a cabo negociacións entre Lavr Kornilov e Aleksandr Kerenskii, confundindo a ambos.

Mentres, Vladimir Lvov, antigo procurador do Sínodo Sagrado,[80] levaba a cabo certas reunións co Primeiro Ministro e o Comandante en Xefe coa fin de acercar posturas,[63] pero confundiu en realidade a ambos.[75][78] Tras reunirse cun representante dun dos grupos de dereita que lle informou dos plans do golpe de Kornilov,[77] o 22 de agostoxul./ 4 de setembro de 1917greg. reuniuse con Kerenskii[77][80] e ofreceulle o apoio de forzas de dereita e algúns socialistas para remodelar o Goberno e evitar o uso da forza.[63][74][75][81] Lvov estaba convencido de que tanto Kerenskii coma Kornilov estaban decididos a implantar un novo Goberno autoritario, necesario na súa opinión para restaurar a orde no país.[80] O Primeiro Ministro aceptou seguir coas conversacións para descubrir o que creu unha conspiración da dereita para acabar co Goberno.[75][80][82] Lvov, pola súa banda, cría haber recibido poderes plenipotenciarios do Primeiro Ministro para tratar o cambio de Goberno.[83][84]

Tres días máis tarde, Lvov entrevistábase con Kornilov logo de facelo con representantes da dereita en Moscova,[83][84][85] favorables a un acordo pacífico con Kerenskii que lles evitou o uso da forza,[86] e comunicáballe a disposición de Kerenskii a dimitir[84][87] e traspasar o poder ás súas mans como ditador militar.[82][88] Kornilov, crendo que Lvov en efecto falaba en nome do Primeiro Ministro, mostrouse disposto a aceptar o posto e incluír a Savinkov e ao propio Kerenskii no seu futuro Goberno,[63][83][84] indicando a necesidade de que este último se trasladase ao cuartel xeral do alto mando[83][84][89][90] para evitar ser capturado polos bolxeviques no golpe que supoñía tramaban para a celebración da Revolución de Febreiro o 28 de agostoxul./ 10 de setembrogreg. e que era seguro cando se anunciasen as concesións a Kornilov.[88][91][92]

Porén, de volta na capital, o 26 de agostoxul./ 8 de setembro de 1917greg.[93] Lvov expresou, a Kerenskii a renuncia e a implantación dun Goberno militar e a proclamación da lei marcial.[88][94] Lvov expuxera as propostas de Kornilov como un ultimato.[92][95][96] Kerenskii pediu a Lvov que puxese por escrito as condicións exixidas polo comandante en xefe,[93] que foron as seguintes:[97]

O xeneral Kornilov propón:

1.- Que se proclame a lei marcial en Petrogrado.
2.- Que toda autoridade civil e militar se traspase ao xeneralísimo.

3.- Que todos os ministros, a excepción do presidente do Goberno, dimitan e que o poder executivo temporal se transfira aos viceministros ata a formación dun gabinete polo xeneralísimo.
Lvov (Tradución do orixinal)

Esa tarde, Kerenskii solicitou confirmación da proposta de Kornilov por unha especie de teletipo e convocou a Lvov ao Ministerio de Defensa para poñerse en contacto co xeneral[98] e confirmar as súas condicións, tomando a proposta de Lvov en realidade como un ultimato para acabar co Goberno e desexando confirmar se o comandante en xefe estaba[95] verdadeiramente implicado.[82][88][99]

Ausente Lvov, que chegou tarde á cita das oito da tarde,[79][98] Kerenskii conversou con Kornilov no seu nome, finxindo ser o propio Lvov, de xeito ambiguo; cada un entendeu a conversación de xeito diferente.[92][100] Kerenskii entendeu que Kornilov non desexaba xa axudarlle a esmagar aos radicais de esquerda, senón apartalo do poder.[76][89][101] Decidiu entón utilizar a conversación co xeneral para denuncialo como rebelde.[89][101] Lvov, que chegou pouco logo de acabarse a comunicación con Mogilev, foi inmediatamente arrestado.[102][103] Pola súa banda, Kornilov convenceuse de chegar a un acordo definitivo co primeiro ministro grazas á mediación de Savinkov e Lvov e de que aquel acudiría á sede do Estado Maior para ultimar os detalles do plan.[103]

Preparativos de Kornilov

[editar | editar a fonte]
A «división salvaxe» de Kornilov, unha das unidades que marcharon sobre Petrogrado.

