Ifixenia en Áulide
Ifixenia en Áulide | |
---|---|
Título orixinal | Ἰφιγένεια ἐν Αὐλίδι |
Autor/a | Eurípides |
Lingua | Grego antigo |
Xénero(s) | traxedia grega |
Na rede | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Faltan ligazóns internas neste artigo ou sección. Por favor, axude wikificándoo. |
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Ifixenia en Áulide[1] (Ἰφιγένεια ἐν Αὐλίδι) é unha traxedia do autor grego Eurípides. Esta obra, a última que se conserva do autor, foi escrita no ano 408 a.C, un ano despois que Orestes, pero representouse postumamente, no 406 a.C. Pertence a unha triloxía de obras xunto con As Bacantes e Alcmeón en Corinto, que non se conserva. Gañou o primeiro premio nas Dionisíacas de Atenas e foi representada polo seu fillo ou sobriño, Eurípides o Novo.
A obra narra o destino de Ifixenia, filla de Agamenón e Clitemnestra. O rei debe sacrificar á súa filla para que as tropas aqueas poidan partir cara á Guerra de Troia. Fai chamar tanto á nai como á filla co pretexto dun casamento entre Aquiles e Ifixenia, pero ao chegar desvelarase o verdadeiro fin da muller. Aínda que ao principio ela amosa resistencia, acaba por renderse e aceptar a súa fortuna.
Contexto histórico
[editar | editar a fonte]Eurípides escribe a obra arredor do 408 a. C., tres anos antes da súa morte e retirado na corte de Arquelao I de Macedonia. A súa representación non sería ata o 406 a. C., xa postumamente. Durante a redacción da traxedia, Atenas, a súa polis natal, estaba implicada na Guerra do Peloponeso contra Esparta e a súa potencia militar, enfrontamento que remataría coa rendición de Atenas e posterior goberno dos Trinta Tiranos no 404 a. C., mandato que só se estendería un ano polo levantamento de Trasíbulo para restaurar o réxime democrático anterior. Estes anos de guerra supoñen unha decadencia na calidade das artes en Atenas con relación ao período anterior, a Pentecontecia, tempo de triunfos como líder da Liga de Delos e un auxe cultural e democrático con Pericles ao temón da cidade.
Contexto mitolóxico
[editar | editar a fonte]Ifixenia[2] era unha das tres fillas de Agamenón, rey de Micenas, e Clitemnestra. Por parte do seu pai, formaba parte dos atridas, os descendentes de Atreo. Esta descendencia estivo marcada pola violencia e a traizón. Trala fuxida ou rapto de Helena, muller de Menelao, irmán de Agamenón, os aqueos se dispuñan a emprender unha expedición contra Troia. A frota estaba preparada para saír do porto da cidade de Áulide, mais de súpeto o vento detívose.
Agamenón[3] cazara un dos cervos sagrados de Artemisa e alardeara de ser mellor cazador ca ela. O adiviño Calcas profetizou polo tanto que o mar en calma era obra da deusa, que reaccionara contra o atrevemento do rei. O augur determinou que a solución para que os barcos, inmóbiles, puideran partir da cidade rumbo a Troia, era sacrificar a Ifixenia. Aínda que ao principio Agamenón non quere sacrificar á súa filla e se debate entre os seus sentimentos e as súas obrigas, finalmente toma a decisión de efectuar a inmolación, presionado polas tropas e especialmente polo seu irmán Menelao.
Personaxes
[editar | editar a fonte]Ifixenia: a menor das fillas de Agamenón e Clitemnestra. No inicio está eufórica pola promesa de voda proposta polo seu pai, así e todo, cando coñece a verdade, deixa pasar o enfado para aceptar a súa morte en beneficio das tropas aqueas.
Agamenón: rei de Micenas e líder do exército aqueo na guerra de Troia. Pai de Ifixenia e irmán de Menelao. É o que debe tomar a decisión de sacrificar á súa filla e, aínda que dá a orde nun principio suscitado pola súa ambición, conclúe co seu arrepentimento e rexeitamento a ver a Ifixenia defunta.
Ancián: escravo de Agamenón.
