José Santamaría
![]() | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Biografía | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Nacemento | (es) José Emilio Santamaría Iglesias ![]() 31 de xullo de 1929 ![]() Montevideo, Uruguai ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Altura | 1,79 m ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Actividade | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Ocupación | futbolista, adestrador de fútbol ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Período de actividade | 1947 ![]() ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Nacionalidade deportiva | Uruguai España ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Deporte | fútbol ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Posición de xogo | Defensa | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Participou en | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
1962 | Mundial de Fútbol Chile 1962 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
1954 | Mundial de Fútbol Suíza 1954 ![]() |
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Sitio web | joseemiliosantamaria.com ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
![]() ![]() ![]() ![]() |
José Emilio Santamaría Iglesias, nado en Montevideo o 31 de xullo de 1929, é un exfutbolista e exadestrador uruguaio de orixe galega.
Defensor de gran fortaleza física, desenvolveu toda a súa carreira futbolística en dous clubs: Nacional de Montevideo e Real Madrid. Co primeiro deles xogou durante unha década, logrando varios títulos, entre eles cinco campionatos uruguaios de Primeira División. No Real Madrid militou durante nove tempadas, xunto a xogadores como Di Stéfano, Puskás, Gento, Rial ou Amancio, e conquistou catro Copas de Europa (tres delas consecutivas entre 1958 e 1960), unha Copa Intercontinental, seis ligas e unha Copa do Xeneralísimo.
Defendeu as cores das seleccións uruguaia e española, sendo un dos poucos casos de futbolistas que xogaron dúas Copas do Mundo con dúas seleccións diferentes. Representou ao Uruguai no Mundial de 1954, obtendo a terceira praza, e a España no de 1962.
Tras colgar as botas adestrou durante sete tempadas ao Espanyol, co que logrou un 3º e un 4º posto na liga, levándoo a disputar dúas veces a Copa da UEFA. Traballou tamén na Federación Española, primeiro como seleccionador nas categorías inferiores, coas que gañou a Copa da UEFA Amateur de 1970 e ás que dirixiu en dous Xogos Olímpicos: México 1968 e Moscova 1980. Adestrou á selección absoluta entre 1980 e 1982, disputando o Mundial de España 1982.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Orixes
[editar | editar a fonte]É fillo de dous emigrantes galegos de San Amaro, no concello da Arnoia.[1][2] Seu pai José era enfermeiro e ao chegar a Montevideo comezou a traballar con tuberculosos e leprosos no Hospital Fermín Ferreira.[3] Na capital uruguaia naceu José Emilio o 31 de xullo de 1929.
Como futbolista
[editar | editar a fonte]Comezou a xogar ao fútbol no seu barrio, e tras pasar polo Atlético Pocito, foi captado polo Club Nacional para as súas categorías inferiores en 1945. Despois de dous anos co equipo da cuarta división, debutou co primeiro equipo en 1947.[3][2] En 1950 gañou o seu primeiro campionato de Primeira División con Enrique Fernández como adestrador. Xogou en Nacional sete anos máis, e conquistou outros catro títulos de liga, en 1952, 1955, 1956 e 1957. Durante o seu tempo no Uruguai compaxinou a carreira futbolística cos seus empregos no sector bancario. Traballou no Banco Francés e Italiano e máis tarde no Banco Galicia, dende o momento da súa creación.[3]
En 1957 recibiu unha carta de Santiago Bernabéu, que o seguía dende que o vira xogar no Mundial de Suíza, ofrecéndolle fichar polo Real Madrid.[3] A súa fichaxe fora recomendada insistentemente por Alfredo Di Stéfano.[4] Debutou en partido oficial na primeira xornada da Primeira división 1957/58, fronte ao Osasuna no Estadio Santiago Bernabéu. Militou durante nove tempadas no Real Madrid, compartindo equipo con xogadores como o propio Di Stéfano, Puskás, Gento, Kopa, Rial, Amancio ou Pirri, e conquistando catro Copas de Europa (tres delas consecutivas entre 1958 e 1960), unha Copa Intercontinental, seis ligas e unha Copa do Xeneralísimo. Colgou as botas en 1966 no club branco, despois de ter disputado con este 337 partidos oficiais, e marcar dous goles, un contra o Espanyol e outro contra o Athletic.[5]
Selección nacional
[editar | editar a fonte]Uruguai
[editar | editar a fonte]Foi internacional coa selección do Uruguai en 20 ocasións.[6] Debutou con esta no Campionato Panamericano de 1952 disputado en Santiago de Chile. Fíxoo debutar ante Panamá o adestrador Juan López, nun equipo no que tiña por compañeiros entre outros a Roque Máspoli, Obdulio Varela, Alcides Gigghia e Oscar Míguez. A escuadra uruguaia rematou o campionato en terceira posición.[7]

En 1954 disputou o Mundial de Suíza, ao que o equipo uruguaio chegaba como vixente campión. Xogou os cinco encontros dos charrúas no Mundial, no que acabaron coa cuarta praza despois de seren eliminados en semifinais pola Hungría de Puskás, Kocsis e Czibor. En 1957 disputou a súa derradeira competición con Uruguai, na Copa América, onde remataron na terceira posición por detrás da Arxentina e o Brasil.
