Wesley Sneijder
Wesley Sneijder, nado en Utrecht o 9 de xuño de 1984, é un futbolista internacional neerlandés que xoga como centrocampista ofensivo para o Galatasaray da Süper Lig turca. Formouse nas filas do DOS, actual FC Utrecht, da súa cidade natal e pronto pasou a formar parte das divisións inferiores do Ajax Ámsterdam, debutando na Eredivisie durante a tempada 2002/03 xunto ao seu compañeiro de selección e logo noutros clubs, Klaas-Jan Huntelaar. A mediados de 2007 foi fichado polo Real Madrid da Primeira División de España por 27 millóns de euros. Rapidamente converteuse nunha das figuras do "equipo merengue", anotando 11 goles en 52 partidos. Con todo, coa chegada de Cristiano Ronaldo e Kaká ao Real Madrid, foi traspasado en 2009 ao Inter de Milán por 16 millóns de euros. Co Inter adxudicouse en 2010 o Scudetto, a Copa de Italia e a Liga de Campións da UEFA. O 20 de xaneiro de 2013 foi traspasado ao Galatasaray polo monto de 8 millóns de euros.
Coa Selección de fútbol dos Países Baixos debutou nun partido amigábel ante Portugal o 30 de abril de 2003. Con esta disputou a Copa do Mundo de 2006 celebrada en Alemaña, a Copa do Mundo de 2010 en Suráfrica, na que foi subcampión, e a de 2014 no Brasil, así como as Eurocopas de 2004, 2008 e 2012 celebradas en Portugal, Austria/Suíza e Polonia/Ucraína respectivamente. Desde a súa primeira aparición participou en máis de 100 partidos internacionais coa "laranxa mecánica", marcando máis de 25 goles.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Ajax
[editar | editar a fonte]Sneijder comezou a súa carreira deportiva no filial do DOS, hoxe en día FC Utrecht, equipo da súa cidade natal que chegou a gañar unha Eredivisie en 1958. Con sete anos, foi convidado a realizar unhas probas no Ajax de Ámsterdan xunto ao seu irmán Jeffrey e rapidamente comezou a despuntar no club. No segundo equipo do Ajax estivo ás ordes do ex xogador Danny Blind, quen recomendou a Ronald Koeman que lle levará ao primeiro equipo.
Debutou na máxima categoría do fútbol neerlandés co Ajax o 2 de febreiro de 2003, nunha partida fronte ao Willem II onde o Ajax venceu por 0-6. O seu debut no Amsterdam Arena produciuse ante o Feyenoord Rotterdam. Ademais, nesa mesma tempada 2002/03, disputou o seu primeiro partido na Liga de Campións da UEFA ante o Arsenal FC, que finalizou con empate a cero, entrando na recta final do partido en substitución do surafricano Steven Pienaar. O Ajax caeu en cuartos de final ante o AC Milan no último minuto, nunha boa actuación do equipo ajaccied, que contaba cun equipo de novos futbolistas como Rafael Van der Vaart, Christian Chivu, Zlatan Ibrahimović ou Andy van der Meyde. O seu primeiro tanto co Ajax chegou o 13 de abril de 2003, nun partido disputado ante o NAC Breda, finalizando con 4 goles en 17 encontros. O equipo terminou en segundo lugar na liga cun punto menos que o PSV Eindhoven.[1] Na Copa alcanzaron as semifinais, pero foron eliminados polo Feyenoord.[2]
Na seguinte tempada, gañou a que é até agora a súa única liga neerlandesa.[3] Naquela campaña, xogou un papel máis relevante no equipo, disputando un total de 30 partidos e anotando 9 goles. Foron eliminados, con todo, na cuarta rolda da Copa ante o NAC Breda. Na Liga de Campións alcanzaron a fase de grupos tras derrotar ao Grazer AK, pero foron eliminados tras quedar últimos tras a AC Milan, o Celta de Vigo e o Club Bruxas. Disputou 7 encontros e anotou o seu primeiro gol en competicións europeas. O 8 de agosto de 2004 disputou a Supercopa dos Países Baixos e perderon ante o FC Utrecht por 4 goles a 2, a pesar dun gol seu que volveu adiantar ao seu equipo no minuto 80. Na tempada 2004/05 disputou 30 encontros nos que anotou 7 goles, pero foron segundos a 10 puntos do PSV Eindhoven. Na Copa chegaron até as semifinais, pero foron eliminados ante o Willem II. Na Liga de Campións disputaron a fase de grupos ante a Juventus, o Bayern München e o Maccabi Tel Aviv, sendo terceiros, polo que disputaron a Copa da UEFA, na que foron eliminados en dezaseisavos de final polo AJ Auxerre. Disputou 7 encontros, mais non anotou ningún gol.