Menelao: rei de Esparta e irmán de Agamenón. Co motivo da guerra, está disposto a sacrificar á súa sobriña, non obstante, cambia de parecer ao comprender a retractación de Agamenón e o apoia.
Dous mensaxeiros
Clitemnestra: esposa de Agamenón e nai de Ifixenia. Sofre un engano xunto coa súa filla que a levara a tomar represalia contra o seu marido cando regresa da Guerra de Troia.
Aquiles: o mellor guerreiro dos aqueos. Tras decatarse do emprego do seu nome para enganar a Ifixenia, entra en cólera e comprométese a impedir o sacrificio.
Coro: formado por rapazas de Calcis.
Argumento[4] e comentario métrico
[editar | editar a fonte]- Prólogo (1-165).
A métrica é de tetrámetros anapésticos no diálogo entre Agamenón e o escravo, constituídos por catro pés métricos anapésticos que cumpren o esquema de dúas sílabas átonas seguidas dunha tónica. Isto ofrece un ritmo rápido á acción cun ton melódico. No prólogo de Agamenón empréganse trímetros iámbicos, formados polo esquema X — ∪ — |X — ∪ — |X — ∪ — |.
A obra comeza con Agamenón unha noite no campamento da Áulide, debatendo se levar a cabo ou non o sacrificio da súa filla. O adiviño Calcante anunciara a necesidade de levar a cabo esta tarefa con fin de calmar á deusa Atenea e poder partir cara á Guerra de Troia. Entrégalle unha carta a un ancián que estaba fóra do campamento para que a faga chegar a Clitemnestra, co obxectivo de rectificar unha misiva anterior na que lle dicía á súa muller que levara a Ifixenia a Áulide para casar con Aquiles.
- Párodo (166-302).
É un canto de entrada do coro conformado por sistemas anapésticos e ritmos iámbicos e trocaicos. Seguiría o esquema de dúas sílabas breves e unha larga ∪ ∪ —[5].
Nesta parte da obra un coro de mulleres de Calcis entoa un largo canto para describir de forma lírica o esplendor das naves aqueas que planean partir cara a Troia e tamén dos heroes que loitarán. Destacan a dimensión das naves gregas.
- Episodio 1º (303-542).
Menelao, irmán do rei, intercepta ó ancián que debía entregar a carta á muller de Agamenón. Ambos comezan a discutir na entrada e Agamenón sae alarmado. Menelao intenta convencer a Agamenón de que non envíe a misiva e de que cumpra a súa obrigación de protexer á comunidade e deixe atrás os seus motivos persoais, xa que iso podería levar á sublevación dos soldados. No momento do argumento chegan Clitemnestra, Orestes e Ifixenia, a familia de Agamenón. O rei non sabe como actuar ante eles e Menelao compadécese do seu irmán e dille que non mate a Ifixenia. Ambos personaxes experimentan unha metabolé, é dicir, unha transformación. Agamenón está disposto ao sacrificio e Menelao cambia totalmente o seu parecer e quere evitalo.
- Estásimo 1º (543-589).
A métrica deste apartado está composta por coriambos (—∪∪—) e por versos de ritmo trocaico (—∪).
O coro eloxia a mesura e o pudor no amor e critica a conduta que tivera Paris con Helena, feito que levou aos gregos á guerra e que explica a situación na que se atopan.
- Episodio 2º (590-750).
Comeza coa entrada en escena da familia de Agamenón. Cando Ifixenia ve ao seu pai corre desesperada para apertarlo e pedirlle que volva a casa. Este suplícalle chorando que entre, xa que non pode mirala á cara. Nese intre chega á escena Clitemnestra. Ela e o seu marido falan sobre diferentes aspectos da voda, pero Agamenón intenta que a súa muller volva a Argos sen éxito algún.
- Estásimo 2º (751-800).
Este apartado denomínase estásimo ditirámbico, empregado para achegar un ritmo de expedición, a mesma que realizarán a Troia as tropas gregas. O esquema métrico que segue é de versos de ritmo eolio, formado principalmente por coriambos (—∪∪—).
O coro relata como as tropas aqueas chegarán á terra dos frixios e acabarán con Príamo e a súa familia.
- Episodio 3º (801-1035).
