Saltar ao contido

Califato Abbásida

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Abásidas»)

Modelo:Xeografía políticaCalifato Abbásida
الدولة العبَّاسيَّة (ar) Editar o valor en Wikidata

EpónimoAl-Abbas ibn Abd al-Muttalib Editar o valor en Wikidata
Localización
lang=gl Editar o valor en Wikidata
CapitalHashimiyya (750 (Gregoriano)–763)
Bagdad (763–836 (Gregoriano))
Samarra (836 (Gregoriano)–892 (Gregoriano))
Bagdad (892 (Gregoriano)–1258 (Gregoriano))
O Cairo (1261–1517) Editar o valor en Wikidata
Poboación
Lingua oficiallingua árabe Editar o valor en Wikidata
RelixiónIslam Editar o valor en Wikidata
Xeografía
Superficie11.100.000 km² Editar o valor en Wikidata
Datos históricos
Precedido por
FundadorAs-Saffah Editar o valor en Wikidata
Creación750 (Gregoriano) Editar o valor en Wikidata
Disolución10 de febreiro de 1258 Editar o valor en Wikidata
Sucedido porsultanato mameluco de Exipto, Imperio Otomán e Califato fatimí Editar o valor en Wikidata
Organización política
Forma de gobernoTeocracia Editar o valor en Wikidata
• Califa abbásida Editar o valor en WikidataAs-Saffah (750–) Editar o valor en Wikidata
Moedadinar de ouro Editar o valor en Wikidata

O Califato Abbásida[1] (en árabe: ﻋﺒﺎﺳﻴﻮﻦ ʿAbbāsiyyūn) é o nome da terceira dinastía de califas árabes, que reinou de 750 a 1258 sobre un imperio musulmán con capital en Bagdad (e, durante algúns decenios, na cidade de Samarra), no actual Iraq. Foi fundada en 750 por As Saffah, bisneto do tío paterno do profeta Mahoma, Muttalib ibn Abd al-Manaf, tamén coñecido por Abbas, de quen tomaron o seu nome. Dise que este converteuse á relixión predicada polo seu sobriño nunha data imprecisa, que os detratores da dinastía sitúan na tarde inmediatamente anterior á conquista (fatḥ) da Meca por parte dos musulmáns (630).

Desde a instauración da figura do califa, vicario do Profeta na súa calidade de xefe político do Ummah (Estado) islámico, houbo varias dinastías. Os 4 primeiros califas foron chamados os "ortodoxos" (Rashidun) e gobernaron durante o período de tempo comprendido entre 632 e 661. Entre o 661 e o 750 gobernou a Comunidade Islámica a dinastía árabe dos Omeia, que estableceron a súa capital en Damasco. Os abássidas eran, polo tanto, a terceira dinastía (tamén árabe) que gobernou o mundo islámico. En total foron 37 os califas pertencentes a esta dinastía.

A dinastía abbásida comeza en 750 logo da vitoria sobre os omeias na batalla do Zab e remata logo do cerco, conquista e saqueo de Bagdad por parte das tropas mongois en 1258. Unha rama da dinastía sobrevivente ao exterminio mongol estableceuse no Cairo onde continuaron a dinastía un total de 17 califas aínda que sen poder real.

Os cinco séculos de califato abbásida están considerados como a Idade de Ouro islámica pola fertilidade creativa e liderado en practicamente todas as ramas do saber, da arte e da cultura.

O "movemento" abbásida

[editar | editar a fonte]

Nunha sociedade que marcaba a súa propia identidade cultural no feito prioritario de aderirse ao credo islámico, fundado sobre o Corán e o exemplo vivente de Mahoma, o feito relixioso tivo evidentemente unha importancia que é imposíbel de negar. Con todo, iso non significa que os cambios producidos na sociedade islámica non estiveran fortemente influenciados por factores políticos, económicos e sociais.

