Plan Palacios

O Plan Palacios, denominado formalmente como Plan de Extensión e Reforma Interior de Vigo,[1] foi un proxecto urbanístico ideado polo arquitecto Antonio Palacios para a cidade de Vigo. Foi asinado o 1 de decembro de 1932 e aprobado no concello o 26 de xaneiro de 1934.[2] Porén, xamais chegou a executarse, e finalmente foi desbotado en febreiro de 1937.[3] O proxecto, influenciado polas tendencias de por aquel entón coma o Art déco monumental ou o brutalismo de Le Corbusier, proxectaba unha grande avenida desde o monte do Castro ata o mar, imaxinándoa coma a sede do futuro goberno galego. O Plan Palacios distribuía a cidade en varias zonas: unha zona industrial, unha zona portuaria, unha zona pesqueira e unha zona balnearia, así coma unha zona administrativa da que partía unha grande avenida que desembocaba na estación marítima, formando a Gran Vía Atlántica.[4] O plan tamén consideraba a eliminación do casco vello, o tripo de zonas verdes, ou o desenvolvemento de Coia como barrio residencial de casas e edificios de poucas alturas.[5] Segundo o arquitecto porriñés, o plan pretendía converter Vigo na "Barcelona do Atlántico".[6] Foi o primeiro plan urbanístico galego que contemplou unha actuación supramunicipal.[7]
Contexto urbanístico
[editar | editar a fonte]
A localización da cidade ao pé do monte do Castro orixinou unha barreira urbana para o desenvolvemento da cidade. Así, a accidentada orografía e a morfoloxía irregular que abrangue máis dun terzo da cidade, con grandes pendentes e desniveis, foi desde hai séculos un reto á hora de vertebrar a cidade.[8]
O crecemento urbano da cidade foi, por outra banda, rápido e caótico, pasando de ser apenas unha vila mariñeira no século XVII, a unha puxante cidade industrial nos séculos XIX e XX, que levou a Vigo a se converter incluso na capital da provincia entre 1821 e 1823, así como en 1840.[9] Entre 1900 e 1910, a cidade duplicou a súa poboación, o seu porto comezaba a se desenvolver, e o ferrocarril xa chegara había case 40 anos, atraendo consigo a numerosos empresarios ligados á industria do mar, dos estaleiros e do sector servizos. O propio Antonio Palacios denominou a Vigo coma unha cidade imán, que atraía investidores e empresarios, así como unha grande emigración da contorna nun contexto de forte éxodo rural.
En 1907 foi aprobado un plano urbanístico ideado por Ramiro Pascual e que serviría como unha das bases do plan de Palacios. Así, creouse un ensanche que modificou o casco antigo e deu lugar a tres rúas que discorrían paralelas ao mar. Máis aló deste proxecto, o resto do crecemento da cidade continuou a ser anárquico, desorganizado e sen ningún tipo de planificación pública. O porto e a rede de tranvías fóronse desenvolvendo á marxe da planificación urbanística da cidade, e as ordenacións urbanísticas aprobadas en 1926, lonxe de restrinxir a proliferación de edificacións privadas, protexérona.
A necesidade do plan
[editar | editar a fonte]Nos anos 20 produciuse na cidade unha crise económica no contexto dunha crise global que afectaba ás importacións de carbón e outros materiais imprescindíbeis para a industria da cidade por aquel entón, así como unha mingua nas comunicacións tanto terrestres coma marítimas: o porto apenas se adecuaba ao crecemento da cidade, e as comunicacións por terra co resto da cidades galegas e da península eran lentas e ineficientes.

Neste senso, xa o historiador e xeógrafo vigués Xosé Manuel Souto González viña recollendo os reclamos da sociedade viguesa dun plan que se axeitase ás necesidades urbanísticas da vila olívica:
A economía decae [...] a crise afecta ao movemento mercantil portuario vigués, dependente das grandes compañías estranxeiras. Nese contexto, xorde o plan de Antonio Palacios, que é a resposta culturalista aos desexos da burguesía viguesa por facer a grande cidade do Atlántico
Cronoloxía
[editar | editar a fonte]O 15 de agosto de 1930, Vigo superaba os 65 000 habitantes no padrón, e presentaba unha taxa de crecemento do 29 %. Así, as normas de por aquel entón obrigaron os dirixentes da urbe a desenvolver un Plan de Extensión e Reforma do Interior da Cidade.[10]
En 1908 presentou por primeira vez os seus proxectos sobre a urbanización de Vigo a un grupo de vigueses que querían celebrar a “Exposición das Industrias do Mar”. En 1919 Palacios rematou o seu primeiro estudo sobre a urbanización da cidade e presentouno os días 13 e 16 de setembro dese mesmo ano, dentro dun ciclo de conferencias organizado pola sociedade “La Oliva”.

