Saltar ao contido

Estocolmo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Stockholm»)
Modelo:Xeografía políticaEstocolmo
Stockholm (sv) Editar o valor en Wikidata
Vista nocturna
Fotomontaxe
Imaxe

Epónimotronco e Illote Editar o valor en Wikidata
Localización
lang=gl Editar o valor en Wikidata Mapa
 59°19′46″N 18°04′07″L / 59.3294, 18.0686
EstadoSuecia
Condadocondado de Estocolmo
Municipiosconcello de Estocolmo Editar o valor en Wikidata
Capital de
Suecia (1436–)
condado de Estocolmo (1634–)
Reino da Suécia e Noruega (pt) Traducir (1814–1905)
Stockholm City (en) Traducir (1863–1970)
concello de Estocolmo (1971–) Editar o valor en Wikidata
Poboación
Poboación984.748 (2022) Editar o valor en Wikidata (5.261,53 hab./km²)
Lingua oficiallingua sueca Editar o valor en Wikidata
Xeografía
Superficie187,16 km² Editar o valor en Wikidata
Bañado porSaltsjön (pt) Traducir e Lago Mälaren Editar o valor en Wikidata
Datos históricos
Creación1187 Editar o valor en Wikidata
Evento clave
Santo padrónEric o Santo Editar o valor en Wikidata
Organización política
• Xefe do gobernoKarin Wanngård (en) Traducir (2022–) Editar o valor en Wikidata
Membro de
Identificador descritivo
Código postal100 00–200 00 Editar o valor en Wikidata
Fuso horario
Prefixo telefónico08 Editar o valor en Wikidata
Outro
Irmandado con
sen valor Editar o valor en Wikidata

Sitio webstart.stockholm Editar o valor en Wikidata
BNE: XX451213

Estocolmo[1] (en lingua sueca sv-Stockholm.ogg Stockholm ) é a capital e cidade máis poboada de Suecia, administrativamente unha municipalidade do Condado de Estocolmo. Cunha poboación en 2017 de 965 232 habitantes (2 352 549 na súa área metropolitana, arredor do 20% da poboación de Suecia), é a cidade máis grande dos países nórdicos.

É a cidade máis importante do país dende o século XIII, grazas a súa localización, na costa leste sueca, no centro sur, cun arquipélago do mar Báltico en fronte e o lago Mälaren ás costas. A cidade está formada por 14 illas e illotes, unidos por medio de 53 pontes. Administrativamente, o municipio está dividido dende 1998 en 18 distritos, e ten a responsabilidade das escolas primarias, asistencia social ou os medios culturais locais. Dende 2018, a alcaldesa da cidade é Anna König Jerlmyr, do Partido Moderado.[2]

Como capital do estado, Estocolmo é a sede do goberno e o parlamento suecos e tamén da residencia do xefe do Estado, o rei Carlos XVI Gustavo, o Palacio Real de Estocolmo, como do Primeiro ministro, a Casa de Sager.

Foi nomeada pola GaWC (Grupo de Estudos sobre a Globalización e as Cidades Mundiais) como unha cidade global de categoría «Alfa -»​ segundo o seu estudo de 2012, ocupando o posto 24 do mundo, o décimo de Europa e o primeiro dos países nórdicos.[3] Nos últimos anos o turismo converteuse nunha actividade moi importante para a cidade, con arredor de sete millóns de visitantes ao ano.[4]

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

O nome Stockholm provén de dous nomes; a primeira parte, stock, significa literalmente tronco de madeira, que pode estar relacionado cunha verba do antigo alemán (Stock), que significa fortificación; a segunda parte, holm, significa illote, referíndose a Helgeandsholmen, na zona central de Estocolmo.

Xeografía

[editar | editar a fonte]
Fotografía aérea da cidade mostrando as illas que forman Estocolmo.