En agosto non puido disputar o encontro da Supercopa xunto aos seus compañeiros que, con todo, gañaron o título ante o PSV Eindhoven. Na tempada 2005/06 foron cuartos na liga a 24 puntos do líder, o PSV Eindhoven. Anotou 5 goles e só puido disputar 19 encontros. A pesar da mala posición na liga disputaron un playoff de acceso á liga de Campións do seguinte ano e adxudicouse a praza ante o AZ Alkmaar, o Feyenoord e o FC Groningen. Na Copa conseguiron chegar á final, e grazas a dous goles de Huntelaar obtiveron o título, 4 anos despois. Sneijder anotou en 2 ocasións, nos 3 partidos que disputou. Na Liga de Campións chegaron á fase de grupos tras eliminar ao Brøndby IF e foron segundos tras o Arsenal FC, con todo foron derrotados polo Inter de Milán nos oitavos de final por un global de 3 a 2. Disputou 7 encontros e anotou 4 goles.
O 13 de agosto de 2006 gañou a Supercopa despois de bater ao PSV Eindhoven no Amsterdam Arena, por 3 goles a 1, anotando ademais o terceiro no minuto 81. Mención especial mereceu a tempada 2006/07, a súa última como ajaccied, onde o novo mediocentro asinou a súa mellor campaña, anotando 18 goles. Nesa mesma tempada logrou a súa segunda Copa ante o AZ Alkmaar na quenda de penaltis. Na Liga de Campións sufriron unha gran decepción ao ser derrotados na rolda previa ante o F.C. København, polo que tiveron que disputar a Copa da UEFA. Na primeira rolda derrotaron ao IK Start e na fase de grupos foron segundos tras o RCD Espanyol. Disputou un total de 9 partidos nas competicións europeas e anotou un gol, con todo, nos dezaseisavos de final foron derrotados polo Werder Bremen, por un global de 4 a 3.
Real Madrid
[editar | editar a fonte]En agosto de 2007, tras asinar a ampliación do seu contrato co Ajax de Ámsterdan, foi dado a coñecer o seu traspaso ao Real Madrid CF da Primeira División de España, club que pagou uns 27 millóns de euros polos servizos do internacional neerlandés, asinándoo por cinco tempadas,[4] isto converteuno no segundo traspaso máis caro da liga dos Países Baixos; foi o primeiro do tres neerlandeses que o Real Madrid fichou para a tempada 2007/08, o seguinte foi Royston Drenthe, proveniente do Feyenoord, co que foi presentado oficialmente o 13 de agosto no estadio Santiago Bernabéu. O club deulle o dorsal 23, número que por catro tempadas completas levara o tamén mediocampista inglés David Beckham que se marchara recentemente ao Los Ángeles Galaxy da Major League Soccer.
Disputou o seu primeiro partido oficial co Real Madrid o 19 de agosto no partido de volta da Supercopa de España 2007 ante o Sevilla no Santiago Bernabéu, onde o equipo visitante gañou por 3-5, adxudicándose o torneo. O seu debut na Primeira división española produciuse o 27 de agosto na primeira data da tempada, ante o Atlético de Madrid. Venceron no Santiago Bernabéu ao Atlético por 2-1, o gol da vitoria marcouno o propio neerlandés no minuto 79. Durante os primeiros partidos da tempada foi titular e foi unha das pezas claves nas vitorias do Madrid, destacando principalmente o partido que xogou ante o Villarreal, correspondente á segunda xornada, no que o Real Madrid impúxose por 0-5; no citado encontro colaborou con dous goles. No seu primeiro ano igualou o seu segundo mellor rexistro co Ajax (nove goles en trinta partidos), axudando ao Madrid a adxudicarse o seu trixésimo primeiro título de liga, segundo consecutivo do equipo madrileño por diante do Vilarreal CF, ao que sacou 8 puntos. Na Liga de Campións disputou cinco encontros, pero foron eliminados nos oitavos de final ante o AS Roma. Na Copa do Rei disputou dous partidos, pero foron eliminados en oitavos de final ante o RCD Mallorca.
