Historia dos xudeus de Monforte de Lemos
A historia dos xudeus de Monforte de Lemos é a historia da comunidade xudía que habitou na cidade galega de Monforte de Lemos. Remóntase polo menos ao século X e prolongouse ata 1492, cando o Decreto da Alhambra[a] decretou a súa expulsión dos territorios das coroas de Castela e Aragón. A comunidade xudía da capital do val de Lemos foi unha das máis numerosas do Reino de Galiza,[3] sendo entre os séculos XVI e XVIII unha das poboacións galegas con maior número de conversos procesados por prácticas xudaizantes.[4] O gran tamaño desta comunidade na cidade fixo que mesmo se denominase "xudeus" ou "xudeus con rabo" a todos os seus habitantes.[5]
Se ben a cidade non conserva moitos restos arquitectónicos xudeus, si que a presenza hebrea é intensa nos seus costumes e tradicións.[6] A pesar da escaseza de fontes documentais da presenza xudía en Galiza,[7] existen numerosas referencias documentais que certifican a presenza xudía, e a presenza de xudeus conversos logo da expulsión, así como referencias a que foron os xudeus de Monforte os que poboaron a vila de Ares, sendo alí chamados bichos. Posiblemente o achado máis importante relacionado co pobo xudeu na capital da Terra de Lemos sexa a lápida sepulcral hebrea adicada a Juan de Gaibor e ao seu fillo Jorge,[6] pertencentes a unha das familias hebreas máis destacadas da cidade e moi ligada á historia local, os Gaibor, e que se encontra no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense dende a súa cesión en 1892 por parte do avogado residente na cidade Rodrigo Goicoechea.[8]
Historia
[editar | editar a fonte]Primeiros datos
[editar | editar a fonte]Descoñécese a data exacta na que chegaron os primeiros xudeus a Monforte de Lemos, mais seguramente o seu asentamento na cidade ocorreu, do mesmo xeito que en moitos outros lugares, ao amparo dun mosteiro, o mosteiro de San Vicente do Pino, ocupando zonas na subida ao monte.[5][b] A riqueza agrícola da comarca e a presenza dos condes de Lemos serían outros factores que explicarían a presenza xudía na cidade.[10]
Aínda que as noticias máis antigas da presenza xudía na cidade son do século X, nun documento do ano 915 no que se fai referencia a un Ismael "Judila"[11] como testemuña, que ben podería referirse tanto a un xudeu como a un mozárabe.[12] Este documento é o chamada "Proba Caldaria" ou "Xuízo de Deus", que se celebrara no lugar onde se localizaba a antiga igrexa de Santa María da Régoa,[c] e no que os monxes Arión e Ermesindo reclamaban a posesión do cargo de abade do mosteiro beneditino.[7] E é que todo apunta a que en xeral durante os séculos X, XI e XII as relacións entre o pobo xudeu e a Igrexa foron boas.[9]
Durante os séculos XII e XIII aumentou a chegada a Galiza de persoas xudías, motivada polas persecucións sufridas por parte de almorábides e almohades no centro e sur peninsular.[9] Con todo, non é ata o século XV cando se ten constancia documental da presenza dunha comunidade hebrea na capital do val de Lemos.[5]
Aumento demográfico e esplendor
[editar | editar a fonte]Por documentos do século XIV coñecemos que varios titulares do Señorío de Lemos designaron xudeus para postos importantes, como foi o caso do infante Filipe, que coa súa influencia conseguiu que o hebreo Yusaf de Écija se convertese en almoxarife real de Afonso IX. Ou Pedro Fernández de Castro o da Guerra, señor de Monforte en 1334, que tiña como recadador ao xudeu D. Guilleumo e como almoxarife a D. Samuel (irmán de D. Guilleume), e seu fillo Fernando Ruiz de Castro, que se caracterizou pola súa política pro-xudía, seguindo a liña marcada por Pedro I o Cruel.[12]
Un feito curioso e que podería estar relacionado coa importancia da comunidade xudía da cidade no século XIV pode verse na parte máis antiga da torre da homenaxe, onde están presentes numerosos signos lapidarios e marcas de canteiros. De entre todos estes signos e marcas o máis destacado é o pentáculo ou Selo de Salomón (unha estrela de cinco puntas). O pentateuco é un símbolo importante para o pobo xudeu, xa que a identificaban cos cinco libros do Pentateuco (cada punta un libro), así como coa Verdade.[12][13][14] Cómpre salientar que de acordo coa organización de certas corporacións de construtores, a estas marcas dábaselles a consideración de aval de garantía. Con todo, non se pode asegurar que a presenza do pentáculo no muro máis antigo da torre se deba á presenza xudía, xa que este símbolo é coñecido en Galiza tamén como "Cruz de Trasgo" e pertenceu a unha loxa numérica, a nº 5.[12] Posiblemente este símbolo presente na cara leste, así como outros no mesmo muro e en parte nos muros norte e sur, estean máis ligados a prácticas esotéricas, máxicas ou de bruxería,[15][d] aínda que non se pode descartar que estas marcas fosen realizadas por canteiros xudeus que inmortalizaran deste xeito o seu traballo nela, xa que na época da súa construción varios titulares da poboación e mecenas da construción tiñan persoas xudías ao seu servizo. En datas próximas á construción da torre da homenaxe existen ademais referencias ás alxamas de mouros e xudeus.[16]
