Moeda bizantina
Coñécese como moeda bizantina a moeda utilizada na parte oriental do Imperio Romano logo da caída de Roma en 476, con base en dous tipos principais: o sólido, de ouro, que pasa a ser chamado nomisma (o grego substitúe o latín como lingua da Administración), e diversas pezas de bronce. A moda de prata, ausente no inicio do Imperio Bizantino por mor da dificultade de fixar a súa paridade co ouro, fixo a súa aparición a finais do imperio.[1][2]
Este sistema monetario, no que o nomisma ou sólido bizantino será substituído polo hyperpyron baixo Aleixo I Comneno, continuou cunha relativa estabilidade ata a caída de Constantinopla, en 1453, coa excepción da derradeira etapa do imperio, cando a desvalorización da moeda de ouro obrigou a substituír a moeda deste metal polas de prata e a crear novos valores de cobre.[3]
Logo da súa creación, no período de Constantino I, o sistema foi reformado en varias ocasións. As principais reformas foron as de Anastasio I (491-518), Aleixo I (1081-1118) e Andrónico II (1282-1328).[4][5]
Iconografía
[editar | editar a fonte]As primeiras moedas bizantinas suxeitábanse á tradición iconográfica romana, amosando nos anversos o busto do emperador de perfil e no reverso algunha escena que se conmemoraba. Mais o emperador pasou axiña a representarse de fronte nos anversos, entanto que as escenas pagás dos reversos se substituían por símbolos cristiáns como unha cruz, a Vitoria ou un anxo.[6][7]
Baixo Xustiniano II (705-711) revertiuse esta práctica, coa aparición do busto de Cristo nos anversos e un retrato do emperador de fronte, de corpo enteiro ou só o busto, nos reversos. A primeira aparición de Cristo sobre unha moeda fora xa en tempos do emperador Marciano (450-457), pero non chegara a se converter en regular.[8][9][10]
Parece que foi esta innovación na iconografía das moedas a que levou o califa Abd al-Malik (que ata daquela imitara as moedas bizantinas) a substituír os símbolos cristiáns por un novo estilo, xa tipicamente islámico, non que non se amosan máis que caracteres árabes en ambas as dúas faces.
A práctica comezada baixo Xustiniano II recuperouse ao final do período iconoclasta e, con variacións, permaneceu como norma ata o final do imperio.[11][12]
Sistema de ouro
[editar | editar a fonte]O sólido bizantino e o nomisma
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Sólido (moeda).
- Artigo principal: Nomisma.
Cuñado por primeira vez no obradoiro monetario de Trier cara a 310, o sólido foi unha moeda de ouro creada por Constantino I (306-337) para financiar o seu exército, en substitución do áureo, que fora ata entón a moeda de ouro do Imperio.[13][14] A finais do século IV equivalía a 1/72 libra, cunha pureza de 24 quilates de ouro e un peso 4,5 gramos. Coa nova denominación de nomisma, permaneceu como base do sistema monetario bizantino durante dez séculos e, mesmo, mantivo a súa vixencia durante un longo tempo de no norte de África e nos países da conca Mediterránea.[15][16][17]
Durante os séculos VI e VII, emitiuse unha serie de sólidos cun peso rebaixado de arredor de 3,96 gramos e cunha marca particular, cuxo propósito hoxe se descoñece. Xa no período de Teodosio I (379-395), a creación do medio sólido, denominado semissis, e especialmente do terzo de sólido ou tremissis (1,5 gramos de ouro), este último cuñado en grandes cantidades, converteu a moeda de ouro en máis accesible para a poboación e aumentou a súa difusión nos circuítos económicos.[18] Estas dúas novas moedas continuaron a súa produción en Constantinopla ata o período de Miguel I (811-813), e en Siracusa, ata o imperio de Basilio I (867-886).[19]
Nicéforo II Phocas (963-969) emprendeu numerosas campañas contra os Árabes e, para as financiar, creou unha nova variedade do nomisma,denominda tetarteron nomisma, que se utilizaba nas transaccións comerciais á par que o nomisma tradicional, aínda que 1/12 máis lixeiro.[20][21] Para distinguir as dúas variedades, pasou a denominarse histamenon nomisma ao nomisma estándar. Algúns investigadores numismáticos teñen apuntado a posibilidade de que esta redución lle conferise ao nomisma un peso semellante ao do dinar fatimida, para facilitar o seu uso no comercio internacional. O tetarteron foi usado ata 1092, cando foi substituído por unha moeda de cobre do mesmo nome que circulou ata mediados do século XIII.[22]
