Saltar ao contido

Colección numismática do Museo Paulista

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Colección numismática do Museo Paulista

Tipocolección Editar o valor en Wikidata
Tema principalnumismática Editar o valor en Wikidata
Parte deColección do Museo Paulista Editar o valor en Wikidata
Localización
Mapa
 23°35′08″S 46°36′35″O / -23.58542, -46.60974
LocalizaciónMuseo Paulista Editar o valor en Wikidata
Acontecementos
agosto de 2007 furto Editar o valor en Wikidata
Wikidata ]

A colección numismática do Museo Paulista é a constituída polas moedas, as medallas e o papel moeda pertencentes aos fondos do Museo de Ipiranga, da Universidade de São Paulo, en Brasil, tamén coñecido como Museo Paulista.

O seu núcleo inicial foi a adquisición dos fondos do Museo Sertório, en outubro de 1890, polo político e banqueiro Francisco de Paula Mayrink e doada despois ao Estado de São Paulo. Estes fondos foron ampliados ao longo das décadas a través de doazóns e adquisicións, como a da colección do escritor Júlio Ribeiro, comprada en 1895, e a do expresidente Manuel Ferraz de Campos Sales, doada en 1902, ata que na década de 1940 a colección sumaba xa en torno ás nove mil pezas.

Aínda que esta colección existe desde a propia fundación do Museo Paulista, a súa consideración como sección con entidade propia dentro do museo iniciouse en 1946, durante o período de Sérgio Buarque de Holanda como terceiro director da institución. Para a súa xestión, o museo contratou naquel momento como coordinador o numismático Álvaro da Veiga Coimbra, posteriormente director (1953-1959) da Sociedade Numismática Brasileira.

Trátase da maior colección numismática pública do Estado de São Paulo, e conta cunha ampla representación da moeda brasileira, así como outras temáticas salientables, como a de vales particulares en papel, os notgelds xermanos e as moedas da Antiga Roma.

As coleccións de numismática foron unha constante nos grandes museos de temática histórica, e no Brasil comezaron a xurdir no século XIX as primeiras grandes coleccións institucionais, como a do Museo Nacional (1818),[1] a do Museo Emílio Goeldi (1871) e a da Biblioteca Nacional (1880).[2][3]

Os fondos do Museo Sertório,[4] que foi o núcleo inicial das coleccións do Museo Paulista,[5] contiñan unha “unha gran colección numismática, con preto de dúas mil moedas e medallas de todos os países”, en palabras do botánico sueco Albert Löfgren, na súa visita á institución en 1881.[3][6] Todos os fondos do museo, xunto co propio edificio que o albergaba, foron adquiridos o 29 de outubro de 1890 polo conselleiro Francisco de Paula Mayrink —pola cantidade de 250.000 réis—, quen posteriormente llos doou ao Estado de São Paulo, en decembro do mesmo ano, expresando o seu desexo de que a colección se instalase no edificio-monumento do Ipiranga, que daquela época aínda estaba en construción.[7]

Cando se constituíu o Museo Paulista, en 1895, o seu primeiro regulamento prevía xa a existencia dunha "colección de numismática", e o daquela director, Hermann von Ihering, comentaba ese mesmo ano que a colección numismática xa posuía "unha gran representación das moedas portuguesas e brasileiras deste século e do pasado", nunha carta dirixida ao dierctor do Museo Nacional. Nos primeiros anos de existencia do Museo Paulista, as súas coleccións nutríronse substancialmente a través de adquisicións e doazóns diversas.[3][6]

Aínda no mesmo 1895, realizouse a compra da colección de moedas do filólogo Júlio Ribeiro, por valor de 15.000 réis, e dous anos máis tarde, en 1897, adquiriuse por 700.000 réis a colección de Eugênio Hollander. Xa iniciado o século XX, en 1902 recibiuse como doazón a colección do expresidente da República Campos Sales, que contiña unha gran diversidade de pezas numismáticas. Pola súa banda, en 1905 o museo adquiriu por mil réis a colección do odontólogo Oscar da Veiga, e en 1908 comprouse unha colección de trinta moedas de prata, por importe de 90.000 réis.[6]

Expositor con moedas no Museo Paulista.

A esas importantes incorporacións sumáronse ao longo dos anos diversas pezas individuais e pequenas coleccións. Co fin de enriquecer os fondos numismáticos do museo Paulista, intentáronse tamén adquisicións insterinstitucionais: en 1895, von Ihering prourou permutar a colección numismática do Seminario Episcopal de São Paulo por exemplares duplicados de animais disecados do Museo, máis esta proposta non fora aceptada polo reitor do Seminario. Tamén se propuxera infrutuosamente en 1915 o troco de espécimes repetidos da colección numismática con outros da Biblioteca Nacional do Río de Xaneiro. O director Hermann von Ihering, como profesional das ciencias naturais, carecía de coñecementos específicos de numismática, o que o levou a manter unha relación epistolar co numismático Julius Meili, co fin de aclarar as súas dúbidas acerca dalgunhas pezas do Museo. Na súa correspondencia coa Secretaría do Interior tamén son habituais as solicitudes de contratación dun axudante numismático por parte do Museo, o que non se materializou durante a súa dirección, concluída en 1916.[6]

No ano seguinte, a xestión do Museo Paulista foi asumida polo historiador Afonso d'Escragnolle Taunay, que permaneceu no cargo ata 1946. Neste período, os informes da institución de 1922 a 1925 mencionan as coleccións de numismática, que estaban daquela abertos á consulta dos investigadores. Durante ese período, o Museo adquiriu para os seus fondos numismáticos unha colección de vales emitidos por particulares en papel.[2]