Aquiles, futuro esposo, entra en escena. O fillo de Tetis está desexoso de partir, xa que alí todos abandonaran o seu fogar para loitar na guerra. Clitemnestra escóitao e sae para presentarse como nai da súa nova muller. Aquiles, ao non comprender do que está a falar Clitemnestra, fai que a mentira de Agamenón quede ao descuberto. Ambos personaxes decátanse de que foran enganados. Un antigo escravo da familia admite a trampa do seu anterior amo, e explícalles que este debe matar a Ifixenia para procurar que Helena se poida salvar. Clitemnestra suplícalle a Aquiles que salve a súa filla, e este apiádase dela. Deciden que primeiro Clitemnestra rogará pola vida de Ifixenia, e se iso non fose suficiente, interviría Aquiles.
- Estásimo 3º (1036-1097).
A métrica deste apartado está formada por un núcleo coriámbico (—∪∪—) e versos de ritmo eolio. Cabe destacar un pequeno cambio no ritmo métrico, que se abre cun primeiro verso coa medida de ∪∪∪—.
O coro fala da dualidade dos fados de Aquiles e Ifixenia. O primeiro pola súa parte xa lle foi profetizado nas vodas de Tetis e Peleo que triunfaría na Guerra de Troia. Ifixenia por outra parte será sacrificada antes da propia Guerra de Troia.
- Episodio 4º (1098-1275).
Clitemnestra sae da súa tenda e enfróntase ao seu marido Agamenón pola súa intención de sacrificar a Ifixenia, logo Clitemnesta chama a Ifixenia para que saia da tenda e esta sae co seu irmán. Despois Clitemnestra acusa claramente ao seu marido polo crime que quere cometer, Agamenón asústase porque as súas intencións foron descubertas. Entón Clitemnestra encárase a Agamenón nun monólogo onde conta por que non ten que matar á súa filla. Seguidamente o Corifeo dálle a razón a Clitemnestra e Ifixenia comeza a suplicar ao seu pai que non a mate nun monólogo. Ao rematar Ifixenia, o Corifeo bótalle a culpa a Helena das desgrazas e Agamenón deféndese das súplicas dicindo que todo isto o fai polo ben da Hélade, do ben común.
Lamento de Ifixenia (1276-1337). É a súplica de Ifixenia a súa nai polo seú sacrificio, tamén culpa a Paris e a Helena de tódalas súas desgrazas, á súa vez Clitemnestra e o Corifeo só poden compadecerse dela.
Continuación do episodio 4º (1338-1508). Entra Aquiles na escena para contar ás dúas mulleres que el xa sabe do sacrificio e vai defender á súa próxima muller. Polo tanto, Ifixenia, ao ver a vontade dos aqueos e da maioría, decide ofrecerse voluntariamente ao sacrificio. Aquiles dáse conta do boa que é Ifixenia e quere defendela, pero esta segue querendo sacrificarse polo ben común e Aquiles acepta, pero di que levará as armas por se cambia de idea. Despois Ifixenia fala coa súa nai, dille que non se lamente, nin faga ningún rito funerario, só que celebre porque é a salvadora de Grecia, que coide de Orestes e non lle garde odio a Agamenón. Logo deixa á súa nai mentres ela suplica que non a abandone, pero Ifixenia camiña cara ao seu sacrificio cun monólogo alentando á celebración do seu sacrificio seguido polo coro.
- Estásimo 4º (1509-1531).
É o lamento do coro polo sacrificio de Ifixenia e a pregaria de que este mesmo sacrificio faga que os gregos cheguen seguros a Troia, ademais dun rezo a Ártemis.
- Éxodo (1532-1629).
Este apartado ten distintos ritmos métricos. En primeiro lugar está formado por versos de carácter trocaico (—∪), aos que seguen uns versos dactílicos (—∪∪) e despois se inicia un sistema iámbico co esquema —∪/∪—. Finalmente, comeza unha serie anapéstica con versos dactílicos. Ao largo de todo o éxodo existe unha alternancia de dímetros e trímetros de carácter iámbico e trocaico.
Entra o mensaxeiro a contar o que pasou no sacrificio de Ifixenia. Nel di que o corpo da doncela foi cambiado polo dunha cerca e non se sabe que foi dela. Clitemnestra, ao escoitar o relato, dubida de se é certo que a súa filla morreu ou non. Pouco despois entra Agamenón para despedir a obra falando do feliz que está porque a súa filla está cos deuses.
