Antonio Nouche Costa
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1924 Deixebre, España |
Morte | 4 de marzo de 1948 (23/24 anos) Probaos, España |
Causa da morte | morte en combate, ferida por arma de fogo |
Outros nomes | Dourado Xaneiro O soldado de Deixebre |
Actividade | |
Ocupación | maquis |
Membro de | |
Carreira militar | |
Conflito | guerra civil española |
Antonio Nouche Costa, coñecido como Dourado Xaneiro e O soldado de Deixebre, nado en Deixebre (Oroso) en 1924 e finado en Carres (Concello de Cesuras) o 4 de marzo de 1948, foi un guerrilleiro antifranquista galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Nado en Bouzalonga, parroquia de Deixebre. Desertou do cuartel onde facía o servizo militar para unirse á guerrilla no verán de 1947. Para conseguir que se presentase foron detidos os seus pais e o seu irmán Manuel; ao non conseguilo, as súas irmás Isolina (coa súa filla pequena María del Carmen), Dolores e María, xunto coa súa cuñada Jesusa Cores, foron desterradas á provincia de Soria.[1] Foi membro do Destacamento Manuel del Río Botana, da IV Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia. Acompañou a Manuel Ponte Pedreira e outros no asalto á vivenda de Ramón Ferreiro Moar, en Aldrés (Senra); participou con Juan Couto Sanjurjo na operación que desarmou ao somatén da Baña e con Claudio Díaz Milia, Pedro Rodríguez Gómez, José Remuiñán Barreiro, José Blanco Núñez e José Santiago Temprano, na sanción económica de 30.000 pesetas ao alcalde franquista de Cerceda.
O 4 de marzo de 1948 un cabo e catro gardas civís do posto de Betanzos cercaron unha casa de Probaos na parroquia de Carres, na que se atopaban Antonio Nouche e José Blanco Núñez, produciuse un enfrontamento, pero José Blanco logrou fuxir. A Garda Civil matou a Antonio Nouche xunto cos habitantes da casa Joaquín López Sánchez e a súa filla Manuela López Suárez e despois aplicoulles a "lei de fugas" á filla de Joaquín, María López Sánchez, e o seu xenro Manuel Mosquera Moar, que vivían nunha casa próxima, tamén enlaces da guerrilla.
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Marco, Aurora (2011). Mulleres na guerrilla antifranquista galega. A Coruña: Laiovento. pp. 275–285. ISBN 978-84-8487-211-5.
- Pazos Gómez, Manuel (2011). A guerra silenciada. Mortes violentas na comarca de Ordes 1936-1952.