Saltar ao contido

Oráculo de Dodona

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Localización do santuario de Dodona.

O Oráculo de Dodona (en grego Δωδώνη, Dôdốnê) foi o máis coñecido da Antigüidade, despois do Oráculo de Delfos. Dodona é un lugar que se atopa a 80 km ao leste da illa de Corfú, na rexión de Epiro, ao pé do monte Tomaros, nos montes Pindo, preto da fronteira de Grecia e Albania, nunha zona montañosa que dominaron e controlaron os molosos no século -V.

Este santuario estaba dedicado ao deus Zeus e á Deusa Nai, venerada baixo o nome de Dione, e foi o máis frecuentado desde tempos moi antigos. A súa situación era privilexiada, preto do río Aqueloo, o máis caudaloso de Grecia, navegábel durante algúns quilómetros. Sábese que o lugar tiña xa unha grande actividade nos tempos da Idade de Bronce.

Está situado, como se dixo, na aba do monte Tomaros, ao sur do lago Pambotis, a 22 km ao sur de Ioannina. É o máis antigo dos oráculos gregos; posibelmente remóntase ao segundo milenio a. C., e é un dos máis coñecidos xunto aos de Delfos e Amón. Os sacerdotes e as sacerdotisas do bosque sacro interpretaban a caída das follas do carballo no vento. Tras a aparición na Grecia das cidades, padeceu o auxe do oráculo de Delfos na época clásica, pero continuou activo até a época de Roma.

Orixes lendarias do oráculo

[editar | editar a fonte]
O val de Dodona na época das primeiras escavacións (Karapanos 1878, pl. I, detalle).

O oráculo de Dodona aparece citado por Homero na Ilíada XVI, 233-35. O poeta relaciónao co mundo dos pelasgos, aquel pobo primitivo considerado como o primeiro que ocupou Grecia e que habitou na cidade de Dodona entre outras.

Ζεῦ ἄνα Δωδωναῖε Πελασγικὲ τηλόθι ναίων / Δωδώνης μεδέων δυσχειμέρου, ἀμφὶ δὲ Σελλοὶ / σοὶ ναίουσ’ ὑποφῆται ἀνιπτόποδες χαμαιεῦναι
Zeus omnipotente, dodoneo, deus remoto, pelásxico, / que reinas sobre Dodona, nese rudo país dos selos, os teus intérpretes, / que non lavan os pés e dormen no chan!
Homero, Ilíada XVI,231-235

Outra pasaxe da Ilíada onde se menciona Dodona está dentro do Catálogo das naves (II, 749-750):

το δ’ Ἐνιῆνες ἕποντο μενεπτόλεμοί τε Περαιβοὶ'/ οἳ περὶ Δωδώνην δυσχείμερον οἰκί’ ἔθεντο
acompañábano os eniáns, os valentes perebos, / que se estableceron no áspero país de Dodona

Con todo, segundo Estrabón, nestes versos Homero refírese a outro lugar chamado Dodona situado en Tesalia[1].

Na Odisea, XIV 327-330 tamén fala do lugar sacro e da importancia que tiña a árbore, o carballo de Zeus. Ao chegar o heroe Odiseo a Dodona, pediu un consello á follaxe divina do deus do oráculo (Zeus), para poder regresar á súa terra de Ítaca.

τὸν δ’ ἐς Δωδώνην φάτο βήμεναι, ὄφρα θεοῖο' / ἐκ δρυὸς ὑψικόμοιο Διὸς βουλὴν ἐπακούσαι / ὅππως νοστήσει’ Ἰθάκης ἐς πίονα δῆμον
dixo que [Odiseo] foi a Dodona / para aprender do gran carballo a vontade de Zeus / e para saber como entraría na terra de Ítaca
Homero, Odisea XIV,327, XIX,296-298

Pola súa banda Heródoto fala tamén do pobo pelasgo e asegura que o oráculo de Dodona era o máis antigo que nunca tivera Grecia, e na súa época era ademais o único. Heródoto conta que o oráculo de Dodona estaba relacionado co de Tebas de Exipto e ofrece dúas versións:

  • En Tebas foron raptadas polos fenicios dúas sacerdotisas. A unha delas mandárona a Libia onde foi vendida e á outra a Dodona. Suponse que estas dúas sacerdotisas foron as primeiras que instituíron oráculos nestes dous lugares: o oráculo de Amón en Exipto e o oráculo de Zeus en Dodona.
  • Sobre a cidade de Tebas voaron dúas pombas. Unha dirixiuse a Libia e outra a Dodona. A pomba de Dodona pousouse sobre un carballo e desde alí expresou con voz humana que era necesario fundar nese mesmo lugar un oráculo ao deus Zeus[2].

O relato mitolóxico serve, sobre todo, polo lazo que crea entre os dous grandes oráculos de Zeus, o de Amón no oasis de Siwa en Libia, e o de Dodona.

Selos e peleiades

[editar | editar a fonte]

Homero relaciona con Dodona aos selos (en grego, οι Σελλοί), que realizaban vaticinios. Indica que non se podían lavar os pés e tiñan que durmir no chan. Píndaro chamábaos helos[3].

Pola súa banda Heródoto dá moita máis importancia ás sacerdotisas, intermediarias dos signos que o oráculo daba en contestación ás preguntas. As sacerdotisas de Zeus en tempos de Heródoto eran as tres peleiades (en grego, αι πελειάδες) chamadas Promenia, Timárete e Nicandra[4].

Sábese que en tempos de Estrabón eran as sacerdotisas quen deliberaban sobre as respostas do deus, salvo no caso de que se tratase de beocios[5].

Os oráculos

[editar | editar a fonte]
Inscrición oracular nunha lámina de chumbo (Karapanos 1878, pl. XL, 1).

Os oráculos en Dodona realizábanse interpretando os sons do carballo sacro e o voo das pombas[6]. A mediados do século -IV, o ateniense Demón cita outra tradición sobre o oráculo de Dodona: contaba que do teito do templo de Zeus penduraban unha serie de caldeiros ou trípodes moi xuntos entre si. Como o templo carecía de paredes, o vento golpeaba os caldeiros e o seu son era o que tiña que ser interpretado polos sacerdotes ou as sacerdotisas[7][8]

A arqueoloxía deu moita información ao achar neste lugar bastante material sobre as preguntas feitas ao deus, é dicir sobre o oráculo. Atopáronse abundantes láminas de chumbo sobre as que están gravadas con estilete as preguntas dos consultantes. Con todo o material atopado coas respostas é bastante escaso; suponse que os consultantes levaban consigo a resposta escrita que lles serviría como testemuño da mercé divina. As consultas achadas refírense polo xeral a asuntos cotiáns e domésticos, preguntas sobre a elección de matrimonio ou de celibato, sobre a fecundidade ou esterilidade, sobre a dúbida de que o fillo recentemente nado sexa lexítimo, sobre o feito de emprender unha viaxe a Siracusa, etc.

Algúns escritores da antigüidade contan que nos primeiros tempos, o oráculo ordenaba sacrificar unha vítima ao río Aqueloo, cada vez que contestaba unha pregunta.

Historia do santuario

[editar | editar a fonte]
Santuario de Dodona, vista do teatro.

A arqueoloxía non achegou aínda unha resposta satisfactoria á data de construción do oráculo. Os vestixios arqueolóxicos de ocupación máis antigos datan da Idade do Bronce (-2500 a -1200/-1100). Na Idade do Bronce Antigo e Medio non hai achados arquitectónicos e os restos son principalmente cerámica. Na Idade do Bronce Final atópanse, ademais de restos de cerámica, armas, ferramentas e xoias de bronce. Neste último período atopouse cerámica de procedencia micénica[9].