Kornilov pretendía, crendo ter o apoio do Goberno,[8][30][90] eliminar os elementos máis radicais da revolución mediante un golpe militar.[8] O 24 de agostoxul./ 6 de setembro de 1917greg., pouco despois da partida de Savinkov cara á capital,[104] ordenara o traslado aos arredores da capital das tres divisións do III corpo e convocado a dirixentes da dereita (Miliukov, Rodzianko, Maklakov e Tereshchenko[83]) ao cuartel xeral para o día 28 de agostoxul./ 10 de setembro de 1917greg., con intención de incluílos nas conversacións sobre o novo Goberno ditatorial.[83][90][92][105] A noite do 25 de agostoxul./ 7 de setembro de 1917greg., o corpo recibiu novas ordes, entre elas a de marchar cara ao norte á mañá seguinte. O comandante da fronte norte, o xeneral Klembovski, recibiu instrucións de embarcar á división montada Usuriski en trens para enviala á capital pola liña Pskov-Narva-Kranoe Selo.[104] As outras dúas unidades do corpo dirixíanse a Gatchina e Tsarskoe Selo, nos arredores de Petrogrado.[104] A «división salvaxe» estaba entón en Dno e a 1.ª cosaca en Pskov.[104]

O 27 de agostoxul./ 9 de setembro de 1917greg., Kornilov telegrafou a Savinkov como acordara solicitando que se proclamase a lei marcial na capital dous días máis tarde,[103][104] aínda convencido da cooperación do Goberno,[105][106] e informándolle da marcha das tropas cara á capital.[70][90]

Denuncia de Kerenskii

[editar | editar a fonte]

Unha vez que Kerenskii tivo noticia de que se encontraba entre as futuras vítimas do golpe, decidiu relevar ao xeneral[76][107] e, ao negarse este, denuncialo publicamente e solicitar a axuda da poboación contra dos seus plans.[8] Kerenskii comezou por chamar a Nekrasov[108] para presentarlle a declaración de Lvov e a transcrición da conversación con Kornilov, antes de convocar a Savinkov[108] e acusalo de estar involucrado na confabulación.[95] Kerenskii deixou esperando ao gabinete, que desde as dez da noite esperaba ao Primeiro Ministro no salón de malaquita do Palacio de Inverno para tratar as propostas de Kornilov,[108] e chamou a Savinkov, ao que presentou tamén a nota de Lvov e a cinta da súa conversación co comandante en xefe. Savinkov, que descoñecía as xestións de Lvov, mostrouse convencido de que había un malentendido.[109] Pero para entón Kerenskii xa destituíra —nun telegrama formalmente ilegal— a Kornilov, que respondeu negándose a acatalo.[110] Savinkov condenou a acción de Kornilov e recibiu o permiso do Primeiro Ministro para tratar de resolver a situación antes de que se convertese nun enfrontamento público;[95] empregou para iso toda a noite en conversacións[111] co comisario Filonenko e o propio Kornilov.[110]

Mentres, Kerenskii acudiu ao gabinete preto da medianoite para expoñer a súa conversación co comandante en xefe e as esixencias tal como as transmitira Lvov, presentándoas como unha conspiración contrarrevolucionaria.[92][110] Kerenskii, que solicitou poderes ilimitados ao gabinete para enfrontarse ao que consideraba revolta do xeneral, obtivo a dimisión de todo o gabinete e actuou desde entón con poderes ditatoriais.[95][106][111][112] A reunión finalizou entón, ás 5:00 a.m. do día seguinte, coa intención de retomala seis horas máis tarde, cos ministros en funcións.[112]

Kornilov, que non pretendía alzarse contra o Goberno senón acabar cos bolxeviques e os elementos máis extremistas de entre os revolucionarios, reaccionou con sorpresa ante a actitude de Kerenskii,[76][91] e a comunicación da súa destitución por telegrama a mañá do 27 de agostoxul./ 9 de setembrogreg.,[30][76][95] entendendo que a súa acción debíase á presión[113][114] do soviet.[8][115] Kerenskii non se opoñía en realidade ao programa do xeneral, senón a non dirixilo e correr o risco de converterse nunha vítima do mesmo. Ante o telegrama enviado por Kerenskii, Kornilov, sorprendido pola medida e crendo a Kerenskii baixo o control do soviet,[116] negouse a aceptar a súa destitución.[106][113] A súa primeira reacción foi irracional: enfermou gravemente e solicitou aos seus subordinados que o acompañasen no suicidio. Máis tarde, confirmou a orde de avance das tropas sobre a capital coa intención de rescatar ao Goberno dos bolxeviques, en cuxas mans entendía que se atopaba xa. Acusou ao Goberno, con todo, de actuar en connivencia cos alemáns. Pouco despois perdeu contacto co xeneral Krýmov que dirixía as unidades contra a capital.[117]

