Urge Overkill
Urge Overkill | |
---|---|
Urge Overkill no ano 2005 | |
Orixe | Chicago, Illinois, |
Período | 1986 - 1997 2004 - actualidade |
Xénero(s) | rock alternativo |
Selo(s) discográfico(s) | Touch & Go, Geffen |
Membros | Nash Kato Eddie King Roeser Mike Hodgkiss Chris Frantisak Nate Arling |
Antigos membros | Blackie Onassis Nils St. Cyr |
Na rede | |
http://www.urgeoverkill.com/ | |
Urge Overkill é unha banda de rock alternativo formada en 1986 en Chicago por Nash Kato (voz e guitarra) e Eddie "King" Roeser (voz e baixo). Despois dalgún tempo, o batería Blackie Onassis completou a formación dunha das bandas que máis destacaron na escena independente estadounidense de principios dos anos 90.
Biografía
[editar | editar a fonte]A historia da banda comeza en 1986 cando Nash Kato coñeceu a Eddie "King" Roeser na facultade en Chicago, e xunto ao batería Jack "The Jaguar" Watt forman Urge Overkill (nome tirado dunha canción da banda funk Parliament Funkadelic). No mesmo ano, a banda lanza o seu primeiro EP, Strange, I..., pola discográfica Touch & Go, que foi producido por un aínda descoñecido Steve Albini (que tamén era colega de facultade dos de Nash e Eddie).
Despois dalgún tempo tocando xuntos, en 1989 é lanzado Jesus Urge Superstar, tamén producido por Albini. Nun principio os discos non chamaron moito a atención. Na época a banda parecía estar aínda por desenvolver unha identidade propia e as súas cancións seguían un patrón común entre o punk das bandas da Touch & Go que dominaban a escena de Chicago, sen destacar entre elas. As cousas comezaron a mudar cando saíu o terceiro rexistro de Urge Overkill, Americruiser, en 1990, producido por Butch Vig. Kato e Roeser amosaban sinais de que estaban madurando como compositores, con melodías máis accesibles, explorando unha vocación máis pop da banda. Un dos resultados foi o éxito "Ticket to LA" a primeira canción de Urge Overkill que destacou nas College Radios estadounidenses.
Nesa época, o batería Blackie Onassis xúntase ao trío e axuda a desenvolver a estética da banda, tanto visual como musicalmente, cunha mestura de influencias do rock de arena dos anos 70 (Stones, Cheap Trick, Raspberries) e o punk. A estrea do "novo" Urge Overkill foi co álbum SuperSonic Storybook, de 1991, aclamado pola crítica. En pouco tempo, Urge Overkill convertíase nunha da maiores promesas da escena alterativa estadounidesnse, baseado no éxito de SuperSonic Storybook e polas incesantes xiras da banda, que incluíron os concertos como abreconcertos na histórica xira do álbum Nevermind de Nirvana.
En 1992, a banda decide conmemorar o éxito co lanzamento dun novo EP, Stull, que contiña "Girl, You'll Be a Woman Soon", versión de Neil Diamond e "Goodbye to Guyville".
A banda asina coa Geffen en 1992, mesmo faltando un disco por ser lanzado polo contrato coa Touch & Go. A previsible mudanza para unha grande discográfica irritou a todos na Touch & Go, particularmente ao produtor Steve Albini, que atacou publicamente á banda en varias entrevistas. Saturation, o primeiro disco por unha grande discográfica, foi lanzado en 1993, coa produción dos Butcher Brothers. O disco tiña todo para ser un hit, tiña unha produción ben coidada, cun son limpo e melodías doadas, unha repetición da fórmula que fixo de Nevermind un clásico, só que cunha sonoridade máis encamiñada cara ao hard rock.
Pero o éxito Saturation non se correspondeu coas expectativas, aínda sendo o álbum máis vendido de Urge Overkill. A banda xa non encaixaba no circuíto underground pero tampouco tiña un espazo no mainstream. Ao mesmo tempo, a actitude de "rock star" dos seus integrantes comezaba a incomodar á comunidade do rock alternativo. En Chicago chegou a haber unha verdadeira campaña contra a banda, onde ata había un fanzine co único obxectivo de desprestixiar a imaxe do grupo.
