Leonardo Gómez Pérez
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 22 de abril de 1914 Ferrol, España |
Morte | 16 de setembro de 1949 (35 anos) O Rego, España |
Causa da morte | morte en combate, ferida por arma de fogo |
Outros nomes | Trancas |
Actividade | |
Ocupación | maquis, electricista |
Membro de | |
Carreira militar | |
Conflito | guerra civil española |
Leonardo Gómez Pérez, coñecido polo alcume de Trancas, nado en Ferrol o 22 de abril de 1914 e finado no Rego (Bravos, Ourol) o 16 de setembro de 1949, foi un guerrilleiro antifranquista galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Electricista de Viveiro. Logo do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 pasou a Asturias e ingresou nas Milicias Populares en Sograndio (Oviedo) o 17 de novembro. Coa caída de Asturias regresou á súa terra e incorporouse ao grupo Neira. O 17 de febreiro de 1943 escapou con Antonio Molins Valls a unha redada da policía en Ferrol na que foi detido o seu curmán Eugenio Bernal Pérez.
En 1945 era membro da III Agrupación da Federación de Guerrillas de León-Galicia, comandada por Manuel Castro Tellado, que actuaba na zona sueste da provincia de Lugo. Foi un dos xefes militares da III Agrupación e participou en varias accións na área de Viveiro, entre elas o axustizamento do xefe da Falange de Viveiro, Manuel Trobo Rivera, con Evaristo Candelas Pérez o 13 de xaneiro de 1946.[1] Non tomou parte na evasión do Santa Teresa.
O 8 de setembro de 1948 a Garda Civil de Ortigueira cercou unha casa de Ambosores na que se refuxiaba Leonardo Gómez con Vicente Peña Tarrasa e outros tres guerrilleiros; no tiroteo mataron o propietario Jesús López Bouza e o seu criado José Durán Souto, logrando fuxir os guerrilleiros. Foi abatido nunha emboscada no Rego (Bravos, Ourol) o 16 de setembro de 1949.[2] A súa parella foi apresada ese mesmo día en Vilabuín (Miñotos).[3] Os seus compañeiros fusilaron o falanxista e alguacil de Ourol, Eugenio Arias Casal, acusado de colaborar na morte de Leonardo.
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Coa súa primeira parella, tivo un fillo, José López Varela, nado na Redonda (Mugardos) en marzo de 1935.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Parrado, Carlos (2009). Curuxás, o guerrilleiro que non cazou Franco. Vigo: A Nosa Terra. p. 159. ISBN 84-87783-79-1.
- ↑ Bernardo Máiz (1988). Galicia na II República e baixo o franquismo. Vigo: Vigo: Xerais, p. 174
- ↑ José Temblás Paz y Leonardo Gómez decidieron quedarse
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Lamela, Luís (2023). A loita dos perdedores. Razón e xénese da guerrilla antifranquista en Galicia. Santiago de Compostela: Laiovento. pp. 219–222. ISBN 978-84-8487-635-9.
- Redondo Abal, Francisco Xavier (2006). Botarse ao monte. Censo de guerrilleiros antifranquistas na Galiza (1939-1965). Sada: Do Castro. pp. 77–78. ISBN 84-8485-231-8.