Saltar ao contido

Plaza Mayor de Madrid


Plaza Mayor de Madrid
Vista xeral da praza
Casa da Panadería e estatua de Filipe III.

A Plaza Mayor está situada no centro de Madrid, a poucos metros da praza da Puerta del Sol, e xunto á calle Mayor.

A súa orixe remóntase a 1580 cando o rei Filipe II, que trasladara a Corte a Madrid en 1561, encargou o proxecto de remodelación da antiga Plaza del Arrabal a Juan de Herrera. Derribáronse as casas vellas e en 1590 comezou a construción do primeiro edificio da nova praza, a Casa da Panadería, obra de Diego Sillero. En 1617, Filipe III encargou a finalización das obras da praza a Juan Gómez de Mora, quen a remataría en 1619.

Na súa historia a praza sufriu tres grandes incendios en 1631, encargándose o propio Juan Gómez de Mora da súa reconstrución, en 1670, cando foi Tomás Román quen a reconstruíu, e en 1790, cando foi reconstruída por Juan de Villanueva.

En 1848 colocouse a estatua ecuestre de Filipe III no centro da praza, obra de Giambologna e Pietro Tacca que data de 1616.

Denominacións

[editar | editar a fonte]

Chamouse Plaza del Arrabal cando, de estar fora do recinto amurrallado medieval, pasou a constituír o centro dos novos barrios conformados polo ensanche da vila cara ao leste durante o reinado de Xoán II de Castela, chamados «o Arrabal».

En 1812, cumprindo o decreto que dispoñía que todas a prazas maiores de España pasasen a chamarse Plaza de la Constitución, cambiou de nome, pero só duraría ata 1814, ano en que pasou a chamarse Plaza Real. Recuperou o nome de Plaza de la Constitución nos períodos de 1820 a 1823, de 1833 a 1835 e de 1840 a 1843.

En 1873, cambiou o seu nome polo de Plaza de la República e outra vez a Plaza de la Constitución desde a Restauración de Afonso XII en 1876 ata a Ditadura de Primo de Rivera en 1923. Trala proclamación da II República volveuse a cambiar ao nome de Plaza de la Constitución ata o final da guerra civil española cando se recupera o popular nome de Plaza Mayor, nome que perdura ata a actualidade.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]