España
[editar | editar a fonte]Pouco despois de fichar polo Real Madrid e instalarse en España, nacionalizouse español, trámite sinxelo por seren seus pais galegos.[8] Debutou coa selección española o 15 de outubro de 1958 nun encontro amigable contra Irlanda do Norte. En 1962 disputou con España o Mundial de Chile, converténdose nun dos poucos futbolistas en participar en dúas Copas do Mundo con dúas seleccións diferentes, cousa que ata entón só fixeran Luis Monti e Attilio Demaria, e que en Chile farían tamén Puskás e Altafini.[9]
Alí xogou xunto a xogadores como o vasco Carmelo Cedrún, o madrileño Joaquín Peiró, o galego Luis Suárez, ou os seus compañeiros do Real Madrid Puskás e Gento. Disputou dous partidos, fronte a Checoslovaquia e México, caendo o equipo español eliminado na primeira fase.
Como adestrador
[editar | editar a fonte]Tras deixar o fútbol comezou unha carreira como adestrador. Traballou coa canteira do Real Madrid entre 1966 e 1968, momento no que entrou na Real Federación Española de Fútbol, como adestrador das seleccións de afeccionados e xuvenil.[10] Dirixiu o combinado español nos Xogos Olímpicos de México 1968, conseguindo o primeiro posto do grupo despois de derrotar pola mínima ao Brasil co histórico gol do ferrolán Juan Fernández no Estadio Azteca, e a Nixeria por 3-0.[11] O equipo caeu derrotado en cuartos de final fronte a México. En 1970 levou á selección española de afeccionados a gañar a Copa da UEFA Amateur en Forte dei Marmi.

En maio de 1971 asinou contrato co Espanyol de Barcelona no Aeroporto de Madrid-Barajas e a continuación voou a Turquía para dirixir por última vez á selección olímpica na fase de clasificación para os Xogos Olímpicos de Múnic.[12][13] Ao seu regreso fíxose cargo do equipo catalán no que permaneceu seis tempadas e media. No seu segundo ano no Espanyol (1972/73) conseguiu acabar a liga na terceira posición, a tres puntos do campión, o Atlético de Madrid de Max Merkel; mentres que na súa quinta campaña (1975/76) logrou a cuarta posición. Deste xeito o equipo disputou dúas edicións da Copa da UEFA, caendo na primeira delas contra o Molenbeek na primeira eliminatoria, e chegando a oitavos de final na 1976/77, onde caeron fronte ao Feyenoord de Vujadin Boškov. Foi cesado en decembro de 1977, tras un mal comezo de tempada, co equipo ocupando a 14ª posición (de 18).[14]
A continuación regresou á Federación Española, onde adestrou as seleccións sub-19, sub-21 e a olímpica. Con esta última viaxou á Unión Soviética para disputar os Xogos Olímpicos de Moscova, onde España non puido pasar da fase de grupos, ao obter tres empates contra Siria, Alxeria e a RDA.[15] Á súa volta colleu as rendas da selección española absoluta, tras a marcha de Kubala, e estivo dous anos á fronte desta. Disputou o Mundial de España 1982, conseguindo pasar da primeira fase de grupos a pesar de lograr só tres puntos, nunha vitoria contra a Iugoslavia de Miljan Miljanić. Na segunda fase de grupos España quedou encadrada xunto a Inglaterra e a RFA, conseguindo só un empate contra os ingleses e quedando eliminada. Foi substituído ese mesmo mes por Miguel Muñoz.[16]
Palmarés
[editar | editar a fonte]Como futbolista
[editar | editar a fonte]Club Nacional
- Primeira división do Uruguai (5): 1950, 1952, 1955 1956 e 1957.
