William Hurt
William McChord Hurt,[1] nado en Washington o 20 de marzo de 1950 e finado en Portland, Oregón, o 13 de marzo de 2022, foi un actor estadounidense, premiado cun Oscar ó mellor actor en 1985 polo filme Kiss of the Spider Woman de Hector Babenco.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos
[editar | editar a fonte]Os primeiros anos de Hurt transcorreron viaxando polo océano Pacífico, onde o seu pai dirixía unha compañía de investimentos. Cando os seus pais se divorciaron a súa nai mudouse con William e os seus dous irmáns a Nova York e aos dez anos, cando a nai volveu casar,.[2] foi enviado a un internado en Inglaterra.
Por recomendación do seu padrasto, Hurt estudou teoloxía[3] en Londres e en Boston. Posteriormente interesouse pola interpretación e estudió artes dramáticas na prestixiosa Juilliard School de Nova York.[4] e iniciouse no mundo da actuación durante un período dilatado en teatros rexionais, primeiro no estado de Oregón e máis adiante en Nova York, onde traballou nun festival de teatro de William Shakespeare.
Carreira cinematográfica
[editar | editar a fonte]O seu debut no cinema tivo lugar en 1980 inetrpetando un científico que realizaba experimentos consigo mesmo en Altered States. O ano seguinte converteuse nunha estrela ao actuar xunto a Kathleen Turner no filme de suspense Body Heat. Cos seus seguintes filmes, The Big Chill e Gorky Park, de 1983, Hurt consolidóou o seu prestixio como actor de carácter, capaz de interpretar personaxes moi diversas de forma convincente.
O filme de 1985 Kiss of the Spider Woman (baseado na novela homónima de Manuel Puig), en fixo o papel dun escaparatista homosexual prisioneiro nun cárecere brasileiro durante a ditadura, valeulle un Óscar ao mellor actor, así como o premio da BAFTA e o do Festival Internacional de Cinema de Cannes.
En 1986 actuou no drama Children of a Lesser God xunto a Marlee Matlin, polo que foi candidato por segunda vez ao Óscar. En 1987 realizou outra grande interpretación en Broadcast News, sendo candidato ao Óscar ao mellor actor por terceira ocasión consecutiva. En 1988 volveu traballar con Kathleen Turner no filme de Lawrence Kasdan The Accidental Tourist, polo que Geena Davis gañou o Óscar á mellor actriz secundaria.
Despois doutras interpretacións en filmes de grande orzamento, foi con The Doctor (1991) cando Hurt iniciou unha etapa en que se dedicou a filmes máis esixentes desde o interpretativo e menos vistos polo gran público. Por iso, os críticos viron eses anos un certo ocaso de Hurt como estrela, se ben recoñecían o seu prestixio como actor. Porén, era o mesmo Hurt quen se definía a si mesmo como actor de carácter, sen importarlle a condición de estrela. Máis adiante seguiu a mesma traxectoria, escollendo papeis que significasen un reto para a súa capacidade interpretativa. Hurt tamén actuou regularmente en filmes e miniseries de televisión.
En 1993 ofrecéronlle o papel do Dr. Grant en Jurassic Park, filme dirixido por Steven Spielberg. Hurt rexeitou o traballo sen ler o guión e o papel foi para Sam Neill. En 1998 si aceptou poñerse na pel do profesor John Robinson no blockbuster Lost in Space.
Dezaoito anos despois da súa terceira candidatura ao Óscar, foi candidato de novo pola súa breve aparición en A History of Violence (2005), de David Cronenberg, en que daba vida a un xefe da mafia de Boston.[5]
Falecemento
[editar | editar a fonte]En maio de 2018, anunciouse que Hurt padecía un cancro de próstata terminal que fixera metástase nos ósos.[6] Faleceu por complicacións da doenza na súa casa de Portland o 13 de marzo de 2022 aos 71 anos.[7][8]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "FindACase™ - SANDRA JENNINGS v. WILLIAM MCCHORD HURT (02/14/91)". Arquivado dende o orixinal o 07 de xullo de 2018. Consultado o 14 de marzo de 2022.
- ↑ Hinson, Hal (25 de xaneiro de 1989). "The Intensity of Being William Hurt". The Washington Post. Consultado o 13 de marzo de 2022.
- ↑ Brennan, Sandra (2013). "William Hurt". The New York Times. Arquivado dende o orixinal o 20 de decembro de 2013.
- ↑ "Alumni News: September 2007". Juilliard.edu. Arquivado dende o orixinal o 11 de novembro de 2011.
- ↑ "The Nominees: William Hurt". CBS News.
- ↑ Lee, Mary (16 de maio de 2018). "Actor William Hurt vouches for side effect-free cancer therapy at unveiling". Wink News. Consultado o 14 de marzo de 2022.
- ↑ Barnes, Mike (13 de marzo de 2022). "William Hurt Dies: Oscar-Winning Actor For 'Kiss Of The Spider Woman' Was 71". The Hollywood Reporter. Consultado o 14 de marzo de 2022.
- ↑ Serviss, Lew; Genzlinger, Neil (13 de marzo de 2022). "William Hurt, Oscar-Winning Leading Man of the 1980s, Dies at 71". The New York Times. Consultado o 14 de marzo de 2022.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: William Hurt |