Pénsase que a comunidade xudía debeu aumentar en Monforte logo das matanzas realizadas en Castela e Aragón en 1391, e que motivaron a súa fuxida a lugares menos hostís. En Galiza, ao contrario do que ocorría en moitos outros lugares da Península Ibérica, a poboación non vía a poboación xudía como inimiga, xa que a poboación galega se encontraba inmersa en revoltas sociais antiseñoriais que culminarían coas revoltas irmandiñas, e esta conflitividade social puido unir as clases baixas cristiás e as persoas xudías, ao contrario do que ocorreu noutros territorios peninsulares, de acordo con Carlos Barros.[3][17] Foi a finais do século XIV cando o noroeste peninsular experimentou unha gran chegada hebrea, só superada pola chegada de familias xudías nas últimas décadas do século XV, co decreto de expulsión.[18]
Con todo, a maior parte das noticias da presenza hebrea en Monforte de Lemos corresponden ao século XV, cando se pensa que a presenza semita foi maior na cidade.[12][e] Monforte de Lemos aparece citado tamén nun documento Real de 1421 que dirixe un escrito ás vilas e cidades do bispado de Lugo, así como ás súas alxamas das persoas xudías.[20] Outros documentos que avalan a presenza xudía na capital de Lemos é o pago de alxamas de xudeus á Coroa de Castela nos anos 1474, 1488, 1489 e 1491, onde no grupo de Ourense poden atoparse poboacións como Monforte, Allariz e Ribadavia.[12] O estudo destes documentos permite cuantificar de xeito aproximado o tamaño das comunidades xudías, xa que o sistema de recadación era por capitación, isto é, tiña en conta o volume da poboación para asignar a cantidade a pagar. Os datos que revelan os documentos dos tributos recadados para Ourense, Allariz, Monforte e Ribadavia serían os seguintes:[f][21][22]
Ano | Cantidade a pagar |
Familias | Individuos |
---|---|---|---|
1464 | 3.500 | 78 | 468 |
1472 | 2.000 | 44 | 264 |
1474 | 2.000 | 44 | 264 |
1479 | 3.000 | 67 | 402 |
1482 | 1.000 | 22 | 132 |
1488 | 8.770 | ||
1489 | 6.800 | ||
1491 | 13.550 |
Se ben a relación do pobo xudeu cos nobres na cidade foi boa, a relación coa Igrexa nesta época non o foi tanto. Salienta un caso documentado o día 21 de xuño de 1462 polo que o cabido de Lugo anulou un foro en Monforte. Cómpre salientar que, se ben a revogación estaba dentro da legalidade, os documentos mostran unha postura claramente antisemita:[23]
“ | por vender et traspasar o dito Roi Lopez o dito foro et enphiteosi en judio et ome de diversa fe da nosa, et en tal persona que de dereyto non deve aver susidios nen proveyto da aqual [contepne] et menospraçe | ” |
Esta postura antisemita do bispado de Lugo, con todo, non era compartida polo mosteiro beneditino de San Vicente do Pino, que si aforaba propiedades ás persoas xudías veciñas de Monforte.[24]
Persecución
[editar | editar a fonte]O 31 de marzo de 1492 os Reis Católicos asinaron na Alhambra de Granada o Decreto da Alhambra, que prohibía vivir nas coroas de Castela e Aragón a todos os xudeus, dándolles a posibilidade de abandonaren a súa fe e se converteren ao cristianismo.[25] O Decreto da Alhambra provocou a saída de moitos xudeus dos territorios do reino, un fenómeno que non foi alleo á poboación xudía de Galiza e de Monforte de Lemos, onde principalmente fuxiron a Portugal ou a países atlánticos ou mediterráneos dende os portos galegos. Con todo calcúlase que deberon ser poucos os que se exiliaron, xa que existen referencias que apuntan que no territorio galego convertéronse en maior medida que noutros lugares.[26] O cura dos Palacios, Andrés Bernáldez, que viviu a saída do pobo xudeu de España e mesmo bautizou a algúns evitando a súa expulsión, escribiría:
“ | (...) se dirigían a los puertos y a las fronteras, iban unos cayendo, otros levantando; unos muriendo, otros naciendo, otros enfermando; que no había cristiano que no oviesse dolor dellos. E siempre por donde iban les convidaban al bautismo (...) e algunos se convertían e quedaban, pero muy pocos. E los rabbíes los iban sforçando; e façian cantar a las mugeres e mançebos, e tañer panderos e adufes, para alegrar a la gente(...) | ” |
Logo da expulsión, algunhas rúas foron rebautizadas para borrar calquera trazo da presenza xudía. Tal foi o caso da rúa da sinagoga, que pasou a chamarse rúa da Cruz, nome que se baseaba no principal símbolo cristián.[5]
