Saltar ao contido

Castro, Chile

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaCastro, Chile
Imaxe

Localización
Mapa
 42°28′57″S 73°45′51″O / -42.4824, -73.7643
EstadoChile
RexiónRexión de Los Lagos
ProvinciaProvincia de Chiloé
ComunaCastro (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Capital de
Poboación
Poboación33.417 (2017) Editar o valor en Wikidata (2.346,7 hab./km²)
Xeografía
Superficie14,24 km² Editar o valor en Wikidata
Altitude130 m Editar o valor en Wikidata
Creación 1567Asentamento Editar o valor en Wikidata

Sitio webcastromunicipio.cl Editar o valor en Wikidata

Castro, tamén coñecida como Santiago de Castro, é un municipio (comuna) e unha cidade de Chile na Illa Grande de Chiloé, no arquipélago de Chiloé, na X Rexión dos Lagos. En 2017, a comuna tiña un total de 43 807 habitantes.[1] A súa área é de 473 km2. Castro é tamén a capital da Pronvicia de Chiloé.

Integra canda as comunas de Ancud, Curaco de Vélez, Chaitén, Chonchi, Dalcahue, Futaleufú, Hualaihue, Palena, Puqueldón, Queilén, Quellón, Quemchi e Quinchao o Distrito Electoral N° 58 e pertence á Circunscrición Senatorial 17ª. Está localizado a 1.214 km de Santiago e é a terceira cidade máis antiga de Chile con existencia continuada, sendo fundada o 12 de febreiro de 1567, polo Mariscal vasco Martiño Ruiz de Gamboa, sendo gobernador o galego Rodrigo de Quiroga.

Xeografía

[editar | editar a fonte]
Palafitas en Castro.

A comuna está formada por unha estreita liña de terra da Illa Grande, entre as comunas de Dalcahue e Chonchi, e por dúas illas menores. Na deshabitada costa que dá ao océano Pacífico, esta franxa ten uns 4,5 km de ancho e os seus límites son o río Anay ao norte e o Cole-cole ao sur. Esa zona está na Cordilleira da Costa de Chiloé e cóbrena bosques do tipo valdiviano, que en parte pertencen ao Parque Nacional Chiloé. Na costa leste, concéntrase case a totalidade da poboación da comuna, na cidade de Castro (latitude 42º27'48" S, lonxitude 73º48'29" O) e os seus arrabaldes. A cidade está emprazada nunha lingua de terra entre o estuario do río Gamboa e o esteiro de Ten-tén, na ribeira dun fiorde sinuoso que constitúe un resgardo para as embarcacións, aínda que a súa entrada sexa perigosa por ser estreita e estar chea de rochas. Ao outro lado do fiorde está a Península de Rilán, que tamén pertence á comuna e é onde se desenvolve a maior parte da actividade agrícola da comuna. As illas de Quehui e Chelín están un pouco ao sur de Aguantao, o extremo da península.

Castro visto desde o mar.

Castro e arredores

[editar | editar a fonte]
Palafitas, sector Gamboa.
Estaleiros con vista cara a Gamboa
Capela de madeira en Gamboa
Antigo motor a vapor, Plazuela del Tren
Antiga locomotora, Plazuela del Tren

O Parque Municipal atópase na parte alta da cidade. Nel celébrase todos os veráns o Festival Costumista Chilote, o máis grande do seu tipo no sur de Chile. Neste parque hai zonas para comer, onde os veciños poñen postos de comidas típicas e mostras artesanais locais. Ademais, en dito recinto celébrase a Feira da Biodiversidade, que ofrece mostras de produtos agrícolas, por exemplo, as distintas variedades de patacas existentes e cultivadas no arquipélago

O pequeno parque Plazuela del Tren creouse sobre o terreo da antiga estación que foi destruída no terremoto de 1960. Unha antiga locomotora e outros obxectos que fan referencia á historia da liña ferroviaria fundada en 1912 entre Castro e Ancud están expostos alí.[2]

Na vila de Nercón, a 5 kms ao sur de Castro, e incorporado ao radio urbano desde 2007, atópase a igrexa Nosa Señora de Gracia de Nercón, construída en 1886-90 cun pequeno xardín diante do edificio. Foi declarada Monumento Nacional o 27 de xullo de 1984 e Patrimonio da Humanidade en decembro de 2000.