Ao principio, Kerenskii e Nekrasov estaban decididos a proclamar publicamente a destitución de Kornilov, pero varios ministros e Savinkov lograron que se permitise continuar as negociacións para tratar de chegar a un acordo; Savinkov ordenou a Filonenko regresar á capital e tratou en balde de que Kornilov se sometese de novo ao Goberno.[117] Toda a noite, Kerenskii mostrouse disposto a negociar co xeneral.[118] Os ministros non desexaban acusar publicamente de traizón a Kornilov e algúns ata propuxeron a dimisión conxunta de Kerenskii e do propio Kornilov para resolver a situación e ofreceron ao xeneral Mikhail Alexeiev a presidencia do Goberno.[119] Kerenskii tratou de nomear ao xeneral Lukomski, lugartenente de Kornilov que o substituíu temporalmente trala repentina enfermidade deste, novo comandante en xefe; Lukomski negouse, argumentando que a substitución de Kornilov significaba o rexeitamento gobernamental ás medidas que este defendía.[120] Contou co apoio de catro dos cinco comandantes das distintas frontes, que se opuxeron tamén á destitución de Kornilov. Os mandos trataron entón de cortar as comunicacións do Goberno coas unidades militares para que non se estendese a noticia da substitución de Kornilov, infrutuosamente; os conspiradores non lograron controlar a rede de comunicacións e pronto as unidades foron alertadas da situación. Os comités tomaron as instalacións telegráficas alí onde non o fixeron agrupacións espontáneas de soldados.

A madrugada do 28 de agostoxul./ 10 de setembrogreg., Kerenskii tratou de impedir a publicación da acusación de rebeldía de Kornilov ordenada, sen permiso do primeiro ministro, por Nekrásov. Savinkov decatouse da noticia ao acudir ao palacio esa mañá; Nekrasov comunicoulle o anuncio e a marcha das tropas sobre a capital. Ao fracasar no intento, as negociacións entre as partes cesaron, e esa mañá o país recibiu a noticia de que Kornilov se alzara contra o Goberno e marchaba sobre a capital. As unidades de Kornilov alcanzaran para entón Luga, a 140 km da capital, sen atopar resistencia.[119]

Desenvolvemento

[editar | editar a fonte]
Gardas Vermellos ante o Palacio de Inverno. Estas milicias creceron extraordinariamente durante o golpe de estado, armadas polo propio Goberno para opoñerse ás unidades enviadas por Kornilov contra a capital. Conservaron as súas armas tralo fracaso do golpe e tomaron parte na Revolución de Outubro a favor dos bolxeviques.

O 27 de agostoxul./ 9 de setembro de 1917greg. o presidente do Goberno provisional, Aleksandr Kerenskii, solicitaba o apoio popular contra un suposto golpe de estado do comandante en xefe do Exército ruso, o xeneral Lavr Kornilov.[1] O Goberno declarou estar defendéndose a si mesmo e á revolución da reacción.[1] Kerenskii nomeouse a si mesmo comandante en xefe do Exército co xeneral Alexeiev,[121] que o desprezaba,[122] como xefe do Estado Maior.[115][123] Antes, varios ministros mostráranse favorables a substituír a Kerenskii por Alexeiev ou por un directorio que o incluíse, ao que Kerenskii se opuxera.[124] Porén, debido á insistencia dos ministros, Kerenskii acudira a Alexeiev, non para incluílo como ministro ou entregarlle a presidencia do Goberno, senón para ofrecerlle o mando do Exército.[122] Alexeiev unicamente aceptara o posto de xefe do Estado Maior.[124]

Ese mesmo día, a «división salvaxe» comezara a súa marcha en ferrocarril cara á capital e os trens de vangarda estaban xa preto de Viritsa á mañá seguinte,[125] esa noite, algúns rexementos da división alcanzaron a localidade, a 60 km de Petrogrado.[126] A división Usuriski pasara por Pskov e estaba entre Narva e Iamburg; a 1.ª División Cosaca alcanzara Luga.[125] A situación de Kerenskii parecía entón pouco prometedora.[125] En Viritsa, os ferroviarios bloquearon a vía con vagóns cargados e levantando as vías que levaban á capital. Os soldados non puideron continuar avanzando e quedaron incomunicados.[126] Ignorantes en xeral dos plans de Kornilov, as tropas comezaron a recibir aos enviados do soviet da capital e en ocasións foron rodeados por traballadores e campesiños que os acusaron de traizoaren a revolución.[126]

