Michael Dempsey
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (en) Michael Stephen Dempsey 29 de novembro de 1958 (66 anos) Harare, Zimbabwe |
Actividade | |
Ocupación | baixista, guitarrista, compositor de cancións |
Período de actividade | 1972 - |
Membro de | |
Xénero artístico | New wave |
Instrumento | Baixo e guitarra |
Sitio web | mdmmedia.com |
Michael Stephen Dempsey, nado o 29 de novembro de 1958, é un baixista inglés, coñecido por ter tocado en varias bandas de post-punk e new wave como The Cure e Associates.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos
[editar | editar a fonte]Michael Dempsey naceu en Salisbury, Rodesia do Sur (na actualidade Harare, Zimbabwe), e a súa familia trasladouse a Surrey, Inglaterra en 1961, onde asistiu ao Salfords County School dende 1963 ata 1970.
Posteriormente estivo na Notre Dame Middle School entre 1970 e 1972, onde coñeceu a Robert Smith, Marc Ceccagno e Lol Tolhurst. Alí tocaron nun principio xuntos como The Obelisk en decembro de 1972, facendo o concerto de fin de curso para os seus compañeiros. A pesar de ser coñecido sobre todo polo seu traballo de baixista, Dempsey tocou a guitarra na única actuación de The Obelisk, onde Alan Hill encargouse do baixo.
Máis tarde estivo no Saint Wilfrid's Catholic Comprehensive School (1972–1976), e no Crawley College de 1976 ata 1978.
En xaneiro de 1976 Dempsey converteuse nun dos membros fundadores de Malice, xunto con Smith, Ceccagno e outros. A banda tamén contou máis tarde con Laurence Tolhurst e Porl Thompson. Malice realizou unicamente un feixe de concertos en decembro dese ano.
The Cure
[editar | editar a fonte]En 1977 Dempsey, Tolhurst, Smith e Thompson formaron Easy Cure, que se convertería en The Cure despois da saída de Thompson en abril de 1978. Dempsey apareceu como baixista nos sinxelos "Killing an Arab" (1978) e "Boys Don't Cry" (1979) e no álbum Three Imaginary Boys (1979). Ademais do líder Smith, Dempsey tivo a distinción de ser o outro membro de The Cure (xunto con Simon Gallup na demo non editada "Violin Song") en realizar voces principais. Cantou na versión de Jimi Hendrix "Foxy Lady", que aparece en Three Imaginary Boys. Dempsey fixo a súa última aparición ao vivo como membro de The Cure o 15 de outubro de 1979 no Hammersmith Odeon de Londres, na última noite da xira da banda como abreconcertos de Siouxsie and the Banshees. En novembro dese ano, porén, os sinxelos "Jumping Someone Else's Train" de The Cure e "I'm a Cult Hero"/"I Dig You" do proxecto paralelo da banda, Cult Hero, foron lanzados coa participación de Dempsey, ao baixo e aos teclados respectivamente. O álbum de The Cure Three Imaginary Boys e os sinxelos de 1978 e 1979 onde aparece Dempsey foron porteriormente editados para o mercado estadounidense como o álbum Boys Don't Cry en 1980, e aparece nas primeiras Peel Sessions da banda realizadas entre 1978 e 1979.
En 1986 Dempsey apareceu no vídeo musical dunha nova versión de "Boys Don't Cry". No 2004 apareceu a edición deluxe de Three Imaginary Boys cun segundo disco de rarezas e material non editado anteriormente dos anos 1977 a 1979, non que aparece Dempsey no baixo. Tamén sae nalgunhas cancións da edición de luxo de Seventeen Seconds.
Associates
[editar | editar a fonte]Despois de deixar The Cure, Dempsey converteuse en baixista dos escoceses Associates, que (ao igual que The Cure) tiñan un contrato con Fiction Records. Michael xa actuara con Associates antes de abandonar The Cure, pero realizou a súa estrea como novo baixista a tempo completo o 16 de novembro de 1979 no Eric's Club de Liverpool. Foi baixista da banda entre 1979 e 1983, aparecendo nos álbums Fourth Drawer Down (1981) e Sulk (1982), ademais de en varios sinxelos editados entre 1980 e 1983.
