Saltar ao contido

Receptor da manosa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
receptor da manosa, C tipo 1
Identificadores
Símbolo MRC1
Símbolos alt. CD206
Entrez 4360
HUGO 7228
OMIM

153618

RefSeq NM_002438
UniProt P22897
Outros datos
receptor da manosa, C tipo 2
Identificadores
Símbolo MRC2
Símbolos alt. CD280
Entrez 9902
HUGO 16875
RefSeq NM_006039
UniProt Q9UBG0
Outros datos

O receptor da manosa (ou CD206) é unha clase de lectina tipo C presente principalmente na superficie de macrófagos e células dendríticas inmaturas, pero tamén se expresa na superficie de células da pel como os fibroblastos dérmicos humanos e queratinocitos.[1][2] É o primeiro membro da familia de receptores endocíticos que inclúe Endo180 (CD280), PLA2R tipo M e DEC-205 (CD205).[3]

Este receptor recoñece residuos terminais de manosa, N-acetilglicosamina e fucosa en glicanos unidos a proteínas [4] que se encontran na superficie dalgúns microorganismos, xogando un papel tanto no sistema inmunitario innato coma no adaptativo. Outras funcións que exerce son a eliminación de glicoproteínas da circulación, entre elas hormonas glicoproteicas sulfatadas e glicoproteínas liberadas en resposta a situacións patolóxicas.[5] O receptor da manosa recíclase continuamente entre a membrana plasmática e os compartimentos endosómicos dunha maneira dependente da clatrina.[6]

Estrutura

[editar | editar a fonte]

Organización dos dominios

[editar | editar a fonte]

O receptor da manosa é unha proteína transmembrana de tipo I cun extremo N-terminal extracelular e outro C-terminal intracelular. Sintetízase inicialmente en forma dun precursor inactivo, pero é clivado proteoliticamente dando lugar á súa forma activa no aparato de Golgi.[7] A porción extracelular do receptor está composta por 8 dominios de recoñecemento de carbohidratos (CDR) consecutivos de tipo C próximos á membrana plasmática, seguidos por un só dominio de repetición de fibronectina de tipo II e un dominio rico en cisteína N-terminal. O talo citoplasmático non ten capacidade de transdución de sinais en illamento, xa que carece dos motivos de sinalización apropiados.[8]

Dominio rico en cisteína N-terminal

[editar | editar a fonte]

O dominio rico en cisteína N-terminal é homólogo da cadea B de ricina e únese a residuos de azucre sulfatados cunha afinidade especialmente alta para a N-acetilgalactosamina e a residuos de galactosa sulfatados nas posicións 3 e 4 dos seus aneis de piranosa.[9]

Outros ligandos inclúen os condroitín sulfatos A e B, e o Lewisx sulfatado e estruturas Lewisa.[6] O receptor da manosa é o único membro da familia no cal este dominio é funcional.[5]

Dominio de repeticións de fibronectina de tipo II

[editar | editar a fonte]

O dominio de repeticións de fibronectina de tipo II está conservado entre todos os membros da familia do receptor da manosa. Os coláxenos I-IV únense a este rexión con alta afinidade, mentres que o coláxeno V se une debilmente. A través deste dominio, os receptores da manosa introducirían o coláxeno dentro dos macrófagos e células dos sinusoides hepáticas, independente da actividade de lectina do receptor.[8] Xunto co dominio rico en cisteína N-terminal, este dominio é o máis altamente conservado entre ratos e humanos (92%).[7]

Dominios de recoñecemento de carbohidratos de tipo C (CRD)

[editar | editar a fonte]

Os oito CRD en tándem da rexión extracelular do receptor da manosa comparten só o 30% de homoloxia entre eles. Cada un deles contén polo menos algún dos residuos de aminoácidos necesarios para a unión do Ca2+ e os ligandos, en común cos CDR de tipo C funcionais. Só os CRD 4 e 5 conteñen todos os residuos necesarios para a unión de azucres, formando un núcleo de unión a ligando resistente á protease. Os ligandos máis común son residuos de manosa terminais, pero a N-acetilglicosamina e a fucosa tamén se poden unir.[7]

