Vsevolod Bobrov
Nome orixinal | (ru) Всеволод Бобров | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Biografía | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Nacemento | 1 de decembro de 1922 Morshansk, Rusia (pt) | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Morte | 1 de xullo de 1979 (56 anos) Moscova, Rusia | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Lugar de sepultura | Cemitério de Kuntsevo (pt) | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Altura | 178 cm | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Peso | 79 kg | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Actividade | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Ocupación | futbolista, adestrador de hóckey sobre xeo, adestrador de fútbol, xogador de hóckey sobre xeo, xogador de bandy | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Período de actividade | 1938 - 1953 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Partido político | Partido Comunista da Unión Soviética | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Carreira militar | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Conflito | Fronte Oriental | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Nacionalidade deportiva | Unión Soviética | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Deporte | hóckey sobre xeo fútbol Bandy | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Posición de xogo | Dianteiro, winger (en) e dianteiro | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Mano para tirar | right-handed shot (en) | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Participou en | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
1956 | Xogos Olímpicos de Inverno de 1956 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
1952 | Xogos Olímpicos de 1952 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Premios | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Descrito pola fonte | Grande Enciclopedia Soviética 1969-1978, (sec:Бобров Всеволод Михайлович) Moskovskaia entsiklopedia: Litsa Moskvi | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Vsevolod Mikhailovich Bobrov, nado en Morshansk o 1 de decembro de 1922 e finado o 1 de xullo de 1979, foi un deportista soviético que destacou en fútbol, bandy e hóckey sobre xeo. Está considerado un dos mellores deportistas rusos da historia en cada un deses tres deportes.[1]
Comezou no fútbol, xogando no CDKA de Moscova, no VVS Moscova, e no Spartak Moscova, cos que gañou catro ligas soviéticas e dúas copas soviéticas, ademais de proclamarse en dúas ocasións máximo goleador da liga. Foi internacional e representou á Unión Soviética nos Xogos Olímpicos de 1952, onde anotou cinco goles en tres partidos, caendo nun partido de repetición contra Iugoslavia.
En 1953 deixou o fútbol para dedicarse ao hóckey sobre xeo, ao que xogaba dende os mesmos inicios deste deporte na Unión Soviética, en 1946. Foi un dos primeiros xogadores de hóckey sobre xeo do país, e militou no CDKA de Moscova e no VVS de Moscova antes de retirarse en 1957. Sete veces campión de liga e catro veces máximo goleador, Bobrov foi un dos únicos tres xogadores en marcar máis de dous goles por partido durante a súa carreira, xunto cos seus compañeiros Alexei Guryshev e Viktor Shuvalov. Internacionalmente participou coa selección nacional soviética en varios Campionatos do Mundo, entre eles o de 1954, o primeiro no que participaba a URSS e do que saíu campión e co trofeo ao mellor dianteiro do torneo. En 1956 capitaneou á selección nos Xogos Olímpicos de Inverno celebrados en Cortina d'Ampezzo, onde os soviéticos gañaron a medalla de ouro.
Despois da súa carreira como xogador, foi adestrador, tanto de fútbol como de hóckey sobre xeo. Adestrou varios anos o Spartak de Moscova de hóckey sobre xeo, co que gañou a liga na tempada 1966/67. Posteriormente adestrou á selección soviética, á que dirixiu nas Summit Series de 1972 contra o Canadá e coa que gañou os Campionatos do Mundo de 1973 e 1974.
Recibiu numerosos recoñecementos e condecoracións, e foi o primeiro xogador de hóckey en ser galardoado coa Orde de Lenin. Ingresou no Salón da Fama da Federación Internacional de Hóckey sobre Xeo no mesmo momento da fundación deste en 1997. Unha das divisións da Kontinental Hockey League (KHL) de Rusia leva o seu nome: a División Bobrov.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Inicios
[editar | editar a fonte]Bobrov naceu en Morshansk o 1 de decembro de 1922 e tres anos despois trasladouse con seus pais e os seus dous irmáns a Sestroretsk, preto de Leningrado.[2] Seu pai, de ideas revolucionarias, loitara na guerra civil rusa a favor dos comunistas e era un apaixonado dos deportes, afección que lle trasmitiu ao seu fillo Vsevolod.[3] Este comezou a patinar aos 5 anos e a xogar a bandy dende pequeno, e xogou tamén ao fútbol nas filas do Dinamo de Leningrado. Entrou nunha escola técnica profesional, onde se especializou como cerralleiro e torneiro.[4] Durante a súa infancia e adolescencia trabou unha grande amizade con Leonid Ivanov, futuro gardameta da selección soviética de fútbol.[3]
Segunda guerra mundial
[editar | editar a fonte]Coa chegada da Segunda guerra mundial comezou a traballar como ensamblador e mecánico na planta de fabricación de miras de artillaría de Omsk. En 1942 ingresou na academia militar de Omsk, graduándose en 1943.
