Jheronimus de Clibano
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1459 (Gregoriano) 's-Hertogenbosch, Países Baixos |
Morte | 1503 (Gregoriano) (43/44 anos) |
Actividade | |
Ocupación | compositor |
Jheronimus de Clibano (coñecido tamén como Jérôme de Clibano e Jhérome du Four), nado en 's-Hertogenbosch, no actual Reino dos Países Baixos, arredor de 1459 e finado entre o 26 de marzo e o 16 de maio de 1503, foi un compositor e cantante renacentista pertencente á escola francoflamenga. Foi un dos membros da Grande Capela dos Habsburgo, o afamado coro de Filipe I de Castela, na mesma época que Pierre de la Rue.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Jheronimus Clibano naceu nunha familia de músicos: o seu pai, Nicasius (ou Nicaise) de Clibano e o seu irmán, Jan de Clibano, tamén eran cantantes, e ademais o pai era, como el, compositor. Jheronimus naceu na vila de 's-Hertogenbosch, na rexión de Brabante do Norte. Hoxe non se coñecen detalles da súa vida, pero crese que comezou a aprender a música co seu pai e posteriormente completou a súa formación práctica e teórica nunha escola de canto da súa localidade dependente dalgunha das numerosas igrexas, como era habitual na época.
Entre novembro de 1484 e principios 1488, foi cantante da Ilustre Lieve Vrouwe Broederschap ("Ilustre Confraría da Nosa Señora"), na súa vila natal. Nalgún Momento posterior marchou para Bruxas, onde se inscribiu como mestre de capela (succentor), na catedral de San Donatiano. Os rexistros do lugar amosan que foi acusado de neglixencia e foi destituído do seu posto en 1497. En 1499, traballou na catedral de Nosa Señora de Anveres en substitución doutro músico que prestaba os seus servizos no cabido catedralicio, o nomeado compositor Jacob Obrecht.[1]
Filipe I de Castela reclamou a Clibano para a súa Grande Capela como cantante, o 6 de agosto de 1500, o mesmo día que a Alexander Agricola, un compositor moito máis coñecido ca el no momento. Segundo a documentación conservada, Clibano progresou axiña, máis que Agricola, aínda que sen chegar a acadar o nivel de Pierre de la Rue. Viaxou a España para o seu servizo na Grande Capela, mais morreu durante a viaxe de regreso, probablemente en Lión, onde pola documetación se coñece que estaba vivo entre o 25 de marzo de 1503 e o 15 de maio do mesmo ano, cando xa se fala del como falecido.[2]
Música
[editar | editar a fonte]Atribúenselle tres obras a Jheronimus de Clibano. A primeiro, a máis fiable, é un motete para catro voces titulado Festivitatem dedicationis, que foi escrita para a dedicación dunha igrexa. As outras pezas son unha misa cíclica con base no Asperges me, a Missa et super nivem dealbabor, e un Credo de villagiis (publicado por Ottaviano Petrucci en 1505). Algunhas fonte atribúen as misas e o credo pode ao pai de Jheronimus, Nicasius de Clibano.[3]
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Reese, Gustave. Music in the Renaissance. NovaYork, W.W. Norton & Co. 1954. [ISBN 0-393-09530-4]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Stanley Boorman; Eric Jas. "Jheronimus de Clibano"». En Grove Music Online. Ed. L. Macy.
- ↑ Meconi, Honey. Pierre de la Rue and Musical Life at the Habsburg-Burgundian Court. Oxford, Oxford University Press. 2003. Páxina 35. [ISBN 0-19-816554-4]
- ↑ Meconi, Honey. Pierre de la Rue and Musical Life at the Habsburg-Burgundian Court. Oxford, Oxford University Press. 2003. Páxina 72. [ISBN 0-19-816554-4]