A principal interacción entre o CRD-4 e o seu ligando azucre faise por unión directa do Ca2+ conservado no sitio de unión ao azucre, dun modo similar ao mecanismo de unión da lectina que se liga ao manano (MBL). Porén, unha cuarta parte da enerxía libre da unión do azucre está asociada coas interaccións de amontoamento (stacking) hidrofóbico formadas entre unha cara do anel do azucre e a cadea lateral dos residuos de tirosina conservados no sitio de unión, que non aparece no MBL. Malia estas semellanzas na unión da manosa entre o receptor da manosa e o MBL, estas diferenzas suxiren que a unión á manosa polo receptor da manosa evolucionou separadamente do doutras lectinas tipo C.[10]

Individualmente, os CRD únense á manosa só cunha afinidade débil. A unión de alta afinidade pénsase que resulta da agrupación de múltiples CRD. Esta agrupación permite a unión de ligandos multivalentes ramificados como os oligosacáridos N-glicosilados altos en manosa.[11]

Conformación

[editar | editar a fonte]

Suxeriuse que o receptor de manosa pode existir en polo menos dúas conformacións estruturais distintas. Os CRD de tipo C están todos separados por rexións linker de 10 a 20 aminoácidos que conteñen un certo número de residuos de prolina, cuxa cadea lateral cíclica é bastante ríxida e favorece unha conformación na cal o dominio rico en cisteína N-terminal se estende tan lonxe da membrana plasmática como sexa posible.[12]

Alternativamente, as interaccións entre os CRD veciños poden mantelos en estreita proximidade uns doutros e causar que a rexión extracelular do receptor se dobre, poñendo o dominio rico en cisteína N-terminal en estreito contacto cos CRD. Isto posicionaría os CRD 4 e 5 máis lonxe da membrana para maximizar a súa interacción cos posibles ligandos. A resistencia á proteólise mostrada polos CRD 4 e 5 indica que hai interaccións físicas entre os dous dominios, o que apoia a existencia desta conformación con forma de U.[12]

Pénsase que as transicións entre estas dúas conformacións ocorren de meneira dependente do pH, regulando a selectividade de ligando e a súa liberación durante a endocitose. O pH menor (máis ácido) dos endosomas temperáns crese que é o responsable da liberación do ligando.[12]

Procesamento proteolítico

[editar | editar a fonte]

Unha forma soluble funcional do receptor da manosa prodúcese por clivaxe proteolítica da forma unida á membrana realizada polas metaloproteases que se encontran no ambiente extracellar.[13][14]

A proteína soluble consiste na rexión extracelular completa do receptor e pode estar implicada no transporte de proteínas manosiladas fóra dos sitios de inflamación.[8] Observouse que o desprendemento do receptor da manosa dos macrófagos aumenta co recoñecemento de patóxenos fúnxicos como Candida albicans e Aspergillus fumigatus, o que suxire que a forma soluble pode xogar un papel no recoñecemento de patóxenos fúnxicos. Deste modo, o balance entre o receptor de manosa unido á membrana e o soluble podería afectar á unión aos patóxenos fúnxicos durante o curso da infección.[15]

Glicosilación

[editar | editar a fonte]

O receptor da manosa está fortemente glicosilado e os seus sitios de N-glicosilación están moi conservados entre ratos e humanos, indicando un papel importante para esta modificación postraducional. A presenza de residuos de ácido siálico de glicanos ligados a N do receptor da manosa é importante para o seu papel na unión a glicoproteínas sulfatadas e manosiladas. A sialilación regula a multimerización do receptor, que ten influencia na unión das glicoproteínas sulfatadas. Os residuos de ácido siálico terminais son necesarios para a unión a glicanos manosilados. A ausencia de ácido siálico reduce a capacidade do receptor de unirse e introducir na célula glicanos manosilados, pero non afecta á súa localización na membrana plasmática ou á súa actividade endocítica.[8][16]

Fagocitose de patóxenos

[editar | editar a fonte]

Varios microorganismos patóxenos como Candida albicans,[14][17] Pneumocystis carinii[18][19] e Leishmania donovani[20][21] presentan glicanos nas súas superficies con residuos de manosa terminais que son recoñecidos polos CRD tipo C do receptor da manosa, por tanto, actuando como un marcador do non propio. Despois do recoñecemento, o receptor introduce na célula o patóxeno unido e transpórtao aos lisosomas para a degradación por medio da vía fagocítica. Deste modo, o receptor da manosa actúa como un receptor de recoñecemento de padrón. A presenza dun motivo de secuencia di-aromática FENTLY (Phe-Glu-Asn-Thr-Leu-Tyr) na cola citoplásmica do receptor é vital para a súa internalización mediada por clatrina.[6] Isto está apoiado polas evidencias de que as células Cos-1 transfectadas co receptor de manosa carentes da cola C-terminal non poden endocitar células de C. albicans e P. carinii.[6]

