Accidente de Montrove
Accidente de Montrove | |
---|---|
Caravelle coma o do accidente
| |
Resumo | |
Data | 13 de agosto de 1973 |
Causa | Erro humano |
Lugar | O Pazo do Río, Oleiros |
Coordenadas | |
Orixe | Madrid |
Destino | A Coruña |
Finados | 85 + 1 |
Feridos | 0 |
Aeronave | |
Tipo de aeronave | SE 210 Caravelle |
Operador | Aviaco |
Rexistro | EC-BIC |
Pasaxeiros | 79 |
Tripulación | 6 |
Superviventes | 0 |
O accidente de Montrove foi o accidente de aviación máis grave da historia de Galicia. Produciuse ao esnafrarse entre unha densa néboa un SE 210 Caravelle da aeroliña comercial Aviaco nas proximidades do aeroporto de Alvedro, o 13 de agosto de 1973. O accidente produciuse debido a un erro humano debido a querer aterrar pese a densa néboa, no canto de proceder ao aeródromo alternativo que figuraba no plano de voo. Faleceron 85 persoas.
Accidente
[editar | editar a fonte]A aeronave, un SE 210 Caravelle con matrícula EC-BIC, cubría o voo 118, de liña regular entre o aeroporto de Barajas e o aeroporto de Alvedro. O avión engalara en Madrid ás 9:14 da mañá (hora local) e unha hora máis tarde, ás 10:14, ponse en contacto coa torre de control para realizar a aterraxe. Hai unha mesta brétema e recoméndaselle que agarde. O avión realiza unha aproximación para comprobar a visibilidade real, pero volve situarse nos 2000 metros de altura. Tras unha segunda manobra de aproximación, ás 11:20 a torre avisou o piloto, Rafael López Pascual, de que a néboa esvaía, que a visibilidade horizontal aumentara a 1500 m e a vertical a 300 m. O avión tenta achegarse, pero un novo banco de néboa faino desistir. Ás 11:39 volve realizar outra manobra de aproximación, pero bate contra uns eucaliptos e esnáfrase en posición invertida no Pazo do Río (Liáns, Oleiros), a carón de Montrove.
A causa oficial do accidente foi un erro humano, ao tentar o piloto a aterraxe con condicións de visibilidade reducidas.
Falecidos
[editar | editar a fonte]Como consecuencia da colisión, o aparato incendiouse e faleceron no acto 78 pasaxeiros e os 6 membros da tripulación. O único sobrevivente foi trasladado ao Hospital Juan Canalejo, hoxe Hospital A Coruña, onde faleceu horas máis tarde. Foron un total de 85 os falecidos.
As vítimas foron enterradas nunha fosa do cemiterio de Santo Amaro. O 13 de agosto de 2014 inaugurouse nese espazo un monumento á súa memoria.[1][2]
Aeroporto
[editar | editar a fonte]O aeroporto levaba aberto dez anos, dende 1963 pero estivera pechado ata dúas semanas antes do accidente por obras de remodelación e ampliación da pista.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Rodríguez, Miguel (14 de agosto de 2014). "Homenaje 41 años después". La Opinión de A Coruña (en castelán). Consultado o 28 de decembro de 2015.
- ↑ "Un monumento en San Amaro recuerda a las 85 víctimas del accidente aéreo de 1973". El Ideal Gallego (en castelán). 14 de agosto de 2014. Consultado o 28 de decembro de 2015.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Fernández, Carlos; Vegas, Pilar (9 de agosto de 1998). "La gran catástrofe". La Voz de Galicia (en castelán).
- Eiroa, Eduardo (13 de agosto de 2013). "La otra gran tragedia de Galicia". La Voz de Galicia.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Accidente aéreo de Montrove (13-08-1973)
- Ficha do accidente na web da Aviation Safety Network Arquivado 09 de outubro de 2010 en Wayback Machine.