Temática e dilema moral
[editar | editar a fonte]Un dos dilemas presentes na obra de Eurípides é o sacrificio do persoal a favor dun ben común[6]. A importancia outorgada á colectividade en Grecia tiña o obxectivo de magnificar a cidade e a reputación dunha sociedade, aínda que iso significase renunciar aos propios bens.
Neste caso, a belicosidade e ambición de Agamenón levan á morte da súa propia filla co motivo de favorecer a súa frota e así atacar na guerra. O cargo de rei que exerce Agamenón vai acorde coa súa personalidade, xa que é impulsado constantemente polas súas ansias de gañar e goberna con mesquindade.
Eurípides exemplifica a personalidade de Agamenón co engano cara a súa filla e o arrepentimento de despois, deixando ver un home egoísta que reflexiona posteriormente sobre as consecuencias ás que poidan levar as súas accións.
O dilema de salvar á súa filla ou conseguir ventos favorables é proposto por Artemisa, quen, a pesar de non existir na obra como personaxe, logra adquirir personalidade a través dos diálogos escollidos meticulosamente polo autor. Eurípides deixa ver os deuses como unhas figuras humanizadas con aspiracións e sentimentos terreais, levados pola vinganza ou a concordia.
Aínda que a procura do mellor para un grupo é o principal obxectivo dos aqueos, Agamenón non deixa de sentir arrepentimento e aflición pola súa filla. Isto dota de realismo ás personaxes e xustifica que é correcto pasar un mal momento e levar a cabo un sacrificio se a recompensa beneficia á patria.
Ifixenia nos tauros
[editar | editar a fonte]Eurípides continúa a historia de Ifixenia na súa seguinte obra, Ifixenia entre os tauros[7].
Ifixenia no derradeiro momento do seu sacrificio foi salvada por Artemisa e a mesma deusa levouna ao país dos tauros e converteuna na súa sacerdotisa, para que se encargase de levar a cabo os sacrificios humanos dos estranxeiros que entrasen alí.
Cando o seu irmán Orestes matou á súa nai Clitemnestra e ao amante desta, Existo, foi perseguido polas Erinias e absolto de xuízo. Debidio a isto, Apolo presentouse ante Orestes e díxolle que para librarse do castigo das Erinias tiña que ir ata o país dos tauros e traer a estatua de Artemisa a Grecia.
Entón Orestes viaxa co seu compañeiro Pílades ao país dos tauros co plan de roubar a estatua, pero uns boieiros os capturan e os levan ata onde está Ifixenia. Esta mesma tivo un soño que interpretou como a morte do seu irmán, así que ao chegar os estranxeiros ela prepárase para sacrificalos, aínda pensando que Orestes estaba morto. Antes do sacrificio pregúntalles pola súa orixe e, sen saber quen son, decátase do que lle pasou a Orestes e o libera coa condición de que lle envíe á familia de Ifixenia noticias desta nunha taboíña, pero á súa vez o único condenado a morte sería Pílades. Orestes négase e pide intercambiar os postos, que el sexa sacrificado e Pílades leve a taboíña e viva. Ifixenia acepta o trato, pero por se lle puidese pasar algo á taboíña, a doncela léelles a mensaxe. Nese intre os irmáns recoñécense.
Entón Ifixenia fai un plan para fuxir. Cóntalle ao rei que os presos teñen que purificarse na estatua de Artemisa na praia. Deste modo conseguen fuxir, ademais, cando o rei intenta perseguilos, Atenea ordénalle parar. Logo vai cara Orestes e lle fai prometer que cando chegue constrúa un templo para a estatua roubada de Artemisa.
Transmisión e recepción
[editar | editar a fonte]Transmisión
[editar | editar a fonte]No século IV a. C., o escrito tráxico foi levado á escena polo fillo do autor, gañando o primeiro premio no concurso teatral das Dionisíacas. Non só se representaba en festexos relixiosos, senón que acompañada coa obra Ifixenia entre os Tauros noutros tipos de contextos escénicos, que se menciona posteriormente na literatura imperial romana. Reflectido nos vasos atopados nas escavacións no sur da Península Itálica, as traxedias de Eurípides eran representadas no teatro romano primitivo, a pesar de non contar con testemuños escritos que o corrobore. Da traxedia Ifixenia en Áulide consérvanse distintas imaxes dos actores e do propio mito nas cerámicas.
