Saltar ao contido

Pla del Real

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.


Situación do distrito na cidade de Valencia.
Factoría la Lanera, hoxe en día hotel Westin de Valencia, en l'Exposició.
O Xardín do Turia ao seu paso polo distrito.

Pla del Real é o distrito número 6 da cidade de Valencia. Limita ao sur co Xardín do Turia, ao oeste co distrito de la Saïdia, ao norte coa avenida de Primat Reig e ao leste co distrito de Algirós na avenida d'Aragó. É un histórico distrito de Valencia. A súa poboación censada no 2009 era de 31.536 habitantes segundo o Concello de Valencia.[1]

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

O seu nome provén do antigo Palau del Real, a residencia dos reis de Valencia, que orixinariamente era unha leira de recreo islámica ou real. Esta denominación non se debe de confundir coa palabra catalá reial, derivado de rei, senón que provén do árabe riyad, ou "xardín". Tamén é coñecida así a ponte sobre o río Turia que une o distrito coa Ciutat Vella, a Pont del Real.

Poboación

[editar | editar a fonte]

O Pla del Real tiña 31.369 habitantes en 2007, divididos en catro barrios:

  • Exposició (6.945)
  • Mestalla (14.917)
  • Jaume Roig (7.832)
  • Ciutat Universitària (2.675)
Pazo de l'Exposició.
Reitorado da Universitat de València.
Ponte de l'Exposició ou de Calatrava.

As orixes del Real atópanse na súa denominación. En efecto, era un real ou palacio rural durante a dominación islámica, destacando unha ampla zona de xardíns e horta. Até a época contemporánea o Real era unha zona sen ningunha urbanización, periférico á cidade. Destacaba como unha zona de paso, xa que se atopaba o camiño do mar, o actual Paseo de l'Albereda, que comunicaba o Palacio do Real co mediterráneo. Despois instalaranse as estacións de ferrocarril de València-Aragó e de València-Alameda. Este feito favorecería a chegada dos traballadores ferroviarios a vivir. Era entón unha mestura de horta, arrabalde e barrio traballador.[2]

Mais coa destrución da antiga muralla da cidade no século XIX e o crecemento da poboación, comezaranse a urbanizar zonas periféricas á ciutat vella. Á vez creouse unha rede de factorías á beira do río, destacando a Tabacalera.

Foi coa Exposición Rexional de 1909 que se creou moito do que sería o armazón moderno da cidade, e ao longo do século XX irá collendo a actual forma coa conversión da antiga canle de Aragó, parte da canle de rega de Mestalla, na avenida homónima, a creación do estadio de Mestalla e das facultades da Universidade de Valencia.[2]

Elementos destacados

[editar | editar a fonte]
Exterior do Camp de Mestalla.

O Pla contén un dos parques máis grande da cidade, os Xardíns do Real, tamén coñecidos coma viveiros municipais. Aquí atoparemos o zoo de Valencia. Co que respecta ao Xardín do Turia, o Real ocupa unha parte importante, da Pont del Real até a Pont d'Aragó, pasando polas de pontes de les Flors, l'Exposició e la Mar. Ao suroeste, no barrio de Exposició, fican importantes elementos arquitectónicos da exposición de 1909, como o Palau de l'Exposició. Tamén destaca o patrimonio industrial, agora totalmente en desuso, como a Tabacalera, nova sede do Concello, ou a factoría da Llanera, hoxe en día un hotel de luxo. Aquí tamén se atopa o Xardín de Montfort, tamén coñecido como l'Hort del Romero, un xardín monumental de gran valor. Ao leste, no barrio de Mestalla, se sitúase o antigo campo de fútbol do mesmo nome.

Respecto do transporte, a Avenida de Blasco Ibáñez, a Avenida de Primat Reig e a Alameda de Valencia conforman os grandes eixos de transporte viario. O metro de Valencia ten paradas na avenida de Aragó (Aragón) e a Alameda (Alameda).

  1. "Districte 06. El Pla del Real" (PDF). Oficina de Estadística: Ayuntamiento de Valencia (en valenciano e español). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 05 de abril de 2010. Consultado o 27 de xaneiro de 2011. 
  2. 2,0 2,1 Història d' Algirós Arquivado 02 de marzo de 2008 en Wayback Machine., por Carles Andreu Fernández Piñero.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]