Se o nomisma "pesado" e o nomisma "lixeiro" tiñan nos seus inicios unha mema aparencia, baixo Basilio II (976-1025) caracterizaron na súa forma as súas diferenzas: mentres que o tetarteron nomisma pasou a ter un tamaño menor, o histamenon nomisma fíxose máis grande e máis groso. Baixo o emperador Constantino VII (1025-1028) ampliáronse as diferenzas: o tetarteron pasou a ter un diámetro de 18 mm e un peso de 3,98 gramos, mentres que o histamenon alcanzou un diámetro de 25 mm e adquiriu unha forma cóncava, denominada "scyphate" (o nomisma orixinal, previo á diferenciación, tiña un diámetro de 20 mm). Esta peculiar forma foi ampliada posteriormente ás moedas bizantinas de electro (aliaxe de ouro e prata) e de billón (aliaxe de prata e cobre). Ata o comezo do século XI, o nomisma (tanto o histamenon coma o tetarteron) mantivo unha pureza case uniforme, cun contido de ouro de entre 23 e 23,5 quilates. A partir do emperador Miguel IV (1034-1041), nado nunha familia de cambistas en Paflagonia (e que exerceu este oficio antes de casar coa emperatriz Zoe), houbo unha desvalorización progresiva da moeda bizantino, debida á diminución do seu contido en ouro.[23] Dunha pureza de 21 quilates (87,5 % de pureza) con Constantino IX (1042-1055), baixou a 18 quilates (75 % de pureza) con Constantino X (1059-1067), a 16 quilates (66,7% de pureza) con Romano IV (1068-1071), a 14 quilates (58 % de pureza) con Miguel VII (1071-1078), a 8 quilates (pureza do 33 %) baixo Nicéforo III (1078-1081) e preto de 0 quilates durante a primeira parte do reinado de Aleixo I (1081-1118).
O termo besante (do francés antigo: besant) utilizouse en Europa Occidental durante a Idade Media, sobre todo entre os séculos X e XIII, para designar varias moedas de orientais e da área mediterránea, de ouro, derivadas do sólido bizantino e do nomisma, entre elas o hyperpyron.
O hiperpyron
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Hyperpyron.
Durante a segunda parte do seu reinado, Aleixo I procedeu a unha reforma radical do sistema monetario. O nomisma desaparece nas súas dúas variedades (histamenon e tetarteron) e substitúese por unha nova moeda de ouro, o hyperpyron, cunha pureza do 90 %, un peso de 4,45 gramos e un diámetro lixeiramente menor co do vello nomisma.[24]
O hyperpyron permaneceu en circulación ata a caída de Constantinopla en 1453. Con todo, desvalorizouse significativamente ata que, no reinado conxunto de Xoán V (1347-1353) e Xoán VI (1347-1353), deixou de ser cuñado.[25][26]
Sistema de prata
[editar | editar a fonte]Durante un longo tempo, a prata non xogou máis ca un papel subalterno no sistema monetario bizantino, debido a que o valor deste metal flutuaba constantemente en relación ao do ouro.
A siliqua
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Siliqua.
A siliqua (lat. siliqua) foi unha pequena moeda romana de prata cuxa cuñaxe comezou no século IV da nosa era.[27] Creada baixo o reinado de Constantino I para reestruturar un sistema monetario que databa de Augusto, o siliqua, que recibiu o nome de keration (plural keratia) no Imperio Bizantino, tiña un peso de 2,24 gramos de prata, a metado do sólido de ouro.[28]
O hexagrama
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Hexagrama (moeda).
O emperador Heraclio (610-641) fixo bater en 615 unha moeda de prata chamada hexagrama (grego: ἑξάγραμμα, hexagramma) para atender as necesidades da súa guerra contra o Imperio Sasánida. Con este fin, utilizou pratos e bandexas de prata confiscados en igrexas. Cun peso de 6,84 gramos, valía 1/12 de sólido de ouro, e chegou as ser utilizado baixo o seu sucesor, Constante II, pero foi gradualmente eliminado da circulación a partir de Constantino IV (668-685).[29][30][31]
O miliaresion
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Miliaresion.
Baixo León III (717-741) apareceu unha nova moeda de prata chamada miliaresion, chamada así porque nos seus inicios tiña o valor de 1.000 nummi de cobre.[32] Foi emitida para celebrar a coroación do seu fillo Constantino como co-emperador en 720. Estas pezas estaban cuñadas sobre dirhams árabes e valían 1/12 de nomisma.[33]
O aspron
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Aspron.