Sorprendentemente, os ratos knockout para o receptor da manosa non mostran un aumento da susceptibilidade á infección, o que suxire que o receptor non é esencial para a fagocitose. Porén, a súa implicación non pode ser rexeitada, xa que outros mecanismos poden servir de compensación. Por exemplo, a infección de ratos knockout por P. carinii resultou nun incremento do recrutamento de macrófagos no sitio de infección. Ademais, outros receptores presentes na superficie de células fagocíticas, como DC-SIGN, SIGNR1 e Endo180, exhiben unha capacidade de unión a ligandos similar ao receptor da manosa e así probablemente, na súa ausencia estas proteínas poden compensar isto e inducen a fagocitose.[6]

A capacidade do receptor de manosa para axudar á introdución na célula do patóxeno tamén se pensa que facilita a infección por Mycobacterium tuberculosis e Mycobacterium leprae. Estas bacterias residen e multiplícanse en macrófagos, impedindo a formación dos fagolisosomas para evitar a degradación. Por tanto, como é un mediador na súa entrada nos macrófagos, bloquear o receptor da manosa axuda estes patóxenos a infectar e crecer nas súas células diana.[6][22]

Presentación de antíxenos

[editar | editar a fonte]

O receptor da manosa pode tamén xogar un papel na captación de antíxenos e a súa presentación polas células dendríticas inmaturas no sistema inmunitario adaptativo. Despois de unirse ao receptor, os antíxenos manosilados e internalizados e son transportados a compartimentos endocíticos dentro da célula para cargalos en moléculas do complexo maior de histocompatibilidade (MHC) ou outras moléculas relacionadas coa presentación de antíxenos. Un exemplo indirecto deste é o procesamento do antíxeno glicolípido lipoarabinomanano (LAM), derivado de micobacterias. O lipoarabinomanano é presentado a células T en complexo co CD1b, pero pode tamén unirse a un receptor de manosa. Como a presenza dun ligando alternativo como o manano inhibe a proliferación de célula T dependente de LAM, suxírese que o receptor se une ao LAM extracelular, internalízase e despois transpórtase a vesículas endocíticas para ser cargado no CD1b.[7]

As células dendríticas maduras e macrófagos usan o receptor da manosa para a presentación do antíxeno por unha vía diferente. O receptor clivado soluble únese a antíxenos circulantes e diríxeos ás células efectoras nos órganos linfoides por medio do seu dominio rico en cisteína, activando así o sistema inmunitario adaptativo.[7]

Sinalización intracelular

[editar | editar a fonte]

A cola citoplasmática do receptor da manosa non contén ningún motivo de sinalización, porén, o receptor demostrou ser esencial para a produción de citocinas pro- e antiinflamatorias, indicando un papel máis pasivo do receptor na fagocitose de patóxenos.[6][7] Isto suxire que o receptor da manosa é axudado por outros receptores da superficie celular para desencadear unha fervenza de sinalización. Por exemplo, demostrouse que as células HEK 293 cotransfectadas co ADNc do receptor da manosa e o receptor de tipo Toll 2 humanos poden segregar IL-8 en resposta a unha infección por P. carinii, mentres que as que foron transfectados só co receptor non poden.[23] É posible que os dous receptores formen un complexo na superficie da célula que facilita a transdución de sinais ante un ataque patoxénico.

