Saltar ao contido

Wikipedia:Sobre Galicia/xuño 2024

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Luísa Villalta Gómez, nada na Coruña o 15 de xullo de 1957 e finada na mesma cidade o 6 de marzo de 2004, foi unha escritora, filóloga e violinista galega. Escribiu poesía, teatro, narrativa de ficción, ensaio, articulismo e tradución. O colectivo A Sega acordou dedicarlle o Día das Galegas nas Letras do ano 2022: "celebrámoste desde a complexidade da épica ao publicismo, deste ti, desde o teu pensar, lúcida e comprometida, sempre na construción dun pobo". A Real Academia Galega dedicoulle o Día das Letras Galegas do ano 2024, destacando dela que foi a "creadora dunha obra singular e sólida que a converteu nunha das grandes figuras da literatura galega que emerxeron na segunda metade dos anos 80 e primeiros 90". Esta proposta estivo encabezada pola tamén escritora Ana Romaní e respaldada por Chus Pato, Marilar Aleixandre, Fina Casalderrey, Margarita Ledo Andión, Manuel Rivas, María López Sández, Euloxio R. Ruibal, Dolores Sánchez Palomino, Manuel González González e a xa mencionada Ana Romaní.