O culto ao Zeus Dodoneo chegou a Epiro cos tesprotos no período Heládico recente, cara a -1200, pero anteriormente existía un culto ctónico prehelénico a unha deusa da abundancia e a fertilidade relacionada coas raíces do «Gran Carballo». As dúas divindades, o deus da tormenta e o trono, e a divindade ctónica da vexetación formaban en Dodona unha parella venerada baixo os nomes de Zeus Naios (literalmente «Zeus residente») e Dione Naia (a forma feminina do nome Zeus), en relación cun carballo sacro.

Aínda que estivese afastado das principais poleis, o oráculo gozou dun gran renome até o século -VI: era consultado regularmente polos atenienses que enviaban unha embaixada anual. Sófocles menciónao n'As traquinias (v. 1164 sq.) e Esquilo no seu Prometeo encadeado (v. 829 sq.). Creso, rei de Lidia, consultaba aos famosos oráculos se debía ou non declarar a guerra a Persia. A resposta de Zeus Dodoneo non se conserva[10]. A consulta repítese máis tarde polos espartiatas Axesilao II e Lisandro[11]. Lisandro tentou corromper a sacerdotisa do oráculo para obter unha resposta favorábel á súa consulta. A anécdota figura tamén en Plutarco (Vida de Lisandro), que cita a Éforo de Cime. Os corcireos (da cidade de Corcira na illa de Corfú) tamén interrogaron para poder conseguir a paz e os caonios consultaron se era bo desprazar o templo de Atenea.

Esta celebridade non se reflicte nun proxecto arquitectónico ambicioso, contrariamente ao que pasa co oráculo de Delfos, que suplantou progresivamente a Dodona como sede principal dos oráculos para as cidades gregas. No século -IV, o santuario parece reducirse a un simple templo en torno ao Carballo sacro.

O apoxeo do santuario correspóndese co do reino de Epiro baixo o mandato de Pirro quen, entre -297 e -272, reconstruíu case todos os edificios de Dodona, baixo un prototipo monumental máis concorde co seu papel de santuario nacional de Epiro: o templo de Zeus, o de Heracles e o de Temis gozaron de máis anchura, así como os edificios cívicos, o Buleuterion e o Pritaneo. Foi tamén Pirro quen fixo construír o teatro para acoller os espectáculos dramáticos e musicais que acompañaban a festa dos Naia en honra da tríade constituída por Zeus e as súas dúas compañeiras, Dione e Temis.

A repentina morte de Pirro en Argos en -272 e a debilidade do reino de Epiro que se afundía, absorbido polos seus dous poderosos veciños, Macedonia ao leste e Etolia ao sur, provocaron o declive do santuario. Entre -219 e -218, é saqueado polos etolios baixo o mandato do seu novo strategos, Dorímaco, que fixo destruír o templo de Zeus, pero parece ser que respectou o Carballo sacro[12]. O novo rei de Macedonia Filipo V, aliado dos epirotas, vingou o sacrilexio atacando salvaxemente Termo, a capital federal etolia, o ano seguinte (-218). Co botín tomado aos etolios fixo reconstruír o santuario de Dodona e engadiu un estadio para os xogos anuais.

A pesar de todo, o santuario non se recuperou do saqueo etolio, é máis, foi destruído novamente medio século máis tarde, esta vez polos romanos, na terceira guerra macedónica (-168 a -167)[13]. Atópase de novo unha mención ao santuario nas fontes que falan da invasión de Grecia polos exércitos de Mitrídates VI en -88. Cando Octavio se refuxiou en Epiro durante a guerra contra Marco Antonio en -31, probabelmente fixo reconstruír en parte o santuario, o que o xeógrafo contemporáneo Estrabón describe en ruínas. Foi tamén na época imperial cando o teatro foi convertido en circo. O emperador romano Hadriano visitou o oráculo cara a 132, igual que Pausanias pouco despois[14]. O festival dos Naia continuou sendo celebrado até o ano 240.