O anuncio na mañá do 28 de agostoxul./ 10 de setembrogreg. obrigou a Kornilov a declarar abertamente a súa rebeldía contra o Goberno.[115][118][127] Tras crer que contaba co apoio do Consello de Ministros para a toma do poder, simplemente volveu ao seu plan orixinal de facerse con el pola forza, sen a cooperación de Kerenskii.[128] Este nomeou a Savinkov gobernador militar de Petrogrado,[129] logo de que este declarase que fora enganado por Kornilov, que temía o comprometese se era levado a xuízo.[130] Non obstante, nomeamento e as primeiras novas sobre os sucesos, provocaron a hostilidade de Chernov cara ao Primeiro Ministro.[131]

Proclama de Kornilov defendendo as súas accións tralo anuncio público da súa rebeldía por parte do Goberno.

Kerenskii, a pesar das súas primeiras declaracións, viuse impotente para frear por si mesmo a Kornilov.[124][132] O Executivo comezou entón a armar[130] aos traballadores para opoñerse ao avance das tropas de Kornilov,[89] armas que na Revolución de Outubro se usarían contra o propio Goberno.[127] O soviet, tras dubidar no seu apoio ao Primeiro Ministro, decidiuse a apoialo logo de recibir a noticia do avance das tropas cara á capital.[130][133][134] Mentres a gornición comenzaba a desmontar as liñas férreas que as unidades de Kornilov debían usar para marchar sobre a capital, o soviet enviaba axitadores[130] ao III Corpo de Cabalería para tratar de deter o seu avance.[30][89][127] O soviet formou un comité para coordinar a defensa de Petrogrado;[76][127][129][133][135] o 30 de agostoxul./ 12 de setembro de 1917greg. xa existían 240 deles por todo o país,[130] encargados de axitar á poboación contra Kornilov, conseguir armas, coordinar a oposición aos alzados e manter os servizos básicos.[136] Os bolxeviques, relegados tralas Xornadas de Xullo, puideron enviar tres delegados ao comité como o resto dos grandes partidos socialistas;[135] quedaron así rehabilitados politicamente.[133] A forza armada do comité dependía en realidade das formacións controladas polos bolxeviques.[130][133][135] O soviet contaba con máis homes en armas que Savinkov, que foi relevado[121] do seu posto tres días despois do seu nomeamento e entregado á comisión gobernamental para a investigación do golpe.[129] O sindicato de ferrocarrís, mobilizado como moitas outras organizacións a favor da revolución, estorbou[76] o avance das tropas de Kornilov cara a Petrogrado.[89][130][133][137] Nas fábricas, longas colas de voluntarios esperaban para enrolarse como Gardas Vermellos. Tras unha breve instrución, enviáronos a preparar as defensas ao sur da capital.[137]

Os kadetes, os industriais e os oficiais, pola súa banda, abandonaron á súa sorte sorte a Kornilov, que só recibiu o apoio de Miliukov a través dun editorial no seu xornal Rech, que os impresores suprimiron e que lle supuxo o envío á Crimea por orde do comité central do seu partido.[131] Os oficiais que debían finxir o alzamento bolxevique na capital que xustificaría a marcha das unidades militares contra a cidade estiveran durante o golpe gastando os fondos destinados para a tarefa polo industrial Putilov en bebida nun par de locais nocturnos da cidade[30] e esperando noticias da localización de Krýmov e as súas tropas.[138] Cando finalmente recibiron a orde de intervir, o golpe xa fracasara. O xeneral Mikhail Alexeiev ameazou con suicidarse se levaba a cabo a súa insurrección finxida e logrou disuadilos.[138]

