Lepidopsetta polyxystra
Lepidopsetta polyxystra | |||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||||||||
Lepidopsetta polyxystra Orr & Matarese, 2000 |
Lepidopsetta polyxystra é un peixe teleósteo da orde dos pleuronectiformes, familia dos pleuronéctidos e subfamilia dos pleuronectinos,[1] unha das tres que integran o xénero Lepidopsetta.[2]
Como todos os peixes da familia dos pleuronéctidos, as especies deste xénero teñen o corpo aplanado, asimétrico, e cos dous ollos situados no lado pigmentado do corpo.
Taxonomía e nomenclatura
[editar | editar a fonte]A especie foi descrita no ano 2000 polos biólogos estadounidenses James Wilder Orr e Ann Matarese Kiernan.
Antes dese ano, Lepidopsetta polyxystra e Lepidopsetta bilineata considerábanse como unha única especie dentro do xénero Lepidopsetta, pero un traballo de Orr e Matarese publicado en 2000 reorganizou o xénero en tres taxa separados.[3]
Como resultado desta reclasificación, L. bilineata cambiou o seu nome en inglés, denomínandose agora "southern rock sole" para evitar a confusión coa especie L. polyxystra ou "northern rock sole".[4]
Características
[editar | editar a fonte]Trátase dun peixe mariño, demersal, que vive en fondos de area, lama e grava a profundidades de até os 700 m, aínda que comunmente se encontra entre os 19 e os 246 m. O seu hábitat natural son as augas temperadas do Pacífico norte, desde o estrecho de Puget,[5] e Alasca (onde coincide coa especie L. bilineata), as illas Aleutianas e, a través do mar de Bering até as illas Kuriles e o mar de Okhotsk (onde se comparte área de dispersión con L. mochigarei).[6]
Os machos poden chegar até os 69 cm de lonxitude, mentres que as femias alcanzan tan só os 49 cm. A lonxevidade máxima rexistrada para esta especie é de 18 anos.[6]
Bioloxía
[editar | editar a fonte]Papel no ecosistema
[editar | editar a fonte]A especie ocupa unha moderadamente alta posición na cadea alimentaria.
Alimentación
[editar | editar a fonte]A dieta de Lepidopsetta polyxystra consiste principalmente en organismos do zoobentos, poliquetos e anfípodos.[7]
Predadores
[editar | editar a fonte]Esta especie é depredada por mamíferos mariños e por outros peixes, incluíndo diversos tiburóns, o bacallau de Alasca (Gadus chalcogrammus) o bacallau do Pacífico (Gadus macrocephalus) e outros peixes planos, como o hipogloso do Pacífico (Hippoglossus stenolepis) e a limanda áspera (Limanda aspera).[4][6]
Reprodución
[editar | editar a fonte]Lepidopsetta polyxystra alcanza a madureza reprodutiva entre os 4 e os 7 anos de idade. A desova prodúcese en inverno e principios da primavera. Os ovos son demersais e permanecen na superficie na que se depositan, A eclosión ocorre entre os 6 e os 25 días despois da posta.[4]
Pesca comercial
[editar | editar a fonte]Lepidopsetta polyxystra péscase comercialmente e forma parte importante das pescarías de arrastre no mar de Bering e no golfo de Alasca. Aínda que a súa explotación foi excesiva nos anos 1960, as poboacións recuperáronse e hoxe en día estímase que a súa biomasa no mar de Bering e as illas Aleutianas é moi alta, até dúas veces o nivel necesario para o rendemento máximo sustentábel. En 2008 a súa biomasa estimada na pescaría do golfo de Alasca era dunhas 102.303 t, en comparación coas capturas, que oscilaron desde as 453 t en 2004 e as 4.330 t en 2006.[4]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Lepidopsetta polyxystra Orr & Matarese, 2000 no WoRMS.
- ↑ Lepidopsetta Gill, 1862 no WoRMS.
- ↑ Orr, James W. & Matarese, Ann C. (2000): "Revision of the genus Lepidopsetta Gill, 1862 (Teleostei: Pleuronectidae) based on larval and adult morphology, with a description of a new species from the North Pacific Ocean and Bering Sea". Fishery Bulletin 98 (3): 539–82. Consultado o 18 de xullo de 2015.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 Rock Sole Lepidopsetta bilineata (South) and L. polyxystra (North) en Fish Watch, U. S. Seafoods Facts, NOAA.
- ↑ O estreito de Puget (ou Puget Sound) é un profundo entrante do océano Pacífico siuado na costa noroccidental dos Estados Unidos, no estado de Washington.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 Lepidopsetta polyxystra Orr & Matarese, 2000 en FishBase.
- ↑ Poltev, Yu. N.; Labai, V. S. & Mukhametov, I. N. (2008-08). "On the diet of the rock sole Lepidopsetta polyxystra off the eastern coast of the northern Kuril Islands and the southern extremity of Kamchatka". Journal of Ichthyology (en inglés) 48 (7): 505–514. ISSN 0032-9452. doi:10.1134/S0032945208070047. Consultado o 18 de xullo de 2015.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Cooper, J. A. & F. Chapleau (1998): "Monophyly and intrarelationships of the family Pleuronectidae (Pleuronectiformes), with a revised classification". Fish. Bull. 96 (4): 686-726.
- Nelson, Joseph S. (2006): Fishes of the World. Nova York: John Wiley & Sons, Inc. ISBN 0-471-25031-7.
- Orr, J. W. (2000): "Revision of the genus Lepidopsetta Gill, 1862 (Teleostei: Pleuronectidae) based on larval and adult morphology, with a description of a new species from the North Pacific Ocean and Bering Sea". Fishery Bulletin 98: 539-582.