A extrema simplicidade da estrutura da primixenia sociedade musulmá fora amplamente substituída desde a incipiente capacidade dos musulmáns para irromper por primeira vez na Península Arábiga co primeiro califa Abu Bakr e, xa con Umar ibn al-Khattab, nas áreas sirio-palestina e exipcia, así como en Mesopotamia e Persia. Os mandatos do terceiro e cuarto califas, (Uthman ibn Affan e Ali ibn Abi Talib) caracterizáronse pola aparición das primeiras tensións graves entre os distintos "poderes fortes" islámicos para impor a súa hexemonía na Comunidade.

Os Omeias saíran vencedores da confrontación mais iso non fixo que os principais problemas que asolaban á Ummah foran convenientemente resoltos. En particular permanecían sen aplicar na maior parte do califato os aspectos "universalistas" da mensaxe islámica, as cales non facían distinción entre as distintas etnias e culturas que abrazaran ao islam. Os conversos non árabes, os chamados mawla, persas, gregos, mesopotámicos, bérberes e mesmo os xudeus, permanecían substancialmente excluídos dos máis significativos e lucrativos cargos políticos, e inxustificadamente bloqueados polo status de súbditos "protexidos"; mesmo estaban discriminados dentro das compañías militares que proseguían co potente pulo conquistador nas direccións asiática, africana e europea, terras abertas á islamización (o dār al-ḥarb ou "territorio aberto á guerra").

Esta situación de evidente dificultade económica, social e política, era unha situación intolerábel, mesmo desde un perfil relixioso, visto o ecumenismo igualitario que xa caracterizaba ao primitivo islam, baseado na predicación de Mahoma e en non poucas pasaxes explícitas no Corán.

O absolutismo califal omeia, que facía crer ao califa ser depositario do "Vicariato de Deus" na Terra (khalīfat Allāh, "califa de Deus" facíanse chamar os califas omeias[2]) e non só Amir al-muʾMinin (Comandante dos crentes), atopou un potente antagonista só cando os adversarios conseguiron combinar aspectos relixiosos e político-económicos, apoiándose no descontento dos mawālī. Os abássidas foron inicialmente unha simple rama do movemento favorábel ao cuarto califa Ali ibn Abi Talib (coñecido simplemente por Alí). Internamente, os abbásidas mudaron desde o principio dun xeito non distinguíbel dos dos outros compoñentes que xulgaban "usurpador" o califato fundado por Muawiya ibn Abi Sufyan.

É moi probábel que os abássidas foran conscientes de certa desorganización interna, se non mesmo dun antagonismo excesivo entre as diferentes persoas seguidoras de Alí, e bastante pronto comezaron a operar dun modo autónomo, aínda que clandestino, sen revelar a súa orientación estratéxica básica.

Cando os partidarios de Alí prevaleceron sobre os omeias (debilitados polas continuas revoltas kharixitas, produto do irreductíbel antagonismo entre os árabes septentrionais e meridionais e das loitas intestinas que axitaron violentamente a propia unidade das súas estruturas familiares), os abbásidas mostráronse como os máis organizados e, simplemente, postuláronse con forza como a nova dinastía califal, arrogándose para si calquera poder, definíndose cunha certa arrogancia como a "dinastía bendita". Polo tanto non teñen en conta a pretendida "lexitimidade" da Familia do Profeta (Ahl al-Bayt) que aspiraba á asunción do goberno supremo da Ummah islámica. De aquí xorde a ruptura entre os Abbásidas e os restantes seguidores de Alí que, co tempo, xeraría a base ideolóxica e teolóxica para o nacemento dun verdadeiro e propio movemento islámico alternativo que sería nomeado xiísmo.

Os primeiros califas abbásidas

[editar | editar a fonte]
O califa Harun al-Rashid recibe a unha delegación de Carlomagno. (Pintura de Julius Köckert.)

O 25 de xaneiro de 750 o exército omeia sufriu unha estrepitosa derrota na batalla do Zab, no norte do actual Iraq, a mans do abbásida Abu al-'Abbas as-Saffah, quen sería proclamado novo califa. As-Saffah estableceu a capital do califato na cidade iraqí de Kufa, poñendo fin deste xeito a case un século de capitalidade de Damasco.

Sucedeuno o seu irmán máis novo, Al-Mansur, quen fundou en 762 a cidade de Bagdad, á que trasladou a capital. Al-Mansur, grande organizador e sabio administrador, sentou as sólidas bases que permitiron á dinastía abbásida ostentar a suprema maxistratura islámica durante medio milenio.

