Peso Independente
Peso Independente [1] | |
---|---|
A/: Columna que sostén a Terra iluminada polo Sol. Enriba estandarte. Marca de ensaiador. Data.
Lendas: UNION Y FUERZA / LIBERTAD |
R/: Volcán en erupción. Valor facial dentro de coroa de loureiro.
Lendas: CHILE INDEPENDIENTE / SANTIAGO |
O peso Independente foi a primeira moeda cuñada en Chile logo de afianzada a súa independencia, coa vitoria do Exército dos Andes na batalla de Chacabuco, e a primeira que levou os novos símbolos nacionaisrepublicanos. O seu valor facial foi dun peso ou oito reais, e cuñouse en prata entre 1817 e 1834.
Historia
[editar | editar a fonte]Antecedentes
[editar | editar a fonte]A vitoria do Exército dos Andes o 12 de febreiro de 1817 na batalla de Chacabuco trouxo consigo o desartellamento do poder imperial español na maior parte do territorio chileno. Así as cousas, as novas autoridades, encabezadas por Bernardo O'Higgins, ordenaron diversas medidas para dotar de identidade a nova nación, entre elas a substitución da iconografía monárquica na moeda circulante —busto real no anverso e escudo de España no reverso—, polos símbolos da nova república.[2][3]
Como O'Higgins se achaba na cidade de Concepción, foi substituído de xeito interino polo coronel Hilarión de la Quintana, quen promulgou o 9 de xuño de 1817, por orde de O'Higgins,[4] un bando no que definía o deseño da nova moeda de prata dun peso.[5][6] Como non se fixo mención ningunha ao peso, á lei nin aos valores faciais das moedas, supúxose que se seguiría a utilizar o sistema monetario colonial español, coas mesmas características métricas aprobadas polas antigas ordenanzas reais.[3] Neste sistema, de carácter bimetálico, as moedas de ouro seguiron a denominarse escudos, e as moedas de prata reais.[2]
Deseño
[editar | editar a fonte]O bando de Hilarión de la Quintana dispuxo que a moeda de prata levase no seu anverso o escudo nacional chileno, a inscrición LIBERTAD, UNIÓN Y FUERZA, e o ano de cuñaxe.[7] O escudo consistía no símbolo da columna, relacionado co concepto da árbore da Liberdade presente na guerra de Independencia dos Estados Unidos e na Revolución Francesa, e que representaba a liberdade e a súa permanencia.[8] A columna estaba coroada cun globo terráqueo iluminado pola luz dunha estrela, o que representaba un elemento de progreso e desenvolvemento, en contraposición coa escuridade da época colonial.[9] Estes símbolos xa se achaban no primeiro escudo de Chile, utilizado en 1812 polo primeiro goberno patriótico de José Miguel Carrera,[10] e que se mantivo no segundo escudo cunha maior énfase na columna da liberdade.[8] A inscrición no anverso da moeda estaba en concordancia coas ideas independentistas e alude á nova orde.[7] Nesta cara da peza amósanse tamén as iniciais do ensaiador.[11]
O deseño do reverso da moeda, por clara influencia de O'Higgins, inclúe un volcán en erupción como representación da enerxía da nova nación,[10] e o valor facial UN PESO entre unha coroa de follas de loureiro.[7] Esta grilanda, cunha presenza constante na numismática chilena, representa o triunfo ou a fama, polo verdor perpetuo das súas follas, que implicaba unha vitoria imperecedoira.[12] Un elemento central da moeda é a inscrición CHILE INDEPENDIENTE, situada na parte superior, e que reforza a idea da soberanía con respecto ao antigo poder imperial.[7] No exergo, baixo o volcán, aparece a palabra SANTIAGO a modo de marca de ceca da Casa da Moeda de Santiago de Chile.[3]
Todos os símbolos da moeda representan o desexo do Goberno de O'Higgins de establecer un repertorio alegórico republicano, cuxo obxectivo respondía á idea, con orixe na Ilustración europea, dun Estado que debía educar os seus habitantes para adoptaren a nova orde e deixaren atrás os séculos de dominación monárquica.[13] O mesmo deseño utilizouse para as moedas de prata de ½, 1 e 2 reais.[14]
Produción e circulación
[editar | editar a fonte]A Casa de Moeda de Santiago —cuxa sede estaba no Palacio de La Moneda— continuou como o lugar de cuñaxe da nova moeda chlena, coa mesma tecnoloxía que durante o período colonial, aínda que con varios cambios entre o seu persoal.[3] O anterior gravador maior, Ignacio Fernández Arrabal, fuxiu cara a Lima logo do triunfo das tropas patriotas,[3] o que xerou problemas para a cuñaxe de moedas de ouro coa nova simboloxía independentista,[15] motivo polo que seguiu vixente ata 1818 a efixie do rei Fernando VIII.[16] Pola mesma razón, as moedas de prata dun cuarto de real (ou cuartillos) continuaron cuñándose cos emblemas de Castela e de León.[17]
