Saltar ao contido

Selección de fútbol de Xamaica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Xamaica
Actual campión da Copa do Mundo
Actual campión da Eurocopa
Actual campión da Copa de África
Actual campión da Copa América
Actual campión da Copa Ouro
Actual campión da Copa Asiática
Actual campión da Copa das Nacións da OFC
Na casa
Fóra
Asociación Jamaica Football Federation
Confederación CONCACAF (Caribe)
Código FIFA JAM
Alcume Reggae Boyz
Clasificación FIFA 48 (11 de xuño de 2020)
Clasificación ConIFA {{{Ranking ConIFA}}}
Seleccionador Theodore Whitmore
Máis encontros Ian Goodison (128)
Máximo goleador Luton Shelton (35)
Estrea internacional
Haití Haití 1 − 2 Xamaica Xamaica
Porto Príncipe, Haití; 22 de marzo de 1925
Maior vitoria
Xamaica 12 − 0 Illas Virxes Británicas Illas Virxes Británicas
Gran Caimán, Illas Caimán; 4 de marzo de 1994
Xamaica 12 − 0 San Martiño San Martiño
Kingston, Xamaica; 24 de novembro de 2004
Maior derrota
Costa Rica 9 − 0 Xamaica
San Xosé, Costa Rica; 24 de febreiro de 1999
Copa do Mundo
Participacións 1 (primeira en 1998)
Mellor resultado Fase de grupos (1998)
Copa Ouro
Participacións 13 (primeira en 1963)
Mellor resultado Subcampións (2015, 2017)
Copa América
Participacións 2 (primeira en 2015)
Mellor resultado Fase de grupos (2015, 2016)

A selección de fútbol de Xamaica (en inglés: Jamaica national football team) é o equipo que representa a Xamaica en campionatos internacionais de fútbol. A selección está rexida pola Federación Xamaicana de Fútbol (Jamaica Football Federation), afiliada á CONCACAF e á FIFA. A mellor época da selección foi a finais dos noventa cando conseguiron clasificarse para o mundial de Francia 1998.

O primeiro encontro da selección xamaicana foi o 22 de marzo de 1925 en Haití, na estrea dos Reggae Boyz conseguiron unha vitoria por dous goles a un. Este foi o primeiro encontro dos tres que foron programados entre ambas as seleccións en territorio haitiano. Os dous partidos seguintes remataron tamén con vitoria xamaicana [1].

Por mor da ocupación británica do país o conxunto amarelo non podía formar parte da FIFA e polo tanto dos seus torneos [2]. A primeira participación desta selección nun torneo foi nos Xogos Centroamericanos e do Caribe en 1930 que se deron en Cuba, pero non foron quen de pasar de grupos tras caer coa selección anfitrioa e con Honduras [3]. Ese foi o único ano, até a independencia, no que Xamaica participou nestes xogos. Anteriormente ó ano 1962, ano da independencia, a selección xamaicana adicouse a xogar amigables fronte as seleccións de Cuba, Haití, Trinidad e Tobago ou Antillas Neerlandesas.

Independencia

[editar | editar a fonte]

No ano 1962 Xamaica logrou a independencia do Reino Unido e a selección afiliouse á FIFA e á CONCACAF. Ese mesmo ano os Xogos Centroamericanos e do Caribe celebráronse en Kingston. Os xamaicanos só puideron gañar dous dos cinco encontros fronte a Cuba e Porto Rico polo que remataron cuartos no torneo, só un posto por debaixo das medallas [4].

En 1963 participaron no seu primeiro Campionato Concacaf, agora coñecido como Copa Ouro da CONCACAF, pero perderon todos os partidos na fase de grupos polo que non se clasificaron para a fase final. Tras estas derrotas a selección tiña que prepararse para as clasificatorias do mundial de 1966. Gañaron tanto a Cuba como ás Antillas Neerlandesas e pasaron á segunda rolda, onde foron incapaces de gañar no grupo de Costa Rica e México [5]. Ese mesmo ano nos X Xogos Centroamericanos e do Caribe só conseguiron unha vitoria fronte á selección portorriqueña. No Campionato Concacaf de 1969 o conxunto xamaicano gañou a Panamá pero na rolda final rematou na última posición.