A ruína definitiva do oráculo chegou en 391, cando o Carballo sacro foi cortado debido ao edicto de Teodosio I que prohibía os cultos pagáns. Iso non significou o fin da ocupación do lugar: a construción, a partir dos restos do templo de Heracles, dunha gran basílica paleocristiá do século V é testemuño da ocupación de Dodona na Antigüidade tardía; do mesmo xeito que a mención da cidade na lista de Hierocles (século VI), e a presenza de varios bispos de Dodona nos concilios ecuménicos, especialmente o Éfeso en 431.

Organización do santuario

[editar | editar a fonte]
Plano do santuario de Dodona (segundo Dakaris 1996).

O santuario estivo rodeado desde a segunda metade do século -IV por unha muralla que prolongaba polo val as fortificacións da acrópole (número 1 do plano). Esta última englobaba a cima do pequeno outeiro (de 350 m. de altitude) dominando o espazo. Construída con aparello isódomo, a acrópole foi refuxio fortificado para a cidade dos dodoneos. Tiña 10 torres cuadrangulares, accesibel por dúas entradas, unha ao nordés, a outra ao sueste. Posuía unha cisterna para proporcionar auga aos habitantes en caso de sitio. A partir dos ángulos suroeste e sueste da acrópole, dúas murallas descendían polo val para incluír a área do santuario. Tres portas estaban sempre abertas, das cales dúas, ao leste e ao sur, estaban protexidas por torres. A porta oeste (número 19 do plano) tivo que ser desprazada máis cara ao oeste (número 18 do plano) na fase de agrandamento do santuario a inicios do século -III, para deixar espazo suficiente para a construción do Buleuterion (número 4 do plano) e do Pritaneo (número 6 do plano). A nova muralla occidental (número 17 do plano) rodeábaos para acabar no edificio coñecido como casa das sacerdotisas (número 5 do plano).

Edificios de culto

[editar | editar a fonte]

Os diferentes monumentos do santuario estaban repartidos ao pé do outeiro neste espazo fortificado. No centro achábase o témenos de Zeus Dodoneo, a Hiéra Oikia (grego antigo ἡ Ἱερά Οἰκία, «Casa sacra») (número 11 do plano), mencionado por Polibio[15]. A fase monumental identificada máis antiga é un pequeno templo rectangular (20,80 x 19,20 m) construído na primeira metade do século -IV á beira do carballo sacro, cando os molosos tomaron o control do santuario tesproto. Até ese momento Zeus non contaba cun templo senón que a súa adoración se realizaba ao aire libre e o carballo estaba rodeado dunha serie de trípodes que soportaban caldeiros de bronce en contacto os uns cos outros. Cando entrechocaban, o son reverberaba. Este ruído que os sacerdotes interpretaban como o vento entre as follas, manifestaba a vontade de Zeus. Foron atopados fragmentos de caldeiros que se remontan ao século -VIII, confirmando esta tradición e a antigüidade do oráculo.

A mediados do século -VI, o témenos é pechado por un muro de cachotaría. Os caldeiros deixaron o seu sitio a un dispositivo máis sofisticado: encima dunha columna elevouse unha estatua de bronce representando un mozo (ofrenda dos corcireos) que suxeitaba un látego con tres cadeas de astrágalos. O vento axitaba as cadeas contra un caldeiro disposto tamén sobre unha columna, producindo un son continuo, que os sacerdotes interpretaban para responder as preguntas que lles expuñan. As respostas eran plasmadas en láminas de chumbo; un gran número delas foron sacadas á luz.

Témenos de Zeus Dodoneo.