Parte das primeiras moedas cuñadas en 1817 foron entregadas por O'Higgins a José de San Martín, xeneral do Exército dos Andes, a modo de medallas conmemorativas e premio para os que se distinguiron no campo de batalla. Como estas primeiras cuñaxes non contaban coas iniciais dos ensaiadores, polo que non se podía garantir a autenticidade do metal, o autor Donato Torechio, no seu libro Hechos de Chile, sostén que non se poden considerar como moedas propiamente ditas.[4]
En 1819, a fragata Carmen converteuse no primeiro barco chileno en partir con destino transoceánico, cando partiu desde Valparaíso cara a Calcuta, na India Británica, o 9 de novembro.[18] Levaba consigo diversos produtos, entre eles moedas do peso Independente.[4] Durante a súa estadía nas illas Sandwich a tripulación adquiriu víveres frescos, pagados en parte con estas moedas.[18] Ao chegaren a Singapur, o gobernador británico da illa solicitoulle en préstamo ao capitán da Carmen 6.000 pesos para o pagamento da súa tropa, polo que por segunda vez se deixaron moedas do peso Independente.[4][18]
A partir de 1820, o deseño da estrela situada por riba da columna cambiou de seis puntas a cinco, e ao ano seguinte cambiouse o mapa que reflectía o globo terráqueo por un mundo cunha franxa ecuatorial.[19] Tamén se modificou lixeiramente a forma e a disposición do volcán.[5]
Substitución
[editar | editar a fonte]A moeda dun peso Independente comezou a ser falsificada ao pouco de entrar en circulación. Por outra banda, as súas características non causaban unha boa impresión na opinión pública, polo que o superintendente da Casa da Moeda de Santiago, José Santiago Portales, comezou unha campaña para deseñar unha nova moeda.[20] O peso Independente foi substituída polo real de oito coñecido como "cóndor rompendo cadeas",[21] cando o 24 de outubro de 1834, baixo o Goberno de José Joaquín Prieto, se promulgou unha lei que modificou o deseño da moeda circulante chilena.[22]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "1 Peso Santiago". Numista.com
- ↑ 2,0 2,1 Banco Central de Chile (1991). Páxina 14.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Banco Central de Chile (2009). Páxina 41.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 Torres Gandolfi, C. (2017). "Bicentenario de las primeras monedas chilenas soberanas: los “Pesos Chile Independiente” (1817-1834)". En UNAN Numismática. Ano III. Nº 20. Páxinas 21-28.
- ↑ 5,0 5,1 Varela Z., G. "Chile, País de Volcanes". Numismática.cl
- ↑ Banco Central de Chile (2009). Páxina 42.
- ↑ 7,0 7,1 7,2 7,3 Banco Central de Chile (2009). Páxina 43.
- ↑ 8,0 8,1 Banco Central de Chile (2009). Páxina 49.
- ↑ Banco Central de Chile (2009). Páxina 46.
- ↑ 10,0 10,1 Banco Central de Chile (2009). Páxina 44.
- ↑ Banco Central de Chile (2009). Páxina 52.
- ↑ Banco Central de Chile (2009). Páxinas 56-58.
- ↑ Banco Central de Chile (2009). Páxinas 43-44.
- ↑ "Chile Independiente Monedas de Plata Periodo (1817-1852)". Numismatica.cl
- ↑ Banco Central de Chile (2009). Páxina 56.
- ↑ Banco Central de Chile (2005) Arquivado 14 de novembro de 2022 en Wayback Machine.. Páxina 25.
- ↑ Banco Central de Chile (1991). Páxina 21.
- ↑ 18,0 18,1 18,2 Tampe, E. (1978). "La expansión marítima de Chile hacia el Pacífico durante el siglo XIX". En Revista de Marina. Nº 6. Páxinas 560-569.
- ↑ Torres Gandolfi, C. (2018). "Bicentenario de las primeras monedas chilenas soberanas: los “Pesos Chile Independiente” (1817-1834). 3a. Parte: Las variedades de 1818 a 1834". En UNAN Numismática. Ano III. Nº 22. Páxinas 31-41.
- ↑ Casa de Moneda y Especies Valoradas (1944). Páxinas 21-22.
- ↑ "Chile: 8 Reales (1837-1849)". Numista.com
- ↑ "Narrativa histórica". Museo Numismático del Banco Central.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Banco Central de Chile (1991). Catálogo de monedas chilenas. Banco Central de Chile, Santiago.
- Banco Central de Chile (2005). La emisión del dinero en Chile Arquivado 14 de novembro de 2022 en Wayback Machine.. Banco Central de Chile, Santiago.
- Banco Central de Chile (2009). Iconografía de monedas y billetes chilenos. Origo Ediciones, Santiago. ISBN 978-9567421-31-2
- Casa de Moneda y Especies Valoradas (1944). La Casa de Moneda de Santiago de Chile: 1743-1943. Superintendencia, Santiago.