Resolución de inflamacións

[editar | editar a fonte]

Outro papel clave do receptor da manosa é regular os niveis de moléculas liberadas na circulación durante a resposta inflamatoria. En resposta a eventos patolóxicos, son liberadas glicoproteínas incluíndo as hidrolases lisosómicas, activador do plasminóxeno dos tecidos e mieloperoxidase de neutrófilos para axudar a loitar contra calquera microorganismo invasor. Unha vez que a ameaza foi sometida, estas glicoproteínas poden ser prexudiciais para os tecidos do hóspede, polo que os seus niveis na circulación deben ser estritamente controlados.[6]

Os oligosacáridos ricos en manosa presentes na superfice destas glicoproteínas actúan marcando a súa natureza transitoria, polo que son finalmente recoñecidas polo receptor da manosa e eliminadas da circulación. Os ratos knockout para o receptor da manosa teñen menos capacidade de eliminar estas proteínas, e mostran un incremento das concentracións de varias hidrolases lisosómicas no sangue.[5]

Consistente con esta función, o receptor da manosa exprésase a baixo nivel durante a inflamación e a alto nivel durante a resolución da inflamación, para asegurar que os axentes inflamatorios son eliminados da circulación só no momento axeitado.[5]

Eliminación de hormonas glicoproteicas

[editar | editar a fonte]

O dominio rico en cisteína N-terminal do receptor da manosa xoga un importante papel no recoñecemento de hormonas glicoproteicas sulfatadas e a súa eliminación da circulación.[7]

As hormonas glicoproteicas como a lutropina, que causa a liberación da célula ovo durante a ovulación, debe estimular os seus receptores en pulsos para evitar a desensibilización do receptor. Os glicanos da súa superficie están unidos a N-acetilgalactosamina (GalNAc) sulfatada, o que fai que se convertan en ligandos para o dominio de homoloxía da ricina rico en cisteína do receptor da manosa. Esta etiqueta asegura un ciclo de liberación, estimulación e eliminación da circulación.[24]

Os ratos knockout que carecen do encima necesario para engadir a estrutura de GalNAc sulfatada mostran vidas medias máis longas para a lutropina, o que ten como resultado un incremento da activación do receptor e a produción de estróxenos. As femias de ratos knockout chegan á madurez sexual máis rápido que as súas conxéneres de tipo silvestre, teñen un ciclo estral máis longo e producen máis crías. Así, a etiquera GalNAc sulfatada é moi importante para regular as concentracións séricas de certas hormonas glicoproteicas.[24]

Os humanos expresan dous tipos de receptores de manosa, cada un codificado no seu propio xene:

Xene Proteína Nomes alternativos
MRC1 Receptor da manosa de macrófago 1 Receptor da manosa tipo C 1,
Familia do dominio da lectina tipo C 13 membro D (CLEC13D),
CD206, MMR
MRC2 Receptor da manosa de macrófago 2 Receptor da manosa tipo C 2,
Proteína asociada ao receptor do activador do plasminóxeno tipo uroquinase,
CD280

Aplicacións na saúde e na enfermidade

[editar | editar a fonte]

As propiedades de internalización efectiva do receptor da manosa suxiren varias aplicacións potenciais en estado de boa saúde ou de enfermidade. Manipulando a glicosilación de importantes proteínas bioactivas para que estean nun estado altamente manosilado, os seus niveis séricos poderían estar estreitamente regulados e poderían ser o obxectivo específico de células que expresan o receptor da manosa. Hai tamén un potencial para o uso do receptor da manosa como unha diana para mellorar a activación dos macrófagos e a presentación de antíxenos.[5][7][25]

MRC2/Endo180[26] interacciona con Basigin/CD147 por medio do seu cuarto dominio de lectina tipo C para formar un complexo supresor da transición epiteilial-mesenquimal molecular que se é alterado ten como resultado a indución do comportamento invasivo da célula epitelial prostática asociada cunha mala perspectiva de supervivencia no cancro de próstata.[27] Un incremento da rixidez da membrana basal debido á súa glicación pode tamén desencadear a invasión dependente de Endo180 das células epiteliais de próstata e este mecanismo biomecánico está igualmente asociado cun prognóstico de baixa supervivencia no cancro de próstata .[28] Suxeriuse tamén que a estabilización do complexo supresor da transición epitelial-mesenquimal Endo180-CD147 así como tomar como obxectivo a forma non acomplexada de Endo180 nas células invasivas podería ter un beneficio terapéutico na prevención da progresión do cancro e a metástase.[29]