O cumio do poder abbásida acadouse baixo os mandatos do neto de Al-Mansur, Harun al-Rashid, e o fillo deste al-Ma'mun, nos que o Califato conseguiu límites extraordinarios, tanto territoriais como culturais. Harun Al-Rashid é o califa protagonista das mil e unha noites.

A ampliación dos dominios abássidas, con todo, levou a un crecemento progresivo das dificultades do califato, causadas en parte polas diferenzas étnicas e culturais, pero, máis simplemente, por unha certa incapacidade do centro para administrar sabiamente a periferia.

A decadencia institucional do califato abbásida

[editar | editar a fonte]
Formación dos emiratos independentes de facto no Califato Abbásida (820-853). (A lenda do mapa está en alemán.)

No século VIII, al-Andalus e o Magreb xa estaban separados do califato, en parte pola acción inicial dun exiliado sobrevivente da caída omeia, Abd al-Rahman ibn Mu'awiya, e en parte pola indómita resistencia bérber. No seguinte século foi o Exipto tulúnida o que fixo valer o seu dereito á autoadministración e, co paso do tempo, as provincias iraníes revindicaron un modelo propio de desenvolvemento (sen renunciar ao trato unificador da relixión islámica). Entre os séculos IX e X algo semellante ocorreu en Siria e en Mesopotamia. O poder do califato foise reducindo progresivamente ao control de Iraq, logo á sola Bagdad e, finalmente, a algunhas partes da capital.

En 836 a capital trasladouse a Samarra debido aos crecentes problemas de orde pública que asolaban Bagdad. Durante este período destaca a figura do califa al-Mutawakkil que converteu a Samarra nunha das cidades máis monumentais da época, chegando a construír ata vinte palacios. É a partir deste califa cando o poder da dinastía comeza a minguar substancialmente, se ben continuará manténdose formalmente ata a súa caída como símbolo evidente da unidade islámica. En 892 retornaría a capitalidade a Bagdad, permanecendo alí ata o final da dinastía.

Despois de ser sometido á "protección" dos xiítas buyidas da rexión do Daylam, entre os séculos X e XI, e dos sunitas selxúcidas de Turquía, o califato abbásida vive un breve renacemento de autoridade no século XII, especialmente baixo An-Nasir, mais acabarán sendo oprimidos cara a metade do século XII a mans dos mongois de Hulagu Khan, que conquistaron e asolaron Bagdad despois do cerco á que a someteron entre o 29 de xaneiro e o 13 de febreiro de 1258. O último califa Al-Musta'sim foi condenado a morte.

Os cinco séculos da dinastía abbásida coinciden co período de maior esplendor da civilización árabe-musulmá en Iraq. A época estivo marcada nun primieiro momento polo asentamento no islamismo do elemento iraniano (especialmente no nivel cultural), e despois pola influencia do elemento turco (especialmente no plano militar). O predominio árabe foi atenuándose gradual e irremediabelmente ata case extinguirse por completo, a pesar de que a dinastía (que deu ao islam 37 califas) permanecese en mans árabes ata o definitivo golpe de graza dado polos mongois.

Unha rama abbásida, sobrevivente do exterminio mongol, implantouse en Alepo e despois no Cairo, onde é acollida entre mil luxos mais sen ningún poder efectivo no Exipto mameluco. Os otománs tomaron os símbolos do poder califal cando se apoderaron do sultanato mameluco, lexitimando así as súas reclamacións califais, declaradas extintas por Atatürk a finais do primeiro cuarto do século XX, aínda que o Imperio Otomán xa dera paso á República de Turquía.

Arte, ciencia e cultura

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Idade de Ouro Islámica.
Un manuscrito da época Abbásida.
En practicamente tódolos campos do saber - astronomía, alquimia, matemáticas, medicina, óptica e tantos outros - os científicos árabes estaban á fronte de calquera avance científico[3].

O período histórico dos abbásidas ata a caída de Bagdad en 1258, está considerada a Idade de Ouro Islámica[4]. Coa ascensión dos abbásidas ao poder e o traslado da capital de Damasco a Bagdad, iníciase esta idade dourada da civilización islámica[5].

