Castor Calvo
Biografía | |
---|---|
Nacemento | novembro de 1903 Salcedo, España |
Morte | 24 de maio de 1977 (73 anos) |
Actividade | |
Ocupación | boxeador, axente comercial |
Deporte | boxeo |
Castor Calvo Moldes, nado no Pino (Salcedo, Pontevedra) en novembro de 1903 e finado o o 24 de maio de 1977, foi un boxeador e axente comercial galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Fillo dun garda civil. Comezou a traballar no establecemento La Moda Ideal, e en 1917 o pai enviouno a San Juan (Cuyo, na Arxentina), onde xa vivían tres irmáns seus. Traballou nun almacén e en 1922 comezou a practicar boxeo tras ver un combte entre o arxentino Luis Ángel Firpo e o australiano Jim Tracey. En 1924 venceulle ao brasileiro Calilo Searamelha por KO no sétimo asalto. Comezou a formarse como adestrador deportivo e, ao tempo, foi correspondente na cidade do semanario Firpo, publicación sobre boxeo.
En 1925 Xerardo Álvarez Limeses (co pseudónimo Zaavrel) escribiu un artigo sobre Castor Calvo en El Pueblo Gallego.[1] En 1927 comezou a adestrar o Eiriña Club de Fútbol, que presidía Álvarez Limeses, mais axiña retomou o boxeo. Pelexou no Teatro Tamberlick de Vigo contra o húngaro Estern Sandor,[2] e marchou a Madrid para ser dirixido por Antonio Gil Peláez, xornalista do Heraldo. O 10 de setembro do 1927 participou nun combate no Gran Cinema de Madrid contra Inocencio Pérez, e en decembro noutro no Circo Price contra o italiano Oldani. Tras unha xira por Valencia, en xaneiro de 1928 vence en Barcelona fronte ao alxeriano Ben Youssef no Nuevo Mundo do Parallel, e en marzo declarouse nulo o seu combate fronte ao cubano Estanislao "Negro" Frías.[3]
Tras perder contra o campión de España, Ricardo Alís, no Monumental Cinema de Madrid. De regreso a Galicia, preparou novos combates en Cantabria (combate nulo contra Amador Rodríguez), Asturias (derrota ante José de la Peña no Teatro de los Campos Elíseos de Xixón) e Madrid (derrota contra Vicente Lorenzo no Circo Price). Tamén en 1928 perdeu con Youssef no Nuevo Mundo de Madrid e tivo un combate nulo con Giuseppe Oldani en Las Arenas de Barcelona. En 1929 venceulle a Álvaro Santos no Circo Americano de Valencia, perdeu de novo con Ricardo Alís en Barcelona e volveulle gañar a Ben Youssef en xuño no Iris Park de Barcelona. Gañoulle ao belga Henri van der Vyver no Frontón Urumea de Donosti e ao Negro Frías no Parque das Cabanas de Vigo, nun combate no que bordou no calzón a cruz de Santiago con dúas letras C das súas iniciais. Tivo un combate de exhibición no mesmo espazo ante Ino, e outro contra Cañoto nas festas do Apóstolo, no campo da Choupana. En Madrid tivera outro combate de exhibición ante forzudo vasco Olaguibel. Nesta nova etapa en Galicia volveu adestrar o Eiriña, e o escultor Xosé María Acuña, da mesma parroquia ca el, realizou un busto coa súa figura.
En 1930 perdeu no Salón de la Bohemia Modernista de Barcelona contra Eduardo Daufi, e gañou aos puntos no Teatro Victoría de Lleida contra o vasco Juan Berasategui. En setembro de 1930 venceu no Teatro Odeón de Vigo fronte a Jesús Rodríguez, "Pantera de Arosa". En xuño de 1931 perdeu fronte a Edelmiro Otero, "Cañoto", co título galego dos semipesados en xogo. Decidiu entón retirarse como boxeador, mais pasou a adestrar a Pantera de Arosa e a outros deportistas locais como Ferrón, Fandiño, Quintana ou o marinense Gesteiro. En 1933 participou nun combate de exhibición ante Ángel Sobral.