A cidade de Monforte de Lemos foi un dos principais asentamentos de familias conversas de Galiza, o que se traduciu nun alto número de procesamentos por parte da Inquisición. Así, entre os séculos XVI e XVIII foi unha das poboacións galegas que rexistrou un maior número procesamentos de conversos por presuntas prácticas xudaizantes, pois na súa obra El Santo Oficio de la Inquisición en Galicia o profesor Jaime Contreras sitúa a cidade do Cabe como o cuarto núcleo con máis persoas procesadas polo Santo Oficio por detrás de Ourense, Ribadavia e Pontevedra.[27][28] Houbo varios exemplos de familias xudeoconversas procesadas pola Inquisición. Un dos primeiros casos dos que hai constancia foi o de Clara Feijoo e Violante Álvarez, cristiás novas que no ano 1581 foron acusadas de realizar prácticas xudaizantes:[29]
“ | Pendiente de Carcel. (...) Clara Feyxoo y Biolante Alvarez christianas nuevas vezinas de Monforte diocesis de Lugo fueron testificadas por (...) testigos de aoydas que havia oydo decir que estando tratando de la muger del licenciado Vazquez vecino de Monforte que es la dicha clara Feyxoo y de la dicha Biolante, que Maria Alvarez hija de la dicha Clara Feyxoo havia dicho que quando la dicha Clara Feixoo y la dicha Violante Vlvarez ayunavan hacian colacion al medio dia y no comian hasta la noche salida la estrella. Los contestes que dio no se han examinado por estar fuera del districto de la bista. |
” |
Pouco tempo despois, en 1588, o converso monfortino Miguel de Freytas e os seus descendentes foron procesados tamén polo Santo Oficio:[30]
Outros casos aparecerían no século XVII, coas acusacións a Pedro Díaz Mezquita e algúns dos seus familiares levadas a cabo en 1604 nas que nove homes afirmaban que realizaban prácticas relacionadas coa "ley de moissen".[31] Ou o de Isabel Méndez Correa, da que se di:[32]
“ | Isabel Méndez Correa, soltera natural da cidade de Monforte e veciña da vila de Pastrana, de idade de vinte e cinco anos, xudaizantes confitente, saíu ao auto en forma de penitente, con sambenito e lénselle a senteza co mérito, abxurou os seus erros, e foi reconciliada en forma, con confiscación de bens, que non tivo, hábito, e cárcere perpetuo. | ” |
No século XVIII hai constancia dos casos das familias Ávila, sendo Juan Antonio de Avila (veciño de Monforte residente en Sevilla) procesado nun auto celebrado en Sevilla o 30 de novembro de 1725,[33] e a familia Núñez, da que Juana Núñez e as súas fillas foron capturadas en 1727.[34]
Esquecemento e recuperación
[editar | editar a fonte]A expulsión, persecución e conversión forzosa do pobo xudeu en España fixo que a pegada xudía en Monforte de Lemos caese case no esquecemento. Con todo, estudos recentes recuperaron a memoria do pasado hebreo da cidade. Os estudos realizados principalmente por Felipe Aira entre 2001 e 2003 serviron para integrar a cidade na Red de Juderías de España, convertendo Monforte de Lemos na segunda cidade galega despois de Ribadavia en entrar na rede, co obxectivo de recuperar un capítulo pouco coñecido da historia monfortina, evitar o despoboamento das rúas que pertenceron á zona de ámbito xudeu, e atraer visitantes á cidade, segundo sinalou o daquela alcalde do concello de Monforte Severino Rodríguez Díaz.[35][36] En 2012 e 2013 a zona de ámbito xudeu da cidade foi promocionada por Turespaña xunto coas outras 23 localidades socias (entre elas a tamén galega Ribadavia[g]) ao decidir o organismo turístico promocionar internacionalemente a Red de Juderías de España.[37]
Para dar a coñecer esta parte da poboación organizanse distintas actividades, tanto para centros de ensino como para o público xeral,[39] como as realizadas durante o Día Internacional da Cultura Xudía polo principal investigador da historia xudía da cidade, Felipe Aira, de xeito gratuíto.[40] Outras actividades inclúen charlas e concertos coincidindo co Día Internacional da Cultura Xudía que levaron á cidade ao candidato ao músico Paco Díez, candidato ao Premio Princesa de Asturias das Artes de 2016,[41] ou José Ramón Ónega.[42]
Dende finais de 2009 existe na cidade unha pequena comunidade (dúas familias contabilizadas en 2011) que profesa o xudaísmo mesiánico, unha corrente xurdida en Inglaterra pouco coñecida en Galiza e que acepta o Novo Testamento e recoñece a Xesús (chamado polo seu nome hebreo, Yashua) como mesías.[43]
A sociedade xudía monfortina
[editar | editar a fonte]Zona de ámbito xudeu