O 3 de agosto de 2008 sufriu unha grave lesión no seu xeonllo esquerdo tras recibir unha dura entrada do xogador do mediocampista francés Abou Diaby durante a derrota do Real por 1-0 fronte ao equipo inglés Arsenal F. C. nun partido correspondente á Copa Emirates. Nun principio pensouse que o internacional neerlandés lesionouse o ligamento cruzado, polo que debía perderse preto de media tempada, pero os estudos que lle realizaron posteriormente descartaron esa posibilidade, só se lesionou o ligamento lateral interno, polo que só estaría fóra dos campos de xogo ao redor de tres meses.[5] Entre os partidos que se perdeu estiveron os da Supercopa de España 2008, nos cales o seu equipo se adxudicou o título ante o Valencia CF.[6] Na tempada 2008/09 disputou 22 partidos, sendo titular en 18 deles, aínda que só puido anotar en dúas ocasións e o seu equipo foi segundo a 9 puntos do FC Barcelona.[7] Na Copa do Rei disputou un partido e foron eliminados nos dezaseisavos de final polo Real Unión de Irún. Na Liga de Campións disputou catro encontros, e foron eliminados claramente por un global de 5 goles a 0 ante o Liverpool FC.[8]
A pesar da chegada de figuras internacionais como Cristiano Ronaldo ou Kaká ao Real Madrid en 2009, o futuro de Sneijder no equipo non perigaba, especialmente despois de que o técnico do club, Manuel Pellegrini, confirmase que contaba co neerlandés. Con todo, tras o importante desembolso realizado en fichaxes, a finais de agosto comezaron os rumores sobre un eventual traspaso para amortizar o investimento, do mesmo xeito que ocorreu cos seus compatriotas Rafael van der Vaart e Arjen Robben. Reiterou en varias ocasións a súa intención de permanecer no Real Madrid pero a directiva do club decidiu traspasalo. O 27 de agosto de 2009 confirmou na súa páxina web que aceptou ser traspasado ao Inter de Milán por 16 millóns de euros, asinando un contrato por catro anos e recibindo un salario neto de catro millóns de euros anuais. Ese mesmo día, o xa novo xogador neroazzurro asegurou, tras organizar unha cea de despedida, que "o que pasou comigo é unha cousa moi rara. O míster di que conta comigo pero hai xente no club que non conta. É algo moi forte o deste equipo". O xogador neerlandés dixo que foi tratado moi mal durante os últimos días, pero "voume coa cabeza moi alta. Estou moi contento de xogar no Inter".[9]
Inter de Milán
[editar | editar a fonte]Do mesmo xeito que no Real, na tempada 2009/10 luciu o dorsal 10, substituíndo a Adriano que marchou ao Brasil. Debutou o día seguinte de asinar o seu contrato no derbi contra o AC Milan, anotando o seu primeiro gol o 3 de outubro de 2009 ante o Udinese na sétima xornada. Dúas xornadas despois volveu anotar ante o Catania e despois outros dous goles máis ante o AC Siena na xornada 19. Na Copa de Italia disputaron os oitavos de final ante o AS Livorno, ao que gañaron cun gol seu. Nos cuartos venceron á Juventus de Turín, en semifinais ao AC Fiorentina e na final do 5 de maio ao AS Roma, adxudicándose desta forma o primeiro título da tempada. En liga, e a pesar de perder o liderado na xornada 33 adxudicouse o título na última xornada ante o Siena.[10]
Na Liga de Campións disputou 4 partidos da fase de grupos, nos que anotou un gol ante o FC Dynamo Kyiv. Nos oitavos de final axudou no tres goles do seu equipo para pasar de rolda ante o Chelsea FC, e nos cuartos deu o pase a Diego Milito no gol da ida e anotou na volta para gañar ante o CSKA Moscova. En semifinais, no partido de ida, anotou un gol contra o FC Barcelona, e habilitou a Diego Milito, para derrotar ao equipo catalán por 3-1. Na volta perderon por 1-0, pero accederon á final ante o FC Bayern München, ante o que se enfrontaron o 22 de maio. Disputou os 90 minutos da final e deu un pase de gol a Milito no minuto 35, que tamén marcou no 70, adxudicándose o seu primeiro título da liga de Campións e o terceiro da tempada. Tamén se converteu no máximo asistente da tempada na devandita competición e mellor centrocampista.