Os abbásidas estaban influenciados polos mandatos coránicos e do hadith, como o que enfatiza a importancia do coñecemento: a tinta dun escolar é moito máis sagrada co sangue dun mártir[5]. Durante este período, o mundo musulmán transformouse nun centro intelectual para a ciencia, a filosofía, a medicina e a educación, grazas ao liderado abbásida na causa do coñecemento, froito do cal estableceron en Bagdad a Casa da Sabedoría, onde estudosos musulmáns e non musulmáns se aplicaban en compilar e traducir ao árabe todo o coñecemento da época[5]. Moitos traballos clásicos da antigüidade, que doutro xeito se terían perdidos, foron traducidos ao árabe e ao persa e, máis adiante, ao turco, hebraico e latín[5]. Durante este período o mundo musulmán foi un crisol de culturas que recompilaron, sintetizaron e acadaron significativos avances a partir do coñecemento das antigas civilizacións romana, chinesa, india, persa, exipcia, norteafricana, grega e bizantina[5].

Minarete en espiral da Gran Mesquita de Samarra.

Na época abbásida xurdiu a primeira arte islámica auténtica, profundamente distinta á dos omeias, que se limitaba a reciclar formas do helenismo oriental.

Na arquitectura introducíuse o iwan, unha enorme sala falta dun lado e con arco quebrado, que será entón chamado persa. Os monumentos abbásidas máis característicos foron as mesquitas e os palacios de Samarra, alzados grazas á técnica construtiva do ladrillo, cru ou cocido, e coa utilización abundante de estuco modelado que revestía as paredes interiores.

Os decoradores abbásidas usaron abundantemente a pintura para caracterizar as paredes das casas privadas e dos haréns. Un reflexo da pintura árabe áchase na Capela Palatina de Palermo e nalgúns palacios do Irán oriental. A arte abbásida non aceptou a repugnancia islámica a representar a figura e semella máis aberta á influencia da arte asiática persa

Entre as artes decorativas destacan a cerámica e a manufactura téxtil, ademais de obxectos en vidro e cristal esculpido. Entre os tecidos destacan os famosos vestidos dos califas, os tiraz, e a tapizaría en la, algodón e seda, con motivos abstractos ou animais estilizados[6].

Literatura

[editar | editar a fonte]
O irmán de Alí Babá, Cassim, segundo unha ilustración de Maxfield Parrish.

A obra literaria de ficción máis coñecida da literatura islámica é o Libro das Mil e Unha Noites. O concepto orixinal deriva dun prototipo iraniano preislámico (persa) con reminiscencias de elementos hindús. Tamén inclúe contos dos restantes pobos de Oriente Medio e do Norte de África. O libro toma forma no século X e acada a súa forma final no século XIV; o número e o tipo de contos variou dun manuscrito a outro[7]. Desde a primeira tradución de Antoine Galland no século XVIII, esta obra tivo unha grande influencia en Occidente[8], onde foi obxecto de moitas imitacións, especialmente en Francia[7]. Moitos personaxes da obra convertéronse en iconas culturais da cultura occidental, como Aladino, Simbad ou Alí Babá.

Un exemplo famoso de poesía romántica árabe é Laila e Majnun. Desde os primeiros días do islam, a lenda de Laila e Majnun fíxose moi popular nas cancións de amor, sonetos e odas dos beduínos de Arabia. Estas lendas e contos orais foron desenvolvidos posteriormente en persa, azerí, turco e outras linguas da rexión, principalmente por poetas iraníes e azerís[9]. A versión máis coñecida desta tráxica historia de amor é o poema épico do século XII escrito en persa por Nizami Ganjavi, o cal pode considerarse como a base sobre a que se realizaron as demais versións en prosa, poesía e cancións de amor en case todas as linguas de Oriente Próximo[10].

A poesía árabe acadou o seu cumio na época dos abbásidas, especialmente antes da perda da autoridade central. A finais do século VIII e na primeira metade do IX, escritores como Abu Tammam e Abu Nuwas estaban fortemente conectados coa corte califal de Bagdad, mentres que, xa no século X, al-Mutanabbi recibía o seu mecenado das cortes rexionais.

