Saltar ao contido

Art Nouveau

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Modernismo (arte)»)

Art Nouveau (do francés: "nova arte") é un estilo internacional de arte, arquitectura e deseño que tivo o seu maior auxe no século XX. Este movemento influenciou diversas áreas do deseño, desde a arquitectura modernista até a tipografía e o mobiliario. Naceu en resposta ao academicismo e á estética historicista do século XIX, procurando unha maior liberdade creativa, unha harmonización entre as diferentes disciplinas artísticas e favorecendo un gusto pola artesanía.

Historia e influencias

[editar | editar a fonte]

Terminoloxía

[editar | editar a fonte]

Outro termo co que se lle coñece ao Art Nouveau é o modernismo que inclúe o Jugendstil en Alemaña, os Países Baixos e Escandinavia, Młoda Polska en Polonia, Modernisme en Cataluña, e Sezessionsstil na cidade de Viena.

En Rusia, o movemento xirou ó redor da magacine de arte Mir iskusstva ("Mundo da arte"). En Italia, ó redor de Stile Liberty chamado así pola famosa tenda londiniense.

En Portugal o nome é unha tradución literal do francés, Arte Nova. En España, o movemento centrouse ao redor da cidade de Barcelona e foi coñecido como modernismo, en catalán modernisme, co arquitecto Gaudí como a súa figura máis importante, con obras como a casa Batlló. O Art Nouveau tamén tivo grande importancia na Europa do leste, coa influencia de Alfons Mucha na cidade de Praga, na rexión de Moravia (parte da actual República Checa) e no Romanticismo da cidade de Riga, capital de Letonia, e fogar de máis de 800 edificios Art Nouveau.

Desambiguación

[editar | editar a fonte]

É importante distinguir o termo "modernismo" como se usa en diferentes contextos. Na Península Ibérica, "modernismo" refírese en xeral ao Art Nouveau e aos seus principios estéticos e decorativos. Con todo, en outros contextos, "modernismo" pode ter outra tradución desde a lingua inglesa, referíndose a movementos diferentes como o "modernism" arquitectónico ou "modern movement", ás veces referido como arquitectura moderna, que se centran na simplicidade e funcionalidade en lugar da ornamentación.

En portugués o termo pode ser empregado como en galego, catalán ou castelán, pero tamén pode referirse a todos os movementos artísticos e literarios heteroxéneos do final do século XIX ás vangardas, baseados na reacción contra as correntes tradicionais,[1] e mesmo, por influencia do inglés, ao racionalismo arquitectónico ou variantes como o estilo suave.

O modernismo, no sentido da Art Nouveau (como o modernismo catalán entre outros) tivo a súa prolongación en movementos como o organicismo arquitectónico, e influíu en deseñadores actuais como Echo Chernik, con ilustracións inspiradas no estilo dos carteis do século XIX.

Arquitectura

[editar | editar a fonte]

O deseño de edificios da arquitectura modernista destaca pola súa ornamentación fluída e formas inspiradas na natureza, en particular na vexetación, con fachadas decoradas e interiores exuberantes. Exemplos significativos da arquitectura modernista inclúen os traballos de Antoni Gaudí en Cataluña, cuxa obra está profusamente decorada con ferro forxado, trencadís e outros materiais, e Victor Horta en Bélxica.

Arquitectos da Art Nouveau

[editar | editar a fonte]

Deseño gráfico e mobiliario

[editar | editar a fonte]

O impacto do Art Nouveau foi aplicado tamén no deseño de interiores, mobiliario e deseño gráfico. O estilo inclúe tipografías arredondadas e fluídas, deseños de cartelería con motivos naturais e mobiliario con formas orgánicas e decorativas. Exemplos notables son os carteis de Alfons Mucha e Aubrey Beardsley, as cadeiras de Michael Thonet (a máis exitosa foi a nº 14)[2] e o mobiliario e as edículas do metro de París deseñadas entre 1899 e 1900 polo arquitecto Hector Guimard.[3]

Artistas da arte, pintura, e deseño gráfico

[editar | editar a fonte]

Modernismo na Península Ibérica

[editar | editar a fonte]

Cataluña e área de influencia

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: modernismo catalán.