Entre Nercón e Castro pódense visitar os estaleiros onde se constrúen lanchas de madeira, cerca da ponte do río Nercón hai unha animita moi coñecida na provincia.[3]

No cerro Millantuy encóntrase un monumento á virxe María, ofrecendo unha boa vista do centro da cidade e o fiorde de Castro.

Península de Rilán

[editar | editar a fonte]

Ten forma semellante a un triángulo, coa súa base no lado sur. Está parcialmente separada do resto da Illa Grande polo fiorde de Castro e a Canle Dalcahue sepáraa da illa Quinchao. Ten unha superficie aproximada de 100 km² e a súa maior anchura, uns 18 km, áchase entre as puntas de Peuque e Aguantao. Na costa da península existen varios pequenos poboados como Curahue, Quilquico e Rilán, o máis grande dos tres. No lado que está máis próximo á cidade de Castro están as praias de Quento, Tongoy e Yutuy, que son usadas como balneario. A poboación adícase á agricultura e á gandaría ou desprázase a traballar a Castro e a outros lugares próximos durante o día.

Canda Chelín forma o grupo Quehui. Ten forma de pinzas de cangrexo, cos dous embarcadoiros no medio das pinzas, nos sectores de Los Ángeles e San Miguel. Na illa distínguense outros dous sectores: Camahue e Peldehue. Debido á distancia de 2 quilómetros que separa Quehui da veciña illa de Lemuy (que está conectada á rede eléctrica rexional) e á escasa demanda na illa por causa da súa pequena poboación, poboación de 1200 habitantes máis ou menos,[4] toda a electricidade provén dun motor xerador que opera entre as 21:00 e as 24:00 de cada día.

Está entre Lemuy e Quehui, a unhas dúas horas de navegación desde a capital comunal.

Ten unha superficie duns 12 km2 e está habitada por unhas 800 persoas aproximadamente, que se dedican á agricultura, á salmonicultura e ao turismo. A illa divídese nos sectores de Huechochelín e Chelín Bajo, neste último atópase unha das 16 igrexas de Chiloé que foron declaradas Patrimonio da Humanidade.

Crese que o seu nome procede da lingua chono e que significa "cerro pequeno".[5]

Localidades

[editar | editar a fonte]
Igrexa da Nosa Señora de Gracia de Nercón, Patrimonio da Humanidad.

Localidades da comuna de Castro:[6]

Localidade Poboación (2002) Vivendas (2002) Categoría INE
Castro 29.148 7.711 Cidade
Llaullao 753 205 Aldea
Nercón 643 179 Aldea
Rilán 333 106 Aldea
Los Ángeles 112 52 Casarío
Pidpid 102 30 Casarío
San José Capilla 58 17 Casarío
Quilquilco 40 15 Casarío
Putemún Bajo 28 11 Casarío

Castro posúe un clima de tipo oceánico, e unha media de temperaturas en torno aos 11 °C, as chuvias son da orde dos 1830 mm, incluso inferiores aos que se rexistran na cidade de Valdivia, polo efecto da Cordilleira da Costa, que deixa esta cidade a sotavento das precipitacións.

Igrexa Apóstolo Santiago, Patrimonio da Humanidade

Os conquistadores españois tomaron posesión do arquipélago en 1567 e no sector chamado Quiquilhue polos huilliches decidiron fundar a capital, debido a que era un lugar fácil de defender e tiña abundante auga, ademais de pequenas cantidades de ouro arrastradas polo río. O fundador foi Martín Ruiz de Gamboa, quen bautizou o río co seu apelido e a futura cidade chamouna Santiago de Castro, polo apóstolo Santiago e o Vicerrei interino do Perú, Lope García de Castro. Conforme ao costume, realizouse un repartimento de terreos e indíxenas en encomendas e dividiuse a nova cidade nun plano de dameiro.

Incursións de corsarios e levantamento indíxena

[editar | editar a fonte]
Vista do fiorde de Castro.

O corsario holandés Baltazar de Cordes logrou apoderarse de Castro en abril de 1600 coa axuda dalgúns indíxenas. Cordes era o capitán dunha das naves da expedición que Jacobo Mahú e Simón de Cordes, entre outros comerciantes de Rotterdam, que a emprenderan para comerciar con América, establecer colonias e socavar o poderío español.