Filosofía

[editar | editar a fonte]

Unha definición común de filosofía islámica é "o estilo de filosofía producido dentro do marco da cultura islámica"[11]. Segundo esta definición, a filosofía islámica non se refire exclusivamente a temas relixiosos, nin está feita exclusivamente por musulmáns[11]. Os traballos sobre Aristóteles foron un paso chave na transmisión do coñecemento dos antigos gregos aos mundos islámico e occidental. Os filosófos eran interpelados con frecuencia, provocando apaixonados debates no espírito do ijtihad. Fixéronse traballos filosóficos orixinais e influentes, cuxo pensamento foi incorporado durante a idade media á filosofía cristiá, especialmete por Tomé de Aquino.

Tres pensadores especulativos, al-Kindi, al-Farabi, e Avicena, combinaron o aristotelismo e o neoplatonismo con outras ideas introducidas a traves do islam, dando como resultado unha nova corrente filosófica: o avicenismo. Outros filósofos musulmáns influentes no califato foron al-Jahiz e Alhazen.

Jabir ibn Hayyan, máis coñecido en occidente por Geber, considerado o "pai da Química"[12].

O califa Harun al-Rashid (786–809) e os seus sucesores impulsaron unha época de grandes rexistros intelectuais. En gran medida, isto foi o resultado das forzas cismáticas que minaron o réxime dos omeias, que confiaban na afirmación da superioridade da cultura árabe como parte da súa pretensión de lexitimidade, e os abbásidas deron a benvida ao apoio dos árabes non musulmáns. É sabido que os abbásidas confiaron a organización da súa administración aos sasánidas[13]. O califa Al-Ma'mun, fillo de Harun al-Rashid e de nai persa, é citado frecuentemente como autor das seguintes palabras:

Os persas gobernamos durante mil anos sen necesitarmos nin un só día aos árabes. Levamos gobernándoos durante un ou dous séculos e non podemos facer nada sen eles nin por unha hora[14].

Un bo número de pensadores e científicos que vivían baixo o goberno islámico xogaron un papel crucial na transmisión da ciencia islámica ao mundo occidental cristián. Contribuíron a que Aristóteles fose coñecido na Europa cristiá. Ademais, recuperouse gran parte do coñecemento matemático, xeométrico e astronómico de Alexandría, como os traballos de Euclides e Claudio Tolomeo. Estes redescubertos métodos matemáticos foron engrandecidos máis tarde por outros estudosos islámicos, principalmente polos científicos persas Al-Biruni e Abu Nasr Mansur.

O científico persa Al-Khwarizmi desenvolveu significativamente a álxebra. O seu libro Kitab al-Jabr wa-l-Muqabala (Compendio de cálculo mediante restitución e redución) é unha referencia na historia da álxebra, que lle debe o seu nome (al-Jabr). Son moitos os que consideran a Al-Khwarizmi o pai da álxebra[15] aínda que dito título tamén se lle foi outorgado ao matemático grego Diofanto. O termo algoritmo deriva do nome de Al-Khwarizmi, que tamén é o responsábel da introdución dos números e o sistema de numeración hindús, os cales son os que se usan hoxe en día.

Un primitivo método científico foi desenvolvido por Alhazen no seu Libro de Óptica (1021). A súa achega máis importante foi o uso de experimentos para distinguir o conxunto de teorías científicas competentes dentro dunha orientación empírica xeral, que comezaba a imporse entre os científicos musulmáns. A proba empírica de Alhazen da teoría de intromisión da luz (isto é, que os raios de luz inciden nos ollos no canto de que son emitidos por eles) foi especialmente importante. Bradley Steffens considera que Alhazen foi o "primeiro científico"[16] polo seu desenvolvemento do método científico[17][18].

Copia dunha tradución latina do Canon da Medicina, de 1484.

