Oswald Wenckebach
Retrato de Oswald Wenckebach ca. 1913 | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | Ludwig Oswald Wenckebach 16 de xuño de 1895. Heerlem, Limburgo. Países Baixos |
Morte | 3 de novembro de 1962. Noordwijkerhout, Holanda Meridional. Países Baixos |
País de nacionalidade | Neerlandés. |
Formación profesional | Escola de Arquitectura, Artes decorativas e Oficios de Heerlen. Academia de Belas Artes de Viena. |
Educación | Escultor, pintor, deseñador de moedas, medallas e selos; profesor universitario. |
Q89547790 | Monsieur Jacques (1956). Moedas de curso legal neerlandesas. |
Actividade | |
Lugar de traballo | Voorschoten |
Ocupación | pintor, medallista, deseñador de selos, escultor, profesor universitario, deseñador |
Empregador | Universidade de Tecnoloxía de Delft. |
Xénero artístico | Arte figurativa. |
Obra | |
Obras destacables
| |
Familia | |
Cónxuxe | Louise Petronella Lau (1919). Ems van der Hoeven (1934). |
Fillos | Loes van der Horst. Karla Wenckebach. |
Pais | Karel Frederik Wenckebach e Catharina Hennij |
Premios | |
Orde do León Neerlandés (1955). | |
Ludwig Oswald Wenckebach, nado en Heerlen, provincia de Limburgo, o 16 de xuño de 1895 e finado en Noordwijkerhout, Holanda Meridional, o 3 de novembro de 1962, foi un escultor, pintor, deseñador de moedas, selos e medallas, e profesor universitario neerlandés.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos e formación
[editar | editar a fonte]Ludwig Oswald Wenckebach naceu en 1895 en Heerlen, Limburgo,[1][2][3][4] no seo dunha familia de orixe alemá,[4] fillo de Catharina Hennij e do recoñecido cardiólogo e anatomista Karel Frederik Wenckebach.[5]
Na súa infancia, Wenckebach amosou bos dotes para o debuxo, polo que o ilustrador, litógrafo e gravador Cornelis Veth, amigo da familia, convenceu os seus pais de que se formase en debuxo. Así as cousas, recibiu a súa primeira formación artística na Escola de Arquitectura, Artes Decorativas e Oficios de Heerlen, entre 1913 e 1915,[1] onde tivo como mestre, entre outros, o pintor Ludwig Willem Reymert Wenckebach (1860-1937), que era tío seu.[2] Seguidamente asistiu á Academia de Belas Artes de Viena,[1] en Austria, de 1915 a 1918.[4][5]
Traxectoria artística
[editar | editar a fonte]Concluído o seu período formativo, a partir de 1918 estableceuse sucesivamente en Noordwijk, Schoorl e Noordwijkerhout.[1][6]
Iniciouse na produción artística como artista gráfico e nesta primeira etapa expuxo predominantemente xilografías, litografías e augafortes, ata 1927. Viaxou a Curaçao e a Venezuela, e durante uns anos residiu tamén en Grecia, onde ficou impresionado pola escultura grega antiga, o que o motivou para se dedicar principalmente a esta disciplina no futuro, sobre todo en pedra e en bronce, relegando a pintura, coa que comezara a súa produción artística.[7][4]
Como escultor destacan as súas creacións de monumentos de guerra e os seus bustos-retrato de persoas do seu círculo e de personaxes neerlandeses (Philips van Marnix,[8] Frits Philips, o arquitecto Berlage, a máscara de Albert Verwey, Monsieur Jacques...).[2][9] Tamén é salientable o seu labor de restauración de edificios monumentais.[3][7]
En 1935, Wenckebach foi contratado como profesor de Modelaxe e Escultura na Universidade de Tecnoloxía de Delft.[1][2][3][6][7]
Logo da segunda guerra mundial, en 1945 foi designado membro da Comisión Central de Monumentos Conmemorativos da Guerra ou a Paz,[6] para a colocación de monumentos de guerra nos Países Baixos en conmemoración das persoas que resultaron mortas ou feridas na contenda.[10]