  1. Szolnoky G, Bata-Csörgö Z, Kenderessy AS, Kiss M, Pivarcsi A, Novák Z, Nagy Newman K, Michel G, Ruzicka T, Maródi L, Dobozy A, Kemény L (August 2001). "A mannose-binding receptor is expressed on human keratinocytes and mediates killing of Candida albicans". Journal of Investigative Dermatology 117 (2): 205–13. PMID 11511295. doi:10.1046/j.1523-1747.2001.14071.x. 
  2. Sheikh H, Yarwood H, Ashworth A, Isacke CM (March 2000). "Endo180, an endocytic recycling glycoprotein related to the macrophage mannose receptor is expressed on fibroblasts, endothelial cells and macrophages and functions as a lectin receptor". Journal of Cell Science 113 (6): 1021–32. PMID 10683150. 
  3. East L, Isacke CM (2002). "The mannose receptor family". Biochimica et Biophysica Acta 1572 (2-3): 364–86. PMID 12223280. doi:10.1016/S0304-4165(02)00319-7. 
  4. Schlesinger PH, Doebber TW, Mandell BF, White R, DeSchryver C, Rodman JS, Miller MJ, Stahl P (1978). "Plasma clearance of glycoproteins with terminal mannose and N-acetylglucosamine by liver non-parenchymal cells. Studies with beta-glucuronidase, N-acetyl-β-D-glucosaminidase, ribonuclease B and agalacto-orosomucoid". Biochemical Journal 176 (1): 103–9. PMC 1186209. PMID 728098. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Lee SJ, Evers S, Roeder D, Parlow AF, Risteli J, Risteli L, Lee YC, Feizi T, Langen H, Nussenzweig MC (2002). "Mannose receptor-mediated regulation of serum glycoprotein homeostasis". Science 295 (5561): 1898–901. PMID 11884756. doi:10.1126/science.1069540. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 6,6 6,7 Gazi U, Martinez-Pomares L (2009). "Influence of the mannose receptor in host immune responses". Immunobiology 214 (7): 554–61. PMID 19162368. doi:10.1016/j.imbio.2008.11.004. 
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 7,5 7,6 7,7 Stahl PD, Ezekowitz RA (1998). "The mannose receptor is a pattern recognition receptor involved in host defense". Current Opinion in Immunology 10 (1): 50–5. PMID 9523111. doi:10.1016/S0952-7915(98)80031-9. 
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 Martinez-Pomares L (2012). "The mannose receptor". Journal of Leukocyte Biology 92 (6): 1177–86. PMID 22966131. doi:10.1189/jlb.0512231. 
  9. Fiete DJ, Beranek MC, Baenziger JU (March 1998). "A cysteine-rich domain of the "mannose" receptor mediates GalNAc-4-SO4 binding". Proceedings of the National Academy of Sciences of the United States of America 95 (5): 2089–93. PMC 19259. PMID 9482843. doi:10.1073/pnas.95.5.2089. 
  10. Mullin NP, Hitchen PG, Taylor ME (1997). "Mechanism of Ca2+ and monosaccharide binding to a C-type carbohydrate-recognition domain of the macrophage mannose receptor". Journal of Biological Chemistry 272 (9): 5668–81. PMID 9038177. doi:10.1074/jbc.272.9.5668. 
  11. Weis WI, Drickamer K (1996). "Structural basis of lectin-carbohydrate recognition". Annual Review of Biochemistry 65: 441–73. PMID 8811186. doi:10.1146/annurev.bi.65.070196.002301. 
  12. 12,0 12,1 12,2 Llorca O (2008). "Extended and bent conformations of the mannose receptor family". Cellular and Molecular Life Sciences 65 (9): 1302–10. PMID 18193159. doi:10.1007/s00018-007-7497-9. 
  13. Jordens R, Thompson A, Amons R, Koning F (1999). "Human dendritic cells shed a functional, soluble form of the mannose receptor". International Immunology 11 (11): 1775–80. PMID 10545481. doi:10.1093/intimm/11.11.1775. 
  14. 14,0 14,1 Martínez-Pomares L, Mahoney JA, Káposzta R, Linehan SA, Stahl PD, Gordon S (1998). "A functional soluble form of the murine mannose receptor is produced by macrophages in vitro and is present in mouse serum". Journal of Biological Chemistry 273 (36): 23376–80. PMID 9722572. doi:10.1074/jbc.273.36.23376. 