Pasou a traballar como representante de Augas de Mondariz e de licores, como ponche Soto e coñac Terry. En 1939 retomou os negocios comerciais, que ampliou coas representacións de mobles Los Certales, toldos El Sol, seguros de automóbil CAP e o gasóxeno Selgas. En xullo de 1931 militaba de forma activa na Juventud Socialista de Pontevedra, e foi vogal da executiva local durante a presidencia de Joaquín Loredo. Formou parte da directiva do Pontevedra Sporting Club, onde creou unha sección de boxeo.
Tras o golpe de Estado de 1936 evitou a represión grazas ao músico que dirixía a banda da Garda Cívica. En setembro viuse obrigado a organizar combates de boxeo no cine Coliseum de Pontevedra a beneficio do exército, e participou como árbitro en eventos nos que participaron Sobral, Pantera I e Pantera II, Cañoto, Cabaco, Lafuente e Ferrón entre outros. Ademais, encargáronlle organizar e liderar un equipo de fútbol que xogase polas vilas de Galicia. Nesta etapa adestrou tamén o Marín FC. Xa durante o franquismo adestrou no rocho do Edificio Sindical novos boxeadores pontevedreses como Pintos, Manolo Martínez,[4] Maquiera ou Malla Dorada. Foi directivo no Colexio de Axentes Comerciais,[5] e en 1963 asistiu á Feira de Mostras do Noroeste, celebrada en Ferrol.[6]
En 1922 lía a poesía galega de Xoán Vidal Martínez, tamén de Salcedo,[7] e na súa mocidade declarábase lector de Maxim Gorki, Víctor Hugo, Rosalía de Castro, Vicente Blasco Ibáñez, Ramón María del Valle-Inclán ou Pío Baroja.[8] A mediados de século participou en faladoiros nos cafés Carabela, Savoy e Urquín, na taberna La Niña Bonita ou na fonda La Manchega, con Celso Emilio Ferreiro, Sabino Torres, Cruz Gallástegui Unamuno, Gonzalo Adrio, Virgilio Nóvoa Gil, Cuña Novás, Luciano del Río Fernández, Emilio Álvarez Negreira ou o seu cuñado, o poeta Cándido Viñas Calvo. Foi amigo de Laxeiro, Pesqueira Salgado, Ramón Peña, Hipólito Rodríguez Soto ou Mario Granell.
Vida persoal
[editar | editar a fonte]En 1934 casou en Salcedo con Enma Vilanova Oger[9] e foi pai de Noemí e Mirian Calvo Vilanova.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Zaavrel (28 de xaneiro de 1925). "Un boxeador pontevedrés. Castor Calvo triúnfa en la Argentina". El Pueblo Gallego. p. 11.
- ↑ "La Velada de anoche". El Pueblo Gallego. 26 de outubro de 1927. p. 5.
- ↑ "Castor Calvo". El Progreso. 6 de marzo de 1928. p. 2.
- ↑ "Una charla con el pugilista Manolo Martínez". Ciudad. 10 de novembro de 1947. p. 1.
- ↑ "Nueva directiva". El Correo Gallego. 7 de febreiro de 1947. p. 2.
- ↑ Belarmo (25 de xullo de 1963). "Primera Feria de Muestras del Noroeste". El Pueblo Gallego. p. 36.
- ↑ Larrea Villamarín, Eduardo (15 de decembro de 1922). "Nota bibliográfica". Vida Gallega. p. 23.
- ↑ Rienzi (1931). De Zamora al rey Gaspar y algo de Paulino Uzcudun.
- ↑ "Enlace". El Pueblo Gallego. 22 de agosto de 1934. p. 10.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Acuña, Xosé Enrique (25 de marzo de 2015). "Castor Calvo, o boxeador amigo de artistas e escritores". Biosbardia.