[editar | editar a fonte]Autores como Emilio Fonseca falan da existencia dun "barrio xudeu" ou "xudaría" na cidade, situándoo na chamada "Porta da Alcazaba" (tamén chamada "de Peixarías"), onde se encontran as casas da familia xudía monfortina máis importante, a familia Gaibor (posiblemente Ibn Gaibor antes da súa conversión ao cristianismo).[44] Con todo, como ocorreu noutros lugares, en Monforte de Lemos a poboación xudía da cidade non tivo a obriga de ocupar un barrio ou rúa determinados,[3] senón que esta vivía mesturada coa comunidade cristiá. O lugar era similar ao adoptado noutras cidades, localizándose en torno ás portas da vila e nas prazas de mercado.[45] Se ben non na documentación conservada non sempre figura o lugar preciso de residencia das persoas xudías, si se sabe que os seus lugares de residencia encontrábanse tanto intramuros como extramuros,[24] e pode falarse de zonas de ámbito xudeu nas que houbo unha considerable presenza de poboación xudía, sendo a praza e rúa de Peixarías un dos puntos onde máis familias xudías se localizaron, aínda que tamén hai que salientar a Rúa Falagueira, a Rúa Vella, a Zapatería,[h], ou a zona da actual Praza de España,[3][46] e non só na actual rúa Abelardo Baanante (coñecida popularmente como A Calexa), onde durante moito tempo se pensou que se encontraba a xudaría monfortina;[45] con todo, pénsase que inicialmente a comunidade xudía puido estar localizada nesta rúa.[3]
Deste xeito, a poboación xudía tendeu a vivir nunha ladeira do monte, cara ao castelo e o mosteiro, seguindo a relación clásica medieval entre xudeus, señores feudais e mosteiros.[3]
A sinagoga
[editar | editar a fonte]Polo que se pode saber atendendo á documentación conservada da cidade, a comunidade xudía monfortina contou cunha sinagoga, se ben non se coñece con certeza a localización exacta da mesma. En base á documentación existente, sábese que o templo puido estar localizado na Rúa Falagueira, a principal rúa do Monforte medieval, localización que confirma tamén a tradición popular.[18][47] Un feito que apoia a presenza dunha sinagoga na cidade son as Ordenanzas de 1432, polas que en todo lugar no que residisen máis de dez cabezas de familia xudías tiñan que contar cunha sinagoga, e segundo a documentación consultada por Felipe Aira a cidade do Cabe contaba daquela con máis de dez familias hebreas, polo que estaría obrigada a dispoñer dunha sinagoga.[48][49]
A sinagoga encontrábase posiblemente nun terreo pechado da rúa Falagueira, actualmente en abandono en fronte do que foi a antiga casa consistorial. En dito terreo poden observarse dúas covas labradas na rocha do outeiro que puideron ser o mikve,[i] un para homes e outro para mulleres.[47] Se ben o muro e a porta que pechan o terreo semellan polo tipo de construción ser posteriores á expulsión, Emilio Fonseca considera moi probable que se tratase do mikve, que no seu tempo estaría pechado dun xeito similar ao actual.[50] Outra posible localización na mesma rúa é un terreo que conta cun estanque no que, presuntamente tivo lugar o episodio do "Cristo da colada";[49] de feito a finais do século XIX Ricardo R. Vilariño de Barbeito na súa obra Monforte, sus monumentos leyendas y tradiciones sinala:
“ | ... En oposta dirección a este paseo atopamos unha casa especial na súa forma, cobixada na súa maior parte polas pólas de vetusta hedra cuxos tentáculos arraigan e ameazan desmoronar aquel criadeiro de paxaros, culebras lagartixas e ratos que habitanen amigable e incomprensible consorcio. Esta casa ten sido a sinagoga dos xudeus e nela tivo lugar a seguinte lenda pola que recibiu e é coñecida co nome de "A Casa da Colada". | ” |
— Ricardo R. Vilariño de Barbeito, Monforte, sus monumentos leyendas y tradiciones (p. 71)[51] |
Con todo, a Rúa Falagueira non é a única localización referenciada da sinagoga monfortina. Algúns historiadores e estudosos expuxeron a posibilidade de que a sinagoga monfortina se encontrase na Rúa Nova, unha rúa medieval que abarcaba as actuais rúas Abelardo Baanante e Santo Domingo, aínda que Felipe Aira apunta que tamén se coñeceu co nome de Rúa Nova a vía inmediata á Porta Nova.[52] O historiador Antonio Vázquez Seijas fala da existencia dun barrio xudeu cunha sinagoga na cidade do Cabe:[52]
“ | ... Na parte de nacente e dentro de murallas, existía un pequeno barrio onde habitaron algúns xudeus, que tiñan unha pequena sinagoga. Este edificio foi derribado hai uns cantos anos, para aproveitar os seus materiais nunha edificación da vila. | ” |
— Antonio Vázquez Seijas, Las fortalezas de la provincia de Lugo (tomo II, p. 159)[53] |
Ambas as localizacións da sinagoga estarían apoiadas polos nomes que recibiron as rúas nas que se especula estiveron localizadas, xa que a Rúa Falagueira aparece baixo o nome de "Calle de la Cruz" en documentos dos séculos XV e XVI, un nome que recibiron logo da expulsión de 1492 moitos lugares habitados por persoas xudías e era habitual que se nomease así a rúa na que se localizase a sinagoga da cidade. Por outra banda, en Galiza e no Norte de Portugal o nome de "Rúa Nova" indica con moita probabilidade a presenza de familias xudías.[52]