As obras de Eurípides mantéñense estables na transmisión escrita ao longo da historia, chegando ata a actualidade a meirande da produción do escritor, xa que se consideran obras de alta calidade e gran innovación tanto nos temas a tratar no argumento como a posta en escena. No labor de recolección para a conservación dos textos dramáticos gregos, os alexandrinos recolleron e almacenaron na Biblioteca de Alexandría o texto íntegro de Ifixenia en Áulide. Aínda que outras fontes tamén afirman a petición ao goberno ateniense do préstamo das obras de Esquilo, Sófocles e Eurípides, co fin de elaborar unha copia e ofrecendo grandes sumas de capital como fianza, elevando o prestixio dos escritos. Proba diso, o bibliotecario Aristófanes de Bizancio elabora no século III a. C. unha selección de trinta obras de Eurípides que consideraba de maior técnica para un público culto, e entre elas Ifixenia en Áulide. Os primeiros papiros conservados deste período helenístico, dende o século III a. C. ata o I a. C., foron dous manuscritos, os que as lapas non destruíron tras a queima da biblioteca.
Xa na época romana do Imperio, do século I a. C. ata o IV d. C., a produción xeral de copias da obra de Eurípides aumenta exponencialmente. Non obstante, só se conserva un manuscrito desta traxedia. Máis tarde, no período bizantino e árabe arcaico nos séculos V-VII d. C., non queda rexistro primario dunha copia da obra, de calquera forma Ifixenia en Áulide, testemuñada por fontes externas. Xunto coas obras Heracles e Ifixenia nos Tauros, todas elas tiveron un éxito crecente nesta época.
Non transcenden máis rexistros sobre manuscritos da traxedia euripídea ata a primeira metade do século XIV, que xunto con outras composicións do mesmo autor, elaborouse o Códice Palatino grego[8], manuscrito principal e documento de referencia do texto grego en futuras edicións.
Coa invención da imprenta ao comezo do século XVI, Erasmo de Rotterdam elaborou traducións análogas das traxedias de Hécuba e Ifixenia en Áulide para seren impresas en París. Mesmo así, pola magnitude de faltas da edición, Erasmo descarta o escrito. Por ese motivo, anos despois en Italia, decide reimprimir unha nova edición corrixida e estableceu a editio princeps oficial.
Recepción
[editar | editar a fonte]O argumento de Ifixenia en Áulide serviu como inspiración para outras obras ao longo da historia ata a actualidade[9].
A película The Killing of a Sacred Deer (2017), do director grego Yorgos Lanthimos (Γιώργος Λάνθιμος), é unha reinterpretación da obra de Eurípides. No propio título da película faise referencia ao sacrificio de Ifixenia, aínda que a cinta adapta o mito de forma mais escura.
Iphigénie (1674), do escritor francés Jean Racine, é unha obra de teatro que tivo un grande éxito inicial. Da mesma maneira que a obra de Eurípides, a personaxe que ten máis peso na obra é Ifixenia, pero a obra introduce unha nova personaxe que cambia o curso da historia: Erifila. Esta moza orixinaria de Lesbos é secuestrada por Aquiles e namórase del, e acaba sendo ela quen morre suicidándose por non ser ela quen vai casar con Aquiles.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Eurípides (1979). Tragedias III (Trad. C. García Gual, Trad.). Gredos.
- ↑ Grimal, P. (2008). Diccionario de Mitología Griega y Romana. Madrid: Grupo Planeta.
- ↑ "Agamenón el belicoso rey de Micenas". historia.nationalgeographic.com.es (en castelán). 2023-05-17. Consultado o 2024-01-27.
- ↑ "Fuentes Gonzalez, P. P. (s. f.). Los elementos estructurales del drama griego antiguo." (PDF).
- ↑ "Guzmán, A. (1976). Los coros de Ifigenia en Áulide: análisis métrico y traducción.".