Baixo o reinado de Pirro de Epiro, o muro de peche foi substituído por un pórtico xónico en tres dos catro lados do patio, en forma de letra pi, rodeando o Carballo. A modo de ofrenda de recoñecemento ao deus, Pirro fixo suspender sobre as columnatas os escudos romanos capturados tras a súa vitoria en Heraclea de Lucania en -280. O Museo Arqueolóxico Nacional de Atenas posúe un anaco dun destes, identificado grazas a un fragmento da inscrición. Reiterou este xesto en -274, despois dunha vitoria sobre Antígono II Gónatas, testemuñado por unha inscrición atopada no buleuterion. Tamén Pausanias evoca este triunfo e describe a inscrición da ofrenda dos escudos macedonios ao Zeus de Dodona:

Estes, noutro tempo devastaron a terra de Asia rica en ouro, estes tamén trouxeron escravitude aos gregos. Agora xunto ás columnas do templo de Zeus xacen abandonados os despoxos da orgullosa Macedonia
Pausanias, Descrición de Grecia i.13.3

Despois do desmantelamento sistemático da Hiéra Oikia pola liga Etolia en -219, os macedonios reconstruíron o santuario a unha escala máis grandiosa: o templo, tetrástilo de orde xónica, era un edificio tripartito (pronao, naos e ádyton).

Varios templos secundarios rodeaban a Hiéra Oikia. Ao nordés alzábase o primeiro templo de Dione (número 13 do plano): un pequeno edificio dotado dun pronao tetrástilo xónico, que albergaba a estatua da deusa na parte traseira da cella. Sábese de maneira indirecta que o templo xa existía na segunda metade do século -IV: os atenienses despacharon alí unha embaixada para honrar a estatua de Dione, unha práctica que Olimpia, a nai de Alexandre Magno condenou como unha inxerencia nos asuntos dos molosos de Epiro, aos que ela gobernou de -330 a -324. O santuario foi abandonado tras a súa destrución en -219: construíuse un novo templo de Dione unha decena de metros ao sur (número 12 do plano). Tratábase dun pequeno templo próstilo tetrástilo xónico, que constaba dun pronao e dunha cella.

Entre estes dous templos e a porta leste do recinto atopábase o templo de Heracles (número 14 do plano), erixido durante o reinado de Pirro (-297 a -272) en honra do heroe, considerado o devanceiro mítico da dinastía arxéada, a casa real macedonia, a cal se aliou coa dos eácidas de Epiro despois da voda de Olimpia e de Filipo II de Macedonia. Era un pequeno templo tetrástilo dórico — o único do santuario — que foi destruído en -219, máis tarde reconstruído cos materiais saqueados en Termo. Foi en parte cuberto pola basílica paleocristiá na Antigüidade tardía. O templo puido ser identificado grazas ao descubrimento dunha métopa que representa a Heracles loitando contra a Hidra de Lerna, así como por diversas ofrendas. Unha base do altar descuberto ao leste do templo estaba probabelmente asociada a este.

Foron sacados á luz outros dous templos situados ao oeste da Hierá Oikía: o templo de Temis (número 10 do plano) estaba segundo o seu plano moi próximo do templo novo de Dione. A asociación cultual das dúas deusas paredras de Zeus está confirmada por unha inscrición oracular de chumbo, datada na primeira metade do século -III, que menciona esta tríade cualificada de deuses naios.

Un pouco máis lonxe, ao sueste, un último edificio cultual (número 8 do plano) foi identificado como un templo de Afrodita: o culto desta deusa está testemuñado en Dodona por unha inscrición, así como por ofrendas de pequenas figuras de arxila, nas que está representada sostendo na súa man dereita unha pomba ante o seu peito. Dous tambores de columnas provenientes deste templo foron reutilizadas no edificio veciño (número 9 do plano), de función descoñecida, de época romana.

Edificios civís

[editar | editar a fonte]

O edificio máis grande intra muros do santuario era o buleuterion (número 4 do plano) construído ao principio do século -III, á beira do teatro. Era unha gran sala rectangular (43,60 x 32,35 m) precedida na fachada por unha stoa dórica. O tellado desta impoñente construción era soportado por oito columnas xónicas dispostas en tres fileiras na sala. Foi, no entanto, necesario reforzar os muros con 14 contrafortes para soportar a presión do teito. Este edificio era o lugar de reunión dos membros do consello (buleutas) da cidade dos dodoneos: tomaban asento en bancos de pedra, dos cales quedan restos in situ, no lado norte. Os oradores ocupaban o seu lugar na parte sur da estancia, onde tamén se atopaba un altar dedicado a Zeus Naios e Buleus, un elemento decisivo na identificación funcional do edificio. O autor de devandita dedicatoria era un tal Carops, fillo de Macatas, un tesproto mencionado por Plutarco, por axudar a Tito Quincio Flaminino durante a campaña do ano -198 contra Filipo V.