As tropas de Kornilov, ao recibiren a noticia de que non se producira ningún alzamento bolxevique na capital, detiveron o seu avance e recibiron aos axitadores enviados polo soviet.[89][123][139][140] Informados de que o alzamento contra o que se supoñía que marchaban non existía,[140] depuxeron as armas.[133] Filonenko, xa de volta na capital, denunciou a Kornilov e avisou ás tropas de que estaban sento utilizadas polos seus oficiais.[140] A «división salvaxe» recibiu a unha delegación do Cáucaso que estaba en Petrogrado e que lles explicou a situación.[30][123][126][141] As tropas de cabalería alzaron bandeiras vermellas, detiveron aos seus comandantes[126] e enviaron uns delegados[126][140] á capital a comunicar a súa lealdade ao Goberno.[133] A división Usuriski encontrouse nunha situación similar á dos montañeses.[126] Algúns traballadores detiveron o seu avance a través de Narva durante sete horas. Unha vez que a vangarda da unidade alcanzou Iamburg a noite do 28 de agostoxul./ 10 de setembro de 1917greg. non puido continuar avanzado ao estar bloqueada e destruída a vía.[126] Asediados pronto por diversas delegacións de obreiros e soldados, non tardaron en desobedecer aos seus oficiais e proclamar a súa lealdade ao Goberno.[126] A 1.ª División Cosaca tamén se pasou ao bando dos enviados do soviet. O comandante do corpo de exército, o xeneral Krýmov, quedou illado no seu tren.[142] Os ferroviarios detiveran o avance da unidade en Luga, onde quedou rodeada pola gornición de 20.000 homes.[143] Habendo recibido a orde de Kornilov de continuar a súa marcha cara á capital a pesar dos obstáculos, Krýmov desistiu unha vez que se asegurou da decisión da gornición de opórselle pola forza e a aversión dos cosacos a enfrontarse a ela.[143] A tarde do 30 de agostoxul./ 12 de setembro de 1917greg.,[143] foi trasladado a Petrogrado para explicar a situación ao Primeiro Ministro cun salvoconduto,[141][143] este rexeitou as súas explicacións.[144] Pouco despois suicidouse.[89][121][141][142][144] O comité executivo da fronte suroeste detivo ao xeneral Anton Denikin[143] e ao seu Estado Maior,[145][146] as tropas fixéronse co control das unidades en Finlandia e en Helsinqui os mariñeiros tomaron o control dos navíos da frota no porto.[123] O xeneral Erdeli, ao mando do «exército especial», na fronte suroeste, foi detido por unidades enviadas polo comité da unidade tras negarse a rescindir as ordes de marchar contra a capital. O mesmo sucedeu no 7º e 11º exércitos.[120] O apoio inicial dos comandantes da fronte occidental e romanés tornouse en apoio ao Goberno tan pronto como Kornilov proclamou abertamente a súa rebeldía.[145] O comandante da fronte norte, a pesar das súas simpatías por Kornílov, pronto apreciou a inutilidade de calquera resistencia e fuxiu disfrazado de soldado.[145] Os intentos dos oficiais do Estado Maior de apoiar a Kornilov foron en balde e a maioría dos oficiais de menor graduación apoiaron a acción das unidades na contra dos alzados.[145] A maior parte dos comandantes dos exércitos apoiaron desde o comezo ao Goberno.[145] Na fronte, os comités e os soldados cooperaron para desbaratar o alzamento nunha impresionante mostra de poder.[147]

Alexeiev non aceptara o posto de xefe do Estado Maior sen condicións e pactou con Kornilov que este continuase á fronte do Exército ata a súa chegada á sede do Estado Maior.[144][148] O 1 de setembroxul./ 14 de setembro de 1917greg., Alexeiev fíxose co control do cuartel xeral do Exército[148] e detívose e internou a Kornilov no mosteiro católico abandonado de Bijov,[149] preto de Maguilov.[142] Os detidos quedaron baixo a custodia da garda persoal de Kornilov e de soldados condecorados coa Orde de San Xurxo.[149] Denikin e os seus seguidores na sede da fronte suroeste foron trasladados ao mosteiro máis tarde desde Berdichev.[150] Kerenskii prometera ademais aplicar as medidas reclamadas orixinalmente por Kornilov[151]

Fin e consecuencias

[editar | editar a fonte]

O 1 de setembroxul./ 14 de setembro de 1917greg., Kornilov rendeuse e poñía fin ao levantamento.[1][76] Internado no mosteiro de Bijov en condicións moi favorables xunto a outros oficiais,[89] o grupo formou o núcleo do futuro Exército de Voluntarios.[142] Ese mesmo día, Kerenskii proclamou a república e a formación dun directorio con el mesmo á cabeza. En realidade, as decisións políticas seguiu tomándoas por si mesmo, aínda que cada vez era máis impotente para aplicalas.[152]