A reforma de Aleixo I, caracterizada pola introdución do hyperpyron, trouxo tamén unha moeda de electro denominada aspron ou aspron trachy, que valía un terzo do hyperpyron e contaba con aproximadamente un 25 % de ouro e un 75 % de prata. Paralelamente, emitiuse o aspron de billón, valorado na corentaeoitoava parte do hyperpyron, cun 7 % de prata, e o tetarteron de cobre e o noummion, con valores de 18 e 36 unidades, respectivamente, en cada aspron.[34]
O basilikon
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Basilikon.
O basilikon foi introducido no sistema monetario cara a 1304 ou 1307 polo emperador Andrónico II Paleólogo (1282-1328), como unha imitación directa do ducado veneciano de prata (ou grosso) principalmente para o pagamento aos mercenarios da Compañía Catalá nas campañas contra os turcos.[35]
O basilikon era de prata de gran pureza (920 milésimas), cuñado nun disco plano e non cóncavo, como no caso doutras moedas bizantinas. O seu peso oficial era de 2,2 gramos e o seu valor era o da doceava parte do hyperpyron , moeda que funcionaba como padrón para as equivalencias de todas as moedas de prata bizantinas, desde o hexagrama ao miliaresion. No entanto, a equivalencia real no mercado era inferior e flutuou en función da variación do prezo da prata (entre 12 e 15 pezas por cada hyperpyron).[36][37] Coñécese tamén a cuñaxe de moedas de medio basilikon.[38]
O stavraton
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Stavraton.
Durante a derradeira etapa da moeda do Imperio Bizantino, as emisións en ouro volvéronse moi descontinuas e, a partir dunha nova reforma do sistema monetario que tivo lugar en 1367, baixo Xoán V Paleólogo, apareceu unha nova moeda de prata cunha emisión regular, chamada stavraton, en substitución do anterior basilikon, da que se cuñou a unidade, a metade, un oitavo e un dezaseisavo. Esta moeda era no seu momento a de máis valor do sistema, cun valor da metade do hyperpyron, cando este xa non estaba en circulación. O peso inicial do stavraton era de 8,5 gramos, aínda que máis tarde baixou a 7,4 gramos.[39][40][41][42]
Sistema de bronce
[editar | editar a fonte]O nummus e o follis de 40 nummi
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Nummus.
- Artigo principal: Follis.
Cara a 294, durante a tetrarquía, apareceu unha nova moeda de bronce: o nummus (plural nummi). Tratábase dunha pequena peza cun diámetro de entre 8 e 10 mm, e cun peso de 0,56 g, dotada dun valor teórico de 1⁄7200 sólidos de ouro, aínda que na realidade oscilou entre 1⁄6000 e 1⁄12000, segundo a época.[43][44]
Aínda que cumpría unha moeda para as transaccións máis cotiás, o seu escaso valor fixo, no entanto, que o nummus tivese pouco uso. Así as cousas, o emperador Anastasio I, coa reforma, interrompeu a circulación das pezas dun nummus e introduciu múltiplos con denominacións de corenta unidades (tamén coñecido como o follis), de vinte (semifollis) e de dez (decanummium, δεκανούμμιον). O seu valor estaba representado polo numeral grego : M = 40; K = 20; I = 10; E = 5.[45]
No século VII, a peza de 40 nummi ou follis era a única que mantiñ a súa existencia, aínda que o seu volume en circulación se reducira consoiderablemente. Xustiniano II (685-695 e 705-711) intentou restablecer o seu volume equiparándoo co que había en tempos de Xustiniano I, pero de camiño se reduciu novamente. Ata entón, aqueles follis amosaban no anverso o retrato do emperador, mais a partir do século X batéronse pezas anónimas co busto de Cristo coa lenda XRISTUS / BASILEU / BASILE ("Cristo, rei dos reis).
Equivalencia de valores
[editar | editar a fonte]Sólido | Follis | Semifollis | Decanummium | Pentanummium | Nummus | |
---|---|---|---|---|---|---|
Sólido | 1 | 420 | 840 | 1680 | 3360 | 16.800 |
Follis | 1⁄420 | 1 | 2 | 4 | 8 | 40 |
Semifollis | 1⁄840 | 1⁄2 | 1 | 2 | 4 | 20 |
Decanummium | 1⁄1680 | 1⁄4 | 1⁄2 | 1 | 2 | 10 |
Pentanummium | 1⁄3360 | 1⁄8 | 1⁄4 | 1⁄2 | 1 | 5 |
Nummus | 1⁄16.800 | 1⁄40 | 1⁄20 | 1⁄10 | 1⁄5 | 1 |
Obradoiros monetarios bizantinos
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Cecas bizantinas.