Apoiando tamén a existencia dunha sinagoga da cidade existen testemuños da existencia de documentos que facían referencia a que na rúa Zapatería tería vivido un rabino. Supostamente nunca casa que aínda se conserva vivira un escribán chamado Manuel Pernaseca, por quen pasaran moitos documentos antigos, entre eles un no que se mencionaba que un rabino vivira na que residía; con todo, o documento non se conserva, xa que presuntamente o escribán fixérao desaparecer.[54]
Profesións
[editar | editar a fonte]Se ben os xudeus monfortinos ocuparon distintos chanzos da escala social e desempeñaban todo tipo de profesións, a principal actividade económica dos membros da comunidade era o comercio, especialmente da seda, prata, coiro e panos.[55] Tamén destacaron como artesáns, ademais de ser algúns membros da comunidade afamados médicos, avogados, arrendadores, ou cobradores de rendas reais e outras funcións públicas.[27][56] Segundo a tradición popular as persoas xudías e conversas que vivían en zonas como as inmediacións da Porta Nova, tiñan os seus obradoiros nos baixos das vivendas e expuñan os seus produtos dende o "tabuleiro".[j][57]
Estas actividades económicas permitíronlles a algunhas familias acumular recursos económicos que lles permitiron acceder a postos de poder na cidade como cargos no Concello, na familia condal e institucións relixiosas, ou á posesión de propiedades agrícolas.[27] Salientar como un dos casos de xudeus que alcanzou un cargo importante a nivel social a Xoán de Gaibor, xudeu converso que foi o secretario do segundo Conde de Lemos, mentres que outros membros da comunidade chegaron a ocupar cargos de administradores no concello da cidade,[56][58] ou Francisco de Lemos Pereira, quen en 1640 foi un dos sete rexedores/procuradores da Xunta do Reino de Galicia.[27]
Un exemplo de que a importancia das comunidades xudías residía máis nos cargos que ocuparon as persoas que a conformaban que o número de integrantes da mesma foi a familia Gaibor, asentada na cidade dende polo menos o século XV[k] e que acabaron por converterse ao cristianismo para evitar a expulsión de 1492. Entre as personalidades salientables da familia encontramos a Juan de Gaibor, que en 1493 era mordomo de Rodrigo Enríquez Osorio, II Conde de Lemos.[59] Posteriormente atopamos referencias a Jorge de Gaibor como concelleiro da vila e un dos mercadores máis ricos da zona,[60] a Alvaro e Francisco de Gaibor como procuradores xerais e o segundo como alcalde de ordinario.[61]
Patrimonio xudeu en Monforte de Lemos
[editar | editar a fonte]O principal vestixio xudeu da cidade é a coñecida como "lápida dos Gaibor". Trátase dunha lápida atopada presuntamente na daquela rúa da Ventaniña, na actual esquina das rúas Ricardo Quiroga e Doutor Teijeiro a finais do século XIX polo avogado residente en Monforte Rodrigo Goicoechea na súa vivenda, e que posteriormente doou ao Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. Descoñécese con todo como puido a peza funeraria aparecer nunha casa allea á historia coñecida da familia xudía máis coñecida da cidade.[62]
O pobo xudeu na cultura popular monfortina
[editar | editar a fonte]Como noutros lugares, en Monforte de Lemos algunhas lendas, tradicións, ditos populares e refráns locais, refírense ao pobo xudeu, frecuentemente de xeito pexorativo. Entre os ditos populares e refráns asociados coa comunidade hebrea atopamos:[4]
“ | Monforte de Lemos Monforte dos demos Quinientos veciños Douscentos xudíos. Monforte de Lemos quinientos vecinos trescentos ladrós e o resto xudíos. |
” |
Posiblemente estes refráns orixináranse durante os séculos XVI e XVII como consecuencia do gran número de familias conversas asentadas daquela na cidade.[63]
Tamén atópase o termo "rabudos", que era empregado para insultar as persoas que vivían na cidade, en especial aquelas que residían no barrio de San Vicente. Presuntamente este vocábulo derivaría de "rabino", se ben non existe a certeza de que así sexa.[63]
A tradición oral tamén relaciona certas vivendas da cidade con antigas familias xudías ou conversas, tal era o caso dunha vella casa na que vivira un escribán e que presuntamente fora habitada por un rabino,[64] ou unha vella casa con tabuleiro nas inmediacións da Porta Nova, posiblemente pertencente a artesáns que tiñan os obradoiros nos baixos das casas e expuñan os seus produtos nos tabuleiros.[57]
Entre os escarnios máis coñecidos contra a comunidade xudía monfortina encóntranse o chamado Cristo dos Azotes e o Cristo da Colada, cuxa existencia documéntase ata varios séculos despois da expulsión do pobo xudeu, concretamente ata a invasión napoleónica. No século XVIII un cronista da Orde franciscana chamado Frei Jacobo de Castro, nunha visita ao convento de Santo Antonio da cidade deixou constancia das dúas curiosas pezas que custodiaba:[66]