- Torneo de Honor (1): 1955.
- Torneo Competencia (1): 1952.
- Torneo Cuadrangular (3): 1952, 1954 e 1956.
Real Madrid
- Copa Intercontinental (1): 1960.
- Copa de Europa (4): 1957/58, 1958/59, 1959/60 e 1965/66.
- Primeira división de España (6): 1957/58, 1960/61, 1961/62, 1962/63, 1963/64 e 1964/65.
- Copa do Xeneralísimo (1): 1961/62.
Como adestrador
[editar | editar a fonte]Selección de afeccionados
- Copa da UEFA Amateur (1): 1970.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Historia de José Emilio Santamaría". arnoia.es. Consultado o 26 de abril de 2021.
- ↑ 2,0 2,1 "Etapa uruguaia de José Santamaría". joseemiliosantamaria.com (en castelán). Consultado o 26 de abril de 2021.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 "José Emilio Santamaría". Estrellas Deportivas (El Diario) (en castelán). 26 de xullo de 1978. Consultado o 26 de abril de 2021.
- ↑ González-Martín, Tomás (23 de abril de 2020). "La carta que tuvo que enviar Bernabéu para cumplir el deseo de Di Stéfano". ABC (en castelán). Consultado o 26 de abril de 2021.
- ↑ "Datos de Santamaría no Real Madrid". realmadrid.com (en castelán). Consultado o 26 de abril de 2021.
- ↑ Mamrud, Roberto (21 de abril de 2003). "José Emilio Santamaría - Partidos internacionales". RSSSF (en inglés). Consultado o 28 de abril de 2021.
- ↑ "Campionato Panamericano de 1952". rsssf.com (en inglés). Consultado o 26 de abril de 2021.
- ↑ "Una vuelta por el pasado: José Emilio Santamaría, el “Pepe”, crack en Uruguay y España" (en castelán). 30 de abril de 2019. Consultado o 26 de abril de 2021.
- ↑ Argudo, Javier. "Futbolistas que jugaron dos Mundiales con distintas selecciones" (en castelán). Consultado o 11 de abril de 2022.
- ↑ "Etapa como adestrador de José Santamaría". joseemiliosantamaria.com (en castelán). Consultado o 26 de abril de 2021.
- ↑ Lois, Paulo Alonso (20 de xuño de 2006). "Juan Fernández Vilela, el ferrolano que le marcó un gol a Brasil: «Los Juegos fueron lo máximo»". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 28 de abril de 2021.
- ↑ "España - Turquía". BDFutbol (en castelán). Consultado o 28 de abril de 2021.
- ↑ "Santamaría nuevo entrenador del Español". La Voz de Galicia (en castelán). 18 de maio de 1971. p. 24.
- ↑ "Santamaría cesó en el Español". La Voz de Galicia (en castelán). 21 de decembro de 1977. p. 36.
- ↑ "España completa el triplete de X" (en castelán). 14 de maio de 2015. Consultado o 28 de abril de 2021.
- ↑ "Miguel Muñoz, nuevo seleccionador de fútbol". La Voz de Galicia (en castelán). 30 de xullo de 1982. p. 42.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Datos do xogador en BDFutbol (en castelán).
- Datos do xogador no sitio web oficial da Asociación Uruguaia de Fútbol (en castelán).
- Datos do xogador Arquivado 26 de abril de 2021 en Wayback Machine. no sitio web oficial da Selección española de fútbol (en castelán).
- Nados en Montevideo
- Nados en 1929
- Uruguaios de ascendencia galega
- Futbolistas do Uruguai
- Defensas de fútbol
- Xogadores do Club Nacional de Football
- Xogadores do Real Madrid CF
- Xogadores da selección de fútbol do Uruguai
- Xogadores da selección de fútbol de España
- Xogadores do Mundial de Fútbol de 1954
- Xogadores do Mundial de Fútbol de 1962
- Futbolistas gañadores da Liga de Campións da UEFA
- Adestradores de fútbol do Uruguai
- Adestradores do RCD Espanyol
- Adestradores da selección de fútbol de España sub-21
- Adestradores da selección de fútbol de España