Saltar ao contido

Santo Cristo de Ourense

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Santo Cristo de Ourense

O Santo Cristo de Ourense é unha talla da que se ten constancia desde o século XIV. Está situada na capela homónima da Catedral de Ourense, en Galicia (España).

Suxeito de diversas lendas, a talla caracterízase por ser a escultura máis famosa da catedral, tamén a máis visitada e venerada. Antigamente era costume colocar gaiolas de paxaros na súa capela durante a novena ao Santo Cristo. En Semana Santa emprégase unha réplica de menor tamaño da imaxe (custodiada na Parroquia de San Pío X) para a procesión do Santo Enterro.

A imaxe, atribuída a Nicodemo, é moi característica ademais de suxeito de múltiples lendas. Afirma o dito popular que «tres cousas hai en Ourense que non as hai en España: o Santo Cristo, a Ponte e as Burgas fervendo a auga». A talla foi trasladada a Ourense por Don Vasco Pérez Mariño, bispo da cidade, desde a súa Fisterra natal no século XIV. Foi colocada no altar da Santa Cruz, no brazo norte do cruceiro da catedral, á dereita da entrada, lugar ocupado posteriormente polo altar da Virxe do Pilar e Santiago. En 1573 alí trasladouse ao seu emprazamento definitivo, sendo bispo daquela Don Fernando Tricio Arenzana. O traslado tivo lugar o 8 de abril ás nove da noite e a porta pechada, coa única presenza do bispo e do cabido.[1]

A capela está separada do brazo norte do cruceiro por unha artística reixa de Juan Bautista Celma elaborada en 1606, co escudo do bispo Don Pedro González Acevedo. Foi construída na antiga sancristía da catedral por Juan de Herrera, quen a finalizou en 1527. Entre 1674 e 1685 foi ampliada por Pedro de Arén, quen executou o traballo por 200 ducados e un prazo inicial dun ano de duración das obras. Terminada a cúpula baixo a cal se debía situar o Santo Cristo, procedeuse á elaboración do altar. O cabido púxose en contacto con Domingo de Andrade, mestre acreditado en escultura e arquitectura quen xa interviñera na construción do baldaquino do apóstolo Santiago e daquela atopábase finalizando a Torre do Reloxo da Catedral de Santiago de Compostela.[2]

A obra de Andrade foi continuada por Francisco Castro Canseco, quen contratou co cabido a construción da cúpula de media laranxa que coroa o tabernáculo situado no corpo e teito da capela, así como os altares colaterais do arco de entrada. Estes foron prolongados cun segundo corpo no que se situaron cadros en relevo referentes aos Desposorios da Virxe e a Asunción.[2]

A lenda afirma que a imaxe do Santo Cristo foi esculpida por Nicodemo, testemuña directa da Paixón de Cristo. Supostamente elaborou tamén as tallas situadas en Fisterra e Burgos, de similares características. Segundo a tradición, un barco holandés ou inglés viuse rodeado por unha tempestade ao pasar polas costas de Fisterra que estivo a piques de afundir a nave. Co fin de liberar peso, os tripulantes botaron pola borda varios obxectos, entre eles unha caixa coa talla do Santo Cristo. Cando a imaxe alcanzou a auga o temporal cesou no momento, o que se interpretou como un presaxio de que o santo desexaba pasar o resto da súa existencia nese lugar. Disque arribou á praia de Cabanas ao pé do Cabo Fisterra, xusto sobre a laxa que outrora fora a Ara Solis e que Santiago Apóstol destruíra e botara monte abaixo. Sobre esa mesma laxa, San Guillerme de Fisterra derramou viño tinto, quedando nela marcas indelebles que aínda poden observarse na actualidade.[1][3][4]

Varias versións populares consideran que a talla orixinal foi levada a Ourense polo bispo Pérez Mariño, polo que o Santo Cristo custodiado en Fisterra sería unha réplica. Porén, outras versións sosteñen que o bispo realizou en Ourense unha copia do Santo Cristo de Fisterra, co que non hai acordo sobre que versión é a auténtica.[1][4]

Descrición

[editar | editar a fonte]
Talla do Santo Cristo e baldaquino

O Santo Cristo, de dous metros de altura e estilo gótico, posúe un gran realismo. A talla, cunha boca fondamente aberta, loce dentes, unllas, barba, bigote e cabelo natural. Circula pola cidade a famosa lenda de que lle crece o pelo, que lle outorgou en gran parte a fama da que goza na actualidade. Existe unha lenda menos coñecida de que a talla é un cadáver momificado. Un dos relatos que aseguraba a lenda de que á figura lle crecía o cabelo era o que afirmaba que un barbeiro acudía cada certo tempo á catedral para cortarlle o pelo e a barba. Porén, tamén hai constancia de que a perruca da estatua era cambiada co paso do tempo cando a mesma se deterioraba.