Como futbolista
[editar | editar a fonte]Xa con rango de oficial, foi invitado a xogar ao fútbol no club do Exército Vermello, o CDKA Moscova, onde xogaban algúns dos seus ídolos como Fedotov ou Grinin.[3] Debutou o 19 de maio de 1945, na primeira xornada da liga soviética, marcando dous goles na vitoria por 1-7 contra o Lokomotiv Moscova. Acabou a tempada como máximo goleador da liga con 24 goles, e o seu equpo acabou subcampión, un punto por detrás do Dinamo de Moscova.[5] Ademais gañou a Copa Soviética, despois de ter unha destacada actuación nas semifinais, marcando catro goles contra o Zenit de Leningrado no Estadio Dinamo de Moscova (7-0), e de derrotar na final ao Dinamo (2-1).
Ao remate da competición acompañou ao Dinamo nunha célebre xira polo Reino Unido. Marcou un gol no empate 3-3 contra o Chelsea en Stamford Bridge, diante de 75.000 espectadores, e fixo cinco goles na vitoria por 1-10 contra o Cardiff. O seguinte partido foi contra o Arsenal, que acudiu ao encontro no ateigado estadio White Hart Lane reforzado con xogadores doutros equipos como Stanley Matthews ou Ronnie Rooke.[3] No medio dunha mesta néboa Bobrov marcou o gol da vitoria (3-4) nun partido que pasou á historia como un dos mellores da súa época.[6][7] O equipo pechou a xira cun empate a dous goles contra o Rangers en Ibrox.[8] Foi nesta xira cando Bobrov viu xeo artificial por primeira vez.[4]
A continuación proclamouse campión de liga tres veces consecutivas (en 1946, 1947 e 1948), sendo na segunda delas o máximo goleador (empatado a 14 goles co seu compañeiro de equipo Valentin Nikolaev e co dianteiro do Dinamo Sergei Solovev).[9] Conquistou tamén a Copa Soviética en 1948, despois de vencer na final ao Spartak de Moscova. En 1950 fichou polo VVS Moscova, onde compartiu dianteira con Sergei Korshunov e Viktor Shuvalov, levando o equipo a finalizar no cuarto lugar da liga, o mellor resultado da súa historia.
Foi o capitán da selección soviética que participou nos Xogos Olímpicos de 1952 en Helsinqui. Marcou un gol no primeiro partido contra Bulgaria e un triplete no famoso empate a cinco goles contra Iugoslavia.[10] No partido de desempate anotoulle outro gol ao gardameta Vladimir Beara, pero os soviéticos perderon ese partido por 3-1 tralos goles de Mitić, Bobek e Čajkovski.[11] Despois desta derrota, houbo unha desbandada no CDKA, que formaba o núcleo da selección, e Bobrov fichou polo Spartak de Moscova, na que foi a súa última tempada no fútbol.[12] Pechou a súa etapa futbolística co seu cuarto título de liga, ao rematar o Spartak dous puntos por riba do Dinamo de Tbilisi.[13] O seu balance total na liga soviética foi de 97 goles en 116 partidos e con 124 goles totais entrou no Club Grigorii Fedotov, a lista de xogadores soviéticos/rusos con máis de 100 goles como profesionais.[14] Os problemas crónicos no seu xeonllo obrigárono a pasar polo quirófano en 1947, 1950, 1952 e 1953, pero as doenzas nunca se acabaron de resolver.[12]
Como xogador de hóckey
[editar | editar a fonte]Aínda que tivo unha destacada carreira no fútbol, o seu éxito no hóckey sobre xeo foi aínda maior. Antes do hóckey xogou ao bandy, e co equipo do CDKA gañou dúas Copas Soviéticas en 1945 e 1946, marcando nas dúas finais. En 1946 comezou a practicar hóckey sobre xeo no CDKA, pero debido a unha lesión no xeonllo sufrida durante a tempada de fútbol, perdeu a primeira edición do campionato soviético.[4] Na tempada 1947/48 foi o máximo goleador do campionato con 52 tantos, e o CDKA proclamouse campión, título que revalidou na tempada seguinte.