Estocolmo fica na parte da costa oriental da Suecia. Está situado nun arquipélago de catorce illas e illotes, unidos por 53 pontes, na rexión onde o lago Mälaren encontra o mar Báltico. A fisiografía da cidade é moi homoxénea, sendo que predominan as planicies, chegando no máximo a 200 m de altitude nalgúns puntos. Cerca do 30% da cidade está cuberta de canais e outro 30% está ocupado por parques e zonas verdes, proporcionándolle á cidade un clima máis favorábel do que se debería esperar, principalmente debido á elevada latitude no contexto europeo.

Lilla Blecktornsparken, un dos moitos parques urbanos da cidade.

A cidade de Estocolmo ten un clima continental. Debido á latitude da capital sueca, o clima debería ser máis frío, mais no entanto é ameno, talvez debido aos moitos espazos verdes existentes na cidade. A duración do día varía entre 18 horas, no verán, e 6 horas, no inverno, sendo que a cidade desfruta de 1981 horas de sol anualmente[5]

Os veráns son agradábeis coa temperatura máxima a variar entre os 20 e os 23 °C e a mínima é darredor de 15 °C. Os invernos son fríos con temperaturas que roldan os 0 °C. A precipitación anual é de 539 mm, sendo a media de días húmidos por ano de 164. Durante os meses de decembro a marzo ocorren normalmente nevaradas que cobren a cidade durante varias semanas.

Os comezos de Estocolmo

[editar | editar a fonte]

A primeira mención da cidade de Estocolmo data de 1252. A cidade reducíase entón á pequena illa chamada Gamla Stan. Foi fundada por Birger Jarl, co obxectivo de protexer a Suecia das invasións de frotas estranxeiras e para poder pór fin aos asaltos dos cales eran vítimas cidades como Sigtuna, situada sobre o lago Mälaren. O primeiro edificio construído foi un forte que controlaba o tránsito marítimo entre o mar Báltico e o lago Mälaren.

Baixo a influencia de Magnus Ladulás, Estocolmo prospera grazas ás súas relacións comerciais con Lübeck. Forma entón parte da Liga Hanseática. En 1270, Estocolmo descríbese en documentos como unha gran cidade, e en 1289 é xa a maior cidade de Suecia, aínda que a súa primeira estimación fiábel da poboación remóntase ao século XV, cando contaba cuns cinco ou seis mil habitantes.

Durante a segunda metade do século XIV a cidade viuse presa pola peste negra.

Cristián I de Dinamarca

Non é até finais de 1419 que Estocolmo se proclama capital de Suecia. A súa posición estratéxica, así como o seu peso económico, convértena nunha praza importante nas relacións entre os reinos daneses da Unión de Kalmar e o movemento de independencia sueco durante o século XV. Houbo numerosas batallas, sobre todo a batalla de Brunkeberg gañada en 1471 por Sten Sture o Vello contra o rei de Dinamarca Cristián I. O Baño de sangue de Estocolmo, que ocorreu en 1520, ordenado por Cristián II de Dinamarca, supuxo a fin da Unión de Kalmar.

O período Vasa

[editar | editar a fonte]

En 1521, Gustavo Vasa chega a Estocolmo e marca o comezo duna nova era para Suecia. Estocolmo crece e esténdese máis alá de Stadsholmen sobre Södermalm e Norrmalm. En 1600, conta cuns doce mil habitantes.

Séculos XVII e XVIII

[editar | editar a fonte]
O Parlamento de Suecia (Riksdag) en Helgeandsholmen.

No século XVII Estocolmo é xa unha cidade europea de envergadura. Entre 1610 e 1680 a súa poboación multiplícase por seis. Ladugårdslandet, actualmente chamado Östermalm, así como a illa de Kungsholmen, pasan a forma parte da cidade por aquel momento.

En 1628, durante o reinado de Gustavo II Adolfo, o navío de guerra Vasa afundiuse no arquipélago de Estocolmo. O mesmo ano son instauradas as regras que dan a Estocolmo un monopolio sobre os intercambios entre os negociantes estranxeiros e os territorios escandinavos. Nesta época constrúense castelos e pazos para os nobres, entre os cales se encontran a Casa da Nobreza (Riddarhuset) e no século XVIII o pazo real.