A medicina no islam medieval foi unha disciplina da ciencia que avanzou considerabelmente durante a época abbásida. No século IX había 800 médicos en Bagdad e fixéronse grandes descubrimentos no coñecemento da anatomía e das enfermidades. Nesta época distinguíronse clinicamente o sarampelo e a varíola. O famoso científico persa Ibn Sina, máis coñecido en occidente por Avicena, produciu tratados e obras que recollían a vasta cantidade de coñecemento que acumularon os científicos da época. As súas enciclopedias O Canon da Medicina e O Libro da Curación tiveron grande influencia. O seu traballo e o de moitos outros influíron directamente na investigación dos científicos europeos do Renacemento.

O principal astrónomo da época foi Al-Battani, quen mellorou a medida da precesión do eixo terrestre. As correccións no modelo xeocéntrico feitas por Al-Battani, Averroes, Nasir al-Din al-Tusi, Mo'ayyeduddin Urdi e Ibn al-Shatir, foron incorporadas por Copérnico ao modelo heliocéntrico[19]. O astrolabio, aínda que orixinalmente desenvolvido polos gregos, foi perfecionado polos astrónomos e enxeñeiros islámicos, dos cales pasou á Europa medieval.

Os alquimistas musulmáns influenciaron á alquimia medieval europea, particularmente os escritos atribuídos a Jābir ibn Hayyān, máis coñecido en occidente por Geber. Certos procesos químicos, como as técnicas de destilación, foron desenvolvidos no mundo musulmán e logo espallados por toda Europa.

Os Califas

[editar | editar a fonte]
Árbore xenealóxica da familia abbásida. En verde, os califas abbásidas de Bagdad. En amarelo, os califas abbásidas do Cairo. O profeta Mahoma está resaltado en maiúsculas (abrir o ficheiro para unha mellor visión).

Califas abbásidas de Bagdad

[editar | editar a fonte]
Califa Mandato
As-Saffah 750-754
Al-Mansur 754-775
Al-Mahdi 775-785
Al-Hadi 785-786
Harun al-Rashid 786-809
Al-Amin 809-813
Al-Ma'mun 813-833
Al-Mu'tasim 833-842
Al-Wathiq 842-847
Al-Mutawakkil 847-861
Al-Muntasir 861-862
Al-Musta'in 862-866
Al-Mu'tazz 866-869
Al-Muhtadi 869-870
Al-Mu'tamid 870-892
Al-Mu'tadid 892-902
Al-Muktafi 902-908
Al-Muqtadir 908-932
Al-Qahir 932-934
Califa Mandato
Ar-Radi 934-940
Al-Muttaqi 940-944
Al-Mustakfi 944-946
Al-Muti 946-974
At-Ta'i 974-991
Al-Qadir 991-1031
Al-Qa'im 1031-1075
Al-Muqtadi 1075-1094
Al-Mustazhir 1094-1118
Al-Mustarshid 1118-1135
Ar-Rashid 1135-1136
Al-Muqtafi 1136-1160
Al-Mustanjid 1160-1170
Al-Mustadi 1170-1180
An-Nasir 1180-1225
Az-Zahir 1225-1226
Al-Mustansir 1226-1242
Al-Musta'sim 1242-1258