- ↑ "Violeta Varela Álvarez, La Ifigenia en Aúlide de Eurípides: lo sublime y el poder, El Catoblepas 48:14, 2006". www.nodulo.org. Consultado o 2024-01-27.
- ↑ "El Sayegh, Hamid. (2022, 16 agosto). Lo femenino en ifigenia en áulide e ifigenia entre los tauros.".
- ↑ "Vatikan, Biblioteca Apostolica Vaticana, Pal. gr. 287 Philologische Handschrift mit attischen Tragödien (Thessaloniki?, 1. Hälfte des 14. Jhs.)". digi.ub.uni-heidelberg.de. Consultado o 2024-01-27.
- ↑ García, Alejandro Valverde (2022-01-01). "Yorgos Lanthimos: La recepción clásica en su filmografía". Metakinema 26, 57-63.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Álvarez, N. (2018). El mito de Ifigenia en Áulide: la violencia en el sacrificio ritual de las parthenoi. DOAJ (DOAJ: Directory of Open Access Journals). https://doi.org/10.15517/rk.v41i3.31949
- Biblioteca Palatina Digital (2023, 27 septiembre). https://digi.ub.uni-heidelberg.de/diglit/bav_pal_gr_287/0271/image,info,thumbs
- Denisse, D. (s. f.). Ifigenia en áulide. En Scribd. https://es.scribd.com/document/265666115/Ifigenia-en-Aulide
- El Sayegh, Hamid. (2022, 16 agosto). Lo femenino en ifigenia en áulide e ifigenia entre los tauros. eZcultura. https://ezcultura.com/2022/06/01/lo-femenino-en-ifigenia-en-aulide-e-ifigenia-entre-los-tauros%EF%BF%BC/
- Eurípides (1979). Tragedias III (Trad. C. García Gual, Trad.). Gredos.
- Fuentes Gonzalez, P. P. (s. f.). Los elementos estructurales del drama griego antiguo. https://core.ac.uk/download/pdf/230541165.pdf
- Gómez, B., Monsalve, B., & Álvarez, J. (2017, octubre). IFIGENIA EN ÁULIDE. https://jorgegomezarias.blogspot.com/p/ifigenia-en.html
- González De La Puente, M. (2017, 12 marzo). Ifigenia en Áulide. Rincón del Vago. https://html.rincondelvago.com/ifigenia-en-aulide.html
- Guzmán, A. (1976). Los coros de Ifigenia en aulide: análisis métrico y traducción. En ResearchGate. https://www.researchgate.net/publication/27577030_Los_coros_de_Ifigenia_en_Aulide_Analisis_metrico_y_traduccion
- Márquez Martínez, Esther (2021). El mito de Ifigenia en las letras hispánicas: de las recreaciones medievales a las lecturas ilustradas. https://idus.us.es/bitstream/handle/11441/116413/M%c3%a1rquez%20Mart%c3%adnez%2c%20Esther%20Tesis.pdf?sequence=1&isAllowed=y
- Martínez, Óscar. (2023, 17 mayo). Agamenón el Belicoso Rey de Micenas. Historia. National Geographic. https://historia.nationalgeographic.com.es/a/agamenon-belicoso-rey-micenas_19563
- Qualitas, D. (2023, 28 noviembre). Qué es Anapesto. definición y ejemplos. En Estudiar Periodismo Online. https://estudiarperiodismoonline.com/anapesto/
- Tercero, L. R.(2023, 8 junio). Ifigenia en áulide – Eurípides – sacrificio de ifigenia. En Literatura Clásica - Las mejores obras de todos los tiempos. https://literaturaclasica.net/ifigenia-en-aulide/
- Valverde García, Alejandro(2022). Yorgos Lanthimos: La Recepción Clásica en su Filmografía. Metakinema 26: 57-63. https://www.academia.edu/94325289/Yorgos_Lanthimos_La_recepci%C3%B3n_cl%C3%A1sica_en_su_filmograf%C3%ADa.
- Varela Álvarez, Violeta. (2006, febrero) La ifigenia en Aúlide de Eurípides: Lo sublime y el poder. El Catoblepas. 48:14 https://www.nodulo.org/ec/2006/n048p14.htm