Stella (moeda)
Stella (4 dólares) [1][2] | |
---|---|
A/: A Liberdade cara á esquerda. Data no exergo.
Lenda: ★ 6 ★ G ★ .3 ★ S ★ .7 ★ C ★ 7 ★ G ★ R ★ A ★ M ★ S ★” |
R/: Estrela de cinco puntas no centro, co valor facial.
Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / E PLURIBUS UNUM / DEO EST GLORIA / ONE STELLA / 400 CENTS / FOUR DOL. |
|
A stella é unha moeda estadounidense de ouro con valor facial de 4 dólares que foi cuñada como proba en 1879 e 1880 pola Ceca de Filadelfia, da Casa da Moeda dos Estados Unidos, aínda que logo non chegou a entrar en circulación.
Estas probas foron cuñadas en dúas variantes, unha deseñada polo gravador Charles E. Barber —co cabelo solto no anverso— e outra por George T. Morgan —co pelo recollido—. Barber foi tamén o deseñador do reverso común a ambas as versións.
A creación dunha moeda coma esta fora proposta por John A. Kasson (1822-1910), antigo presidente da Comisión de Moeda, Pesos e Mediadas da Cámara de Representantes, quen pretendía establecer unha moeda de ouro estadounidense cuxo valor e composición puidesen expresarse no sistema métrico decimal, utilizado en Europa. Sobre esta base, os estadounidenses querían converter a stella no equivalente das moedas de ouro europeas utilizadas no comercio internacional. Porén, esta idea nunca chegou a materializarse.
Crese que os exemplares de 1879 foron mostras cuñadas para congresistas con fins lexislativos, en tanto que os espécimes datados en 1880 foron cuñados, quizais subrepticiamente, para satisfacer os intereses do coleccionismo numismático.
Antecedentes e contexto
[editar | editar a fonte]Contexto económico-monetario
[editar | editar a fonte]Na primeira metade do século XIX os Estados Unidos seguiron unha política de colonización de novas zonas do continente e de expansión política cara ao Oeste.[3] Ademais, nas décadas de 1850 e 1860, a febre do ouro californiana cobraba forza e descubríanse tamén novas veas de prata en Nevada.[4]
A inestabilidade xerada logo do inicio da guerra civil no país en 1861 fixo que a poboación comezase a acumular ouro e prata, fundamentalmente amoedados, e estas moedas volveron á circulación tras a fin do conflito.[5] Na década de 1870, as autoridades decidiron facer fronte ao excedente de moedas de prata no mercado.[6] A situación do mercado deste metal viuse tamén perturbada pola creación do Imperio Alemán en 1871, xa que Otto von Bismarck introduciu unha reforma monetaria con base no padrón ouro. Así as cousas, as grandes cantidades de prata que quedaban no mercado europeo impediron a venda de prata estadounidense nesa parte do mundo.[7] Como consecuencia, o Congreso dos EEUU aprobou a Lei da Moeda de 1873, asinada polo presidente Ulysses Grant, que puxo fin á era do bimetalismo en favor do padrón ouro.[6] A nova lei introduciu o chamado dólar de comercio, destinado a levar o excedente de prata ao estranxeiro, principalmente a Asia.[6]
Para aliviar a situación, o Congreso aprobou tamén a Lei Bland-Allison en 1878, que ordenaba ao Tesouro a compra mensual de prata e supuxo a volta das moedas deste metal ao seu uso no mercado interior.[8][9] A fin dos conflitos domésticos e fronteirizos fixo que os políticos estadounidenses centrasen a súa atención na política exterior e, en particular, no comercio internacional, mais era un período en que xa operaban no mercado moitas moedas diferentes e empezaron a xurdir opinións sobre a necesidade de normalizar o sistema financeiro internacional.[10]
A resposta a estas ansias de normalización en Europa foi a creación o 23 de decembro de 1865 da Unión Monetaria Latina —fundada por Francia, Bélxica, Italia e Suíza, e á que se uniron dun xeito máis ou menos formal Grecia, España, Romanía, Bulgaria, Serbia e Venezuela—, coa premisa de unificar o valor e o peso das moedas dos estados membros sobre a base do franco francés. A Unión adoptou inicialmente o bimetalismo, cunha proporción de prata por ouro de 1 a 15,5, mais en 1874 pasou a asumir o padrón ouro.[11]
