Krai de Krasnoiarsk
Красноярский край (ru) | |||||
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | Rusia | ||||
Capital | Krasnoiarsk | ||||
Contén a división administrativa | |||||
Poboación | |||||
Poboación | 2.856.971 (2024) (1,22 hab./km²) | ||||
Lingua oficial | lingua rusa | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 2.339.700 km² | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Creación | 7 de decembro de 1934 | ||||
Organización política | |||||
• Governor of the Krasnoyarsk Krai (en) | Mikhail Kotjukov (en) (2023–) | ||||
Órgano lexislativo | Legislative Assembly of Krasnoyarsk Krai (en) , (Escano: 52) | ||||
Identificador descritivo | |||||
Fuso horario | |||||
ISO 3166-2 | RU-KYA | ||||
Identificador OKTMO | 04000000 | ||||
Identificador OKATO | 04 | ||||
Sitio web | krskstate.ru |
O krai de Krasnoiarsk, ás veces escrito krai de Krasnoyarsk, en ruso Красноярский край, é un dos nove krais de Rusia.
A súa capital é a cidade homónima de Krasnoiarsk.
Xeografía
[editar | editar a fonte]Situación, límites, extensión e poboación
[editar | editar a fonte]Está situado no Distrito Federal de Siberia, alcanzando 3 000 km de norte a sur, cerca da fronteira con China, desde as montañas de Saian no sur, ao longo do río Ienisei, até a península de Taimir no norte. Inclúe o arquipélago ártico da Terra do Norte ou Sévernaia Zemliá (en ruso, Се́верная Земля́),[1] con cerca de 37 000 km², e pertence á Rexión económica da Siberia oriental.[2][3]
Limita ao norte cos mares de Kara e Laptev (océano Ártico), ao leste coa república de Sakha, ao sueste co óblast de Irkutsk, ao sur coa república de Tuva, ao suroeste coa de Khakassia e o óblast de Kémerovo, e ao oeste co óblast de Tomsk, o okrug autónomo de Khanti-Mansi e co distrito autónomo de Iamalia-Nenetsia.
Cunha superficie de 2 339 700 km², é a segunda entidade máis extensa do país —tras a república de Sakha— e con 1,3 hab/km², a sétima menos densamente poboada, por detrás do antigo óblast de Kamchatka, Iamalia-Nenetsia, o óblast de Magadán, Saka, Nenetsia e Chukotka, que é a menos densamente poboada. Constitúe aproximadamente o 13 % da superficie total da Federación Rusa, e contaba en 2010 cunha poboación de 2 828 187 habitantes, un pouco menos do 2 % da súa poboación.[4]
Hidrografía
[editar | editar a fonte]Un gran número de ríos flúen a través do krai e algúns desembocan nel.
Os principais ríos son o Ienisei e os seus afluentes (de sur a norte): o Angara, o Tunguska Pedregoso e o Tunguska Inferior; os tres pola súa marxe dereita.
O Ienisei discorre polo centro do krai en dirección sur-norte. A maior parte do río é navegábel, salvo entre novembro e maio que permanece xeado.
O seu curso superior é turbulento, o que se aproveitou para a construción de centrais hidroeléctricas, destacando os encoros de Saián e Krasnoiarsk.
As cidades máis importantes polas que pasa o río son Kizil, Shagonar, Saianogorsk, Abakán, Divnogorsk, Krasnoiarsk, Ieniseisk, Lesosibirsk, Igarka e Dudinka.
No krai tamén ha varios miles de lagos. Os maiores son o Beloie, o Belio, o Glubokoie, o Itat, o Khantaiskoie, o Labas, o Lama, o Piasina, o Taimir e o Iessei.
Tanto os ríos como os lagos son ricos en peixes.
Clima
[editar | editar a fonte]O clima é fundamentalmente continental, con grandes variacións de temperatura durante o ano. Nas rexións do centro e do sur do krai, onde vive a maior parte da poboación, son característicos os invernos longos e os veráns curtos e calorosos. O territorio do krai experimenta as condicións de tres cintos climáticos: ártico, subártico e moderado. No norte danse menos de 40 días ao ano cunha temperatura superior aos 10 °C, mentres que no sur estes son de 110 a 120 días.
A temperatura media en xaneiro é de −36 °C no norte e de −18 °C no sur. A temperatura media en xullo é de +10 °C no norte e de +20 °C no sur. As precipitacióna anuaia son de 316 mm (até 1 200 mm nos outeiros das montañas de Saian). A neve cobre as rexións centrais do krai desde principios de novembro até finais de marzo. Os cumes das montañas de Sayan, que superan os 2 400–2 600 m, e os da meseta de Putorana, superiores aos 1 000-1 300 m, están cubertos de neve permanente. O permafrost está moi estendido, especialmente no norte.
