Nacionalismo palestino
O nacionalismo palestino (en árabe: قومية فلسطينية) é o movemento nacional do pobo palestino para acadar a autodeterminación e a soberanía de Palestina.[1] Orixinalmente formado en oposición ao sionismo, o nacionalismo palestino posterior internationalizouse e está suxeito a outras ideoloxías.[2] Baséase no rexeitamento á ocupacion histórica dos territorios palestinos por parte de Israel[3] e a ocupación árabe non doméstica por parte de Exipto sobre a Franxa de Gaza e o dominio xordano sobre Cisxordania.
Orixes
[editar | editar a fonte]No seu libro Palestinian Identity: The Construction of Modern National Consciousness (1997), o historiador Rashid Khalidi sinala que a estratificación arqueolóxica que amosa a historia de Palestina —abranguendo os períodos bíblico, romano, bizantino, omeia, fatimí, cruzado, aiúbida, mameluco e otomán— forma parte da identidade do pobo palestino contemporáneo tal e como se chegou a entender ao longo do século XIX,[4] mais rexeita os esforzos dalgúns nacionalistas palestinos en intentar rastrexar anacronicamente na historia unha conciencia nacionalista que é, de feito, relativamente moderna.[5] Khalidi subliña que a identidade palestina nunca foi exclusiva e que o arabismo, a relixión e as lealdades locais sempre xogaron un papel salientable.[6] Afirma que a identidade nacional moderna dos palestinos ten a súa orixe nos discursos nacionalistas que xurdiron entre os pobos do Imperio Otomán a finais do século XIX, e agudizouse trala delimitación das fronteiras dos estados-nacións modernos do Oriente Medio, despois da primeira guerra mundial.[6] Recoñece que o sionismo tivo a súa importancia na formación desta identidade, mais declara que «é un grave erro suxerir que a identidade palestina principalmente como unha resposta ao sionismo».[6] Khalidi describe a poboación da Palestina mandataria como unha poboación con «identidades superpostas», que expresaban lealdades cara a vila, rexións, o prexecto de nación palestina, a inclusión na Gran Siria, o proxecto nacional árabe e o islam.[7] Apunta que «o patriotismo local aínda non se podía describir como un nacionalismo de estado-nación».[8]
O historiador israelí Haim Gerber, profesor de Historia islámica na Universidade Hebrea de Xerusalén, fai remontar o nacionalismo palestino a un xurista islámico do século XVII, o muftí Khayr al-Din al-Ramli (1585–1671), que vivía en Ramala. Asegura que os edictos relixiosos (fatwa, plural fatawa) de Khayr al-Din al-Ramli, que foron recompilados en 1670 baixo o título al-Fatawa al-Khayriyah, demostran unha conciencia territorial: «Estas 'fatawa' son arquivos contemporáneos sobre a época, e dan unha visión complexa das relacións agrarias». Nesta recompilación de fatawa de 1670, Khayr al-Din al-Ramli emprega conceptos como Filastin, biladuna (o noso país), al-Sham (Siria), Misr (Exipto) e diyar (país), en sentidos que parecen ir máis aló da xeografía obxectiva. Gerber descríbeo como «unha conciencia territorial embrionaria, aínda que se refira a unha conciencia social máis que a unha conciencia política».[9]
O historiador Baruch Kimmerling e o especialista en relacións internacionais Joel Migdal[10] consideran que a revolta árabe de 1834 en Palestina é o primeiro acontecemento nacionalista do pobo palestino,[11] mentres que Benny Morris asegura que os árabes de Palestina se mantiveron como parte dun movemento nacionalista panislámico ou panárabe máis amplo.[12]
No seu libro The Israel-Palestine Conflict: One Hundred Years of War, o especialista en historia de Oriente Próximo James L. Gelvin declara que «O nacionalismo palestino xurdiu durante o período de entreguerra en resposta á inmigración e os asentamentos sionistas».[13] Matiza afirmando que este feito non resta lexitimidade á identidade palestina: «O feito de que o nacionalismo palestino se desenvolveu máis tarde que o sionismo, e en resposta a este, non disminúe de ningunha maneira a lexitimidade do nacionalismo palestino nin o fai menos válido que o sionismo. Todos os nacionalismos xorden en oposición a algún "outro". Se non, por que existiría a necesidade de afirmar quen é un? Todos os nacionalismos nacen en oposición ao "outro". E todos os nacionalismos defínense por aquilo ao que se opoñen.»[13]
Bernard Lewis sostén que os árabes palestinos do Imperio Otomán non opoñían unha nación palestina ao sionismo, porque o concepto de nación era un concepto descoñecido para os árabes da rexión naquela época, e que non apareceu até máis tarde. Mesmo o concepto de nacionalismo árabe nas provincias árabes do Imperio Otomán «non alcanzou proporcións significantes até o estoupido da primeira guerra mundial».[14]
Daniel Pipes afirma que «Non existía un pobo árabe palestino ao inicio de 1920, pero no mes de decembro tomou unha forma recoñecible e comparable coas de hoxe en día». Pipes sostén que coa creación do mandato británico de Palestina a partir da Gran Siria, os árabes do mandato víronse obrigados a adaptarse á súa situación e comezaron entón a definirse como palestinos.[15]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ de Waart, 1994, p. 223. Referencing Article 9 of The Palestinian National Charter of 1968. The Avalon Project has a copy here [1]
- ↑ Joffe, Alex. "Palestinians and Internationalization: Means and Ends." Begin–Sadat Center for Strategic Studies. 26 de novembro de 2017. Consultado o 28 de novebro de 2017.
- ↑ "No UN Vote Can Deny the Palestinian People Their Right to Self Determination". The Huffington Post UK. 2015-01-02.
- ↑ Khalidi, 1997, páx. 18.
- ↑ Khalidi, 1997, páx. 149.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 Khalidi, 1997, páxs. 19–21.
- ↑ Provence, Michael (2005) The Great Syrian Revolt and the Rise of Arab Nationalism, University of Texas Press, ISBN 0-292-70680-4 páx. 158
- ↑ Rashid Khalidi (1997) Palestinian Identity: The Construction of Modern National Consciousness, Columbia University Press, ISBN 0-231-10515-0 páx. 32
- ↑ Haim Gerber (novembro de 1998). JSTOR, ed. ""Palestine" and Other Territorial Concepts in the 17th Century" (en inglés). International Journal of Middle East Studies, Cambridge University Press. p. Vol. 30, No. 4, páxs. 563-572. Consultado o 22 de febreiro de 2013.
- ↑ Universidad de Washington. "Joel S. Migdal" (en inglés). Consultado o 22 de febreiro de 2013.
- ↑ Kimmerling, Baruch e Migdal, Joel S, (2003) The Palestinian People: A History, Cambridge, Harvard University Press, ISBN 0-674-01131-7 páxs. 6-11
- ↑ Benny Morris, Righteous Victims, páxs. 40-42 na edición francesa.
- ↑ 13,0 13,1 Gelvin, 2005, páxs. 92-93.
- ↑ Bernard Lewis (1999). Semites and Anti-Semites, An Inquiry into Conflict and Prejudice. W.W. Norton and Company. pp. 169. ISBN 0-393-31839-7.
- ↑ Daniel Pipes (13 de setembro de 2000). "The Year the Arabs Discovered Palestine" (en inglés). Jerusalem Post. Consultado o 22 de febreiro de 2013.