No exterior do buleuterion, ao longo da súa fachada, foron achadas catro bases gravadas con decretos honoríficos da liga epirota. O obxecto de dous dos decretos era recompensar coa erección dunha estatua de bronce aos xenerais que combateran, unha era dos ilirios (c. -230), a outra dos Eácidas durante a proclamación da República epirota (entre -234 e -168). Varios fragmentos destas estatuas foron achados nas proximidades das bases.

O outro grande edificio civil, o pritaneo (números 6 e 7 do plano) estaba a escasa distancia ao sur do Buleuterion, alén da Vía sacra e da antiga porta oeste das murallas, que fixo falta desprazalas para construír este monumento. Neste edificio reuníanse os prítanes e os arcontes, maxistrados supremos de Dodona. Alí conservábanse os arquivos das súas decisións. O edificio, ordenado ao redor dun patio peristilar, foi agrandado a finais do século -III, mediante a adición dunha serie de pequenas habitacións cadradas no seu lado norte. Este agrandamento foi probabelmente moi necesario dada a extensión da liga epirota cara ao sur nesta época. Destruído no ano -167, foi mal reparado, pero da parte norte restan as ruínas.

Edificios para espectáculos: o teatro e o estadio

[editar | editar a fonte]
Teatro grego de Dodona.

O teatro (número 2 do plano) era un dos máis vastos de Grecia, cun aforamento estimado en 17.000 espectadores. Foi construído durante o reinado de Pirro na pendente sur do outeiro, para albergar á festa cuadrienal das Naia. O outeiro non era bastante amplo para o edificio e houbo que construír un muro de sostén para reter o terraplén, reforzar a fachada con contrafortes macizos, de aparencia similar a torres, e que contribuíron ao aspecto monumental e impresionante da fachada. O auditorio estaba dividido por dúas corredores (diazomata), en tres zonas respectivamente de 9, 15 e 21 filas de asentos, separados por escaleiras en 9 sectores (cunei) na parte inferior, e 18 na superior. As filas inferiores estaban reservadas aos maxistrados, titulares de privilexios e sacerdotes (proedría).

Foron suprimidos, incluídos o proscenio e a fachada do edificio da escena, durante a transformación do teatro en area na época augústea: construíuse entón un alto muro de 2,80 m para converter a orchestra nunha vasta area ovalada, onde podían ser organizados combates de bestas salvaxes sen perigo para o público.

Ao suroeste do teatro achábase o estadio (número 9 do plano), que constaba de 21 ou 22 fileiras de asentos. Foi construído a principios do século -III para acoller os xogos atléticos que acompañaban a festividade das Naia.

Exploración arqueolóxica

[editar | editar a fonte]
Plano do santuario segundo as primeiras escavacións.

O sitio arqueolóxico de Dodona foi identificado por Christopher Wordsworth en 1832.

As primeiras escavacións sistemáticas do santuario tiveron lugar desde 1873-1875, baixo a dirección do anticuario e político Konstantinos Karapanos: emprendidas a unha escala considerábel, sacaron á luz o esencial das estruturas sobre unha superficie de 20.000 m², pero non alcanzaron todo os estratos de ocupación, por sorte para os arqueólogos posteriores. No entanto, ditas escavacións permitiron, grazas ao descubrimento dos decretos epirotas gravados sobre placas de bronce, así como de numerosas láminas oraculares de chumbo, confirmar a identificación do xacemento co coñecido santuario oracular. O descubrimento dun depósito importante deste material nas ruínas da basílica paleocristiá, conduciu ao arqueólogo a identificalo erroneamente co templo de Zeus.