Localidade | Sigla nas moedas | Posto segundo a súa produción |
---|---|---|
Abazis | ALE | 13 |
Antioquía | ANT – MANT – ANTX – ANTIX | 2 |
Cartago | CAR – KAR – KART – CT – KARTA | 12 |
Catania | CAT | 18 |
Quersoneso | XEP – ZEPCONOC | 9 |
Chipre | KVIIP – KY – P | 10 |
Cízico | KY – KVZ | 5 |
Constantinopla | CON – COM | 1 |
Costanza | KN | 14 |
Éfeso | SEPSUS | 7 |
Isaurus | ISAUR | 11 |
Milán | ML | 17 |
Nápoles | NE | 19 |
Nicea | NC | 8 |
Nicomedia | NI – NIC – NIK – NIKM – NIKA – NICO | 4 |
Rávena | RA – RAB – RAS – RAV – RAVENN | 16 |
Roma | R – ROM – RO | 15 |
Sikelia | SCL | 20 |
Tesalónica | TC – TES – OES | 6 |
Teopoli | THEV – THEVP – THEVII | 3 |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Pina, Manuel. "Introducción a la numismática bizantina". En Tesorillo.com
- ↑ Morrisson, C. "Numismatique Byzantinne". En Anuaires de l'École des hautes études. París, 1974. Páxinas 339-346
- ↑ Cartwright, M. "Byzantine coinage". En Ancient History Encyclopedia
- ↑ Cartwright, M. "La reforma monetaria de Anastasio: el nacimiento de las monedas bizantina". En Monedas antiguas (en castelán)
- ↑ Nobes, A. "The Economic and Monetary Policy of the Byzantine Empire under Alexios I Komnenos". En Rosetta 11:56-71. 2012
- ↑ Montemurro. L. M. "Monedas de las Cruzadas: introducción al análisis de su iconografía y estilo". En Mirabilia. 10. Xaneiro-xuño de 2010. ISSN 1676-5818
- ↑ "Iconografía sacra". En Las monedas de Bizancio (www.mundonumismática.com.ar)
- ↑ Banning (1987). Páxina C 20).
- ↑ "The byzantine emperors on coins". En Dumbarton Oaks. Research Library and Collection.
- ↑ Margulies, Z. "Christian Themes in Byzantine Coinage. 307-1204 CE". En Forum Ancient Coins.
- ↑ Méndez Barozzi, R. "Período de la Controversia Iconoclasta (717-842) Arquivado 02 de febreiro de 2019 en Wayback Machine.". En Breve introducción a la moneda bizantina. Numismático Digital. 2015
- ↑ "Moneda Bizantina: Período de la Controversia Iconoclasta (717-842 DC) Arquivado 02 de febreiro de 2019 en Wayback Machine.". En Comunidad Numismática Virtual
- ↑ "La création du Solidus par Constantin". En Les monnaies d'or romaines. www.sacra-moneta.com
- ↑ Jarpagon (2007). Páxina 325.
- ↑ Morrisson (2004). Páxina 218.
- ↑ "Glosario de unidades monetarias: Sólido". En Pita Fernández, Ricardo Luís. Numismática galega. A moeda en Galicia e Galicia na moeda. Santiago de Compostela, 1999. ISBN 84-605-9958-2
- ↑ Alfaro Asins, C. et al. (2009). "Sólido".
- ↑ Alfaro Asins, C. et al. (2009). "Tremissis" e "Semissis".
- ↑ Petit (1974). Páxina 671.
- ↑ Treadgold (1997). Páxina 503.
- ↑ Hendy (1985). Páxina 507.
- ↑ Alfaro Asins, C. et al. (2009). "Nomisma (2)", "Nomisma histamenon" e "Nomisma tetarteron".
- ↑ Kazhdan (1991). "Michael IV Paphlagon". Páxina 1.365.
- ↑ Alfaro Asins, C. et al. (2009). "Hyperpyron".
- ↑ Sear (1987). Nº 2.526.
- ↑ Sommer (2010). Nº 84,1.
- ↑ "La silique, une monnaie romaine en argent du IVme siecle". En Sacra-moneta.com
- ↑ Alfaro Asins, C. et al. (2009). "Silicua".
- ↑ Alfaro Asins, C. et al. (2009). "Hexagrama".