“ | Una de ellas estando azotándola unos judíos en su infame sinagoga dio voces llamando al padre guardián, quien [...] guiado de aquella lastimosa voz [...] se entró en la sinagoga y recobrando la imagen [...] tuvo tiempo para dar cuenta a un ministro del Tribunal, quien prendió y castigó a los judíos, y depositó la imagen en este convento (se refiere al de San Antonio) En cuanto a dos imágenes de Cristo muerto bien crucificado que en este convento se tienen con especial veneración de la estatura de una tercia [...] uno con el título de La Colada y este está en la Sacristía con las demás reliquias y el otro con el título de Azotes está en la celda guardianal con una estatua de San Antonio de estatura pequeña [...] Es tradición que una vil mujer la entró en una caldera de colada, que estaba hirviendo, deseando [...] borrar la hermosura de la imagen [...] Por más que sudó y afanó la proterva mujer en supultar en lo profundo de la caldera la imagen, ésta se subía a la superficie de la colada. No se ejecutó esta execrable maldad con tanta cautela que no se hiciese publica; y averiguada fue presa y castigada la mujer por el Santo Oficio [...] Sucede con esta santísima imagen una cosa bien portentosa y es que, siendo fácil abrir la caja en que está cerrada y colocada no es posible abrirse por más vueltas que se den a las llaves, si dentro de la sacristía se halla algún judío. | ” |
Grazas a un documento de 1580 sábese que Jorge de Gaibor tivo que ir a Valladolid en 1539 ao ser acusado, xunto con máis persoas da súa familia, de ter azoutado unha imaxe de Cristo, de onde viría esta coñecida lenda.[60]
Con todo, a propia crónica de Jacobo de Castro levou a algúns estudosos e historiadores a afirmar que era a propia Inquisición a que difundía estas acusacións fantásticas contra falsos conversos que practicaban o xudaísmo de xeito clandestino, cun obxectivo propagandístico e para fomentar o antixudaísmo.[67]
Tamén cómpre salientar a lenda máis coñecida da cidade, A coroa de fogo, na que nalgunha das súas versións, como a realizada polo corunés Galo Salinas,[63] outórgalle un papel salientable a un xudeu local que se encarga de subministrar o narcótico co que se produce o tráxico desenlace.[4]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Tamén denominado Edicto de Granada.
- ↑ A presenza xudía en torno aos mosteiros viría motivada polo movemento comercial que xeraban os mosteiros.[9]
- ↑ Isto corresponderíase coa actual Praza de España. Non se debe confundir coa actual igrexa de Santa María da Régoa, localizada nas proximidades da Porta de Peixarías.
- ↑
“ A presenza de pentagramas [sic] e de estrelas de David non asemella resultado de expresión de piedade. En razón, a estes signos coa iconografía cristiá, máis especificamente coa católica, está lonxe. Pola contra, están ligados a prácticas de carácter esotérico, maxia e bruxería. O pentagrama [sic] materializa un acto de exorcismo sobre un poder maléfico. É quizais polo que se encontra frecuentemente. ” — Pierre Cinquabre (citado en Aira Pardo 2017, p. 70 (apéndice documental)
- ↑ Salientar que a maior documentación conservada data precisamente deste século respecto dos anteriores.[19]
- ↑ As cantidades a pagar son expresadas en marabedís.
- ↑ Se ben daquela Tui colaboraba coa Red de Juderías de España, o seu ingreso na asociación non se produciu ata 2019.[37][38]
- ↑ Algunhas publicacións refírense a esta rúa polo nome de Travesía do Cárcere Vello ou Juana de Castro, nomes que tivo ata que se recuperou o seu nome orixinal.
- ↑ O mikve (מִקְוָה) é o nome que recibe o baño ritual xudeu.
- ↑ "Tabuleiro" é unha palabra empregada en Monforte de Lemos para designar a unha pedra que sobresae da ventá e que actuaba a xeito de mostrador.
- ↑ Esta familia encóntrase dispersa pola provincia de Lugo, mais especialmente en Lugo, Sarria e a propia Monforte de Lemos.[59]
- Referencias
- ↑ "Porta da Alcazaba". Concello de Monforte de Lemos. Consultado o 5 de setembro de 2019.
- ↑ Albo, Francisco (31 de agosto de 2019). "Un adiós definitivo a la pescadería más antigua y longeva de Monforte". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 5 de setembro de 2019.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 "Monforte de Lemos" (en castelán). Red de Juderías de España. Arquivado dende o orixinal o 17 de outubro de 2016. Consultado o 22 de setembro de 2016.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 Aira Pardo, Felipe. "Judíos, conversos y Monforte de Lemos." (en castelán). sefarad.org. Arquivado dende o orixinal o 09 de marzo de 2016. Consultado o 22 de setembro de 2016.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 "HISTORIA DE LA COMUNIDAD JUDIA EN GALICIA" (PDF) (en castelán). Consultado o 8 de decembro de 2022. Texto baseado no folleto de exposicións “As Xuderías Galegas” da Deputación da Coruña, 2002.