Kerenskii, que tratara de recuperar forza acabando co golpe, quedou completamente debilitado[89][153] e en mans das forzas militares dos bolxeviques.[142] A súa decisión de realizar unha investigación secreta do golpe e a súa negativa a testemuñar na mesma acabaron coa súa reputación de socialista moderado íntegro.[154] Aparentemente ditador, a súa autoridade era nula.[155] A esquerda cría que estivera implicado dalgunha maneira nos plans do xeneral, mentres que a dereita non lle perdoaba que fixera fracasar o pronunciamento.[89][156] Os socialistas moderados, que se opuxeran ao golpe pero anteriormente apoiaran o nomeamento de Kornilov, tamén sufriron un menoscabo no apoio popular.[89] O 31 de agostoxul./ 13 de setembro de 1917greg., os bolxeviques lograban a maioría no soviet de Petrogrado, síntoma da radicalización política na capital.[155][157] Catro días máis tarde, foron liberados Trotski e outros bolxeviques que ían desempeñar importantes papeis na Revolución de Outubro.[129][155]

Pola outra banda, a disciplina no Exército afundiuse tralo golpe.[89][156] Receosos da postura de moitos oficiais, numerosos soldados detiveron os seus mandos, executándoos ou torturándoos en ocasións.[156][158][159] A pesar de que só algúns oficiais apoiaran abertamente a Kornilov, as tropas sospeitaban que moitos outros simpatizaran con el en segredo.[89] As desercións multiplicáronse[160] e moitos soldados, campesiños, marcharon a participar na recollida das colleitas e a atacar as facendas dos terratenentes.[156] Numerosas resolucións da fronte exixiron a aplicación da pena de morte a Kornilov e os seus partidarios, castigo que o propio xeneral lograra restaurar no Exército.[89] A reputación de Kerenskii na fronte afundiuse cando ordenou rescindir as medidas excepcionais que os comités e soldados puxeran en marcha para controlar os centros de mando das unidades e as comunicacións e que eles crían salvaran a revolución.[158]

As principais consecuencias do golpe foron:

  • A perda de confianza das masas na dereita, moi implicada no golpe.[1][161]
  • A debilidade final do Goberno Provisional e de Aleksandr Kerenskii, rexeitados tanto pola esquerda coma pola dereita, o que acelerou a súa caída.[161]
  • A perda de autoridade dos oficiais ante as tropas e o aumento das sospeitas destas de que todos os oficiais eran meros representantes do antigo réxime.[158]
  • O reforzamento[157] dos Gardas Vermellos como principal defensa da revolución, armados ademais polo Goberno.[1] Estas milicias formaron o groso das tropas favorables á toma do poder bolxevique na Revolución de Outubro.[161]
  • O crecemento da esquerda radical, especialmente dos bolxeviques, que auguraran un intento de contrarrevolución e o perigo que Kornilov supoñía.[157] Numerosos soviets, incluído o da capital, elixiron maiorías destas correntes tralo fracaso do golpe.[157][161]
  • O adiantamento dos plans de Lenin para tomar o poder.[1][161]
  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 Asher (1970), p. 286
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Munck (1987), p. 40
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Rabinowitch (1978), p. 95
  4. 4,0 4,1 4,2 Munck (1987), p. 42
  5. 5,0 5,1 Munck (1987), p. 41
  6. Munck (1987), p. 46
  7. 7,0 7,1 Rabinowitch (1978), p. 96
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 Asher (1970), p. 287
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 9,4 Asher (1970), p. 289
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 10,4 10,5 Rabinowitch (1978), p. 100
  11. 11,0 11,1 11,2 11,3 Rabinowitch (1978), p. 102
  12. 12,0 12,1 12,2 12,3 Munck (1987), p. 54
  13. 13,0 13,1 Munck (1987), p. 55
  14. 14,00 14,01 14,02 14,03 14,04 14,05 14,06 14,07 14,08 14,09 14,10 14,11 14,12 14,13 14,14 Jackson y Devlin (1989), p. 316
  15. 15,0 15,1 15,2 15,3 Wade (2000), p. 199
  16. 16,0 16,1 16,2 Katkov (1980), p. 43
  17. White (1968), p. 194
  18. 18,0 18,1 18,2 Figes (1998), p. 444
  19. Figes (1998), p. 442
  20. 20,0 20,1 20,2 20,3 20,4 Rabinowitch (1978), p. 103
  21. White (1968), p. 193
  22. White (1968), p. 187
  23. White (1968), p. 188
  24. 24,0 24,1 24,2 Rabinowitch (1978), p. 98
  25. 25,0 25,1 White (1968), p. 189
  26. Figes (1998), p. 443
  27. 27,0 27,1 27,2 27,3 27,4 Wade (2000), p. 200
  28. White (1968), p. 190
  29. Jackson e Devlin (1989), p. 315
  30. 30,0 30,1 30,2 30,3 30,4 30,5 Wildman (1992), p. 94
  31. 31,0 31,1 White (1968), p. 197
  32. 32,0 32,1 32,2 32,3 Abraham (1990), p. 249
  33. 33,0 33,1 33,2 33,3 33,4 Rabinowitch (1978), p. 104
  34. Asher (1970), p. 290
  35. White (1968), p. 199
  36. 36,0 36,1 Katkov (1980), p. 52
  37. 37,0 37,1 Figes (1998), p. 445
  38. Abraham (1990), p. 250
  39. 39,0 39,1 39,2 39,3 Munck (1987), p. 17
  40. 40,0 40,1 40,2 Rabinowitch (1978), p. 109
  41. 41,0 41,1 Asher (1970), p. 291
  42. 42,0 42,1 Rabinowitch (1978), p. 106
  43. 43,0 43,1 43,2 43,3 43,4 Abraham (1990), p. 253
  44. 44,0 44,1 44,2 44,3 44,4 44,5 Rabinowitch (1978), p. 107
  45. 45,0 45,1 45,2 Asher (1970), p. 292
  46. Strakhosky (1955), p. 382
  47. 47,0 47,1 47,2 47,3 47,4 47,5 47,6 Figes (1998), p. 446
  48. Katkov (1980), p. 56
  49. 49,0 49,1 49,2 Rabinowitch (1978), p. 108
  50. 50,0 50,1 Abraham (1990), p. 254
  51. 51,0 51,1 Katkov (1980), p. 57
  52. 52,0 52,1 52,2 52,3 Munck (1987), p. 30
  53. Strakhosky (1955), p. 383
  54. 54,0 54,1 54,2 54,3 Figes (1998), p. 447
  55. 55,0 55,1 55,2 Katkov (1980), p. 59
  56. Katkov (1980), p. 143
  57. 57,0 57,1 57,2 Figes (1998), p. 448
  58. 58,0 58,1 58,2 58,3 58,4 58,5 Asher (1970), p. 293
  59. 59,0 59,1 Strakhosky (1955), p. 384
  60. 60,0 60,1 Wade (2000), p. 201
  61. Abraham (1990), p. 264
  62. White (1968), p. 200
  63. 63,0 63,1 63,2 63,3 Figes (1998), p. 449
  64. 64,0 64,1 64,2 64,3 Rabinowitch (1978), p. 116
  65. 65,0 65,1 Katkov (1980), p. 67
  66. Abraham (1990), p. 265
  67. 67,0 67,1 67,2 67,3 Rabinowitch (1978), p. 117
  68. 68,0 68,1 Wade (2000), p. 202
  69. 69,0 69,1 69,2 69,3 69,4 69,5 Rabinowitch (1978), p. 118
  70. 70,0 70,1 70,2 Munck (1987), p. 18