A década dos 70 comezou moi mal para os Reggae Boyz, non foron quen de superar a Cuba na rolda preliminar do Campionato Concacaf de 1971 e ademais non puideron optar á clasificación para o mundial do 74 pola sanción de 17 xogadores da selección. A selección recuperouse para tentar a clasificación para o mundial da Arxentina pero foron eliminados na primeira rolda tras perderen fronte a Cuba con dúas derrotas.

Finais de século

[editar | editar a fonte]

A historia da selección xamaicana durante a década dos oitenta foi desastrosa. Non había cartos suficientes para montar o equipo e ademais as débedas coa FIFA impedíronlles xogar competicións organizadas por esta entidade. Non foi ata o ano 1988 cando volvería a rodar esta selección, foi na fase de clasificación para a Copa CONCACAF 1989, onde venceron a Porto Rico na primeira rolda pero non conseguiron superar os Estados Unidos. Ese mesmo ano xogouse a primeira edición da Copa do Caribe, en Barbados. Xamaica foi encadrada no grupo C, venceu á Antiga e Barbuda e Guadalupe, e empatou contra Santa Lucía e Dominica polo que foi eliminada [6].

No ano 1991 chegou o primeiro título para a selección. Foi na Copa do Caribe 1991; pasou a fase de grupos tras gañar a Güiana e Illas Caimán, nas semifinais venceron a Santa Lucía e na final gañaron por dous goles a cero a Trinidad e Tobago [7] . Esta vitoria deulles o paso á Copa Ouro da CONCACAF 1991 vinte e dous anos despois da súa última participión. Pero nesta copa non lles foi tan ben, xa que perderon todos os encontros que xogaron. No ano 1992 volveron a chegar á final da Copa do Caribe pero non foron quen de superar a Trinidad e Tobago. En 1993 repetiuse a historia perdendo nos penaltis fronte a Martinica, pero ese subcampionato deulles a clasificación para a Copa Ouro da CONCACAF 1993. Neste torneo chegaron ás semifinais, onde caeron contra o que ía ser o campión, México. E perderon fronte a Costa Rica na loita polo terceiro posto pero aínda así conseguiron a súa mellor posición na súa historia neste torneo [8].

A era dos Reggae Boyz

[editar | editar a fonte]

No ano 1994 René Simões foi contratado como adestrador co labor de clasificarse para o mundial de Francia 98. O novo corpo técnico fixo un rastrexo intensivo de xogadores con descendencia xamaicana e xogadores xamaicanos que xogaban en clubs ingleses. Aínda así nas Copas do Caribe do ano 1995 e 1996 non foron quen de pasar da fase de grupos. Na primavera do ano 1996 comezou a clasificación para o mundial para Xamaica. Na primeira rolda tocoulle enfrontarse a Suriname e venceron os dous partidos por un gol a cero. No verán do mesmo ano gañaron na segunda rolda á selección de Barbados. Clasificáronse para a terceira fase, onde foron encadrados no grupo B e pasaron de rolda xunto a México. Na hexagonal final só había tres prazas para o mundial e os Reggae Boyz conseguiron a terceira clasificándose por primeira vez para un mundial.

Antes do mundial a selección xamaicana tiña que disputar a Copa Ouro. Os Reggae Boyz fixeron unha gran primeira fase, empatando fronte a Brasil, gañando a Guatemala e a O Salvador conseguindo a primeira praza. E perderon as semifinais fronte a México na prórroga [9].

O 14 de xuño de 1998, Xamaica xogaba o seu primeiro partido nun campionato mundial. Foi contra Croacia de Robert Prosinecki e Davor Suker e o partido rematou cun tres a un a favor dos europeos. O primeiro gol desta selección foi de Robbie Earle nun córner no minuto 45 que empataba o encontro. O segundo encontro foi contra a todopoderosa Arxentina de Gabriel Batistuta á que só puideron parar no primeiro tempo, que rematou cun gol a cero e a expulsión de Darryl Powell. A segunda parte foi un vendaval arxentino e rematou con cinco goles a cero. Na terceira contenda con Xamaica xa eliminada, tocaba xogar fronte á selección xaponesa, pero o conxunto caribeño logrou gañar con dous goles de Theodore Whitmore conseguindo a súa primeira vitoria nun mundial [10].