Grupos étnicos
[editar | editar a fonte]Segundo o censo de Rusia de 2002, a composición étnica do krai é de:
- Rusos: 88,38 %
- Ucraínos: 2,37 %
- Tártaros: 1,49 %
- Alemáns: 1,24 %
- Azarís: 0,65 %
- Bielorrusos: 0,61 %
- Chuvasios: 0,57 %
- Dolganos: 0,38 %
- Armenios: 0,36 %
- Ewenkis: 0,29 %
- Mordvinos: 0,25 %
- Nenets: 0,21 %
- Maris: 0,17 %
- Khakasios: 0,16 %
- Estonios: 0,14 %
- Kirguizes: 0,13 %
- Baskires: 0,13 %
- Moldovos: 0,13 %
- Taikos: 0,12 %
- Udmurtos: 0,11 %
- Letóns: 0,10 %
- Uzbekos: 0,09 %
- Kazakos: 0,09 %
- Polacos: 0,08 %
- Iakutos: 0,08 %
- Lezguinos: 0,07 %
- Lituanos: 0,07 %
- Xitanos: 0,07 %
- Xeorxianos: 0,06 %
- Xudeus 0,06 %
- Osetios: 0,06 %
- Nganasanos: 0,05 %
- Tuvanos: 0,05 %
- Ketas: 0,05 %
- Coreanos: 0,04 %
- Buriatos: 0,04 %
- Chechenos: 0,03 %
- Gregos: 0,03 %
- Latgalianos: 0,03 %
- Outros grupos étnicos de menos de 800 individuos
Cómpre indicr que un 0,56 % dos residentes non indicaron a súa nacionalidade na enquisa do censo.[5]
Historia
[editar | editar a fonte]Segundo os arqueólogos, as primeiras poboacións humanas chegaron a Siberia ao redor do ano 40 000 a.C.[6] Os túmulos e monumentos descubertos da cultura escita no krai de Krasnoiarsk pertencen o século VII a.C. e son dos máis antigos de Eurasia. A tumba dun príncipe, Kurgan Arshan, descuberta en 2001, tamén se encontra no krai.
O asentamento ruso na zona (na súa maioría efectuado por cosacos) comezou no século XVII. Despois da construción do Ferrocarril Transiberiano, a colonización rusa da zona aumentou considerabemente.
Tanto durante o período tsarista como no bolxevique o territorio do actual krai de Krasnoiarsk foi utilizado como lugar de exilio de inimigos políticos. Os primeiros líderes do estado soviético, Vladimir Lenin e Iosif Stalin foron exiliados ao que hoxe é o krai en 1897–1900 e 1903, respectivamente. Na era de Stalin, numerosos campamentos gulag establecéronse na rexión.
En 1822 creouse o gobernorato de Ieniseisk, que cubría un territorio moi similar ao do krai actual, con Krasnoiarsk como centro administrativo.
O 30 de xuño de 1908, na conca do río Podkamennaya Tunguska, produciuse unha grande explosión, que probabelmente foi causada pola explosión no aire dun meteorito grande ou dun cometa fragmentado a unha altitude de 5 a 10 km sobre a superficie da Terra. A forza da explosión estímase en ao redor de 10 a 15 megatóns. Achantou máis de 2 000 km² de piñeirais e matou a milleiros de renos.
O krai de Krasnoiarsk creouse en 1934 despois da desagregación do krai de Siberia occidental e o krai de Siberia oriental. En 1991, Khakassia separouse do krai converténdose nunha república dentro da Federación Rusa.
O 1 de xaneiro de 2007, tras un referendo celebrado o 17 de abril de 2005, os territorios dos okrug autónomos de Evenk e de Taimir fusionáronse no krai.
Economía
[editar | editar a fonte]Máis do 95 % das cidades, a maioría das industrias e toda a actividade agrícola concéntrase na parte sur do krai. É unha das partes máis ricas de Rusia en recursos naturais. O 80 % do níquel, o 75 % do cobalto, o 70 % do cobre, o 16 % do carbón e o 10 % do ouro extráense nesta rexión. Tamén se produce o 20 % da leña. As maiores industrias da rexión son: metalurxia de metais non-ferrosos, enerxética, da madeira, química e refinado de petróleo.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ резидент Российской Федерации. Указ №849 от 13 мая 2000 г. «О полномочном представителе Президента Российской Федерации в федеральном округе». Вступил в силу 13 мая 2000 г. Опубликован: "Собрание законодательства РФ", №20, ст. 2112, 15 мая 2000 г. (Presidente da Federación Rusa. Decreto n° 849 do 13 de maio de 2000 sobre o Representante Plenipotenciario do Presidente da Federación Rusa nun Distrito Federal. Efectivo a partir do 13 de maio de 2000).
- ↑ Госстандарт Российской Федерации. №ОК 024-95 27 декабря 1995 г. «Общероссийский классификатор экономических регионов. 2. Экономические районы», в ред. Изменения №5/2001 ОКЭР. (Gosstandart da Federación Rusa. nº OK 024-95 do 27 de decembro de 1995. Clasificación rusa de rexións económicas. 2. Rexións económicas, na versión modificada pola Emenda nº5/2001 OKER).
- ↑ O Gosstandart foi a axencia gobernamental da Unión Soviética, establecida en 1925, responsábel da estandarización, metroloxía e xestión da calidade.
- ↑ Censo ruso de 2010.
- ↑ "National Composition of Population for Regions of the Russian Federation". 2002. Arquivado dende o orixinal (XLS) o 17 de febreiro de 2007. Consultado o 3 de abril de 2019.
- ↑ "Arctic Social Sciences - Arctic Studies Center". Mnh.si.edu. Arquivado dende o orixinal o 24 de decembro de 2015. Consultado o 3 de abril de 2019.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Krai de Krasnoiarsk |
A Galipedia ten un portal sobre: Rusia |