Ao cruzar o Estreito de Magalláns, as tormentas separaron a frota e "La Fe", ao mando de Baltasar de Cordes refuxiouse no arquipélago de Chiloé. Os holandeses recibiron auxilio dos huilliches de Lacuy e pactaron con eles unha alianza para tomar Castro e acabar cos españois. Mediante o subterfuxio de facerse pasar por comerciantes pacíficos e contar que eles desexaban axudar a repeler un pronto ataque dos indíxenas co que finxiran estar de acordo, Cordes gañouse a confianza das autoridades de Castro e logrou que os poboadores da cidade se encerraran na igrexa. Unha vez chegados os huilliches, matou os seus xefes e tamén os varóns españois e construíu un forte improvisado.

Nese momento, tivo coñecemento da chegada de corsarios a Chiloé o coronel don Francisco del Campo, quen se aprestaba para iniciar os plans dunha repoboación de Valdivia, que fora atacada polo levantamento indíxena iniciado no desastre de Curalaba. Así, ante o temor de que estes estranxeiros puideran unirse aos indíxenas alzados, e prestarlles unha inmensa axuda; del Campo decidiu inmediatamente pórse en marcha cara ao sur.

Logo, cando este forte foi retomado polo continxente español, Cordes fuxiu por mar e estivo varias veces a punto de ser atrapado. Finalmente, apresárono as autoridades de El Callao.

Referente ao coronel don Francisco del Campo, este retornou a Osorno, cidade que nese momento se encontraba nunha situación calamitosa; produto do alzamento huilliche.

Chegada dos exiliados de Osorno

[editar | editar a fonte]

Vendo o coronel del Campo que unha maior resistencia dos españois en Osorno a nada bo conduciría, dada a falta de axuda exterior, resolveu, de acordo coa veciñanza, o traslado de toda a xente a Castro. Del campo morrería no momento no que se reunían embarcacións para cruzar a Castro, sendo o capitán Jerónimo de Peraza, substituto de del Campo, quen cumpriría o obxectivo que levou o seu xefe ao sur; e volver a Osorno.

Finalmente, Francisco Hernández Ortiz Pizarro, despois de largos meses asediado nun pequeno fortín na destruída Osorno cos soldados e habitantes sobreviventes decidiu marchar cara a Chiloé apoiado por algúns indios yanaconas; e finalmente enviou as mulleres e nenos a Castro, quedando os soldados e indíxenas aliados en Calbuco e en Carelmapu.

Arquitectura

[editar | editar a fonte]

Na comuna existen catro igrexas que foron declaradas Patrimonio da Humanidade pola Unesco, a de Castro, a de Rilán, a de Nercón e a de Chelín. Outros templos da chamada escola chilota de arquitectura relixiosa en madeira son o de San Miguel na illa de Quehui e o que existía en Quilquico e foi demolido a causa da deterioración da súa estrutura e a imposibilidade de reparalo nese momento.

En dous sectores da cidade hai palafitas, casas construídas sobre estacas de madeira na ribeira, sobre o mar. Os que aínda se manteñen en pé, están actualmente nos sectores "Pedro Montt" e "Gamboa". Antano existían moitos outros no sector "Pedro Aguirre Cerda", pero resultaron destruídos a raíz do terremoto e maremoto de maio de 1960.

A cidade presenta dous museos importantes, o Museo Rexional de Castro, cunha colección de obxectos chilotes e o Museo de Arte Moderna Chiloé.

Lista de alcaldes de Castro
Período Nome do alcalde Partido político
19931996 José Sandoval Gómez PS
19972000 Nelson Águila Serpa DC
20012004 Nelson Águila Serpa DC
20052008 Nelson Águila Serpa DC
20092016 Nelson Águila Serpa DC
Dende o 6 de decembro de 2016 Juan Vera Sanhueza UDI
  1. Instituto Nacional de Estadísticas (22 de decembro de 2017). "Censo 2017: Primera entrega de resultados definitivos - Cantidad de personas por sexo y edad" (XLSX). Consultado o 23 de decembro de 2017. 
  2. Jorge Sánchez R.: Chiloé - tradición y cultura, p. 33. Santiago de Chile. ISBN 956-309-024-1
  3. Juan Mancilla Pérez: Pueblos de Chile, p.45. Castro 2008
  4. "Isla Quehui" (en español). Turismo Quehui. Arquivado dende o orixinal (www.turismoquehui.cl) o 12 de xaneiro de 2012. Consultado o 9 de xaneiro de 2012. 
  5. Ramírez, 1995
  6. INE (2005). "Chile: Ciudades, Pueblos, Aldeas y Caseríos" (PDF comprimido en ZIP). 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]