Carlos II o Calvo
Carlos o Calvo, nado o 13 de xuño de 823 en Frankfurt e finado o 6 de outubro de 877 en Brides-les-Bains, emperador (875–877, co nome de Carlos II) e rei dos francos occidentais (840–877, co nome de Carlos II), foi o fillo máis novo do emperador Lois o Piadoso e da súa segunda muller Xudite.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Loita contra os seus irmáns
[editar | editar a fonte]Nado o 13 de xuño de 823 en Frankfurt, cando xa seus irmáns eran adultos e lle foran asignados candanseu regnum. As tentativa de seu pai de asignarlle un a el, primeiro Alamania e logo os territorios entre o Meuse e os Pireneos (en 832, despois da revolta de Pipino I de Aquitania) non tiveron froito. As numerosas reconciliacións con Lotario I e Pipino, así coma con Lois o Xermánico, fixo que a posición de Carlos fora provisional, pero seu pai non renunciou e converteuno en herdeiro da antiga Gallia. Nunha dieta preto de Crémieux en 837, Lois o Piadoso fixo que os nobres prestaran homenaxe a Carlos coma herdeiro seu. Isto provocou a rebelión do resto dos seus fillos. Pipino de Aquitania morreu en 838, o que posibilitou que Carlos recibira ese reino, que xa conservou ata a súa morte. O fillo de Pipino, Pipino II de Aquitania constituíu sempre unha ameaza para Carlos.
A morte do emperador en 840 comportou a apertura de hostilidades bélicas entre os seus herdeiros. Carlos aliouse con Lois o Xermánico en contra das pretensións do novo emperador, Lotario I, e o seu aliado Pipino II que pretendía recuperar Aquitania, mais estes foron derrotados na batalla de Fontenay o 25 de xuño de 841.[1] O ano seguinte os dous irmáns consolidaron a súa alianza no xuramento de Estrasburgo e a guerra finalizou co Tratado de Verdún en agosto de 843. O acordo concedeu a Carlos o reino dos francos occidentais, que xa estivera a gobernar e que se correspondería coa actual Francia e que tería coma límites o Meuse, o Saona, e o Ródano, co engadido das marcas catalás ata o Ebro. Lois recibiu a parte oriental do Imperio Carolinxio, embrión de Alemaña. Lotario retivo o título de emperador e o Reino de Italia. Tamén obtivo as rexións centrais dende Flandres ata Italia, incluíndo Borgoña.
Goberno no Oeste
[editar | editar a fonte]Os primeiros anos, ata a morte de Lotario I en 855, foron comparativamente pacíficos. Os tres irmáns continuaron co sistema de "goberno fraternal", con reunións periódicas, en Coblenza (848), Meerssen (851), Attigny (854).
En 858, Lois o Xermánico, convidado por nobres descontentos con Carlos, invadiu os territorios occidentais. Carlos era tan impopular que foi incapaz de reunir un exército e tivo que fuxir a Borgoña. A situación salvárona os bispos, que rexeitaron coroar a Lois, e os apoios güelfos que concitou Xudite, súa nai.
En 869, foi el quen atacou os territorios do seu sobriño Carlos da Provenza, pero fracasou. E en 869, ao morrer Lotario II, tamén o tentou cos territorios que lle corresponderan a este, pero mediante o Tratado de Mersen (870) foi obrigado a compartilos con Lois o Xermánico.
Á parte das disputas familiares, fixo fronte a repetidas rebelións en Aquitania e na Bretaña. Dirixidos por Nominoe e Erispoe, que derrotaron a Carlos na batalla de Ballon (845) e na batalla de Jengland (851), os bretóns acadaron unha independencia de facto.
Carlos tamén loitou contra os viquingos, que arrasaron os vales do Sena e o Loira e chegaron ás fronteiras de Aquitania. Carlos viuse obrigado varias veces a pagar fortes cantidades para que se retiraran. Tamén dirixiu varias expedicións contra eles.
Mediante o edicto de Pistres (864) tentou facer máis áxil o exército coa introdución de novas unidades de cabalería. Tamén ordenou a construción de pontes fortificadas en todos os ríos para tentar bloquear as incursións viquingas. Dúas destas pontes contribuíron decisivamente na vitoria durante o asedio de París (885-866).
Emperador
[editar | editar a fonte]En 875, despois de morrer o emperador Lois II, fillo de Lotario I, e co apoio do papa Xoán VIII, viaxou a Italia, sendo coroado[2] en Pavia e recibindo as insignias imperiais en Roma o 29 de decembro.
Lois o Xermánico, tamén candidato á sucesión de Lois II, vingouse invadindo e devastando os dominios de Carlos, quen tivo que retornar apresuradamente. Despois da morte de Lois (28 de agosto de 876), foi Carlos quen tentou apoderarse dos territorios do outro, pero foi decisivamente derrotado en Andernach o 8 de outubro de 876.