No que respecta ao corpo da talla, a ferida do costado é considerabelmente profunda. Pola totalidade do tronco aparecen multitude de chagas e negróns que contribúen a dotar a escultura dunha aparencia humana. Realizada en madeira e cuberta de pel, alberga no seu interior, segundo o cronista Anselmo López Morais, «un anaco da soga coa que ataran a Cristo».[5] Benito Fernández Alonso describe a imaxe deste xeito:

... están adheridas varias capas de tea dalgúns centímetros de espesor, formando unha aplicación mol á que despois axustaron a tea encerada que semella a pel, sobre a cal están debuxadas as faccións humanas, ronchas, negróns e todas as pegadas da crucifixión. A negra túnica de seda que baixa desde as cadeiras até preto do nocello non permite descubrir o recheo de teas que, cinguidas por unha faixa, constitúen o espazo que media dende o tronco ás pernas, as cales se achan colgadas materialmente do recheo; e tanto é así que, recoñecéndolle un pouco as pernas e os brazos, móvense e oscilan con facilidade. O mol do corpo, con só a presión do dedo, afúndese levemente como de carne; e así, polo xa expresado como polo movemento e disposición da efixie, crese de aspecto verdadeiramente humano. O pelo e a barba son naturais, agromando ao parecer, como se en efecto saísen a través da epiderme humana. Parece ser obra de Nicodemus.[6][7]

O baldaquino onde se atopa a escultura está circundado por pequenos querubines e catro anxos de gran tamaño, situados sobre catro columnas salomónicas de máis de cinco metros de altura decoradas con follas de vide, acios e pampos. Os anxos apóianse sostendo un arquitrabe cunha man sobre a cadeira e suxeitando a cornixa da estrutura coa outra.[2] As bancadas atópanse adornadas cun xogo de altar de prata e unha serie de ramalletes de prata repuxada adquiridos en Salamanca en 1747. No fondo, a ambos lados da imaxe do Santo Cristo, hai dúas pequenas cornucopias de estilo rococó con espellos e soportes para colocar tres luces.[2]

Pola súa banda, o sagrario, obra de Castro Canseco, posúe pequenas columnas salomónicas e dous aleróns de talla con anxos. Mostra na porta do mesmo un relevo do Bo Pastor coa ovella perdida sobre os ombreiros. Destaca un centelleiro de prata de orixe americana doado en 1690 por Pablo López Martínez a Sabucedo de Limia, a súa parroquia natal, e adquirido por 276 reais para a Capela do Santo Cristo en 1728.[5][8]

Capela do Santo Cristo

[editar | editar a fonte]
Nosa Señora a Branca (s. XVI), San Xusto e San Pastor, Santa Tareixa e San Pedro de Alcántara (s. XVIII), e María Madalena (s. XVII)

O altar do Santo Cristo atópase flanqueado por outros dous altares. No da dereita sitúanse as tallas da Nosa Señora a Branca (copia de alabastro do século XVI da Virxe de Trapani), San Xusto e San Pastor (falsos relicarios obsequio de Dona Mariana de Boán no século XVII), Santa Tareixa e San Pedro de Alcántara, ambas do século XVII, e María Madalena, do século XVIII.[9] No da esquerda sitúanse dúas tallas de Santos Inocentes do século XVII, unha imaxe de San Xosé e o Neno do século XVII, e as tallas de San Xoaquín, Santa Ana e a Virxe María (as tres de escola valisoletana) realizadas en 1705 por Juan de Ávila.[10] Destaca no lado da epístola unha estatua de San Mauro de Francisco de Moure que constitúe a obra mestra do escultor.[11] Detrás do baldaquino do Santo Cristo figura un relevo do Descendemento e, á esquerda e dereita, relevos da Flaxelación e A Oración no Horto. Encima deste último relevo represéntase a escena da Exaltación da Santa Cruz, mentres que sobre o relevo da Flaxelación áchase a escena da Invención da Santa Cruz.[12] Ao fondo da capela, á dereita do relevo do Descendemento, áchase unha porta que conduce mediante un pasadizo á Capela de Santa Isabel, cuxa porta de acceso ao mesmo está situada á dereita do retablo das Candeas.