A idea dunha moeda internacional estadounidense
[editar | editar a fonte]A primeira proposta estadounidense en resposta á creación da Unión Monetaria Latina foi a cuñaxe en 1868 de probas en aluminio[12] e en cobre[13] para unha futura moeda de ouro de 5 dólares, deseñada por Anthony C. Paquet. A proposta consistía en reducir o peso da moeda de cinco dólares de 129 grans (8,359 gramos) a 124,9 grans (8,093 gramos), para os harmonizar co peso e valor dos 25 francos franceses de ouro. Paquet incluíu esta información no reverso da súa proba, coa indicación 5 DOLLARS 25 FRANCS rodeada por unha coroa vexetal. A Monnaie de París cuñou tamén probas dunha moeda similar coa indicación 10 FLORINS 25 FRANCS, para o seu uso en Austria-Hungría.[14][15] Nos Estados Unidos, un proxecto de lei que propuña reducir o peso da moeda de cinco dólares foi rexeitado polo Congreso.[16]
En 1874 houbo outra proposta de moeda estadounidense equiparable ás dos sistemas europeos. Nesta ocasión, Dana Bickford dirixiuse ao daquela director da Casa da Moeda dos EEUU, Henry Linderman, para que se considerase a idea de emitir unha moeda que puidese circular internacionalmente, o que lle permitiría ao Goberno evitar os custos asociados á conversión de divisas. A US Mint cuñou algunhas probas seguindo as recomendacións de Bickford, que amosaban as inscricións 10 DOLLARS, 2.1.1 STERLING £,[17] 41,99 MARKEN, 37,31 KRONEN, 20,73 GULDEN, 51,81 FRANCS".[16][18][19] No entanto, o Congreso rexeitou a proposta por dúas razóns: en primeiro lugar, o estadounidense medio non tiña coñecementos avanzados relacionados co cambio de divisas, e un número tan elevado de valores faciais podería confundir as persoas usuarias; e en segundo lugar, os tipos de troco xa variaban con bastante frecuencia naquela época e os valores indicados no reverso podían ficar obsoletos ao pouco da súa cuñaxe. O fracaso non desanimou a Bickford á hora de deseñar novas moedas estadounidenses que puidesen ter un uso internacional, xa que en 1897 presentou varias moedas dun dólar bimetálicas cos seus valores expresados en francos (5 francos e 18 céntimos) e en marcos (4 marcos e 20 pfennig).[20]
A stella ou moeda de 4 dólares
[editar | editar a fonte]En 1879, John A. Kasson, daquela embaixador dos Estados Unidos en Austria-Hungría e antigo presidente da Comisión de Moeda, Pesos e Medidas da Cámara de Representantes, suxeriulle ao secretario do Tesouro William M. Evarts que introducise unha moeda de valor equivalente aos 8 floríns austríacos. Naquela época equivalían a 3 dólares e 88 centavos, polo que Kasson concluíu que a nova moeda estadounidense debería ser de catro dólares.[21] Esta idea baseábase no feito de que os Estados Unidos non dispuñan daquela dunha moeda de valor equivalente ao das moedas europeas que se utilizaban habitualmente no comercio internacional. A moeda de ouro de 2,5 dólares tiña un valor demasiado pequeno e, pola súa vez, a moeda de cuinco dólares excedía o valor das moedas de ouro europeas utilizadas no comercio, como o soberano británico, o napoleón francés, as 20 liras italianas ou as 20 pesetas españolas. Ademais, a composición da moeda debía expresarse explicitamente no sistema decimal, utilizado polos europeos, o que facilitaría o seu uso no Vello Continente.[15][22][23]
Creáronse dous deseños para o anverso desta nova moeda e un para o seu reverso. Charles E. Barber e George T. Morgan encargáronse de senllos anversos. O primeiro fixo unha copia exacta do perfil orientado á esquerda da Liberdade co cabelo solto que o seu pai, William Barber, deseñara anteriormente para outras moedas. Morgan, pola súa banda, propuxo unha Liberdade co cabelo recollido. En ambos os anversos había 13 estrelas de cinco puntas arredor da cabeza, intercaladas coa indicación das proporcións de ouro, de prata e de cobre en gramos, así como o seu peso total: ★6★G★.3★S★.7★C★7★G★R★A★M★S★" (6 gramos de oro; 0,3 gramos de prata; 0,7 gramos de cobre = 7 gramos).[1][2][20][24]