- ↑ Grierson (1999). Páxina 13.
- ↑ Kazhdan (1991). "Hexagram". Vol. 1. Páxina 927.
- ↑ Alfaro Asins, C. et al. (2009). "Miliaresion".
- ↑ Treadgold (1997). Páxina 340.
- ↑ Alfaro Asins, C. et al. (2009). "Aspron trachy".
- ↑ Alfaro Asins, C. et al. (2009). "Basilicón".
- ↑ "La monnaie au XIVe et au XVe siècle: hyperpère, basilikon et stavraton". En Morrisson, C. et al. Byzance et sa monnaie (IVe-XVe siècle). Lethielleux. 2015.
- ↑ Hendy (1985). Páxinas 533-634.
- ↑ Kazhdan (1991). Páxina 267.
- ↑ Hendy (1985). Páxina 540.
- ↑ Kazhdan (1991). Páxinas 965 e 1.946.
- ↑ Grierson (1999). Páxinas 16, 17 e 45.
- ↑ Alfaro Asins, C. et al. (2009). "Stauraton".
- ↑ Kazhdan (1991). "Nummus". Vol. 3. Páxina 1.504.
- ↑ Alfaro Asins, C. et al. (2009). "Nummus (2)".
- ↑ Grierson (1999). Páxinas 17-18.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Moeda bizantina |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Alfaro Asins, C. et al. Diccionario de numismática. Ministerio de Cultura. Madrid, 2009. ISBN 978-84-8181-405-7
- Banning, E. "Byzantine Coins Led Way in Using Christ’s Image". En The Globe and Mail, 18 de abril de 1987.
- Bendal, S.; Sear, D.; Dennis O'Hara, M. (1987). Byzantine Coins and their Values. Seaby, Londres. ISBN 9780900652714
- Grierson, P. Byzantine Coins. Methuen. Londres, 1982. ISBN 978-0-416-71360-2
- Grierson, P. Byzantine coinage. Dumbarton Oaks. 1999. ISBN 978-0-88402-274-9
- Hendy, M. Studies in the Byzantine Monetary Economy c.300-1450. Cambridge University Press, 1985. ISBN 0-521-24715-2
- Hendy, M. The economy, fiscal administration and coinage of Byzantium. Londres, 1989. ISBN 0860782530
- Jerphagnon, L. Les Divins Césars. Pluriel Fayard. París, 2007. ISBN 978-2-818-50234-1
- Kazhdan, A. E (ed.). The Oxford Dictionary of Byzantium. Oxford University Press, 1991. ISBN 978-0-19-504652-6
- Laiou, A.; Morrisson, C. (dir.). Le Monde byzantin, vol. 3, L’Empire grec et ses voisins, XIIIe siècle-XVe siècle. Presses Universitaires de France. París, 2011. ISBN 978-2-130-52008-5
- Morrisson, C. (dir.). Le Monde byzantin, vol. 1, L’Empire romain d’Orient (330-641). Presses Universitaires de France. París, 2004. ISBN 978-2-130-52006-1
- Ostrogorsky, G. Histoire de l'État byzantin. Payot. París, 1983. ISBN 2-228-07061-0
- Petit, P. Histoire générale de l'Empire romain. Seuil. París, 1974. ISBN 978-2-02-002677-2
- Sabatier, J. Description générale des monnaies byzantines frappées sous les Empereurs d'Orient. 2 vol. París, 1862
- Saulcy, F. (1836). Essai de classification des suites monétaires byzantines. Vol. 1; Vol. 2. Lamort, Metz.
- Schönert-Geiß, E. (1970-1972). Die Münzprägung von Byzantion. Berlín. 1970: parte 1; 1972: parte 2.
- Sear, D. R. Byzantine Coins and Their Values. 1987. ISBN 978-0-900652-71-4
- Sommer, A. Die Münzen des byzantinischen Reiches 491-1453. Mit einem Anhang: Die Münzen des Reiches von Trapezunt. Battenberg Verlag. Regenstauf, 2010. ISBN 978-3-86646-061-4
- Treadgold, W. A History of the Byzantine State and Society. Stanford University Press, 1997. ISBN 978-0-804-72630-6
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Moedas bizantinas catalogadas por orde cronolóxica de emperadores
- Moedas bizantinas catalogadas segundo a obra de Sear: Byzantine Coins & Their Values
- Catálogo de marcas e monogramas nas moedas bizantinas
- Digital Library Numis Arquivado 05 de xullo de 2018 en Wayback Machine. (bibliografía en liña de numismática bizantina)