Casaquistania
Casaquistania, Kazhakhstania, terreos casacos, bloque de Casaquistán ou bloque de Kazakhstán é unha rexión xeolóxica de Asia central que comprende a área centrada no lago Balkhash, norte e leste do mar de Aral, sur do cratón siberiano e oeste dos Montes Altai. A cunca de Junggar en Xinjiang, China, tamén formaba parte de Casaquistania, aínda que ás veces se denomina bloque de Junggar. Como os terreos casacos se orixinaron durante o Ordovícico tardio como parte do cinto oroxénico de Asia central tamén se denominan oróxeno casaco. Estes terreos xeolóxicos están localizados no que hoxe é Kazakhstán, o nordés de Uzbekistán, o norte de Kirguizistán e o noroeste da China.[1] Hoxe Casaquistania está rodeada de tres grandes continentes antigos: no noroeste a zona de cizalla de Gornostaev sepáraa do cratón de Siberia co cal chocou durante o Carbonífero; ao noroeste están as terras do que foi Báltica, que se sitúa a carón do terreo xeolóxico casaco do val de Turgai, pero lonxe de Casaquistania; ao sur e leste estaba Gondwana que se estendía desde o polo sur ao ecuador. Non lonxe dos dispersos terreos casacos estaban os cratóns do sur da China, norte da China, e do Tarim, pero non se coñece como estaban situados eses bloques continentais en relación a Gondwana.[2]
Evolución tectónica
[editar | editar a fonte]A inicios do Paleozoico os terreos casacos estaban distribuídos por unha ampla rexión no norte e noroeste dos terreos de Mangyshlak, Karakum, Karakorum e Tarim.[3] Porén, a localización, orixe e afinidades faunísticas destes terreos xeolóxicos foron explicados aplicando dúas hipóteses competidoras: unha describe estes terreos como enormes arcos de illas chamados o arco de Kipchak; a outra considéraos unha serie de cintos máis ou menos paralelos. As análises faunísticass indican que algúns dos terreos probablemente se orixinaron en Gondwana en vez de en Báltica ou Siberia.[4] Unha análise de 2006 de braquiópodos indicou que as Montañas Chu-Ili debían formar un terreo xeolóxico independente perigondwánico no Ordovícico tardío localizado non lonxe dos cratóns do sur e norte da China.[5]
Estudos máis recentes indican que no Ordovícico tardío os terreos casacos formaban un arquipélago composto de grupos de arcos de illas e microcontinentes centrados no ecuador. As unidades principais desta ensamblaxe eran os terreos de Boshchekul (no norte de Kazakhstán), Chingiz-Tarbagatai (leste de Kazakhstán) e Chu-Ilu (sur de Kazakhstán). O microcontinente Atashu-Zhamshi estaba localizado na marxe suroeste do arquipélago. Algúns dos terreos fusionáronse probablemente xa no Ordovícico medio, pero é moi improbable que Casaquistania se formase como un un só continente antes do final do período.[6]
Durante o Carbonífero e Permiano, Siberia chocou con Casaquistania formando as Montañas Altai, e posteriormente Báltica colidiu orixinando a oroxenia ural, creando a base da maior parte do que hoxe é Eurasia.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Popov & Cocks 2017, Introduction, pp. 323, 325
- ↑ Popov & Cocks 2017, Late Ordovician Global Geography, pp. 325–327
- ↑ Torsvik & Cocks 2009, pp. 8–9
- ↑ Popov & Cocks 2006, p. 247
- ↑ Popov & Cocks 2006, p. 254
- ↑ Popov & Cocks 2017, Abstract; Para consultar un mapa dos terreos casacos ver Popov & Cocks 2006, Fig. 1, p. 248; Para unha reconstrución do Ordovícico tardío ver Percival et al. 2011, Fig. 1, p. 414
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Percival, I. G.; Popov, L. E.; Zhan, R. B.; Ghobadi Pour, M. (2011). "Patterns of origination and dispersal of Middle to Late Ordovician brachiopods: examples from South China, East Gondwana, and Kazakh terranes". En Gutiérrez-Marco, J. C.; Rábano, I.; García-Bellido, D. Ordovician of the World. Cuadernos del Museo Geominero 14. Madrid: Instituto Geológico y Minero de España. pp. 413–419. ISBN 9788478408573. Consultado o 27 de decembro de 2017.
- Popov, L. E.; Cocks, L. R. M. (2006). "Late Ordovician brachiopods from the Dulankara Formation of the Chu‐Ili Range, Kazakhstan: their systematics, palaeoecology and palaeobiogeography". Palaeontology 49 (2): 247–283. Bibcode:2006Palgy..49..247P. doi:10.1111/j.1475-4983.2006.00544.x.
- Popov, L. E.; Cocks, R. M. (2017). "Late Ordovician palaeogeography and the positions of the Kazakh terranes through analysis of their brachiopod faunas" (PDF). Acta Geologica Polonica 67 (3): 323–380. doi:10.1515/agp-2017-0020. Consultado o 27 de decembro de 2017.
- Torsvik, T. H.; Cocks, L. R. M. (2009). "The Lower Palaeozoic palaeogeographical evolution of the northeastern and eastern peri-Gondwanan margin from Turkey to New Zealand". Geological Society, London, Special Publications 325 (1): 3–21. doi:10.1144/SP325.2. Consultado o 27 de decembro de 2017.