Unha das tallas máis destacadas é unha escultura de medio corpo da Dolorosa. Está situada nun nicho na parte posterior do baldaquino, obra de Pedro de Ávila (c. 1700).[13]  O diadema de prata que loce a imaxe é obra do ourive José Alberto Gallego, realizada en 2005 co fin de substituír un diadema anterior, agasallo dunha dama, que fora roubado.[14] Na parte superior atópase unha imaxe do Cristo do Perdón axeonllado sobre un mundo no que figuran as imaxes de Adán e Eva no Edén tentados pola serpe. Detrás desta obra de Pedro de Ávila (c. 1708) atópase un lenzo anónimo do século XVII que mostra a Cristo coa cruz ao lombo.[15]

A tribuna superior da capela presenta dúas figuras. A da esquerda mostra unha muller situada entre un diaño e un anxo. O primeiro sinala en dirección ao chan, onde se atopa un neno co globo terrestre. O anxo sinala cara ao ceo onde Cristo figura entre nubes. Pola súa banda, a da dereita mostra a mesma muller portando un rosario, o diaño encadeado e enreixado e o anxo que sinala a Cristo entre nubes asistindo á muller. A figura da esquerda representa, xa que logo, as tentacións (o diaño) e os praceres da terra (o neno co mundo). No entanto, á dereita móstrase o camiño cara o ceo, á vez que se rexeitan os bens terrenais.[16]

Destacan á súa vez as imaxes en relevo de dez sibilas enmarcadas nun encaixe de follas provisto de froitas en forma de acios e unha orla que rodea a escultura.[16] Na á esquerda da tribuna figuran Pérsica, unha ave cun letreiro e nel a palabra «Bigilancia», Frigia, Herópoli, Tiburtina e Eritría, mentres que na á dereita aparecen representadas Samia, unha ave coa lenda «Silencio», Délfica, Lívica, Cumana e Helespóntica.[16] Enriba da tribuna, directamente baixo o teito da capela, atópase un conxunto de lenzos que representan a Paixón, todos eles de Manuel Peti, agás A cea de Emaús, cadro de 2011 obra de Manuel Vidal González.

Na capela atópase tamén parte do coro que en 1937 se retirou da nave central da catedral. Os autores son o imaxineiro Juan de Angés o Mozo e o entallador Diego de Solís,[17] con quen o bispo Juan de Sanclemente acordou a obra en 1580. Na parte superior atópanse os respaldos do antigo cadeirado baixo, con quince relevos en total (catro santos e once santas) e dezaseis adornos intercalados. Pola súa banda, na zona inferior sitúanse os que pertencían ao cadeirado alto, con vinte e sete figuras: vinte e un santos, catro santas e dúas virtudes (Fe e Esperanza), amais de catro portas de acceso á tribuna e ao exterior.[18]

Fóra da capela, á dereita, atópase un lenzo da Virxe do Pópulo nun marco dourado decorado con dúas tallas de madeira policromada de Santa Lucía e Santa Bárbara a esquerda e dereita respectivamente. Á esquerda da capela sitúase o retablo da Quinta Angustia, obra do Mestre de Sobrado cara 1547. No muro oposto, directamente fronte a entrada da capela, atópase o sepulcro do bispo Pérez Mariño.