No centro do campo do reverso había unha estrela de cinco puntas co valor facial da moeda; ONE STELLA / 400 CENTS, complementado con FOUR DOL. no exergo.[24] Completan as lendas do reverso a denominación do país (UNITED STATES OF AMERICA) e o habitual lema nacional E PLURIBUS UNUM, así como a frase latina DEO EST GLORIA.[1][2]
En 1879 cuñouse unha tiraxe en proba e os seus exemplares foron postos ao dispor dos congresistas por 6,5 dólares a unidade, para cubrir os custos da súa produción, na Ceca de Filadelfia.[20][23] Segundo o autor numismático Q. David Bowers, non chegaron a venderse todas as probas cuñadas en 1879. En canto os coleccionistas coñeceron a existencia destas moedas de proba, comezou a crecer o interese por elas, e en 1880 retomouse a cuñaxe das probas unicamente para satisfacer o uinterese do coleccionismo.[23][25][26] Descoñécese a cantidade final de todas as moedas cuñadas.[22][27]
Finalmente, o Congreso non aprobou a posta en circulación da stella, entre outras cousas porque se considerou que o seu valor non se correspondía suficientemente co das moedas europeas. Xa que logo, a moeda de 20 dólares seguiu a ser usada para o comercio internacional, xa que o ao Congreso lle pareceu que era suficiente para o comercio internacional.[22]
A stella seguiu a ser a única moeda de catro dólares cuñada pola Casa da Moeda dos Estados Unidos. A prensa da época afirmaba que os congresistas utilizaban estas moedas para crear colares para as súas parellas, e o Instituto Smithsoniano informa de que algunhas moedas coñecidas na actualidade presentan sinais de teren sido utilizadas como xoias.[28] En 2013 vendeuse nunha poxa numismática un espécime de stella da variante de cabelo recollido de 1880, por unha cantidade final de 2,6 millóns de dólares.[23] En 2015, a compañía Heritage Auctions adxudicou outro exemplar da mesma tipoloxía e data por 1.116.250 dólares.[29]
A quíntupla stella
[editar | editar a fonte]Tamén se propuxo e chegou a cuñarse como proba unha moeda coñecida como "quíntupla estella", dentro do mesmo proxecto, equivalente a vinte dólares, datada en 1879 e cun deseño moi similar ao da moeda de 20 dólares Liberty Head, deseñada por James B. Longacre. A proporción dos metais na aliaxe da quíntupla stella era de 30 gramos de ouro, 1,5 gramos de prata e 3,5 gramos de cobre, e ten un peso de 35 gramos, tal e como indica a inscrición ★30★G★1.5★S★3.5★C★35★G★R★A★M★S★.[30][31]
Da súa cuñaxe como proba en ouro coñécense cinco exemplares, un dos cales se conserva na Colección Numismática Nacional dos EEUU, do Instituto Smithsoniano.[32] Están rexistrados tamén doce exemplares dunha versión en cobre desta proba numismática, dos que polo menos cinco recibiron posteriormente un baño de ouro.[33]
Un dos poucos espécimes da Quintuple Stella que chegou ao mercado numismático nas últimas décadas foille adxudicado por 1.880.000 dólares a Greg Rohan, o presidente da compañía Heritage Auctions,[34] nunha poxa que tivo lugar en Nova Orleáns o 19 de maio de 2016.[35]
Un espécime desta proba numismática de ouro formou parte da colección do rei Faruk de Exipto.[36]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 "4 Dollars "1879 Stella" Pattern". Numista.com
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 "4 Dollars "1880 Stella" Pattern". Numista.com
- ↑ Roncero Martín, J. M. (2009). "Destino Manifiesto. La expansión territorial do los Estados Unidos de América del Norte". En La Cruzada del Saber. Nº 5. Setembro. Páxinas 11-30. ISSN: 1989-2500
- ↑ "The $4 Stella Gold Coin: A Failed Idea That Collectors Loved" En Coin Week. 8 de xuño de 2022.
- ↑ Julian R. W. (1993-b-). Páxina 2.006.
- ↑ 6,0 6,1 Julian R. W. (1993-b-). Páxina 2.005.
- ↑ Julian R. W. (1993-a-). Páxina 870.
- ↑ "U.S. Mint History: The “Crime of 1873”". United States Mint. 22 de marzo de 2017.
- ↑ Julian R. W. (1993-b-). Páxina 2.007.