En 1949 pasou ao VVS Moscova por invitación do seu presidente, Vasilii Stalin, fillo de Iosif Stalin. En xaneiro de 1950 o equipo sufriu un accidente aéreo no que faleceron todos os xogadores excepto dous, un deles Bobrov, que quedara durmido e perdera o voo. Trala traxedia pasou a ser o capitán e líder indiscutible do equipo reconstruído e ese mesmo ano proclamouse máximo goleador do campionato. Gañou as tres seguintes ligas, as dúas primeiras como xogador-adestrador, e proclamouse máximo goleador noutras dúas ocasións máis. En 1954 regresou ao CDKA, cuxo novo nome era xa CDSA, co que gañou outras dúas ligas, nas campañas 1954/55 e 1955/56. En total marcou 254 goles na liga soviética, en só 130 partidos.
Foi capitán da selección soviética de hóckey sobre xeo, sendo o único xogador en capitanear tanto á selección de fútbol como á de hóckey sobre xeo, e participou nos Xogos Olímpicos de Inverno de 1956, converténdose nun dos poucos deportistas en participar tanto nos Xogos Olímpicos de Verán como nos de Inverno. Anotou 9 goles, sendo xunto ao canadense Gérard Théberge o máximo anotador do torneo, e levou ao seu país á medalla de ouro, por diante dos Estados Unidos (prata) e o Canadá (bronce). Antes xa gañara o Campionato do Mundo de 1954, no que foi elixido mellor dianteiro do torneo. No Mundial de 1957 foi o máximo goleador do torneo, con 13 tantos, pero a URSS tivo que conformarse co subcampionato, por detrás de Suecia. Marcou 89 goles en 59 partidos coa selección soviética.
Como adestrador
[editar | editar a fonte]Trala súa retirada converteuse en adestrador de fútbol e hóckey sobre xeo, labor que xa realizara na súa época no VVS Moscova, onde tiña actuado como xogador-adestrador nos dous deportes, gañando dúas ligas de hóckey. En fútbol foi adestrador do CSKA entre 1967 e 1969, levando o equipo a unha final da Copa Soviética máis dunha década despois da última, aínda que perderon contra o Dinamo de Moscova. Adestrou o club nunha segunda etapa, entre 1977 e 1978, e tamén dirixiu o FC Chornomorets de Odesa, o FC Kairat de Almati e o equipo de fútbol das Forzas Armadas Soviéticas.
A súa carreira como adestrador de hóckey sobre xeo contou con máis logros. En 1964 colleu as rendas do Spartak de Moscova, co que obtivo dous subcampionatos de liga nos seus dous primeiros nos. Na tempada 1966/67 proclamouse campión por diante do CSKA de Anatolii Tarasov. En 1972 fíxose cargo da selección soviética de hóckey sobre xeo, coa que disputou as Summit Series contra o Canadá ese mesmo ano. A continuación levou á selección vermella a gañar os Campionatos do Mundo de 1973 e 1974.
Familia
[editar | editar a fonte]Casou por primeira vez coa cantante de opereta Tatiana Sanina, e en 1963 casou por segunda vez, con Elena Nikolaevna Bobrova, coa que tivo un fillo, Mikhail, falecido en accidente de moto en 1997.[15][16]
Legado
[editar | editar a fonte]Vsevolod Bobrov morreu en Moscova en 1979. Foi incluído no Salón da Fama da Federación Internacional de Hóckey sobre Xeo en 1997, no mesmo momento en que este foi creado. Para o mellor atleta ruso do século XX, Bobrov quedou terceiro por detrás do porteiro de fútbol Lev Yashin e do loitador grecorromano Alexander Karelin.
Unha das divisións da Kontinental Hockey League (KHL) de Rusia leva o seu nome, a División Bobrov [17] Ademais deulle nome ao Club Vsevolod Bobrov, unha exclusiva lista de xogadores rusos e soviéticos que marcaron máis de 250 goles durante a súa carreira. Tamén levan o seu nome o CSKA Ice Palace de Moscova, onde xoga os seus partidos como local o CSKA Moscova, e o pavillón de xeo de Stupino. En 2015 inaugurouse en Morshansk outro pavillón de xeo co seu nome.