Na Copa do Caribe 1998 que se xogou un mes despois do mundial, Xamaica foi encadrada no grupo B onde gañou todos os partidos. Nas semifinais enfrontáronse a Antiga e Barbuda e na final a Trinidad e Tobago na súa capital, Porto España, onde gañou por dous goles a un, gañando o seu segundo título [11]. Na seguinte edición desta competición, en 1999, o combinado nacional chegou ata as semifinais onde perdeu contra Cuba. Na Copa Ouro do 2000 Xamaica foi encadrado no grupo A con Honduras e Colombia, e perdeu os dous partidos polo que non se clasificou para as roldas eliminatorias [12]. Na Copa do Caribe 2001 os Reggae Boyz non conseguiron superar a fase de grupos. Para a clasificación do mundial do 2002 os xamaicanos clasificáronse directamente á segunda fase, onde tiñan que enfrontarse ás seleccións de Honduras, O Salvador e San Vicente e Granadinas. Gañou os dous partidos a San Vicente, e un a Honduras e O Salvador polo que pasaron segundos de grupo. Na hexagonal final só conseguiron dúas vitorias e dous empates nos dez partidos, polo que non chegaron á súa segunda participación consecutiva nun mundial.

A Copa Ouro do 2003 contou con dous invitados de gran nivel, a selección colombiana —que estivo no mesmo grupo que Xamaica— e a selección brasileira. Os Reggae Boyz pasaron como segundos de grupos, pero caeron nos cuartos de final contra México [13]. No ano 2005 Xamaica lograba a súa terceira Copa do Caribe gañando todos os partidos da competición e ademais conseguindo a clasificación para a Copa Ouro da CONCACAF dese mesmo ano. Como na anterior Copa Ouro, o combinado nacional foi quen de superar a fase de grupos, pero caeu nos cuartos de final contra os Estados Unidos, que exercían a localía [14]. Na Copa do Caribe 2007 Xamaica foi situada no grupo D, pero non se clasificou para a segunda rolda a pesar de estar empatado a puntos co segundo clasificado e ter a mesma diferenza de goles.

No ano 2008 Xamaica xogou a XV edición da Copa do Caribe; tras pasar como primeiro clasificado na fase de grupos, enfrontouse nas semifinais a Guadalupe, á que venceu por dous goles a cero e na final a Granada, á que venceu polo mesmo resultado. Con esta vitoria Xamaica lograba o seu cuarto título nesta competición [15]. En 2009 xogouse a décima edición da Copa Ouro da CONCACAF nos Estados Unidos, onde Xamaica caeu encadrada no grupo A pero non foi quen de pasar a segunda fase tras perder contra as seleccións do Canadá e Costa Rica aínda que si conseguiu gañar a O Salvador. Para encarar a clasificación para a Copa do mundo de 2010 volveu á bancada o técnico Renê Simões, que xa levara a selección ó mundial de Francia. Tras gañar a Bahamas na rolda previa, Xamaica foi situada no grupo 2 xunto a Honduras, México e o Canadá. Tras empatar fronte ao Canadá e perder contra México e Honduras Renê Simões foi despedido e no seu lugar foi contratado o xamaicano John Barnes. Na segunda volta, liderados por Theodore Whitmore, os Reggae Boyz gañaron todos os partidos pero non se clasificaron para a hexagonal debido á diferenza de goles con México.

A XVI edición da Copa do Caribe xogouse no ano 2010, Xamaica gañou todos os partidos do seu grupo na primeira fase, nas semifinais venceu a Granada e na final tras empatar a un gol con Guadalupe gañou a copa nos penaltis, con Rudolph Austin como mellor xogador do torneo [16]. Era o quinto título de Xamaica nesta competición e clasificaba os Reggae Boyz para a Copa Ouro do ano seguinte. A primeira fase desta Copa Ouro da CONCACAF do 2011, o conxunto amarelo pasouna con claridade vencendo todos os partidos. Nos cuartos de final cruzáronse cos anfitrións, os Estados Unidos, e sucumbiron por 2-0.

