Joop Zoetemelk
Hendrik Gerardus Jozef Zoetemelk, nado en Rijpwetering o 3 de decembro de 1943, é un ex ciclista neerlandés, eterno segundo (en 6 ocasións) no Tour de Francia durante o dominio absoluto exercido primeiro por Eddy Merckx e despois por Bernard Hinault.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Como afeccionado, gañou unha medalla de ouro nos Xogos Olímpicos de 1968 na crono por equipos e o Tour do Porvir de 1969. No primeiro Tour no que participou como profesional (1970) foi xa segundo, posición que repetiría ao ano seguinte. Ese mesmo ano sería o rei da montaña na Volta ciclista a España. En 1973, sen a participación de Eddy Merckx, partía como un dos grandes favoritos pero encontrouse coa figura gañadora de Luis Ocaña; gañou a clasificación combinada e tivo que conformarse con ser cuarto na xeral tras José Manuel Fuente. Ese ano venceu no París-Niza e no Tour de Romandía.
En 1974 estivo ás beiras da morte tras unha fractura de cranio que ameazou con truncar a súa carreira. Pero en 1975 gañaba a París Niza e era 4º no Tour de Francia. Na Escalada ao Montjuic será segundo tras Eddy Merckx. En 1976 volvía a ser segundo no Tour, tras Lucien Van Impe. Gañou tamén a Frecha Valoa. Na Escalada ao Montjuic volvía a ser segundo. En 1977 gañaba por segunda vez o Tour de Romandía.
En 1978 inaugurábase no Tour de Francia a era de Bernard Hinault. Nese ano e o seguinte volvía a ser segundo. En 1979 gañaría tamén a Volta a España, por diante de Francisco Galdós, a París-Niza e a París-Tours.
Por fin, en 1980, facíase co Tour de Francia por diante do seu compatriota Hennie Kuiper, tras a retirada de Bernard Hinault por lesión. Volvería a ser segundo en 1982, a mesma posición que na Escalada ao Montjuic.
Tras dous anos practicamente sen vitorias nin actuacións salientables, abraiou a todos gañando o campionato do mundo de fondo en estrada de 1985 aos 38 anos de idade: o máis vello entre os que o conseguiron. Unha das últimas actuacións destacadas foi a Escalada ao Montjuic de 1987 onde foi segundo tras Álvaro Pino.
Joop Zoetemelk participou en 16 Tours e non se retirou en ningún deles. Outra marca que aínda perdura.
- Gañadores do Tour de Francia
- Gañadores da Vuelta a España
- Nados en Holanda Meridional
- Nados en 1943
- Ciclistas olímpicos dos Países Baixos
- Ciclistas nos Xogos Olímpicos de 1968
- Medallistas olímpicos de ouro polos Países Baixos
- Medallistas nos Xogos Olímpicos de 1968
- Medallistas olímpicos en ciclismo
- Gañadores de etapa no Tour de Francia