O 15 de decembro de 2005 púxoselle o seu nome a un asteroide descuberto en 1982 por Liudmila Zhuravleva no Observatorio Astrofísico de Crimea, sendo bautizado como 18321 Bobrov.[18] En outubro de 2009, o Banco de Rusia anunciou a emisión dunha moeda de prata conmemorativa de 2 rublos da serie Deportistas Destacados de Rusia cun retrato de Vsevolod Bobrov. Además de Bobrov, emitíronse dúas moedas máis con retratos de Alexander Maltsev e Valeri Kharlamov.
En novembro de 2016 púxose en funcionamento o Vsevolod Bobrov, un buque de apoio loxístico da Armada Rusa, que forma parte da Frota do Norte.[19]
Na cultura popular
[editar | editar a fonte]No cine
[editar | editar a fonte]A súa vida inspirou a produción de varios filmes e producións. En 1990 Anatolii Kotenev interpretou un papel inspirado en Brobov no filme Gol v Spasskie vorota. En 1991 estreouse Moi luchshii drug general Vasilii, syn Iosifa, onde o actor Boris Shcherbakov interpretou a Vsevolod Bagrov, personaxe inspirada en Vsevolod Bobrov. O filme conta a historia da súa amizade con Vasilii Stalin.[20]
O filme de 2012 Khokkeinye igry relata o papel de Bobrov e de Anatolii Tarasov no camiño do hóckey sobre xeo soviético ata a elite mundial. En dita produción foi interpretado por varios actores nas diferentes etapas da súa vida, entre eles Sergei Larin. Na película Legenda Nº 17, sobre a vida de Valeri Kharlamov e o primeiro partido das Summit Series de 1972, Bobrov foi interpretado por Aleksandr Iakovlev.[21] Na miniserie de 2013 Syn ortsa Narodov, centrada na figura de Iosif Stalin, Bobrov foi interpretado polo actor Dmitrii Abazovik.
Na literatura
[editar | editar a fonte]O poeta Evgenii Evtushenko dedicoulle a composición Proryv Bobrovaа.[22]
Palmarés
[editar | editar a fonte]Fútbol
[editar | editar a fonte]CDKA Moscova
- Liga soviética (3): 1946, 1947, 1948.
- Copa soviética (2): 1945, 1948.
Spartak Moscova
- Liga soviética (1): 1953.
Individual
- Máximo goleador da liga soviética (2): 1945, 1947.
Hóckey sobre xeo
[editar | editar a fonte]Como xogador
[editar | editar a fonte]CDKA Moscova
- Liga soviética (4): 1947/48, 1948/49, 1954/55, 1955/56.
VVS Moscova
- Liga soviética (3): 1950/51, 1951/52, 1952/53.
Selección soviética
- Medalla de ouro nos Xogos Olímpicos (1): 1956.
- Campionato do Mundo (2): 1954, 1956.
Individual
- Máximo goleador da liga soviética (4): 1947/48, 1949/50, 1950/51, 1951/52.
- Máximo goleador do Campionato do Mundo (2): 1956, 1957.
- Mellor dianteiro do Campionato do Mundo (1): 1954.
Como adestrador
[editar | editar a fonte]VVS Moscova (xogador-adestrador)
- Liga soviética (2): 1950/51, 1951/52.
Spartak Moscova
- Liga soviética (1): 1966/67.
Selección soviética
- Campionato do Mundo (2): 1973/1974.
Bandy
[editar | editar a fonte]CDKA Moscova
- Copa soviética (2): 1945, 1946.
Condecoracións
[editar | editar a fonte]- Orde de Lenin (1957).
- Orde da Insignia de Honra.
- Medalla pola Vitoria sobre Alemaña na Gran Guerra Patria 1941-1945 (1945).
- Medalla polo Servizo de Combate (1953).
- Medalla ao Traballador Veterano.
- Medalla de veterano das Forzas Armadas da URSS (1976).[23]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Vsevolod Bobrov – The Individual Within the Collective" (en inglés). 30 de xaneiro de 2018. Arquivado dende o orixinal o 26 de setembro de 2021. Consultado o 27 de setembro de 2021.
- ↑ Prokhorov, A. M., ed. (1969). Бобров, Всеволод Михайлович (en ruso) (3rd ed.). Moscow: Sovetskaya Entsikolpediya.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 "Biografía de Vsevolod Bobrov". football99.ru (en ruso). Consultado o 27 de setembro de 2021.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 Martin 1990, p. 38.
- ↑ "Liga soviética de 1945". RSSSF (en inglés). Consultado o 27 de setembro de 2021.
