Saltar ao contido

Naufraxio do Prestige

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Artigo principal: Prestige.
Buque MV Prestige.

O naufraxio do petroleiro Prestige e a posterior marea negra foi un dos maiores accidentes e catástrofes naturais da historia do transporte marítimo mundial. O accidente ocorreu o 13 de novembro de 2002, a 250 quilómetros da costa da Morte en Galiza, cando, após unha forte tormenta, o petroleiro afundiuse liberando 77.000 toneladas de fuel ao océano Atlántico. A vertedura do Prestige, que se estendeu ás costas de Portugal, norte de España e Francia, está considerada como o terceiro accidente máis custoso da historia xa que custou 12.000 millóns de dólares para limpar e selar o barco.[1]

Impactos do naufraxio

[editar | editar a fonte]

Para unha cronoloxía exhaustiva do afundimento, datos sobre a composición da carga e unha análise dos impactos máis pormenorizada, véxase o artigo principal Prestige.

Crustáceo afectado polo chapapote.

Impacto ambiental

[editar | editar a fonte]

A marea negra afectou gravemente a vida mariña, incluíndo moluscos, equinodermos, peixes, aves e mamíferos mariños, e danou ecosistemas costeiros en Galiza, Portugal e Francia. Máis de 200.000 aves foron afectadas, e restos de fuel foron atopados até nove anos despois nas praias de Nemiña e O Rostro.[2][3]

Impacto económico e social

[editar | editar a fonte]

O derramo provocou un duro golpe á economía local, en boa parte baseada na pesca, marisqueo e acuicultura e no turismo. A prohibición da pesca afectou a 913 dos 1.121 quilómetros da costa galega, mentres que a contaminación reduciu significativamente o turismo no país.[4][3]

Resposta cidadá e limpeza

[editar | editar a fonte]
Voluntarios limpando o fuel do Prestige.

Para unha análise exhaustiva da limpeza do pecio, véxase o artigo principal Prestige. Para os aspectos xurídicos véxase o artigo Xuízo do Prestige.

A Forza Aérea Portuguesa realizou voos diarios para avaliar os danos ecolóxicos en Portugal, e o Estado francés tamén dispuxo de medios de seguimento. Esa cobertura informativa foi amplamente seguida por voluntarios e mariñeiros galegos, que desde o 19 de novembro até o 3 de decembro fixeron tarexas de vixilancia, e a partir do 3 saíron a retirar o chapapote da marea negra á boca das Rías Baixas, antes de que entrase nas augas interiores.[4] Máis de 300.000 voluntarios de toda Europa e mesmo doutras partes do mundo participaron nas operacións de limpeza. Unha grande cantidade de voluntarios do Estado español acudiron durante a ponte da Constitución e da Inmaculada, dúas semanas despois do afundimento. O Miteco estimou que eses labores equivalían a 1.382.000 xornadas de traballo, das que o 73% se efectuaron en Galiza.

Os voluntarios recibiron unha homenaxe da Xunta cinco anos despois do afundimento do buque, o 13 de novembro de 2007.[3]

Consecuencias políticas

[editar | editar a fonte]

O manexo do desastre do Prestige polo Goberno de España e da Xunta de Galicia xerou críticas e protestas significativas. A xestión da crise ambiental tivo un impacto notable nas eleccións subsecuentes, tanto a nivel estatal como en Galiza. Nas eleccións municipais de 2003 o PPdG baixou catro puntos. En 2004 houbo un cambio de goberno en España e en 2005 o PPdG perdeu o Goberno galego, dando paso á formación dun goberno bipartito entre o PSdeG e o BNG. Este cambio político foi influenciado, en parte, pola percepción pública da xestión do derramo e as súas repercusións sociais e ambientais. Nas eleccións municipais de 2007, o PPdG experimentou unha baixada en votos, o que se considera un reflexo da tendencia descendente no apoio ao partido, posibelmente relacionado coa conciencia ambiental da opinión pública e a xestión do desastre do Prestige.[5]

Marea negra que arrasou as praias tras o afundimento do petroleiro Erika, ocorrido o 12 de decembro de 1999 nas costas de Bretaña.

O desastre levou á adopción de medidas para mellorar a seguridade dos buques e a protección do medio ambiente, incluíndo a prohibición de buques en mal estado e a aceleración da aplicación do paquete Erika, normativa creada a raíz do desastre do petroleiro Erika.[6]

  1. "The Most Expensive Accidents in the History of the World". WreckedExotics.com (en inglés). Consultado o 2024-01-08. 
  2. Greenpeace. "Impacto ambiental del Prestige". Greenpeace España (en castelán). Consultado o 2024-01-08. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Datos RTVE, Cristina POZO GARCÍA / Ana MARTÍN PLAZA (2022-11-12). "Los datos del 'Prestige', 20 años después: de las 63.000 toneladas de chapapote a la deuda multimillonaria". RTVE.es (en castelán). Consultado o 2024-01-08. 
  4. 4,0 4,1 Portugal, Rádio e Televisão de (2022-11-14). "Prestige. Vinte anos depois do maior desastre ecológico na Europa". Prestige. Vinte anos depois do maior desastre ecológico na Europa (en portugués). Consultado o 2024-01-08. 
  5. García Pérez, J D (2003-09). "Early socio-political and environmental consequences of the Prestige oil spill in Galicia". Disasters 27 (3): 207–223. doi:10.1111/1467-7717.00229. 
  6. "EUR-Lex - l24230 - EN - EUR-Lex". eur-lex.europa.eu (en inglés). Consultado o 2024-01-08. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]