En 1919, Palacios presentou un bosquexo ou anteproxecto, e en decembro de 1932 entregouse o proxecto definitivo.
Aspectos fundamentais do plan
[editar | editar a fonte]Plano comarcal
[editar | editar a fonte]Palacios ideou a cidade de Vigo de xeito integrado coas comarcas do seu arredor, isto é, o que hoxe se corresponde cos concellos de Redondela, O Porriño, Mos, Gondomar, Cangas, Moaña, Vilaboa, Baiona e Bueu. O desenvolvemento deste tecido interurbano baseouse no concepto de cidades xardín de Ebenezer Howard.
...As provincias galegas constitúen inmensas cidades-xardín, pois os casaríos esténdese indefinidamente polos campos e as montañas, vivindo así o 75 % da poboación en áreas rurais, e só o 25 % restante na cidade. Deste xeito explícase que, sendo a provincia de Pontevedra unha das de maior densidade de poboación de España, non posúa polo de agora, porén, ningunha cidade da importancia de Madrid, Barcelona, Sevilla ou Valencia
Así, Palacios estableceu a Vigo e a Lavadores como o centro ou imán das cidades xardín, e até 20 cidades satélites nun raio de máximo 15 quilómetros cadrados.
Porén, o plan de Palacios das cidades xardín casaba ben pouco coa dispersión territorial da contorna. De feito, a organización territorial comarcal encaixaba mellor co modelo de cidade lineal de Arturo Soria.
Rede de transporte
[editar | editar a fonte]Palacios deseñou dúas estratexias para as comunicacións terrestres: un comarcal e outro para interior da cidade, ambos antagónicos. A nivel comarcal, para a conexión cos núcleos satélites, Palacios creou un sistema radial con arcos ou aneis entrelazados formando unha cintura, similar ao plan deseñado por Zuado e Jansen para Madrid. A particularidade destas conexións, segundo o arquitecto, era a combinación de vías terrestres e marítimas.

Para o interior da cidade, porén, Palacios pensou un sistema lineal seguindo a liña litoral, cortada por rúas paralelas en sentido oblicuo, coa fin de diminuír a pendente. As vías litorais seguían en parte o trazado do plan de ensanche de Ramiro Pascual, cun percorrido sinuoso e serpeante. Palacios planificou tres grandes vías: a Gran Vía Atlántica, que conectaba toda zona litoral; a Vía Céltica na ladeira intermedia e a Vía Cornisa, na zona alta da cidade. Tamén contemplou a creación dun nó administrativo onde potencialmente se aloxarían sedes do goberno e outras administración, baixo a denominación de Rúa Galicia. As vías terían un largo de entre 35 e 50 metros, e con diferntes alturas en función de se o tráfico era de automóbiles, tráfico pesado, peonil ou portuario, tal e como defendía Le Corbusier coa zonificación funcional por alturas.
En canto ao transporte non automobilístico, Palacios formulou a creación dunha rede subterránea de trens e metros, así coma un funicular subterráneo baixo a rúa Galicia, complementándose con un sistema de buses e trolebuses polo centro, e un sistema de pasaxes de vapor no litoral. Finalmente, contemplou unha estación marítima e unha rede de trens de alta velocidade que conectarían a urbe con París e Lisboa.
Zonificación
[editar | editar a fonte]Palacios defendeu a zonificación da cidade segundo o modelo de Le Corbusier. Así, dividiu a cidade nas seguintes áreas:
Área marítima I. Industrias conserveiras, porto franco e estaleiros. II. Zona comercial. III. Zona de cabotaxe. IV. Zona de viaxeiros. V. Zona pesqueira. VI. Zona de balneario. |
Área interior VII. Zona administrativa. VIII. Zona comercial e de vivendas. IX. Zona universitaria. X. Zona médico-sanitaria. XI. Zona ferroviaria |
Área de extensión XII. Zona obreira (casas económicas). XIII. Zona residencial (barriadas xardín). XIV. Zona militar e xurídica. XV. Espazos libres (zonas verdes). |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ García Iglesias, José Manuel (2023). "Francisco Castro: entrevías del racionalismo.". Quintana: revista do Departamento de Historia da Arte. 22. ISBN 978-84-09-40538-1. ISSN 2340-0005. doi:10.15304/quintana.22.8789.
- ↑ Teo Andrés, José. "La ciudad de Vigo que proyectó Palacios". Atlántico Diario. Consultado o 1 de marzo de 2025.
- ↑ Torres Carbajo, Fernando. "El Plan Palacios: Vigo tuvo una oportunidad". VigoE. Consultado o 1 de marzo de 2025.
- ↑ "Plan Palacios para Vigo, 1932.". Centro Infográfico Avanzado de Galicia (CIAG). Consultado o 1 de marzo de 2025.
- ↑ R. Sotelino, Begoña. "Cómo sería Vigo con el Plan Palacios.". La Voz de Galicia. Consultado o 1 de marzo de 2025.
- ↑ Pérez, Samuel. "Cando o arquitecto Antonio Palacios quixo facer de Vigo a “Barcelona do Atlántico”.". Historia de Galicia. Consultado o 1 de marzo de 2025.
- ↑ Iglesias Veiga, José Ramón (2002). "O Plan Comarcal no Proxecto de Extensión e Reforma Interior de Vigo de Antonio Palacios (1932).". Grial 155 (40): 413–432. JSTOR 29751970.
- ↑ Memoria informativa do PXOM de Vigo. Tomo I. (PDF). 2009.
- ↑ González Fernández, José Miguel. "Vigo fue capital de su propia provincia en dos ocasiones". La Voz de Galicia. Consultado o 1 de marzo de 2025.
- ↑ Segundo o Estatuto Municipal de 1924, todos os concellos de máis de 10 000 habitantes e unha taxa de crecemento de máis do 20 %, comprendido no período de 1910 e 1920, estaban na obriga de desenvolver un plan para estender o seu crecemento.
- ↑ Gathering Seaweed on the Banks of the Berbés, Vigo Museo Carmen Thyssen Málaga (en varias linguas).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Estévez Caldas, Alba (2021). La ciudad soñada por Antonio Palacios. Plan de extensión y reforma interior de Vigo (traballo fin de grao) (en castelán). Escuela Técnica Superior de Arquitectura de Madrid.