Despois da Gran Guerra do Norte, que destruíu parcialmente a cidade, o crecemento de Estocolmo empeza a declinar. Conserva o seu papel de capital política de Suecia, e baixo o reinado de Gustavo III de Suecia afirma a súa superioridade cultural. A Ópera Real é un bo exemplo da arquitectura desta época.

Século XIX

[editar | editar a fonte]

A comezos do século XIX, Estocolmo perde cada vez máis a súa influencia económica. Norrköping é entón a principal cidade industrial do país, e Gotemburgo un porto ineludíbel grazas a súa localización sobre o mar do Norte.

Na segunda parte do século, a cidade consegue recuperar o seu papel de líder no aspecto económico coa aparición das novas industrias, e convértese nun centro importante do comercio e dos servizos, así como a principal porta de entrada de Suecia.

A súa poboación creceu logo de xeito moi rápido grazas a inmigración. No final do século, só o 40% dos habitantes da cidade naceran alí. A consecuencia disto empezan a medrar novos barrios máis aló dos límites de Estocolmo, no campo e sobre as costas. Nesta época tamén aumenta a importancia da educación e a cultura, coa apertura de numerosas universidades, como o Instituto Karolinska.

Séculos XX e XXI

[editar | editar a fonte]

Durante o século XX, Estocolmo rehabilitou unha gran parte do seu centro, que tiña rúas estreitas problemáticas a medida que a circulación automobilística aumentaba. As autoridades municipais prohibiron aquí a renovación dos edificios, sobre todo os que comprenden a zona próxima á Estación Central, de Hötorget a Sergels torg, durante a primeira metade do século. De 1945 a 1967 a zona é demolida e despois reconstruída, con amplos paseos de viandantes, así como edificios de oficinas ou vivendas de alturas elevadas. A primeira liña do metro de Estocolmo inaugurase en 1950.

Na fin do século, Estocolmo é unha cidade moderna, cosmopolita e moi avanzada no ámbito tecnolóxico, onde o distrito de Kista se converteu nun importante centro para as novas tecnoloxías. En 2010 foi elixida Capital Verde Europea (European Green Capital).

Konserthuset ("A casa de concertos") na praza de abastos de Hötorget, no barrio de Norrmalm.

Como capital de Suecia, Estocolmo conta cunha gran parte dos principais lugares culturais do país, con teatros, museos e óperas. En Estocolmo e os seus arredores atópanse inscritos na lista de Patrimonio da Humanidade da UNESCO varios edificios coma o Palacio de Drottningholm ou o cemiterio de Skogskyrkogården.​ A cidade foi designada Capital Europea da Cultura en 1998.

O nome da cidade noutras linguas

[editar | editar a fonte]
  • Stockholm en sueco (onde o 'h' é mudo neste caso)
  • Holmia en latín
  • Tukholma en finés
  • Stoccolma en italiano
  • Sztokholm en polaco
  • Stokgolm (Стокгольм) en ruso
  • Sutokkuhorumu (ストックホルム) en xaponés
  • Sídégēěrmó (斯德哥尔摩) en chinés
  • En francés, inglés e alemán o nome da cidade escríbese igual que en sueco, aínda que a pronuncia difire.
  1. Benigno Fernández Salgado, ed. (2004). Dicionario Galaxia de usos e dificultades da lingua galega. Editorial Galaxia. p. 1304. ISBN 9788482887524. 
  2. "Anna König Jerlmyr (M)". Sveriges Riksdag (en sueco). 
  3. "¿Cuáles son las ciudades globales?" (en castelán). 14 de outubro de 2013. Arquivado dende o orixinal o 13 de outubro de 2019. 
  4. "Más de 7,8 millones de turistas visitaron Suecia e ingresaron 9,7 millones al país". EuropaPress (en castelán). 1 de maio de 2011. 
  5. "Horas de sol anualmente en Estocolmo". Arquivado dende o orixinal o 15 de xullo de 2007. Consultado o 15 de xullo de 2007. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]
Predecesor:
Grecia Tesalónica

Capital Europea da cultura

1998
Sucesor:
Alemaña Weimar