Mentres, Xoán VIII, ameazado polos sarracenos, pediu axuda de Carlos, quen cruzou novamente os Alpes pero a nobreza mostrou esta vez pouco interese e rexeitaron unirse ao soberano. Antes de realizar esta segunda viaxe a Italia para auxiliar ao Papa, tivo que asinar a denominada Capitular de Quierzy (xuño do 877) polo que o rei recoñecía que se algúns dos nobres morría na expedición, os seus fillos herdarían os feudos sen que o monarca os puidera recuperar. Con este capitular aséntase o principio da transmisión hereditaria das terras da nobreza, base do feudalismo medieval.[2]
Ao mesmo tempo, Carlomán de Baviera, fillo de Lois o Xermánico, entrou en Italia para disputarlle a coroa lombarda e o título imperial.[3] Mentres, en Francia, entre os seus fieis produciuse unha revolta xeneralizada polo que, Carlos, tivo que regresar rapidamente. Porén, enfermou de fiebres e morreu cruzando o paso de Monte Cenis en Brides-les-Bains, o 6 de outubro de 877.[4]
Nos Anais de St. Bertin cóntase que foi soterrado apresuradamente na abadía de Nantua (Borgoña) debido ao que os que portaban o cadáver non soportaban o fedor. Tiña que ter sido soterrado na basílica de San Denis e pode que fose trasladado alí posteriormente. Sucedeuno seu fillo Lois o Tatexo.
Carlos foi un príncipe ilustrado, amigo da igrexa e consciente do apoio eclesiástico no seu permanente enfrontamento coa nobreza; escolleu os seus conselleiros entre o alto clero, como é o caso de Guenelon de Sens, quen o traizoou, e o de Hincmaro de Reims.
Calvicie
[editar | editar a fonte]O seu alcume pode ter unha orixe irónica; non ser unha descrición física obxectiva.[5] Podería terse referido a que de neno, ao contrario que o resto de fillos varóns de Lois o Piadoso, Carlos non tiña regnum propio.[6]
Casamentos e descendencia
[editar | editar a fonte]Carlos casou con Ermentrude de Orleáns, filla de Odo I, Conde de Orleáns en 842, quen morreu en 869. En 870, casou con Richilde da Provenza, procedente dunha familia aristocrática da Lorena.
- Con Ermentrude de Orleáns:
- Xudite de Flandres (844–870), que casou con Aethelwulf de Wessex, logo con Aethelbald de Wessex (o seu fillo político) e finalmente con Balduíno I de Flandres.
- Lois o Tatexo (846–879).
- Carlos o Neno (847–866).
- Lotario (848–865), monxe en 861, Abade de Saint-Germain.
- Carlomán (849–876).
- Rotrud (852–912), monxa, Abadesa de Saint-Radegunde.
- Ermentrude (854–877), monxa, Abadesa de Hasnon.
- Hildegarda (nada en 856, morta na nenez).
- Xisela (857–874).
- Con Richilde:
- Rothild (871–929), casada primeiro con Hugues, Conde de Bourges, e logo con Roger, conde de Maine.
- Drogo (872–873).
- Pipino (873–874).
- un fillo (nado e morto en 875).
- Carlos (876–877).
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Carlos II o Calvo |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Boshof, Egon (2001). "Karl der Kahle -novus Karolus magnus?". En Erkens, Franz-Reiner. Karl der Große und das Erbe der Kulturen (en alemán). Berlín: Akademie Verlag. pp. 135–152. ISBN 3-05-003581-1.
- Donado Vara, Julián; Echevarría Arsuaga, Ana (2014). Historia Medieval I: Siglos V-XII (en castelán). Madrid: UNED / Editorial universitaria Ramón Areces. ISBN 978-84-9961-151-8.
- Fees, Irmgard (2000). "War Walahfrid Strabo der Lehrer und Erzieher Karls des Kahlen?". En Thumser, Matthias; Wenz-Haubfleisch, Annegret; Wiegand, Peter. Studien zur Geschichte des Mittelalters (en alemán). Stuttgart: Theiss Verlag. pp. 42–61. ISBN 9783806214482.
- Halphen, Louis (1992). Carlomagno y el Imperio carolingio. Col. Universitaria. Serie: Historia Antigua (en castelán). Madrid: Akal. ISBN 84-7600-678-0.
- Krah, Adelheid (2015). Die Entstehung der potestas regia" im Westfrankenreich während der ersten Regierungsjahre Kaiser Karls II. (840-877) (en alemán). Berlín: De Gruyter. ISBN 978-3050035659.
- Loyn, H. R. (1998). Diccionario Akal de Historia Medieval (en castelán). Madrid: Akal. ISBN 84-460-0841-6.
- Nelson, Janet L. (1992). Charles the Bald (en inglés). Londres: Longman. ISBN 0-582-05585-7.
- Riché, Pierre (1987). Die Karolinger (en alemán). Stuttgart.