Henri Longuet
Henri Longuet | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 7 de agosto de 1887 |
Morte | 22 de marzo de 1963 (75 anos) Mulhouse, Alto Rin. |
País de nacionalidade | Francesa. |
Educación | Prytanée de la Flèche. Escola de Medicina de Angers. Escola de Sanidade Militar de Lión. |
Q89547790 | Presidente da Sociedade Francesa de Numismática. |
Actividade | |
Campo de traballo | Medicina e numismática. |
Membro de | |
Familia | |
Cónxuxe | Lucie Steinbach (1913). |
Premios | |
Cruz de Guerra (1914-1918). Cruz de Guerra (1939-1945). Cabaleiro da Lexión de Honra (1918). Comendador da Lexión de Honra (1947).Membro de Honra da Universidade de Viena. |
Henri Longuet (ás veces escrito Henry), nado en Grandville, Aube o 7 de agosto de 1887 e finado en Mulhouse, Alto Rin, o 22 de marzo de 1963, foi un médico militar e numismático francés.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos e formación
[editar | editar a fonte]Henri Longuet naceu o 7 de agosto de 1887, fillo de Lucie Émilie Claire Camus e do oficial Antoine Longuet,[1][2] que estaba destinado en Grandville, Aube.[3]
Henri quedou orfo de pai sendo un neno, e a súa nai enviouno a cursar o ensino secundario no liceo militar de La Flèche (Prytanée de la Flèche), nos Países do Loira, para se formar para a carreira militar, seguindo os pasos do seu pai.[3] Posteriormente cursou estudos superiores de Medicina na Escola de Medicina de Angers, onde se introduciu na Oftalmoloxía, e tamén na Escola de Sanidade Militar de Lión,[1][2] onde se graduou en 1910.[4]
Médico civil e militar
[editar | editar a fonte]Logo dun período formativo dun ano no hospital Val-de-Grâce, de París, en 1913 foi nomeado axudante maior do 8º Rexemento de Artillaría de Nancy, como médico auxiliar, e ese mesmo ano contraeu matrimonio.[4]
Na primeira guerra mundial, combateu entre 1914 e 1918 no corpo de Infantaría. O seu servizo fíxoo acredor da Cruz de Guerra, con cinco condecoracións,[4] e tamén foi nomeado Cabaleiro da Lexión de Honra. Logo do armisticio de 1918 foi destinado á misión militar francesa en Berlín.[1][5]
En 1921, Longuet pasou á reserva do exército e estableceuse como oftalmólogo en Mulhouse, na Alsacia, a cidade natal da súa muller.[1][2][5]
Co estoupido da segunda guerra mundial foi mobilizado en 1939, co grao de tenente coronel, e foi prisioneiro dos alemáns entre xuño de 1940 e xaneiro de 1941.[1] Tras a súa liberación non puido volver á Alsacia, xa que estaba en poder dos Nazis, e trasladouse a París, onde traballou como xefe do Departamento de Oftalmoloxía do hospital Val-de-Grâce. A súa participación na segunda contenda mundial valeulle novamente a concesión da Cruz de Guerra.[5]
En 1945 volveu ao servizo activo nas forzas armadas como xefe da sección médica da Comisión Militar Interaliada de Control, na capital Austríaca.[2] Alí os seus servizos foron recoñecidos coa concesión do título de membro honorario da Universidade de Viena.[5]
Finalizada a guerra, en 1947 foi desmobilizado e volveu á súa residencia familiar de Mulhouse, onde retomou a súa carreira como oftalmólogo civil. Ese mesmo ano concedéuselle o grao de Comendador da Lexión de Honra.[5]
Numismático
[editar | editar a fonte]Longuet foi un recoñecido coleccionista de moedas antigas e un erudito numismático. As súas investigacións deron lugar á publicación de numerosos artigos en revistas especializadas de Francia e doutros países, sinaladamente no Bulletin de la Société industrielle de Mulhouse, en Revue numismatique, en Cahiers d'Archéologie et D'histoire d'Alsace, en Numismatische Zeitschrift e en Revue belge de numismatique.[6] En 1961 publicou en Londres o seu único traballo monográfico sobre tema numismático, titulada Introduction a la numismatique byzantine,[1][7][8] cuxa redacción comezara xa durante a súa etapa militar en Viena.[9]
En Mulhouse, Longuet reactivou o preexistente Círculo Numismático da Alsacia. Tamén foi un membro destacado da Sociedade Francesa de Numismática,[10] entidade que presidiu durante tres períodos:[1][11] de 1946 a 1947, de 1948 a 1949 e de 1951 a 1953.[12][13]
A súa colección numismática, especializada na moeda do Imperio Bizantino foi vendida nunha poxa pública celebrada en París en 1970 pola casa de poxas PLATT.[14]
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Henri Longuet casou o 24 de xuño de 1913 con Lucie Steinbach. A súa muller pertencía a unha antiga familia de Mulhouse, cidade onde o matrimonio se estableceu e onde naceron as súas tres fillas.[1][4]
En Mulhouse, Longuet exerceu como membro da corporación municipal desde 1948 ata a súa morte, aos 75 anos, o 22 de marzo de 1963.[1][11]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 1,8 Oberlé, R. "Longuet, Henri". En Nouveau dictionnaire de biographie alsacienne. Federation des Sociétés d'Histoire & d'Archeologie d'Alsace (Alsace-histoire.org).
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 Simon, R. (1963). Páxina 147.
- ↑ 3,0 3,1 Zuber, P-R. (1964). Páxina 9.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 Zuber, P-R. (1964). Páxina 10.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Zuber, P-R. (1964). Páxina 11.
- ↑ "Bibliographie". En Zuber, P-R. (1964). Páxina 12.
- ↑ Longuet, H. (1961). Introduction a la numismatique byzantine. Spink and Son, Londres
- ↑ Recensión do libro, por Cécile Morrison. En Revue Numismatique. 1963. 5. Páxinas 186-187.
- ↑ Simon, R. (1963). Páxina 148.
- ↑ Simon, R. (1963). Páxina 147.
- ↑ 11,0 11,1 Zuber, P-R. (1964). Páxina 12.
- ↑ Le Rider, G. et al. "La Société française de numismatique : 1865-1965". En Revue Numismatique. 1965. Páxina 24.
- ↑ "Les présidents de la SFN". Société française de numismatique.
- ↑ "Longuet, Henri (1887-1963; Mulhouse, Alsace)". En Grierson, P. (1999). Catalogue of the Byzantine Coins in the Dumbarton Oaks Collection and in the Whittemore Collection. Volume Five. Michael VIII to Constantine XI, 1258-1453. Part II. Dumbarton Oaks Research Library and Collection, Washington. Páxina 292. ISBN 0-88402-261-7
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- "Longuet, Henri ( -1963)". En Mitteilungen der Osterreichischen Numismatischen Gesellschaft. Vol. 13. Nº 3. 1963. Páxina 24
- Simon, R. (1963). "Le Docteur Henri Longuet 1887-1963". En Cahiers Alsaciens d'Archeologie d'Art er d'Histoire. VII. Estrasburgo. Páxinas 147-148.
- Zuber, P-R. (1964). "Hommage au Dr Longuet". En Bulletin du Musée historique de Mulhouse. Tomo LXXII. Páxinas 9-12.
Predecesor: Pierre le Gentilhomme M. Baille Pierre Prieur |
Presidente da Sociedade Francesa de Numismática 1946-1947 1948-1949 1951-1953 |
Sucesor: M. Baille Pierre Prieur Jean Mazard |