- ↑ "Four Dollar Stella (1879-1880)". Numismatic Guaranty Company (NGC).
- ↑ Willis, H. P. (1901). A History of the Latin Monetary Union: A Study in International Monetary Action. Chicago: University of Chicago Press.
- ↑ "5 Dollars "1868 Half Eagle" Pattern; aluminum". Numista.com
- ↑ "5 Dollars "1868 Half Eagle" Pattern; copper". Numista.com
- ↑ "10 Florin / 25 Francs - Napoleon III Pattern". Numista.com
- ↑ 15,0 15,1 Bowers, Q. D. (1982). Páxina 235.
- ↑ 16,0 16,1 "1874 $10 J-1373, DCAM (Proof)". Professional Coin Grading Service (PCGS).
- ↑ Isto é: 2 libras, 1 xilin e 1 penique.
- ↑ "10 Dollars "1874 Eagle" Pattern; gold". Numista.com
- ↑ Bowers, Q. D. (1982). Páxinas 235-236.
- ↑ 20,0 20,1 20,2 Bowers, Q. D. (1982). Páxina 236.
- ↑ "1879 $4 Flowing Hair (Proof)". Professional Coin Grading Service (PCGS).
- ↑ 22,0 22,1 22,2 Yeoman R. S. (2009). Páxina 242.
- ↑ 23,0 23,1 23,2 23,3 Millman E. (1026).
- ↑ 24,0 24,1 "Four Dollar Stella (1879-1880)". Numismatic Guaranty Company (NGC).
- ↑ "Coin of the Week: Discovered Flowing Hair Stella". En COINage. 1 de marzo de 2019.
- ↑ Bowers, Q. D. (1982). Páxinas 238-239.
- ↑ Bowers, Q. D. (1982). Páxinas 236, 238-239.
- ↑ "4 Dollars, Pattern, United States, 1879". National Museum of American History. Smithsonian Institution.
- ↑ "1880 $4 Coiled Hair, Judd-1660, Pollock-1860, R". Professional Coin Grading Service (PCGS).
- ↑ 30,0 30,1 "20 Dollars "Metric Double Eagle / Quintuple Stella"". Numista.com
- ↑ Roach S. (2016).
- ↑ "20 Dollars, Pattern, United States, 1879". National Museum of American History.
- ↑ "J1643/P1843". Uspatterns.com
- ↑ "Heritage purchases $1.88 Million Quintuple Stella at auction". Heritage Auctions (Ha.com).
- ↑ Roach, S. (2016). "1879 Liberty Head double eagle pattern strong at sale". En Coin World. 31 de maio.
- ↑ "Extremely Rare Gold 1879 “Quintuple Stella” Pattern $20 in Legend Regency XVII Auction Arquivado 27 de xaneiro de 2023 en Wayback Machine.". En Coin Week. 20 de marzo de 2016.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Stella |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bowers, Q. D. (1982). United States Gold Coins: An Illustrated History. Bowers and Ruddy Galleries, Wolfeboro. ISBN 0-914490-21-4
- Julian R. W. (1993-a-). "Historical Background U.S. Trade Dollars 1873-1885". En Bowers, Q. D. (1993). Silver Dollars & Trade Dollars of the United States: A Complete Encyclopedia. 1. Bowers and Merena Galleries, Wolfeboro. Páxinas 869-880. ISBN 0-943161-48-7
- Julian R. W. (1993-b-). "Historical Background. Morgan Silver Dolllars 1878-1921". En Bowers, Q. D. (1993). Silver Dollars & Trade Dollars of the United States: A Complete Encyclopedia. 1. Bowers and Merena Galleries, Wolfeboro. Páxinas 2.005-2.022. ISBN 0-943161-48-7
- Julian, R. W. (2010). "Bad $4 coin idea got strong support". En Numismatic News. 4 de maio.
- Kraft J. (2022). "Goloid Dollars: America’s Electrum Coinage". American Numismatic Society.
- Millman E. (1026). "Classic US Coins: Gold Stella $4 Coin Goes to Auction". En Coin Week. 12 de agosto.
- Roach S. (2016). "Legend to offer Quintuple Stella in May auction". En Coin World. 18 de marzo.
- Yeoman R. S. (2009). A Guide Book of United States Coins. 63ª ed. Whitman Publising, Atlanta. ISBN 978-0-7948-2766-3