Califas abbásidas do Cairo

[editar | editar a fonte]
Califa Mandato
Al-Mustansir 1261
Al-Hakim I 1262-1302
Al-Mustakfi I 1302-1340
Al-Wathiq I 1340-1341
Al-Hakim II 1341-1352
Al-Mu'tadid I 1352-1362
Al-Mutawakkil I 1362-1383
Al-Wathiq II 1383-1386
Al-Mu'tasim 1386-1389
Califa Mandato
Al-Mutawakkil I 1389-1406
Al-Musta'in 1406-1414
Al-Mu'tadid II 1414-1441
Al-Mustakfi II 1441-1451
Al-Qa'im 1451-1455
Al-Mustanjid 1455-1479
Al-Mutawakkil II 1479-1497
Al-Mustamsik 1497-1508
Al-Mutawakkil III 1508-1517
  1. Forma empregada tanto polo Dicionario de Galego de Ir Indo como pola Diciopedia do século 21
  2. Véxase ao respecto: Crone, Patricia; Hinds, Martin (1986). Cambridge University Press, ed. God's caliph. Religious Authority in the First Centuries of Islam (en inglés). 
  3. Huff, Toby E (2003). Cambridge University Press, ed. The Rise of Early Modern Science: Islam, China, and the West (en inglés). p. 48. 
  4. Taylor & Francis (ed.). Islamic Radicalism and Multicultural Politics (en inglés). p. 9. ISBN 978-1-136-95960-8. Consultado o 13 de xaneiro de 2014. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Gregorian, Vartan (2003). Brookings Institution Press, ed. Islam: A Mosaic, Not a Monolith (en inglés). pp. 26–38. ISBN 0-8157-3283-X. 
  6. Le muse, enciclopedia di tutte le arti (en italiano). Novara: De Agostini. 1964. pp. 5–6. 
  7. 7,0 7,1 Grant, John; Clute, John (1999). The Encyclopedia of Fantasy, Arabian fantasy (en inglés). pp. 51–52. ISBN 0-312-19869-8. 
  8. de Camp, L Sprague (1976). Literary Swordsmen and Sorcerers: The Makers of Heroic Fantasy (en inglés). p. 10. ISBN 0-87054-076-9. 
  9. Talattof, Kamran; Clinton, Jerome W; Luther, K Allin (2000). Palgrave Macmillan, ed. The poetry of Nizami Ganjavi: knowledge, love, and rhetoric (en inglés). pp. 15–16. 
  10. Nizami. John Blake Publishing, ed. Layla and Majnun - The Classic Love Story of Persian Literature (trad. ao inglés) (en inglés). 
  11. 11,0 11,1 Leaman, Oliver (1998). Routledge, ed. "Islamic Philosophy". Routledge Encyclopedia of Philosophy (en inglés). Londres. 
  12. Vallely, Paul. The Independent, ed. "How Islamic inventors changed the world" (en inglés). UK. Arquivado dende o orixinal o 17 de maio de 2008. Consultado o 14 de xaneiro de 2014. 
  13. Gibb, Hamilton (1982). Princeton University Press, ed. Studies on the civilization of Islam. p. 66. ISBN 0-691-05354-5. 
  14. Spuler, Bertold (1960). EJ Brill, ed. The Muslim World (en inglés). I. The Age of the Caliphs. Leiden. p. 29. ISBN 0-685-23328-6. 
  15. Eglash, Ron (1999). African Fractals: Modern Computing and Indigenous Design (en inglés). p. 61. 
  16. Steffens, Bradley (2006). Morgan Reynolds, ed. Ibn al-Haytham: First Scientist (en inglés). ISBN 1-59935-024-6. .
  17. Gorini, Rosanna (Outubro de 2003). "Al-Haytham, the man of experience. First steps in the science of vision" (PDF). Journal of the International Society for the History of Islamic Medicine (en inglés) 2 (4): 53–55. Consultado o 14 de xaneiro de 2014. De acordo coa maioría dos historiadores, Alhazen foi o pioneiro do moderno método científico. Co seu libro cambiou o significado da palabra óptica e estableceu o experimento como norma de demostración neste campo. As súas investigacións non están baseadas en teorías abstractas senón en evidencias experimentais, e os seus experimentos eran sistemáticos e recorrentes. 
  18. Briffault, Robert (1928). G Allen & Unwin, ed. The Making of Humanity (en inglés). pp. 190–202. O que nos chamamos ciencia emerxe como resultado de novos métodos de experimentación, observación e medida, introducidos en Europa polos árabes.[...] A ciencia foi a máis grande contribución da civilización árabe ao mundo moderno, mais os seus froitos maduraron lentamente. [...] A débeda da nosa ciencia con aqueles árabes non consiste en descubrimentos estelares nin teorías revolucionarias; a ciencia débelle moito máis á cultura árabe, débelle a súa propia existencia... O mundo antigo era, como vimos, pre-científico.[...] Od gregos sistematizaron, xeralizaron e teorizaron, pero os pacientes camiños da investigación, a acumulación de coñecemento positivo, os minuciosos métodos da ciencia, a observación detallada e prolongada e a investigación experimental eran completamente alleos ao temperamento grego. 
  19. Rabin, Sheila. Stanford, ed. "Copernicus". Encyclopedia of Science (en inglés). 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]