Machina (grupo musical)
Machina | |
---|---|
Membros de Machina | |
Orixe | Cerceda, Galicia |
Período | dende 2003 |
Xénero(s) | Hardcore,Metal, Rock, Punk |
Selo(s) discográfico(s) | ALL THE FAT |
Membros | Gonzalo Grela Martín Loureiro Anxo Eirexas Ángel Aguiar |
Artistas relacionados | NAO, Zënzar, Ruxe Ruxe, BROA |
Machina é un grupo de hardcore e metal orixinario de Cerceda, na provincia da Coruña. Até o momento levan editados dous EPs e dous LPs.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Machina naceu no ano 2003 co nome de Co-Incidencia, naquela época a banda estaba formada por Gonzalo Grela (guitarra), Estefanía Lamas (voz), Mahi Ferradás (batería), Ignacio Grela (guitarra) e César Ríos (baixo).
Xa no 2004 a banda pasou a chamarse Machina e deu varios concertos polo país acompañando a NDNO ou Heredeiros da crus. No 2005 o grupo sufriu cambios na súa formación, quedando integrado por Gonzalo Grela (guitarra), Diego Carreira (batería), David Rivas (baixo) e Ángel Herrero (voz). Ese ano gravaron a súa primeira maqueta chamada S.O.S. MACHINA composta por tres temas. Ademais resultaron gañadores do concurso universitario Campusons.[1] No 2006 a formación volveu cambiar unha vez máis e pasou a quedar formada por Gonzalo Grela (guitarra), Mahi Ferradás (batería), Martín Loureiro (voz) e Anxo Sánchez (baixo). Ese ano continuaron os concertos e acompañaron a Soziedad Alkoholika no seu regreso tras a sentenza absolutoria por apoloxía do terrorismo.
En 2007 entrou Anxo Eirexas na batería no sitio de Mahi Ferradás e publicaron o seu primeiro EP, chamado Acouga e gravado no Estudio Océano coa produción de Javier Abreu. Contou coa colaboración de Bocixa (Zënzar) nun dos temas. Con este primeiro EP comezaron a destacar na escena galega, pero foi no 2009 cando lle deron un pulo a súa carreira xa que foi o ano no que publicaron o seu primeiro LP, Post-Bravú, o cal foi recibido con grande éxito tanto por parte do público como da crítica, e que os levou a tocar nalgúns dos mellores festivais galegos. Este LP foi gravado outra vez nos Océano Estudios de Nigrán coa produción de Javier Abreu e nel aparecen as colaboracións de Xabier Díaz, Mou de Dios ke te crew e Xenderal. No 2010 resultaron gañadores do concurso Cantalingua e foron escollidos por Berri Txarrak para acompañalos nos seus concertos por Galicia.[2]
No 2012 sacaron á luz o seu segundo LP baixo o nome de Ensaio sobre o silencio, gravado en Vigo coa produción de Pablo Iglesias e masterizado por Pelle Henricsson. Contou coa colaboración nun tema de O Leo i Arremecághona!. Nese mesmo ano abandonou o grupo Anxo Sánchez entrando no seu lugar Ángel Aguiar (baixo), e só un ano despois (2013) publicaron o segundo EP A síndrome de Nerón, gravado en POULAND STUDIOS e producido por Iago Pico. Este EP foi o único que non sacaron en formato físico.
Xa no 2014 saíron gañadores dos primeiros Premios Martín Codax da Música na categoría de Metal.[3] Nos dous seguintes anos continuaron coa súa carreira,[4] ata que no 2016 puxeron un alto a súa traxectoria. Tras tres anos de paréntese, en novembro de 2019 anunciaron en redes sociais a súa volta á actividade e un novo disco para 2020.[5]
Membros
[editar | editar a fonte]Formación actual
[editar | editar a fonte]- Gonzalo Grela (guitarra) 2003-Presente
- Martín loureiro (voz) 2006-Presente
- Anxo Eirexas (batería) 2007-Presente
- Ángel Aguiar (baixo) 2012-Presente
Antigos membros
[editar | editar a fonte]- Mahi Ferradás (batería) 2003-2005/2006-2007
- Diego Carreira (batería) 2005-2006
- Cesar Rios (baixo) 2003-2005
- Anxo Suárez (baixo) 2006-2012
- David Rivas (baixo) 2005-2006
- Estefanía Lamas (voz) 2003-2005
- Ángel Herrero (voz) 2005-2006
- Ignacio Grela (guitarra) 2003-2005
Discografía
[editar | editar a fonte]- S.O.S MACHINA (2005-maqueta)
- Acouga (2007-EP)
- Post-Bravú (2009-LP)
- Ensaio sobre o silencio (2012-LP)
- A síndrome de Nerón (2013-EP)
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Machina ganó el segundo certamen de rock universitario gallego". La Voz de Galicia (en castelán). 17 de xuño de 2005. Consultado o 8 de novembro de 2020.
- ↑ "Machina, premio Cantalingua 2010". Vieiros. 20 de abril de 2010. Consultado o 8 de novembro de 2020.
- ↑ "Machina, mejor grupo gallego de metal". La Voz de Galicia (en castelán). 15 de decembro de 2013. Consultado o 8 de novembro de 2020.
- ↑ "Machina, el mejor metal gallego, en el Desnorte Rock de A Gudiña". La Región (en castelán). 20 de agosto de 2015. Consultado o 8 de novembro de 2020.
- ↑ "O metal galego recupera Machina, unha das súas bandas máis emblemáticas". Nós Diario. 8 de novembro de 2020. Consultado o 28 de novembro de 2019.