Praia de Augas Santas
Praia de Augas Santas | |
---|---|
Arcos na praia de Augas Santas. | |
Características xerais | |
Localización | Ribadeo |
Lonxitude | 1500 m |
Largo medio | 100 m |
Grao de ocupación | Alta |
Grao de urbanización | Algún |
Paseo marítimo | |
Características específicas | |
Condicións do baño | |
Aspectos medioambientais | |
Zona protexida | Si |
Seguridade | |
Equipo de vixilancia | Si |
Sinalización do perigo | Si |
Equipo de salvamento | Si |
Accesibilidade | |
Tipo de acceso | Peonil |
Sinalización do acceso |
A praia de Augas Santas, que xunto coa praia das Carricelas conforma o espazo coñecido no ámbito turístico como praia das Catedrais[1], é un areal situado na parroquia da Devesa, no concello de Ribadeo. Na actualidade é citada repetidamente entre as máis bonitas do mundo.[2]
Características
[editar | editar a fonte]O nome das Catedrais naceu arredor da década de 1960, polas características formacións rochosas que semellan os arcobotantes e contrafortes dunha catedral. Cunha lonxitude de arredor dun quilómetro, As Catedrais está formada por varias porcións que coa preamar quedan illadas ou mesmo desaparecen, deixando a parte principal reducida a un longo de 320 m. Tamén o seu largo é moi variable polo mesmo motivo, chegando o mar a tapar toda a area en moitas partes, mentres noutras a seca descobre ata 100 m. A parte máis fotografada do areal, a partir da illa de Xan Galo, correspóndese coa zona tradicionalmente coñecida como As Carricelas[3], mentres que a parte que queda á esquerda do acceso principal recibe o nome de Augas Santas[4][5].
A praia é aberta con area branca e fina, bañada por unha ondada moderada. Algún ano ten disposto de Bandeira Azul. É lugar de peregrinación para a visita dos seus arcos e cantís, incluíndo os diversos ollos (furnas), o arco da illa de Xan Galo e a cova de paso do Chinelo, ao nivel da area, e para admirar o conxunto dende o sendeiro do alto do cantil.
Entre os seus arcos agóchanse gran cantidade de especies de algas, moluscos, aves e vexetais, na actualidade en estudo mediante un convenio entre o concello de Ribadeo e a Universidade de Santiago de Compostela.[6].
A base rochosa ten uns 500 millóns de anos, dende cando sufriu sucesivas inundacións e retiradas do mar. Os seus estratos de diferente dureza e sucesivas fracturas en diferentes direccións facilitaron a acción erosiva ata amosar a imaxe que presentan hoxe en día.
Forman parte da flora sobre o acantilado a herba de namorar, perexil de mar, toxo ou breixo. Na parte inferior, as algas vermellas e as coralináceas fan compañía ós liques. Representantes máis numerosas das aves son as gaivotas e os corvos mariños. E como fauna pegada ó substrato, percebes, mexillóns, lapas e bígaros.[2]
Acceso e servizos
[editar | editar a fonte]- Véxase tamén: Zona especial de conservación As Catedrais.
Ten acceso doado pola N-634, de Ribadeo a San Cosme de Barreiros e collendo o desvío á praia das Catedrais en Reinante. Dispón así mesmo de pistas locais paralelas á costa e tamén de servizo de ferrocarril a través dos apeadoiros de Esteiro e Reinante (Renfe-FEVE). En 2019 está prevista a construción dun apeadoiro específico para a praia.[7]
A praia está atendida por un equipo de salvamento; hai servizos de limpeza diaria, e a menos de 500 m. na zona existen restaurantes, hostais, hoteis e demais servizos públicos (pasarelas, aparcadoiros etc...). Outros servizos da praia son as duchas e aseos, ademais da sinalización do estado do mar. Moi cerca dela atópanse os portos deportivos de Ribadeo e Foz. E no caso de accidentes o Hospital Comarcal da Costa-Burela é o encargado de atendelos.
O que máis resalta desta praia son os 300 metros de cantís furados pola marea que forman uns arcos semellantes aos arcobotantes das catedrais góticas (orixe do seu actual nome[2]), e que só se poden ver coa marea baixa. A praia está protexida polas de San Miguel de Reinante (Barreiros), Esteiro, As Illas, Os Castros, Areosa e Olga (todas de Ribadeo), que, á súa vez dan nome e conforman o ZEC As Catedrais, espazo natural protexido..
O lugar foi declarado monumento natural pola Xunta de Galicia no ano 2005. Está encadrada na zona da Rede Natura 2000 como zona especial de conservación (ZEC ES 1120005[8]) e está dentro da Reserva da biosfera Río Eo, Ozcos e Terras de Burón[9].
No ano 2008 foi elixida como a mellor praia de Europa pola web de viaxes máis consultadas na Unión Europea, --Youvox Voyage--, que realizou unha enquisa sobre 8.000 areais do mundo[10].
En 2012 foi elixida por Traveller's Choice como a mellor praia de España, segunda de Europa e sexta mundial[11].
A acumulación de vistas no verán fixo que no ano 2015 se puxera en marcha un polémico plan da Xunta de Galicia, para restrinxir o acceso, con solicitude telemática de pases, complementada con pases para as pernoctas en Ribadeo, usuarios de autobús Ribadeo-praia e outras posibilidades.
Outros
[editar | editar a fonte]Na contorna, téñense gravado imaxes para numerosas series e documentais.[12]
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Galería de imaxes da praia de Augas Santas.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Praia das Catedrais - GALICIA". www.turismo.gal. Consultado o 2020-11-08.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 'Os auténticos piares da terra', folleto turístico, recollendo diversas mencións e clasificacións a nivel España, Europa e mundo.
- ↑ "¿Catedrales o Carricelas...?". J y R Hosteleros (en castelán). 2016-06-30. Arquivado dende o orixinal o 17 de novembro de 2020. Consultado o 2020-11-08.
- ↑ "Playa de las Catedrales". Casa Guillermo (en castelán). 2019-05-28. Consultado o 2020-11-08.
- ↑ Teresaderibadeo (2018-04-11). "teresaderibadeo: Costa de Ribadeo: Da Malata a Rinlo". teresaderibadeo. Consultado o 2020-11-08.
- ↑ A USC constata un posible e futura deterioración das Catedrais se non se reorganizan as visitas
- ↑ "El ministro de Fomento anuncia un apeadero de Feve en As Catedrais". La Voz de Galicia (en castelán). 2019-03-04. Consultado o 2019-03-05.
- ↑ "DECRETO 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia". Consultado o 5/2/2017.
- ↑ "Ficha da reserva da Biosfera". Consultado o 5/2/2017.
- ↑ "As Catedrais, mellor praia do mundo nunha enquisa europea". Arquivado dende o orixinal o 13 de setembro de 2019. Consultado o 24 de xullo de 2008.
- ↑ La playa de As Catedrais, la mejor de España en los premios Traveller's Choice. La Voz de Galicia
- ↑ "La BBC: «As Catedrais es el lugar perfecto para ilustrar la erosión en la costa»". La Voz de Galicia (en castelán). 2019-03-09. Consultado o 2019-03-11.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Praia de Augas Santas |