A banda preparábase para gravar o seu seguinte disco cando o director Quentin Tarantino escolleu a versión de "Girl You'll Be A Woman Soon" para a banda sonora de Pulp Fiction. O éxito da película e da súa banda sonora mudou a traxectoria de Urge Overkill, que tivo por unha esquecida versión gravada tres anos antes só por diversión máis éxito do que obtivera ao longo de toda a súa carreira. O terreo parecía preparado para que o novo álbum da banda repetise o éxito, pero non foi iso o que aconteceu.
Exit The Dragon, lanzado a finais de 1995, trataba temas máis serios e escuros, nunca antes abordados pola banda. O primeiro sinxelo do disco, "The Break", era pouco comercial e tivo pouca rotación nas radios, mentres que a banda enfrontábase a problemas durante a súa xira, que acabou sendo cancelada. Naquel momento, o batería Blackie Onassis enfrontábase a serios problemas coas drogas, e varias especulacións comezaron a cuestionar o futuro de Urge Overkill. A Geffen procurou desmentir os rumores, afirmando que a banda retomaría a xira de divulgación e que Exit the Dragon sería relanzado en xaneiro.
Urge Overkill volveu a tocar en xaneiro de 1996. O grupo chegou a facer algúns concertos en Europa pero a xira cancelada nos Estados Unidos nunca foi remarcada. O disco Exit The Dragon foi entón practicamente esquecido e saíu das listas e das radios. A banda pasou o resto de 1996 inactiva mentres tentaba resolver os seus problemas internos. A finais de ano, as tensións entre Nash Kato e King Roeser aumentaron e remataron coa saída de Roeser da banda.
A sorte parecía mudar cando en 1997 un executivo da Geffen foi contratado pola discográfica 550 Music (do grupo Sony) e levou a banda para a mesma. Nash e Blackie decidiron continuar con Urge Overkill e chamaron ao baixista Nils St. Cyr para substituír a Roeser para gravar algunhas demos para o próximo disco. Mentres tanto, a saída de Roeser resultou nunha disputa legal pelo nome Urge Overkill ao mesmo tempo que a 550 Music rexeitou as demos e despediu ao grupo. Ao pouco tempo a banda separábase.
Nash Kato pasou algúns anos afastado do rock, e en 1999 comezou a preparar a súa carreira en solitario. O primeiro disco, Debutante foi lanzado no ano 2000 pola extinta discográfica Loosegroove Records (de propiedade de Stone Gossard de Pearl Jam), onde contou con colaboracións de Blackie Onassis nalgunhas cancións.
En 2004 Kato e King reformaron a banda sen Blackie, recrutando ao baixista Mike Hodgkiss, ao teclista Chris Frantisak e ao batería Nate Arling. En febreiro, o reformado Urge Overkill tocou dous días no Double Door en Chicago.
Dende entón Kato e King estiveron tocando, escribindo en gravando, e material dun novo traballo de Urge Overkill foi anticipado en 2006.
O 19 de setembro do 2010 apareceu a primeira canción nova de Urge Overkill en 15 anos, "Effigy". Russo tamén anunciou un concerto da banda para o 4 de outubro no Mercury Lounge de Nova York. En febreiro do 2011 o grupo estaba preparando o lanzamento dun novo álbum titulado Rock & Roll Submarine.
Eddie "King" Roeser hoxe en día toca nunha banda chamada Electric Airlines, que aínda non lanzou ningún disco.
Discografía
[editar | editar a fonte]Álbums
[editar | editar a fonte]Álbum | Ano | Selo |
---|---|---|
Jesus Urge Superstar | 1989 | Touch and Go Records |
Americruiser | 1990 | Touch and Go Records |
The Supersonic Storybook | 1991 | Touch and Go Records |
Saturation | 1993 | Geffen Records |
Exit The Dragon | 1995 | Geffen Records |
Rock & Roll Submarine | 2011 | UO Records |
Sinxelos e EPs
[editar | editar a fonte]- Strange, I... - 1986 (Ruthless Records)
- Lineman - 1987 (Touch and Go Records)
- Ticket To L.A. - 1990 (Touch and Go Records)
- (Now That's) The Barclords - 1991 (Sub Pop)
- Stull EP - 1992 (Touch and Go Records)
- Sister Havana - 1993 (Geffen Records)
- Dropout - 1993 (Geffen Records)
- Bottle Of Fur - 1993 (Geffen Records)
- Positive Bleeding - 1993 (Geffen Records)
- Girl, You'll Be A Woman Soon - 1994 (MCA)
- The Break - 1995 (Geffen Records)
- View Of The Rain - 1995 (Geffen Records)
- Somebody Else's Body - 1995 (Geffen Records)