O 4 de xullo de 1995 produciuse un incendio na Capela do Santo Cristo mentres se acometían labores de reparación. Naquel momento varios dos lenzos e esculturas barrocas atopábanse nun taller en Zamora á espera de seren restaurados. O lume orixinouse no acceso á capela ao saltaren varias faíscas que prenderon no plástico empregado polos restauradores para cubrir o chan e a reixa da entrada. O entón fabriqueiro da catedral, Luis Ramos, sostivo que o desastre se producira por culpa dos cables da maquinaria empregada polos restauradores. Estes afirmaron á súa vez que o lume se orixinara por consecuencia da defectuosa instalación eléctrica da catedral. O disolvente empregado nos traballos de reparación provocou a rápida expansión das chamas, as cales duraron arredor de vinte minutos. Un dos restauradores, quen sufriu queimaduras no rostro e nos brazos, logrou sufocar as chamas cun extintor antes de que provocasen danos maiores. O lume alcanzou unha talla de San Paulo, afectou o coro e provocou que varias das tallas da capela quedasen ennegrecidas. Salváronse unicamente aqueles retablos que estaban tapados no momento do incidente.[19]

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]

Ver tamén

[editar | editar a fonte]
  1. 1,0 1,1 1,2 González García, Miguel Ángel (2019). Catedral de Ourense: Sorpresa gozosa de arte y fe (en castelán). ArtiSplendore. p. 76. ISBN 9788494624285. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 González García, Miguel Ángel (2019). Catedral de Ourense: Sorpresa gozosa de arte y fe (en castelán). ArtiSplendore. p. 81-82. ISBN 9788494624285. 
  3. Esta lenda sostéñena os relatos populares da zona.
  4. 4,0 4,1 Trillo Trillo, Benjamín (1983). Las huellas de Santiago en la cultura de Finisterre (en castelán) (1ª ed.). A Coruña: Concello de Fisterra. pp. 29–32. ISBN 84-500-8624-8. 
  5. 5,0 5,1 Del Caño, X.M. (17 de abril de 2011). "Un Cristo con las uñas, los dientes y el pelo postizos". Faro de Vigo (en castelán). Consultado o 17 de agosto de 2024. 
  6. Salgado, Rafael (15 de febreiro de 2019). "Historias del Santo Cristo". Consultado o 29 de xuño de 2019. 
  7. "El célebre Cristo de Orense". El Eco de Galicia. 10 de abril de 1900. 
  8. González García, Miguel Ángel; Hervella Vázquez, José (1994). "El Centellero del Santo Cristo de la Catedral de Orense: donación de un indiano en el siglo XVII" (PDF). Memoria Ecclesiae (en castelán) (5): 347–354. ISSN 2792-3533. 
  9. González García, Miguel Ángel (2019). Catedral de Ourense: Sorpresa gozosa de arte y fe (en castelán). ArtiSplendore. p. 87-88. ISBN 9788494624285. 
  10. González García, Miguel Ángel (2019). Catedral de Ourense: Sorpresa gozosa de arte y fe (en castelán). ArtiSplendore. p. 88-91. ISBN 9788494624285. 
  11. González García, Miguel Ángel (2019). Catedral de Ourense: Sorpresa gozosa de arte y fe (en castelán). ArtiSplendore. p. 83. ISBN 9788494624285. 
  12. González García, Miguel Ángel (2019). Catedral de Ourense: Sorpresa gozosa de arte y fe (en castelán). ArtiSplendore. p. 86-87. ISBN 9788494624285. 
  13. Baladrón Alonso, Javier (2020). "Acerca del escultor Pedro de Ávila (1678-1755): el hallazgo de su partida de defunción y nuevas obras atribuibles" (PDF). BSAA Arte (en castelán) (86): 281–306. ISSN 1888-9751. 
  14. González García, Miguel Ángel (2019). Catedral de Ourense: Sorpresa gozosa de arte y fe (en castelán). ArtiSplendore. p. 85. ISBN 9788494624285. 
  15. González García, Miguel Ángel (2019). Catedral de Ourense: Sorpresa gozosa de arte y fe (en castelán). ArtiSplendore. p. 85-86. ISBN 9788494624285. 
  16. 16,0 16,1 16,2 González García, Miguel Ángel (2019). Catedral de Ourense: Sorpresa gozosa de arte y fe (en castelán). ArtiSplendore. p. 91. ISBN 9788494624285. 
  17. "Angés, Juan de". Enciclopedia Galega Universal. 
  18. González García, Miguel Ángel (2019). Catedral de Ourense: Sorpresa gozosa de arte y fe (en castelán). ArtiSplendore. p. 92. ISBN 9788494624285. 
  19. Paz, José (6 de maio de 2019). "El día en que se salvó la capilla del Santo Cristo". La Región (en castelán). Consultado o 23 de agosto de 2024. 

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]