Indicador ordinal
◌º ◌ª |
---|
Indicador ordinal |
Signos ortográficos |
punto ( . ) coma ( , ) |
Outros signos auxiliares |
antilambda ( < > ) antígrafo ( ¶ ) |
Un indicador ordinal é un signo que se coloca tras un número para indicar que debe ser interpretado coma un ordinal e non un cardinal. Historicamente formouse a partir da última letra ou grupo de letras do nome do ordinal que representa, polo que a tipografía utilizada varía de acordo co idioma.
Uso
[editar | editar a fonte]Galego, portugués, castelán e italiano
[editar | editar a fonte]Nestas linguas os signos empregados son º para o xénero masculino e ª para o feminino.
Número cardinal | Número ordinal masculino | Número ordinal feminino |
---|---|---|
1 (un) | 1º (primeiro) | 1ª (primeira) |
2 (dous) | 2º (segundo) | 2ª (segunda) |
3 (tres) | 3º (terceiro) | 3ª (terceira) |
10 (dez) | 10º (décimo) | 10ª (décima) |
100 (cen) | 100º (centésimo) | 100ª (centésima) |
En castelán tamén se empregan 1.er (“primer”) e 3.er (“tercer”) para representar as formas apocopadas de "primero" e "tercero".
Convén sinalar que o signo de ordinal masculino º é confundido frecuentemente co símbolo de grao, que, en troques, é °. Isto débese a que en moitas fontes os dous signos son case idénticos. Non obstante, en xeral, poden recoñecerse pola forma: mentres que o símbolo de grao é unha circunferencia uniforme, o índice ordinal pode ser ovalado ou elíptico, e ademais nalgunhas fontes a letra 'o' pode aparecer subliñada.
Con todo, para evitar confusións, o portugués e o castelán [1] prescriben a colocación dun punto entre o número e o indicador ordinal: 1.º (primeiro), 2.º (segundo), 3.º (terceiro) etc.
Francés
[editar | editar a fonte]Os sufixos utilizados no francés, que se colocan en forma sobrescrita sempre que é posible, son:
- -er para o número 1 se o obxecto cualificado é masculino (p. ex. : 1er — premier)
- -re para o número 1 se o obxecto cualificado é feminino (p. ex. : 1re — première)
- -e ou -ème para todos os outros números (p. ex. : 2e ou 2ème — deuxième)
Para o número 2 tamén existen as formas masculina 2nd, a partir de second, e feminina 2nde, a partir de seconde.
Inglés
[editar | editar a fonte]En inglés utilízanse as seguintes combinacións de letras:
- -st para os números terminados en 1 (p. ex. : 1st; 21st)
- -nd para os números terminados en 2 (p. ex. : 2nd; 22nd)
- -rd para os números terminados en 3 (p. ex. : 3rd; 23rd)
- -th para os números terminados en 11, 12 ou 13, que fan excepción ás regras anteriores, e para todos os demais (p. ex. : 11th ; 12th; 13th; 24th; 25th; 111th; 112th; 113th).
Por influencia do francés, estas letras acostumaban empregarse no pasado en forma sobrescrita (p. ex. : 2nd, 34th) mais hoxe en día prevalece a colocación na liña de base do texto.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Real Academia Española (ed.). "Diccionario panhispánico de dudas". Consultado o 8 de decembro de 2013.