  15. Gazi U, Rosas M, Singh S, Heinsbroek S, Haq I, Johnson S, Brown GD, Williams DL, Taylor PR, Martinez-Pomares L (2011). "Fungal recognition enhances mannose receptor shedding through dectin-1 engagement". Journal of Biological Chemistry 286 (10): 7822–9. PMC 3048669. PMID 21205820. doi:10.1074/jbc.M110.185025. 
  16. Su Y, Bakker T, Harris J, Tsang C, Brown GD, Wormald MR, Gordon S, Dwek RA, Rudd PM, Martinez-Pomares L (2005). "Glycosylation influences the lectin activities of the macrophage mannose receptor". Journal of Biological Chemistry 280 (38): 32811–20. PMID 15983039. doi:10.1074/jbc.M503457200. 
  17. Maródi L, Korchak HM, Johnston RB (1991). "Mechanisms of host defense against Candida species. I. Phagocytosis by monocytes and monocyte-derived macrophages". Journal of Immunology 146 (8): 2783–9. PMID 1901885. 
  18. Ezekowitz RA, Williams DJ, Koziel H, Armstrong MY, Warner A, Richards FF, Rose RM (1991). "Uptake of Pneumocystis carinii mediated by the macrophage mannose receptor". Nature 351 (6322): 155–8. PMID 1903183. doi:10.1038/351155a0. 
  19. O'Riordan DM, Standing JE, Limper AH (1995). "Pneumocystis carinii glycoprotein A binds macrophage mannose receptors". Infection and Immunity 63 (3): 779–84. PMC 173070. PMID 7868247. 
  20. Chakraborty R, Chakraborty P, Basu MK (1998). "Macrophage mannosyl fucosyl receptor: its role in invasion of virulent and avirulent L. donovani promastigotes". Bioscience Reports 18 (3): 129–42. PMID 9798785. 
  21. Chakraborty P, Ghosh D, Basu MK (2001). "Modulation of macrophage mannose receptor affects the uptake of virulent and avirulent Leishmania donovani promastigotes". Journal of Parasitology 87 (5): 1023–7. PMID 11695359. doi:10.1645/0022-3395(2001)087[1023:MOMMRA]2.0.CO;2. 
  22. Kang PB, Azad AK, Torrelles JB, Kaufman TM, Beharka A, Tibesar E, DesJardin LE, Schlesinger LS (2005). "The human macrophage mannose receptor directs Mycobacterium tuberculosis lipoarabinomannan-mediated phagosome biogenesis". Journal of Experimental Medicine 202 (7): 987–99. PMC 2213176. PMID 16203868. doi:10.1084/jem.20051239. 
  23. Tachado SD, Zhang J, Zhu J, Patel N, Cushion M, Koziel H (2007). "Pneumocystis-mediated IL-8 release by macrophages requires coexpression of mannose receptors and TLR2". Journal of Leukocyte Biology 81 (1): 205–11. PMID 17020928. doi:10.1189/jlb.1005580. 
  24. 24,0 24,1 Taylor M, Drickamer K (2011). Introduction to Glycobiology. Oxford University Press. ISBN 978-0-19-956911-3.
  25. Chang CF, Wan J, Li Q, Renfroe SC, Heller NM, Wang J (July 2017). "Alternative activation-skewed microglia/macrophages promote hematoma resolution in experimental intracerebral hemorrhage". Neurobiology of Disease 103: 54–69. PMID 28365213. doi:10.1016/j.nbd.2017.03.016. 
  26. "WikiGenes: MRC2 - mannose receptor C, type 2 Homo sapiens". Arquivado dende o orixinal o 12 de maio de 2021. 
  27. Rodriguez-Teja M, Gronau JH, Minamidate A, Darby S, Gaughan L, Robson C, et al. (March 2015). "Survival Outcome and EMT Suppression Mediated by a Lectin Domain Interaction of Endo180 and CD147". Molecular Cancer Research 13 (3): 538–47. PMID 25381222. doi:10.1158/1541-7786.MCR-14-0344-T. 
  28. Rodriguez-Teja M, Gronau JH, Breit C, Zhang YZ, Minamidate A, Caley MP, et al. (March 2015). "AGE-modified basement membrane cooperates with Endo180 to promote epithelial cell invasiveness and decrease prostate cancer survival". The Journal of Pathology 235 (4): 581–92. PMID 25408555. doi:10.1002/path.4485. 
  29. Sturge J (March 2016). "Endo180 at the cutting edge of bone cancer treatment and beyond". The Journal of Pathology 238 (4): 485–8. PMID 26576691. doi:10.1002/path.4673. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]