En 1955, Wenckebach foi recoñecido co título de cabaleiro da Orde do León Neerlandés.[7] O ano seguinte recibiu un premio do municipio de Eindhoven pola súa estatua Monsieur Jacques.[6]
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Oswald Wenckebach casou en 1919 coa artista téxtil Louise Petronella Lau, a quen coñecera como compañeira de estudos na escola de Heerlen, e con ela tivo tres fillas, dúas delas as tamén artistas Loes van der Horst e Karla Wenckebach. Logo de se divorciaren en 1933, casou en segundas nupcias con Ems van der Hoeven, en 1934.[11] Deste segundo matrimonio tivo un fillo que máis tarde sería arquitecto.[6]
Wenckebach finou o 3 de novembro de 1962,[6] en Noordwijkerhout, Holanda Meridional.[1][3]
Obra
[editar | editar a fonte]A obra escultórica de Wenckebach inventariada abrangue polo menos 274 esculturas, entre elas 38 monumentos públicos, 37 obras de arte aplicada e 73 bustos de retrato. Ademais, realizou polo menos 17 debuxos a pluma. Entre outros, hai obras súas no Museo Kröller-Müller, no Museo Boymans-Van Beuningen e no Museo Británico.[6]
Wenckebach tamén deseñou un gran número de insignias e medallas, así como as series de moedas dos Países Baixos posteriores á segunda guerra mundial, cos bustos das raíñas Guillermina (1890-1948) e Xiana (1948-1980), que tamén apareceron nas moedas de Curaçao e das Antillas Neerlandesas. Do mesmo xeito, ocupouse do deseño da primeira serie de moedas de Indonesia logo da súa independencia dos Países Baixos en 1949, emitidas entre 1951 e 1954 e cuñadas igualmente na Real Casa da Moeda dos Países Baixos.[6][12]
-
Medalla a J. A. G. van der Steur (1943).
Oswald Wenckebach foi tamén o deseñador de catro selos de correos,[6] emitidos en 1928 con motivo da celebración dos Xogos Olímpicos de Verán nos Países Baixos.[3][13]
-
Selo de 7½ cents (1928).
-
Selo de 10 cents (1928).
-
Selo de 30 cents (1928).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 "Wenckebach". En Oosthoek Encyclopedie (ensie.nl).
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 "Wcnckebach , l°". En Katholieke Encyclopaedie. Vol. IV-V. Ámsterdam. 1938. Páxinas 115-116.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 "Oswald Wenckebach". Netherlands Institute for Art History (RKD.nl).
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 Boyens, J. (1982). Páxina 670, 677.
- ↑ 5,0 5,1 Scheen, P. A. (1994).
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 6,6 6,7 6,8 Boyens, J. (1982). Páxina 677.
- ↑ 7,0 7,1 7,2 7,3 "Prometheus". Delta.tudelft.nl
- ↑ "Medal - Philips van Marnix 400th Anniversary". Numista.com
- ↑ Boyens, J. (1982). Páxina 671, 677.
- ↑ "Benoemingen, ontslag enz." En Nederlandsche Staatscourant. Nº 138. 21 de decembro de 1945.
- ↑ Hafting, P.; Hoekstra, F. et al. (2011).
- ↑ "Ludwig Oswald Wenckebach". Numista.com
- ↑ "Oswald Wenckenbach". Colnect.com
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Oswald Wenckebach |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Boyens, J. (1982). "Beelden van Oswald Wenckebach". En Ons Erfdeel. Vol. 25. Páxinas 670-677.
- Hafting, P.; Hoekstra, F. et al. (2011). Oswald Wenckebach [Monografieën van het Sculptuur Instituut.Wbooks]. Zwolle. ISBN 90-400-7825-4
- Reichel, A. (1925). "Oswald Wenckebach". En Die graphischen Künste. Vol. 48. Nº 4. Viena. Páxinas 90-96.
- Scheen, P. A. (1994). Lexicon Nederlandse beeldende kunstenaars 1750-1950. Vol. II. 2ª ed. A Haia. 2. Páina 578. ISBN 90-6522-014-3
- "Wenckebach". En Oosthoek Encyclopedie (ensie.nl).
- "Wenckebach , l° Lodewijk Otto". En Katholieke Encyclopaedie. Vol. IV-V. Ámsterdam. 1938. Páxinas 115-116.
- Tilanus, L. (1988). "De beeldhouwer Oswald Wenckebach: een plaatsbepaling". En Leids Kunsthistorisch Jaarboek 7. Páxinas 162-182.