No comezo da seguinte tempada adxudicouse a Supercopa de Italia tras gañar 3-1 á Roma. Con todo, o 27 de agosto foi derrotado na Supercopa de Europa 2010 por 2-0 ante o Club Atlético de Madrid. Anotou o seu primeiro gol da tempada ante o FC Twente en Liga de Campións o 14 de setembro, e o 28 de outubro asinou unha ampliación do seu contrato co Inter até 2015. Disputou a Copa Mundial de Clubs da FIFA en decembro de 2010, onde no seu primeiro partido lesionouse aos dous minutos do primeiro tempo, impedíndolle participar na final, que o seu equipo gañou 3-0. Esta lesión apartouno durante varios encontros do equipo.
O 26 de outubro do 2010, a FIFA e os xornalistas da revista France Football deron a coñecer a lista dos 23 nomeados para gañar o Balón de Ouro. Sneijder era un dos favoritos, xa que gañara varios títulos co seu equipo (Copa Italia, Serie A, Supercopa de Italia e Liga de Campións da UEFA). O 6 de decembro anunciáronse os 3 finalistas do galardón: Iniesta, Xavi e Messi. Tras coñecerse o gañador do premio do 2010, a revista France Football dixo que Sneijder gañara o antigo Balón de Ouro, xa que os xornalistas de todo o mundo da revista elixiran en primeiro lugar, segundo a Iniesta e terceiro a Xavi. Foi incluído no "Once Ideal" da FIFA do 2010. Nos oitavos de final da liga de Campións enfrontouse ao Bayern München e no partido de volta anotou un gol para axudar ao seu equipo a pasar de rolda. Nos cuartos de final volvéronse a atopar cun equipo alemán, pero nesta ocasión perderon claramente por 7-3 no conxunto de ambos os encontros. Durante o primeiros quince partidos da liga o adestrador do equipo foi Rafael Benítez, pero tras os resultados obtidos nesta (sétimo clasificado) foi substituído por Leonardo que conseguiu situar ao equipo en segundo lugar a 6 da AC Milán. Na Copa de Italia non disputou ningún encontro pero o seu equipo gañou a competición ante o Palermo por 3 goles a 1.
Na tempada 2011-12 o equipo comezou con Gian Piero Gasperini como adestrador, pero foi substituído por Claudio Ranieri o 22 de setembro, que á súa vez foi reemplazdo o 26 de marzo de 2012 por Andrea Stramaccioni. Na terceira xornada chegaron a estar na 18ª posición e finalmente terminaron a Serie A en 6º lugar. Perderon a Supercopa de Italia ante o Milan, foron eliminados da Copa en cuartos de final e da liga de Campións en dezaseisavos ante o Olympique de Marsella. Sneijder lesionouse dous meses a final do ano 2011 e perdeuse varios partidos máis por molestias na coxa. O comezo da seguinte tempada non foi bo, disputou só cinco partidos de Liga e tres da UEFA Europa League. Lesionouse durante dous meses máis na coxa e comezaron os rumores sobre un posible traspaso.
Galatasaray
[editar | editar a fonte]En xaneiro de 2013, o Galatasaray Spor Kulübü realizou unha das grandes fichaxes do mercado invernal fichándoo por 7,5 millóns de euros.