As escavacións se reiniciaron despois de 1921, baixo a éxida da Sociedade Arqueolóxica de Atenas, dirixidas por Georgios Soteriades, pero tiveron que interromperse pola Guerra Greco-Turca. Despois dunha primeira serie de campañas en 1929-1932, o arqueólogo Dimitrios Evangelidis relanza de forma decisiva a exploración sistemática do sitio tras a creación da autoridade arqueolóxica rexional, o XII Eforado de Antigüidades prehistóricas e clásica de Epiro. Nos anos 50 proseguiu a escavación do santuario, mostrando a continuidade do funcionamento desde a Idade do Bronce até a Antigüidade tardía. Despois da súa desaparición, Sotiris Dákaris, un colaborador de Evangelidis, retoma a dirección das escavacións, de novo co concurso (desde 1981) da Sociedade Arqueolóxica de Atenas, até a súa morte en 2004.

  1. Estrabón IX,5,20.
  2. Heródoto II,52-57.
  3. Estrabón VII,7,10.
  4. Heródoto II,55.
  5. Estrabón VII, 7,12; VII, fragmentos 1 e 1B.
  6. Homero, Odisea XIV,327; XIX,296; Estrabón VII, fragmento 1.
  7. FGrH 327 fr. 20.
  8. María José García Soler, Expresiones proverbiales y comedia en la Declamación XXVI de Libanio, p.105, en Studia Philologica Valentina Vol. 18, (2016) pp. 99-108.
  9. Martina Dieterle, Dodona. Religionsgeschichtliche und historische Untersuchungen zur Entstehung und Entwicklung deas Arquivado 25 de xaneiro de 2016 en Wayback Machine. Zeus-Heiligtums[2]. Olms, Hildesheim (2007), ISBN 978-3-487-13510-6 (en alemán).
  10. Heródoto, Historia i.46.
  11. Diodoro Sículo, Biblioteca histórica xiv.3.
  12. O historiador romano Polibio (IV, 67, 3) é a fonte indirecta desta información: precisa que os etolios queimaron o santuario, salvo o Hiéra Oikia que só desmantelaron. Segundo S. Dakaris (1996, 15), a diferenza de trato explícase pola vontade de non arriscarse a queimar o Carballo sacro, xa que constituiría un sacrilexio bastante grave. As ruínas da Hiéra Oikia mostraron a ausencia de nivel de destrución polo incendio desa época, o cal parece confirmar o testemuño de Polibio.
  13. As ruínas do templo de Zeus non mostraron elementos que permitan confirmar esta destrución (Dakaris 1996, 16).
  14. Pausanias, Descrición de Grecia i.17.5.
  15. Polibio, Historias de Polibio iv.67.3

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • El arte griego. José Pijoan. Colección Summa Artis, volumen IV. Espasa Calpe S.A., primeira edición 1932.
  • Monde Grec. Roland Martin. Editorial Office du livre, 1964. ISBN 2-8264-0124-6
  • Atlas histórico de la Grecia clásica. Pierre Cabanes. Editorial Acento, 2002. ISBN 84-483-0719-4
  • Yves Béquignon, s. v. Dodona Princeton Encyclopedia of Classical Sites (en liña), 1986, p. 279-280.
  • Sotiris Dákaris, Dodona, Atenas, 1996, 2ª ed., ISBN 960-214-124-7.
  • Konstantinos Karapanos, Dodone et ses ruines, 2 vols., Hachette, París, 1878.
  • H. W. Parke, The Oracles of Zeus : Dodona, Olympia, Ammon, Oxford, 1967.
  • B. Petrakou, Δωδώνη, Τὸ Ἔργον τῆς Ἀρχαιολογικῆς Ἑταιρείας κατὰ τὸ 2004, Atenas, 2005, p. 38-44.
  • J. H. Philpot, The Sacred Tree, Courier Dover, 2004, ISBN 0-486-43612-8.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]