  71. 71,0 71,1 71,2 Rabinowitch (1978), p. 119
  72. 72,0 72,1 72,2 Katkov (1980), p. 68
  73. 73,0 73,1 73,2 Abraham (1990), p. 267
  74. 74,0 74,1 Strakhosky (1955), p. 387
  75. 75,0 75,1 75,2 75,3 75,4 Asher (1970), p. 294
  76. 76,0 76,1 76,2 76,3 76,4 76,5 76,6 76,7 76,8 Jackson y Devlin (1989), p. 317
  77. 77,0 77,1 77,2 77,3 Abraham (1990), p. 268
  78. 78,0 78,1 Wade (2000), p. 203
  79. 79,0 79,1 79,2 Katkov (1980), p. 84
  80. 80,0 80,1 80,2 80,3 Rabinowitch (1978), p. 121
  81. White (1968), p. 201
  82. 82,0 82,1 82,2 Strakhosky (1955), p. 388
  83. 83,0 83,1 83,2 83,3 83,4 83,5 Abraham (1990), p. 269
  84. 84,0 84,1 84,2 84,3 84,4 Rabinowitch (1978), p. 122
  85. Katkov (1980), p. 77
  86. White (1968), p. 202
  87. Katkov (1980), p. 78
  88. 88,0 88,1 88,2 88,3 Asher (1970), p. 295
  89. 89,00 89,01 89,02 89,03 89,04 89,05 89,06 89,07 89,08 89,09 89,10 89,11 89,12 89,13 89,14 Wade (2000), p. 204
  90. 90,0 90,1 90,2 90,3 Katkov (1980), p. 80
  91. 91,0 91,1 White (1968), p. 203
  92. 92,0 92,1 92,2 92,3 92,4 Figes (1998), p. 450
  93. 93,0 93,1 Rabinowitch (1978), p. 123
  94. Abraham (1990), p. 271
  95. 95,0 95,1 95,2 95,3 95,4 95,5 Abraham (1990), p. 274
  96. Katkov (1980), p. 87
  97. Katkov (1980), p. 88
  98. 98,0 98,1 Abraham (1990), p. 272
  99. Katkov (1980), p. 89
  100. Asher (1970), p. 296
  101. 101,0 101,1 Asher (1970), p. 297
  102. Abraham (1990), p. 273
  103. 103,0 103,1 103,2 Katkov (1980), p. 91
  104. 104,0 104,1 104,2 104,3 104,4 Rabinowitch (1978), p. 120
  105. 105,0 105,1 Asher (1970), p. 298
  106. 106,0 106,1 106,2 Strakhosky (1955), p. 389
  107. White (1968), p. 205
  108. 108,0 108,1 108,2 Rabinowitch (1978), p. 125
  109. Katkov (1980), p. 92
  110. 110,0 110,1 110,2 Katkov (1980), p. 93
  111. 111,0 111,1 Munck (1987), p. 19
  112. 112,0 112,1 Katkov (1980), p. 95
  113. 113,0 113,1 Katkov (1980), p. 97
  114. Munck (1987), p. 7
  115. 115,0 115,1 115,2 Figes (1998), p. 451
  116. Abraham (1990), p. 275
  117. 117,0 117,1 Katkov (1980), p. 98
  118. 118,0 118,1 Asher (1970), p. 299
  119. 119,0 119,1 Abraham (1990), p. 277
  120. 120,0 120,1 Wildman (1992), p. 95
  121. 121,0 121,1 121,2 Rabinowitch (1978), p. 150
  122. 122,0 122,1 Katkov (1980), p. 102
  123. 123,0 123,1 123,2 123,3 Abraham (1990), p. 282
  124. 124,0 124,1 124,2 Katkov (1980), p. 101
  125. 125,0 125,1 125,2 Rabinowitch (1978), p. 127
  126. 126,0 126,1 126,2 126,3 126,4 126,5 126,6 126,7 126,8 Rabinowitch (1978), p. 148
  127. 127,0 127,1 127,2 127,3 Strakhosky (1955), p. 392
  128. Asher (1970), p. 300
  129. 129,0 129,1 129,2 129,3 Katkov (1980), p. 127
  130. 130,0 130,1 130,2 130,3 130,4 130,5 130,6 Abraham (1990), p. 280
  131. 131,0 131,1 Abraham (1990), p. 281
  132. Abraham (1990), p. 278
  133. 133,0 133,1 133,2 133,3 133,4 133,5 133,6 Figes (1998), p. 452
  134. Rabinowitch (1978), p. 131
  135. 135,0 135,1 135,2 Rabinowitch (1978), p. 132
  136. Rabinowitch (1978), p. 138
  137. 137,0 137,1 Rabinowitch (1978), p. 142
  138. 138,0 138,1 Rabinowitch (1978), p. 146
  139. Strakhosky (1955), p. 394
  140. 140,0 140,1 140,2 140,3 Katkov (1980), p. 105
  141. 141,0 141,1 141,2 Katkov (1980), p. 106
  142. 142,0 142,1 142,2 142,3 142,4 Figes (1998), p. 453
  143. 143,0 143,1 143,2 143,3 143,4 Rabinowitch (1978), p. 149
  144. 144,0 144,1 144,2 Abraham (1990), p. 283
  145. 145,0 145,1 145,2 145,3 145,4 Wildman (1992), p. 96
  146. Katkov (1980), p. 99
  147. Wildman (1992), p. 97
  148. 148,0 148,1 Katkov (1980), p. 107
  149. 149,0 149,1 Katkov (1980), p. 115
  150. Katkov (1980), p. 116
  151. Katkov (1980), p. 103
  152. Katkov (1980), p. 124
  153. Abraham (1990), p. 286
  154. Abraham (1990), p. 301
  155. 155,0 155,1 155,2 Figes (1998), p. 455
  156. 156,0 156,1 156,2 156,3 Figes (1998), p. 454
  157. 157,0 157,1 157,2 157,3 Wade (2000), p. 205
  158. 158,0 158,1 158,2 Wildman (1992), p. 98
  159. Katkov (1980), p. 122
  160. Katkov (1980), p. 123
  161. 161,0 161,1 161,2 161,3 161,4 Jackson y Devlin (1989), p. 318

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]