O grupo orixinal separouse en 1983 despois da saída do cofundador Alan Rankine, porén, o líder Billy Mackenzie continuou traballando baixo o nome de Associates con varios colaboradores, incluído Dempsey nalgunhas etapas. O seu substituto ao bvaixo durante esta segunda etapa de Associates foi Roberto Soave.
Despois da morte de MacKenzie en 1997, Dempsey foi o responsable de remasterizar e reeditar moito do primeiro material da banda como parte do proxecto de V2 Records, para asegurar que o legado de MacKenzie quedaba preservado. Dende entón Dempsey foi o encargado de manter dispoñible o material de arquivo da banda.
Roxy Music
[editar | editar a fonte]Unha das aparicións máis notables de Dempsey, pero tamén das que pasaron máis desapercibidas, foi coa lendaria banda británica Roxy Music. Dempsey aparece tocando o baixo no vídeo para o seu hit "Avalon", e tamén estivo de xira co grupo promocionando o álbum do mesmo nome no ano 1982.
The Lotus Eaters
[editar | editar a fonte]En 1983 Dempsey converteuse no baixista da acabada de formar banda de Liverpool The Lotus Eaters, substituíndo ao baixista orixinal Phil Lucking. O grupo asinou con Arista Records e lanzou o seu sinxelo de estrea "The First Picture of You" en xuño dese ano (que acadou o número 15 nas listas británicas), ao que lle seguiron "You Don't Need Someone New" (en agosto) e "Set Me Apart" (en 1984). O primeiro álbum, No Sense of Sin, foi lanzado en 1984 e tras el apareceron os sinxelos "Out On Your Own" e "It Hurts". Tanto Dempsey como o membro fundador Jem Kelly deixaron o grupo en 1985: o cofundador Peter Coyle continuou co nome The Lotus Eaters durante pouco tempo mentres que Kelly reformou a súa anterior banda, The Wild Swans.
En 1998, The Lotus Eaters editaron First Picture of You - BBC Sessions, unha recompilación de sesión na Radio 1 gravadas entre 1982 e 1983, e material ao vivo de 1984 con Dempsey no baixo. O membros fundadores Coyle e Kelly reformarían The Lotus Eaters no 2000 e editaron o álbum Slentspace, pero Dempsey non se uniría a eles.
Asociación con Lol Tolhurst
[editar | editar a fonte]En 1990 Dempsey, Tolhurst e Gary Biddles (de Fools Dance) estiveron gravando demos xuntos coa idea de formar unha nova banda despois da saída de Tolhurst de The Cure. Coa incorporación do teclista Chris Youdell (de Then Jerico) e do batería Alan Burgess a banda xurdiu en 1991 co nome de Presence cos sinxelos "In Wonder" e "All I See". Dempsey recibiu os créditos de co-compositor de "Amazed", unha cara-b de "All I See", pero se tivo un rol secundario como baixista de sesión e non apareceu nas fotos ou na prensa coa banda. Porl Thompson tamén foi convidado e fixo algunha colaboración coa guitarra nalgúns deses temas, pero cara 1992 tanto Dempsey como Thompson foron substituídos oficialmente polo baixista Roberto Soave (anteriormente en Associates e Shelleyan Orphan) e o guitarrista Rob Steen. Dempsey tamén aparecería como co-compositor doutros dos temas do álbum de 1993 Inside.
No ano 2004 Dempsey dixo que aínda estivera traballando regularmente con Tolhurst e que mantiña algún contacto con Thompson, pero non falara cono Smith en anos. No 2007 Dempsey remesturou material do proxecto de Tolhurst posterior a Presence, Levinhurst, e no ano 2009 tocou o baixo no seu terceiro traballo.
MDM Media
[editar | editar a fonte]Dende a década dos 90 Dempsey leva traballando na restauración dixital de son, a remasterización, na concesión de licenzas, como consultor de medios e realizando bandas sonoras para películas ou televisión. Entre os seus clientes están Warner Music Group, Universal Music Group e V2 Records e ten a súa propia compañía, MDM Media, especializada nesas áreas. Tamén é parte dunha empresa afiliada, BDM Music, onde tamén están como compositores Tolhurst, Rankine e outros músicos, compositores e produtores cons que Dempsey traballou nalgún momento da súa carreira.