- ↑ 6,0 6,1 Aradilla Angulo, Antonio. Viaje por la España Judía (en castelán). Madrid: Vision Libros. p. 293. ISBN 978-84-9886-722-0.
- ↑ 7,0 7,1 Aira Pardo 2017, p. 15.
- ↑ Díaz, Luis (27 de febreiro de 2002). "La disputada lápida de los Gaibor". La Voz de Galicia (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 11 de marzo de 2014. Consultado o 30 de xaneiro de 2017.
- ↑ 9,0 9,1 9,2 Aira Pardo 2017, p. 16.
- ↑ "Lugo" (en castelán). viajesporsefarad.com. 30 de decembro de 2013. Arquivado dende o orixinal o 14 de xullo de 2017. Consultado o 27 de setembro de 2016.
- ↑ Aira, Felipe Aira (novembro de 2000). "Apuntes sobre os xudeus de Monforte". Raigame: revista de arte, cultura e tradicións populares (11): 58–73.
- ↑ 12,0 12,1 12,2 12,3 12,4 12,5 Raigame (2000), pp. 60-61
- ↑ García Blanco, Javier (28 de marzo de 2012). "El significado oculto del pentagrama" (en castelán). yahoo.com. Arquivado dende o orixinal o 16 de novembro de 2016. Consultado o 15 de novembro de 2016.
- ↑ Aira Pardo 2017, p. 17.
- ↑ Aira Pardo 2017, p. 18.
- ↑ Aira Pardo 2017, p. 18-19.
- ↑ Aira Pardo 2017, p. 21.
- ↑ 18,0 18,1 Raigame (2000), pp. 62
- ↑ Aira Pardo 2017, p. 20.
- ↑ Aira Pardo 2017, p. 19.
- ↑ de Antonio Rubio (2006), p. 32
- ↑ Arquivo Xeral de Simancas, Salamanca, citado en Aira Pardo 2017, p. 71 (apéndice documental)
- ↑ Portela Silva, M. X.: Documentos da catedral de Lugo, século XV, pp. 299-300, doc. 1147
- ↑ 24,0 24,1 Aira Pardo 2017, p. 22.
- ↑ "The Edict of Expulsion of the Jews". Foundation for the Advancement of Sephardic Studies and Culture. Consultado o 27 de setembro de 2016. Transcrición do Decreto da Alhambra. (en inglés)
- ↑ Pérez Méndez, Pablo (setembro de 2009). "Los judíos gallegos bajomedievales durante la expulsión" (PDF). Revista Garoza (en castelán) (9). ISSN 1577-8932. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 04 de novembro de 2009. Consultado o 27 de setembro de 2016.
- ↑ 27,0 27,1 27,2 27,3 Guntiñas Rodríguez, Rosa Mª. "Un ejemplo de capital de un Estado señorial" (PDF). La villa de Monforte a la luz del Catastro de Ensenada (Parte I) (en castelán): 146.
- ↑ Aira Pardo 2017, p. 36.
- ↑ Arquivo Histórico Nacional, Sección Inquisición de Santiago, Relación de Causas, Legajo 2042, carpeta 7, ano 1581. Citado en "BRUJAS, HECHICEROS, y ADIVINADORES del Valle de Lemos". jrcasan.com. Consultado o 15 de outubro de 2016.
- ↑ Archivo Histórico Nacional Sección Inquisición de Santiago, Relación de Causas, Carpeta nº 22, ano 1588. Citado en "BRUJAS, HECHICEROS, y ADIVINADORES del Valle de Lemos". jrcasan.com. Consultado o 15 de outubro de 2016.
- ↑ Archivo Histórico Nacional, Inquisición, Leg. 2042, nº 41, Fols. 9v-12r. Citado en "BRUJAS, HECHICEROS, y ADIVINADORES del Valle de Lemos". jrcasan.com. Consultado o 15 de outubro de 2016.
- ↑ Fernández Rouco, Roberto (2008). Xudeos e Conversos Galegos. Notas para unha historia pendente. Alvarellos. p. 123. Citando a Jiménez Monteserín. “Introducción a la Inquisición Española” (1980)
- ↑ Ónega, José Ramón. Los Judíos en el Reino de Galicia. pp. 520–521.
- ↑ Ónega, José Ramón. Los Judíos en el Reino de Galicia. pp. 521–522.
- ↑ "Un estudio avala la presencia judía en Monforte de Lemos". La Región (en castelán). 10 de maio de 2009. Consultado o 27 de setembro de 2016.
- ↑ "Monforte ingresa na rede de xuderías españolas Camiños de Sefarad". culturagalega.org. Consultado o 13 de xaneiro de 2017.
- ↑ 37,0 37,1 Díaz, Luis (22 de outubro de 2012). "Turespaña promocionará el barrio judío de Monforte". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 10 de outubro de 2019.