O modernismo en Cataluña, coñecido como modernisme, alcanzou o seu apoxeo entre finais do século XIX e principios do XX. Este estilo, que se desenvolveu en paralelo co Art Nouveau, é particularmente visible en Barcelona e en vilas e cidades veciñas, como Reus, Tarragona ou Santa Coloma de Cervelló.[4]

Antoni Gaudí é sen dúbida a figura máis emblemática deste movemento, cunha obra que inclúe a Sagrada Familia, a Casa Batlló e o Parc Güell entre outras. Fóra de Cataluña proxectou Casa Botines de León, El Capricho de Comillas, Cantabria, e o Palacio Episcopal de Astorga, de estilo ecléctico que mestura o modernismo e o neogoticismo.[5]

Outros arquitectos destacados son Lluís Domènech i Montaner e Josep Puig i Cadafalch. O modernismo tamén se estendeu ás Illas Baleares e Valencia (véxase modernismo valenciano), e mesmo a Cartaxena, por obra do arquitecto catalán Víctor Beltrí,[6] onde se aprecian influencias semellantes en algúns edificios públicos e residenciais, con características do modernismo catalán.

A Habana tamén é unha das cidades con maior presenza de arquitectura modernista de todo o mundo, principalmente polo labor de arquitectos cataláns.[7]

En Galiza, o modernismo, aínda que de xeito menos intenso que en Cataluña, tamén deixou a súa pegada en numerosas vilas e cidades como Santiago de Compostela, onde se poden ver diversas obras na rúa do Hórreo ou na praza de Galicia, algunhas desaparecidas como o antigo edificio de Castromil,[8] e na Coruña, con obras na praza de Pontevedra, praza de Galicia e outras rúas, de arquitectos como Ricardo Boán ou Antonio López Hernández, reflectindo influencias centroeuropeas chegadas a través de catálogos e revistas, fusionando a estética internacional coas tradicións locais adaptadas ao contexto galego.[9]

Artigo principal: Arte Nova.

En Portugal, o movemento modernista é coñecido como Arte Nova e influenciou obras de arquitectura, deseño de interiores e mobiliario, reflectindo unha adaptación do Art Nouveau, integrando elementos decorativos locais. Aínda que o seu impacto foi máis moderado en comparación con outros países europeos, tivo unha presenza notable principalmente en Lisboa. no Porto e Aveiro, nomeada Cidade-museu da Arte Nova em Portugal, e membro da "Réseau Art Nouveau Network" á par de Barcelona, Bruxelas, Budapest, Glasgow, Helsinqui ou A Havana.[10]

Notas

  1. "modernismo". Dicionário Priberam da Língua Portuguesa (en portugués). Consultado o 2024-08-28. 
  2. "The Chair Men - Gebrüder Thonet and the Number 14 Chair". www.europeana.eu (en inglés). 2019-11-05. Consultado o 2024-08-28. 
  3. "Paris métro, histoire et design - Sybil Canac". Babelio (en francés). Consultado o 2024-08-28. 
  4. "Inici". Ruta del Modernisme de Barcelona (en catalán). Consultado o 2024-08-29. 
  5. Vargas, Sofía (2020-01-06). "La magnífica arquitectura 'art nouveau' del gran Antoni Gaudí". My Modern Met (en castelán). Consultado o 2024-08-29. 
  6. Medina, Alberto Piernas (2022-09-23). "Victor Beltrí: el genio modernista que reinventó Cartagena". Architectural Digest (en castelán). Consultado o 2024-08-28. 
  7. "La Habana - Réseau Art Nouveau Network". www.artnouveau-net.eu (en inglés). 2019-08-26. Consultado o 2024-08-29. 
  8. Fuentes-Valcárcel, Alberto (2021-03-06). "Ruta modernista por Santiago de Compostela". Art-Nouveau Coruña (en castelán). Consultado o 2024-08-29. 
  9. "Modernismo". Turismo da Coruña. Consultado o 2024-08-29. 
  10. "Rota da Arte Nova (Aveiro)". Centro de Portugal (en portugués). Consultado o 2024-08-29. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]

----

Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre arte é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.