Saltar ao contido

Táctica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Unha táctica é unha acción teórica ou serie curta de accións dirixidas a acadar un obxectivo a curto prazo. Esta acción pódese levar a cabo en forma dunha ou varias tarefas específicas. O termo utilízase a miúdo en contextos individuais ou sociais, de organizacións de todo tipo, como empresariais, de protesta, militares, de espionaxe e de aplicación da lei; tamén en xadrez, deportes ou outras actividades competitivas en xeral.[1]

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

A palabra táctica deriva do adxectivo grego antigo τακτικός, que significa relativo á disposición ou habilidoso na disposición. O nome grego antigo relacionado é τάγμα (tagma), que significa orde.[2] Ambas palabras pódense remontar ao verbo "τάσσω" (tasso; tassein), que significa "aliñar", "parar", "seleccionar" ou "organizar".[3] A palabra táctica (pór en orde as cousas para cumprir un obxectivo) vén do grego τακτικός (taktikos), composta coa raíz do verbo τάσσειν (tassein = ordenar) e o sufixo -tico (relativo a), que deu palabras como erótica, matemática ou práctica. O verbo τάσσειν (tassein) asóciase coa raíz indoeuropea tag-2 (pór en orde).[4]

Diferenza coa estratexia[editar | editar a fonte]

Unha estratexia é un plan con pautas para acadar un obxectivo xeral, mentres que unha táctica é un conxunto de accións específicas dirixidas a seguir esas pautas.[5]

Exemplo[editar | editar a fonte]

A táctica na planificación lingüística en Galiza busca promover o uso do galego mediante accións específicas como programas educativos ou campañas de sensibilización. Mentres que a estratexia responde a un obxectivo maior, preservar a lingua galega como ben patrimonial e cultural, e establece os obxectivos a longo prazo para a normalización lingüística, a táctica refírese ás accións concretas para acadalos. Por exemplo o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, inclúe medidas como contratacións e campañas para fomentar o uso do galego. Se consideramos o Plan Xeral como unha estratexia en si, tería accións tácticas concretas como contratacións, campañas etc.[6]

Uso militar[editar | editar a fonte]

No uso militar, a táctica militar é un procedemento utilizado por unha unidade militar non maior a unha división, que serve para levar a cabo unha misión específica e acadar un obxectivo determinado, ou para asegurar o avance cara a un obxectivo concreto.[Cómpre referencia] Os termos "táctica militar" e "estratexia militar" adoitan confundirse: táctica refírese aos medios específicos utilizados para acadar un obxectivo, mentres que estratexia é o plan xeral de campaña, que pode incluír patróns complexos de operacións, actividades e procesos de toma de decisións que guían a execución táctica.[7]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Wragg, David. A Dictionary of Aviation. p. 259. ISBN 9780850451634. 
  2. "definición de τάγμα". logeion.uchicago.edu; ΛΟΓΕΙΟΝ; dicionario grego antigo/inglés. Consultado o 2024-06-25. 
  3. "tactic". www.etymonline.com. Consultado o 2024-06-25. 
  4. "TÁCTICA". Etimologías de Chile - Diccionario que explica el origen de las palabras (en castelán). Consultado o 2024-06-25. 
  5. "The difference between strategy and tactics". web-strategist (en inglés). 
  6. Galega, Consello da Cultura. "Asistencia técnica para a execución do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega". CONSELLO DA CULTURA GALEGA (en inglés). Consultado o 2024-06-25. 
  7. Dictionary of Military Terms Copy on the Joint Chiefs of Staff site

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]