- ↑ MacAree, Graham (22 de setembro de 2020). "The soccer game so foggy nobody could see anything" (en inglés). Consultado o 28 de setembro de 2021.
- ↑ "Why the Arsenal vs Dynamo Moscow Fog Match in 1945 is the Greatest Football Match Ever" (en inglés). Consultado o 28 de setembro de 2021.
- ↑ Howells, Chris (13 de novembro de 2020). "Dynamo Moscow's 1945 tour of Britain: Was it really 'war minus the shooting?'". BBC (en inglés). Consultado o 27 de setembro de 2021.
- ↑ "Liga soviética de 1947". RSSSF (en inglés). Consultado o 27 de setembro de 2021.
- ↑ "Iugoslavia - URSS 1952". FIFA (en inglés). Consultado o 27 de setembro de 2021.
- ↑ "Iugoslavia - URSS 1952 (desempate)". FIFA (en inglés). Consultado o 27 de setembro de 2021.
- ↑ 12,0 12,1 Martin 1990, p. 39.
- ↑ "Liga soviética de 1953". RSSSF (en inglés). Consultado o 27 de setembro de 2021.
- ↑ "Club Grigorii Fedotov" (en ruso). 28 de marzo de 2003. Arquivado dende o orixinal o 18 de xaneiro de 2014. Consultado o 27 de setembro de 2021.
- ↑ "Откровения вдовы Всеволода Боброва. "Муж и сын снятся до сих пор…"" (en ruso). 1 de xullo de 2016. Consultado o 27 de setembro de 2021.
- ↑ "Станислав Петухов: "Если Тарасов обнимал - готовься к отчислению"" (en ruso). 16 de outubro de 2015. Consultado o 27 de setembro de 2021.
- ↑ "Divisións da KHL". Kontinental Hockey League (en inglés). 2017. Consultado o 27 de setembro de 2021.
- ↑ "Minor Planet Circulars" (PDF). minorplanetcenter.net (en inglés). Consultado o 27 de setembro de 2021.
- ↑ "На Северной верфи спущено на воду судно тылового обеспечения ледового класса «Всеволод Бобров»" (en ruso). 14 de novembro de 2016. Consultado o 27 de setembro de 2021.
- ↑ "Moi luchshii drug general Vasilii, syn Iosifa". IMDb (en inglés). Consultado o 28 de setembro de 2021.
- ↑ "Elenco de Legenda Nº 17". IMDb (en inglés). Consultado o 28 de setembro de 2021.
- ↑ "Прорыв Боброва". culture.ru (en ruso). Consultado o 27 de setembro de 2021.
- ↑ "Бобров Всеволод Михайлович - заслуженный тренер СССР" (en ruso). Consultado o 28 de setembro de 2021.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Martin, Lawrence (1990). The Red Machine: The Soviet Quest to Dominate Canada's Game (en inglés). Toronto: Doubleday Canada.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Datos do xogador de hóckey en eliteprospects.com (en inglés).
- Datos do futbolista en National-Football-Teams.com (en ruso).
- Datos do deportista en People.ru (en ruso).
- Datos do deportista en FootballFacts.ru (en ruso).
- Datos do deportista Arquivado 06 de agosto de 2020 en Wayback Machine. en Rusteam.Permian.ru (en ruso).
- Datos de Bobrov coa selección soviética de hóckey sobre xeo en chidlovski.net (en inglés).
- Datos do deportista no sitio web oficial do Comité Olímpico Internacional (en inglés).
- Nados en 1922
- Nados no óblast de Tambov
- Finados en 1979
- Dianteiros de fútbol
- Futbolistas de Rusia
- Futbolistas olímpicos da Unión Soviética
- Futbolistas nos Xogos Olímpicos de 1952
- Xogadores do PFC CSKA Moscova
- Xogadores do FC Spartak de Moscova
- Xogadores da selección de fútbol da Unión Soviética
- Adestradores de fútbol da Unión Soviética
- Adestradores de fútbol de Rusia
- Xogadores de hóckey sobre xeo olímpicos da Unión Soviética
- Xogadores de hóckey sobre xeo nos Xogos Olímpicos de 1956
- Medallistas olímpicos en hóckey sobre xeo
- Medallistas olímpicos de ouro pola Unión Soviética
- Medallistas nos Xogos Olímpicos de Inverno de 1956
- Militares da segunda guerra mundial
- Orde de Lenin
- Membros do Club Grigorii Fedotov