Saltar ao contido

O home-león

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O home-león

Outros nomes Löwenmensch
Tipo Escultura
Data c. -40000
Cultura Cultura auriñaciense
Características
Lonxitude 5,9 cm
Anchura 5,6 cm
Altura 31,1 cm
Materiais Marfil de mamut
Descuberta
Localización Hohlenstein-Stadel, Alemaña Alemaña
Descubridor/a Otto Volzing
Data 25 de agosto de 1939
Conservación
Localización Museo Ulm, Ulm

O home-león, ou Löwenmensch, é unha escultura de marfil de mamut que data do Paleolítico superior (auriñaciense).

A imaxe representa un corpo humano, revestido dunha cabeza de león. É un dos exemplares escultóricos, de vulto redondo, é dicir totalmente exento, máis antigos que se coñecen até o presente. As súas dimensións son 29,6 cm de altura, un ancho de 5,6 cm e un espesor de 5,9 cm. Ten sete incisións horizontais e paralelas no brazo esquerdo.

A obra foi descuberta rota en pedazos, en 1939, no estado alemán de Baden-Wurtemberg, na caverna de Hohlenstein-Stadel, sita no val do río Lone (Lonetal), onde a rescatou o arqueólogo Otto Volzing (1910-2001). A segunda guerra mundial interrompeu os traballos. Como centenares doutras pezas alí atopadas, foron doadas por Robert Wetzel, director das escavacións ao Museo de Ulm.

Até case trinta anos despois do final da contenda mundial non foi estudada, sendo restaurada aínda en 1997-1998; pero nesta primeira reconstrución a estatuíña aínda carecía de cabeza, e non foi até despois do 2000 que se reconstruíu enteiramente. Este tardío redescubrimento é o que explica o descoñecemento case xeral da estatuíña e que non teña entrado aínda no patrimonio imaxinario do gran público ao non pasar a libros de texto e divulgativos.

Datación

[editar | editar a fonte]

A súa antigüidade está estimada, por datación C-14, en arredor de 32.000 anos, o que a fai remontar ao período auriñaciense, como as estatuíñas das venus paleolíticas, das cales a máis coñecida é a de Willendorf.

Interpretación

[editar | editar a fonte]
O home león, -32.000 anos, 29,6 cm, Museo de Ulm

Mesmo a correcta identificación é difícil. De primeiras un cre que a esculturiña representa un humano masculino, mais moi de seguido pode pensar que é unha femia humana. Inicialmente denominouse home-león. Foi o prehistoriador Joachin Hahn quen propuxo interpretala como un ser feminino dado que a cabeza era de leona, pasando a chamarse león-muller (Löewenfrau). Mais o caso non está claro e segue a denominarse home-león maioritariamente, porén a denominación en alemán é Löewenmensch: ser humano-león, sintagma que non é doado simplificar noutras linguas.

A interpretación é árdua. A súa caracterización híbrida presenta semellanzas con certas representacións magdalenianas, moito máis tardías, da arte rupestre de covas francesas como o "Gran Bruxo" da gruta de Les Trois-Frères, que tamén presentan seres híbridados.

Outra estatua similar, de menor tamaño mais representando igualmente un home-léon, foi atopada noutra caverna, Hohler Fels, na mesma rexión, e xunto con outras esculturas de animais. E noutra cova da zona, Vogelherdhöhle, achouse unha cabeza de león solta, pero con visos de ter tido corpo humano. Isto abre a posibilidade de que "o home-león" xogase un papel importante na mitoloxía dos humanos do Paleolítico Superior[Cómpre referencia].

O home-león exponse na actualidade no Museo de Ulm, na localidade homónima da Alemaña.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]