- ↑ "Béjar, Lorca, Sagunto y Tui se unen a la Red de Juderías". Red de Juderderías de España (en castelán). 28 de marzo de 2019. Consultado o 10 de outubro de 2019.
- ↑ "Monforte de Lemos" (PDF) (en castelán). Caminos de Sefarad. p. 16. Consultado o 5 de setembro de 2019.
- ↑ "Visitas guiadas para conocer el pasado judío monfortino". La Voz de Galicia (en castelán). 31 de agosto de 2018. Consultado o 5 de setembro de 2019.
- ↑ "Visitas guiadas al barrio judío y un concierto de música sefardí el domingo, 2 de septiembre" (en castelán). Concello de Monforte de Lemos. 31 de agosto de 2018. Consultado o 5 de setembro de 2019.
- ↑ Carballo, Pablo (8 de agosto de 2000). "La estrella de David en Monforte". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 5 de setembro de 2019.
- ↑ Albo, Francisco (13 de xaneiro de 2011). "Judíos mesiánicos en Monforte". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 16 de outubro de 2016.
- ↑ Fonseca Moretón 2004, p. 452.
- ↑ 45,0 45,1 Aira Pardo, Felipe. "Judíos y conversos de Monforte de Lemos" (en castelán). The International Raoul Wallenberg Foundation.
- ↑ Aira Pardo, Felipe. "RÚA PESCADERÍAS" (en castelán). jrcasn.com. Consultado o 26 de xaneiro de 2017.
- ↑ 47,0 47,1 Aira Pardo, Felipe. "RÚA FALAGUEIRA" (en castelán). jrcasn.com. Consultado o 15 de novembro de 2016.
- ↑ Raigame (2000), pp. 62-63
- ↑ 49,0 49,1 Aira Pardo 2017, p. 25.
- ↑ Fonseca Moretón 2004, p. 464.
- ↑ Citado en Aira Pardo 2017, p. 78 (apéndice documental)
- ↑ 52,0 52,1 52,2 Aira Pardo 2017, p. 26.
- ↑ Citado en Aira Pardo 2017, p. 79 (apéndice documental)
- ↑ Aira Pardo 2017, p. 66-67.
- ↑ "Un poco de historia" (en castelán). Concello de Monforte de Lemos. Arquivado dende o orixinal o 02 de febreiro de 2017. Consultado o 26 de xaneiro de 2017.
- ↑ 56,0 56,1 Prólogo de Ángel Arnáiz González a Judíos y conversos de Monforte de Lemos, páxinas 7 a 11.
- ↑ 57,0 57,1 Aira Pardo 2017, p. 67.
- ↑ "Monforte de Lemos". Ribeira Sacra. Arquivado dende o orixinal o 02 de febreiro de 2017. Consultado o 26 de xaneiro de 2017.
- ↑ 59,0 59,1 Aira Pardo 2017, p. 27.
- ↑ 60,0 60,1 Aira Pardo 2017, p. 30.
- ↑ Aira Pardo 2017, p. 32.
- ↑ Díaz, Luis (21 de febreiro de 2002). "La disputada lápida de los Gaibor". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 10 de outubro de 2019.
- ↑ 63,0 63,1 63,2 Aira Pardo 2017, p. 65.
- ↑ Aira Pardo 2017, p. 66.
- ↑ Aira Pardo, Felipe. "Campo de San Antonio" (en castelán). jrcasan.com. Consultado o 28 de setembro de 2016.
- ↑ "Monforte de Lemos" (en castelán). Red de Juderías de España. Arquivado dende o orixinal o 17 de outubro de 2016. Consultado o 22 de setembro de 2016.
- ↑ Aira Pardo 2017, p. 48.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Aira Pardo, Felipe (2017). Judíos y conversos de Monforte de Lemos (en castelán) (1ª ed.). Agrasar Editores. ISBN 978-84-9404-559-2.
- Antonio Rubio, Mª Gloria de (2006). Los judíos en Galicia (1044-1492). Colección Galicia Histórica (en castelán) (Fundación Pedro Barrié de la Maza). p. 681. ISBN 84-95892-50-2.
- Fonseca Moretón, Emilio (2004). "Viviendas de judíos y conversos en Galicia y el Norte de Portugal" (PDF). Anuario Brigantino (en castelán) (27): 452, 453 e notas da 464.
- Ónega López, José Ramón (1981). Los judíos en el Reino de Galicia (en castelán). Madrid: Editora Nacional. p. 722. ISBN 8427605498.
- Varios (novembro de 2000). Felipe Aira Pardo é o autor da información sobre a comunidade xudía de Monforte de Lemos. "Especial Xudeus da Galiza". Raigame (Deputación de Ourense) (11): 98. Arquivado dende o orixinal o 04 de xullo de 2013. Consultado o 2 de setembro de 2016.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- "Monforte de Lemos". GalizaSefarad. Consultado o 1 de setembro de 2016.
- Ajzen, Daniel. "España/Sefarad 6a. parte: Monforte de Lemos: “500 habitantes, 300 ladrones y los demás judíos”" (en castelán). diariojudio.com. Consultado o 1 de setembro de 2016.