No camiño para o mundial do Brasil foi encadrado directamente no grupo A na terceira rolda, no que se encontraban os Estados Unidos, Guatemala e Antiga e Barbuda, quedando na segunda posición e logrando clasificarse para a hexagonal final. Nesta rolda final o conxunto amarelo conseguiu cinco empates e cinco derrotas finalizando na sexta posición e sen lograr a clasificación para o mundial. Na Copa do Caribe do 2014 os Reggae Boyz quedaron primeiros do seu grupo, e na final gañaron a Trinidade e Tobago nos penaltis conseguindo o seu sexto título desta competición, ademais da clasificación para a Copa de Ouro do 2015 e da Copa América de 2016.

A Copa de Ouro do 2015 celebrouse nos Estados Unidos e Xamaica foi encadrada no grupo B, onde conseguiu rematar como primeiro de grupo. Na seguinte rolda eliminaron a Haití e nas semifinais a anfitrioa Estados Unidos. Na final contra México, perderon por 1 a 3 [17]. Na Copa América Centenario os xamaicanos debutaban no grupo C xunto a México, Venezuela e Uruguai, mais tras perder os tres partidos non puideron pasar á seguinte rolda [18].

Xamaica encarou a XIX edición da Copa do Caribe de 2016 baixo a dirección técnica de Theodore Whitmore, pasando directamente á terceira rolda conseguiron a primeira praza do grupo e clasificáronse para a seguinte fase, rematando a competición en terceiro lugar. Na ediciión de 2017 Xamaica acadou a final pero non conseguiu vencer á selección de Martinica. Na clasificación para o mundial de Rusia en 2018, os Reggae Boyz clasificáronse directamente para a terceira rolda, onde venceron a Nicaragua. Na cuarta rolda os xamaicanos tiñan que xogar no grupo B pero foron eliminados tras só gañar un partido e empatar outro. No ano 2017 celebrouse a XIV edición da Copa Ouro, Xamaica pasou as roldas finais rematando coma segunda de grupo e eliminou o Canadá e logo a México para chegar por segunda vez na súa historia á final fronte ós Estados Unidos. Pero como ocorreu a primeira vez perderon a final por dous goles a un. Neste campionato o capitán Andre Blake foi nomeado mellor gardameta da competición [19]

A selección xamaicana xoga os seus partidos como local no Independence Park, na capital Kingston. Este estadio coñecido como The Office foi construído en 1962 e ten capacidade para 35 000 persoas. Ademais de para xogar partidos de fútbol o estadio emprégase para disputar algunhas competicións de atletismo.

Os primeiros partidos pre-independencia eran xogados pola selección cun uniforme de cor negra. Tras a independencia, as tres cores da bandeira xamaicana (amarelo, verde e negro) están sempre presentes nas equipacións do combinado nacional. A única etapa na que o verde prevalece sobre o amarelo é na década dos noventa. Mentres que o amarelo é a cor predominante no resto de uniformes do combinado caribeño.

1925-1930
1980-1990
1993
1994-1997
1998-1999
2000-2001
2001-2002
2002-2005
2005-2007
2008-2012
2012-2014
2015-2018

Xogadores históricos

[editar | editar a fonte]

Xogadores con máis partidos

[editar | editar a fonte]

Actualizado a 4 de agosto de 2017 [20]

Nome Primeiro/Último Partidos
Ian Goodison 1996-2009 128
Linval Dixon 1993-2003 127
Theodore Whitmore 1993-2004 120
Ricardo Gardner 1997-2012 111
Warren Barrett 1990-2000 108
Andy Williams 1997-2008 107
Durrant Brown 1992-1998 102
Donovan Ricketts 1999-2013 100
Jermaine Taylor 2004-2017 90
Rudolph Austin 2004-2017 88

Os xogadores en letra grosa seguen en activo

Máximos goleadores

[editar | editar a fonte]

Actualizado a 4 de agosto de 2017 [20]

Nome Primeiro/Último Partidos Goles
Luton Shelton 2004-2013 75 35
Onandi Lowe 1997-2004 81 27
Theodore Whitmore 1993-2004 120 24
Paul Young 1989-1997 49 22
Andy Williams 1997-2008 107 22
Walter Boyd 1991-2001 75 19
Paul Davis 1983-1997 61 18
Hector Wright 1990-1997 16 71
Paul Hall 1997-2003 14 48
Deon John Burton 1997-2009 13 42