Títulos
[editar | editar a fonte]Campionatos nacionais
[editar | editar a fonte]Título | Club | País | Ano |
---|---|---|---|
Liga Neerlandesa | Ajax Ámsterdam | Países Baixos | 2004 |
Supercopa dos Países Baixos | Ajax Ámsterdam | Países Baixos | 2005 |
Copa dos Países Baixos | Ajax Ámsterdam | Países Baixos | 2006 |
Supercopa dos Países Baixos | Ajax Ámsterdam | Países Baixos | 2006 |
Copa dos Países Baixos | Ajax Ámsterdam | Países Baixos | 2007 |
Liga Española | Real Madrid CF | España | 2008 |
Supercopa de España | Real Madrid CF | España | 2008 |
Copa de Italia | Internazionale | Italia | 2010 |
Serie A | Internazionale | Italia | 2010 |
Supercopa de Italia | Internazionale | Italia | 2010 |
Copa de Italia | Internazionale | Italia | 2011 |
Superliga de Turquía | Galatasaray | Turquía | 2013 |
Supercopa de Turquía | Galatasaray | Turquía | 2013 |
Copa de Turquía | Galatasaray | Turquía | 2014 |
Campionatos internacionais
[editar | editar a fonte]Título | Club | Sede | Ano |
---|---|---|---|
Liga de Campións da UEFA | Internazionale | Madrid | 2010 |
Mundial de Clubs FIFA | Internazionale | Xapón | 2010 |
Distincións individuais
[editar | editar a fonte]Distinción | Ano |
---|---|
Talento do ano en Ámsterdan | 2003 |
Talento do ano nos Países Baixos | 2004 |
Talento do ano no Ajax | 2004 |
Xogador do ano do Ajax | 2007 |
Membro do equipo ideal da Eurocopa 2008 | 2008 |
Balón de Prata do Mundial de Fútbol de 2010 | 2010 |
Bota de Bronce da Mundial de Fútbol de 2010 | 2010 |
Membro do equipo ideal do Mundial de Fútbol de 2010 | 2010 |
Mellor centrocampista da Liga de Campións da UEFA | 2010 |
4º clasificado no Balón de Ouro 2010 | 2010 |
Membro do once ideal no Balón de Ouro 2010 | 2010 |
3º mellor construtor de xogo do mundo en 2010 (IFFHS) | 2010 |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Netherlands 2002/03 Professional Football" (en inglés). rsssf.com.
- ↑ Karel Stokkermans. "Netherlands Cup (Amstel Cup) 2002/03" (en inglés). rsssf.com. Consultado o 7 de abril de 2010.
- ↑ van Seventer, Mark. "Netherlands 2003/04 - Full Details" (en inglés). rsssf.com.
- ↑ "El Real Madrid cierra el fichaje de Wesley Sneijder" (en castelán). Marca. 6 de xuño de 2008.
- ↑ Europa Press (ed.). "Sneijder solo tiene afectado el ligamento lateral interno" (en castelán).
- ↑ José Vicente Tejedor, Raúl Torre e Carles Lozano. "Spain - List of Super Cup Finals" (en inglés). rsssf.com. Consultado o 7 de abril de 2010.
- ↑ "Sneijder". Diario Marca. Consultado o 7 de abril de 2010.
- ↑ realmadridweb.com (ed.). "Champions League: Liverpool 4 - Real Madrid 0" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 08 de maio de 2009. Consultado o 30 de xuño de 2014.
- ↑ Marca, ed. (27 de agosto de 2009). "Sneijder: "Me trataron muy mal"" (en castelán).
- ↑ Valerio Clari (16 de maio de 2010). "Inter, scudetto numero 18 Milito-gol per il tricolore" (en italiano). gazzetta.it. Consultado o 19 de xullo de 2010.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Perfil en Sportepoch (en inglés)
- Perfil no sitio web oficial do Inter Arquivado 12 de xaneiro de 2013 en Wayback Machine. (en inglés)
- Centrocampistas de fútbol
- Futbolistas dos Países Baixos
- Xogadores do AFC Ajax
- Xogadores do Real Madrid CF
- Xogadores do Inter de Milán
- Xogadores do Galatasaray SK
- Xogadores da selección de fútbol dos Países Baixos
- Nados en 1984
- Nados en Utrecht
- Goleadores da Copa do Mundo
- Neerlandeses de ascendencia grega
- Xogadores do Mundial de Fútbol de 2014
- Futbolistas gañadores da Liga de Campións da UEFA