Os xogadores en letra grosa seguen en activo

Palmarés

[editar | editar a fonte]

Última convocatoria

[editar | editar a fonte]

Actualizado a 16 de agosto de 2017[21]

Dorsal Nome Posición Idade Club
1 Andre Blake Porteiro 26 anos Philadelphia Union
2 Rosario Harriott Defensa 27 anos Harbour View
3 Damion Lowe Defensa 24 anos Tampa Bay Rowdies
4 Ladale Richie Defensa 29 anos Montego Bay United
5 Alvas Powell Defensa 23 anos Portland Timbers
6 Sergio Campbell Defensa 25 anos Rochester Rhinos
7 Shaun Francis Defensa 30 anos Montreal Impact
8 Oniel Fisher Defensa 25 anos Seattle Sounders
9 Ewan Grandison Centrocampista 26 anos Portmore United
10 Darren Mattocks Dianteiro 26 anos Portland Timbers
11 Cory Burke Dianteiro 25 anos Bethlehem Steel
12 Michael Binns Centrocampista 29 anos Portmore United
13 Dwayne Miller Porteiro 30 anos Syrianska
14 Shamar Nicholson Dianteiro 20 anos Boys' Town
15 Je-Vaughn Watson Defensa 33 anos New England Revolution
16 Jermaine Johnson Centrocampista 37 anos Tivoli Gardens
17 Kevon Lambert Centrocampista 20 anos Phoenix Rising
18 Owayne Gordon Dianteiro 25 anos Montego Bay United
19 Ricardo Morris Centrocampista 25 anos Portmore United
20 Kemar Lawrence Defensa 24 anos New York Red Bulls
21 Jermaine Taylor Defensa 32 anos Minnesota United
22 Romario Williams Dianteiro 23 anos Charleston Battery
23 Damion Hyatt Porteiro 31 anos Arnett Gardens
  1. "Jamaica - List of International Matches". www.rsssf.com. Consultado o 2020-04-16. 
  2. "JAMAICA : Historia". www.ikuska.com. Consultado o 2020-04-16. 
  3. http://www.digplanet.com/wiki/Football_at_the_1930_Central_American_and_Caribbean_Games[Ligazón morta]
  4. "Central American and Caribbean Games 1962 (Kingston)". www.rsssf.com. Consultado o 2020-04-16. 
  5. "Clasificación para la Copa Mundial de Fútbol de 1966". Futbolpedia (en castelán). Consultado o 2020-04-16. 
  6. "Caribbean Championship 1989". www.rsssf.com. Consultado o 2020-04-16. 
  7. "Shell Caribbean Cup 1991". rsssf.com. Consultado o 2020-04-16. 
  8. "CONCACAF Championship, Gold Cup 1993". www.rsssf.com. Consultado o 2020-04-16. 
  9. "CONCACAF Championship, Gold Cup 1998". www.rsssf.com. Consultado o 2020-04-16. 
  10. "The Reggae Boyz World Cup 98". www.thereggaeboyz.com. Consultado o 2020-04-16. 
  11. "Shell Caribbean Cup 1998". rsssf.com. Consultado o 2020-04-16. 
  12. "CONCACAF Championship, Gold Cup 2000". www.rsssf.com. Consultado o 2020-04-16. 
  13. "CONCACAF Championship, Gold Cup 2003". www.rsssf.com. Consultado o 2020-04-16. 
  14. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 29 de xuño de 2005. Consultado o 16 de agosto de 2017. 
  15. "Caribbean Championship 2008". rsssf.com. Consultado o 2020-04-16. 
  16. "Caribbean Championship 2010". rsssf.com. Consultado o 2020-04-16. 
  17. http://es.fifa.com/live-scores/goldcup/matches/match=jamaica-mexico-300324578/index.html
  18. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 10 de maio de 2016. Consultado o 16 de agosto de 2017. 
  19. "Schedule & Results". www.goldcup.org (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 10 de setembro de 2020. Consultado o 2020-04-16. 
  20. 20,0 20,1 "Jamaica - Record International Players". www.rsssf.com. Consultado o 2020-04-16. 
  21. http://www.espnfc.com/team/jamaica/1038/squad

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]