Dese xeito, a colección numismática chegou á década de 1940 con arredor de 9.000 pezas. Logo da toma de posesión de Sérgio Buarque de Hollanda como director do museo en 1946, a colección numismática constituíuse como un departamento específico: o Decreto lei 16 565, do 27 de decembro de 1946, reorganizaba o Museo Paulista e creaba a "Sección de Numismática", así como o posto de numismático dentro do cadro de persoal da institución, o que repercutiu na mellora da xestión e do mantemento da colección numismática.[8] O primeiro especialista en ocupar o novo posto foi o coleccionista Álvaro da Veiga Coimbra, que posteriormente chegou a ser tamén o director da Sociedade Numismática Brasileira (SNB) entre 1953 e 1959.[2]

A colección

[editar | editar a fonte]
Vale de 1.000 réis de Minas Xerais, anterior a 1935, roubado do Museo Paulista en 2007.

A colección numismática do Museo Paulista é no primeiro terzo do século XIX a maior de carácter público en todo o Estado de São Paulo, sinaladamente no relativo ás moedas do Brasil e os vales privados emitidos en papel en diversos territorios brasileiros en momentos de crise económica.[2]

En 2003 incorporouse aos fondos do museo unha colección composta por notgeld, emisións de papel moeda de emerxencia características de tempos de guerra en Alemaña e Austria. Este grupo componse de 330 pezas, datadas na súa maior parte entre 1913 e 1920, e está acompañado tamén dalgúns exemplares do período nazi.[2]

Teñen tamén unha particular relevancia na colección as moedas da Antiga Roma, tanto da República como do Imperio. O Museo publicou en 2015 un catálogo que recolle esta parte da súa colección, titulado A coleção de moedas romanas da Universidade de São Paulo, que recolle tamén a colección do Museo de Arqueoloxía e Etnoloxía da USP, cun total de 669 pezas de ouro, de prata e de bronce emitidas entre 312 a.C. e 455 d.C.[9]

Roubos na colección

[editar | editar a fonte]

Na noite do 25 de xaneiro de 1898 uns individuos entraron nas instalacións do museo gabeando polo pararraios e roubaron un número indeterminado de moedas, entre elas varios exemplares de ouro. Na Revista do Museu Paulista dese mesmo ano, o seu director Hermann von Ihering estimaba un prexuízo para a institución de arredor de 800.000 réis. Como consecuencia deste feito, reforzáronse con reixas as fiestras do edificio-monumento que albergaba o museo e creouse un destacamento policial para a súa vixilancia nocturna. Nos anos seguintes sumáronse varias outras melloras na seguridade, sinaladamente logo da incorporación da colección de Campos Sales, que requiría unhas condicións especiais . Baixo a dirección de Ihering, pechouse a Praza da Independencia e instalouse un novo alumamento na contorna do edificio, e no seu interior instalouse moblaxe axeitada para o acondicionamento das coleccións, entre elas a numismática.[6][10]

Notegeld ou billete de emerxencia de Krummnussbaum, por valor de 50 heller (1920), tamén subtraído do museo en 2007.

En agosto de 2007 produciuse un novo roubo na colección numismática, como consecuencia do cal desapareceron arredor de 900 pezas, correspondentes fundamentalmente a notgelds, billetes emitidos por bancos brasileiros no inicio do século XX, vales privados e moedas de ouro. Naquel momento, os expertos avaliaron o material roubado en torno aos 100.000 reais.[11][12][13][14]

Parte das pezas roubadas foron recuperadas días despois pola Policía Civil. Nos primeiros días de setembro de 2007, o Museo Paulista facilitou á policía os números de serie correspondentes aos billetes roubados, que tamén se fixeron públicos entre a comunidade numismática a través do sitio web da Sociedade Numismática Brasileira. O 4 de setembro, un coleccionista informou de que adquirira 16 dos billetes roubados nunha feira de antigüidades da Praza Benedito Calixto, e outro coleccionista adquiriu outros 24 billetes nun comercio da galería comercial do edificio da SNB, na rúa 24 de Maio, no centro de São Paulo. Ademais da devolución destas pezas adquiridas polos coleccionistas, aprehendéronse tamén dúas moedas e dúas medallas roubadas.[15][16]

  1. Vieira, R. M. L. (1995). "Uma Grande Coleção do Moedas no Museu Histórico Nacional?". En Anais do Museu Histórico Nacional. Vol. 27. Rió de Xaneiro. Páxinas 91.112.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 "O Setor da Numismática" e "Formas alternativas de dinheiro". En Almeida, A. J. et al. (2003). Páxinas 238-248.
  3. 3,0 3,1 3,2 Perroni, L. K (2021).
  4. Carvalho, P. (2015). “De uma “cientificidade difusa”: o coronel e as práticas colecionistas do Museu Sertório na São Paulo em fins do século XI”. En Anais do Museu Paulista. Páxinas 189-210.
  5. Carvalho, P. (2014). “O Museu Sertório: uma coleção particular em São Paulo no final do século XIX (primeiro acervo do Museu Paulista)”. En Anais do Museu Paulista. Páxinas 105-152.
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 Moraes, F. R. (2008).
  7. Carvalho, P. C. A. (2014).
  8. "Decreto-lei n. 16.565, de 27 de dezembro de 1946". Assembleia Legislativa do Estado de São Paulo. 27 de decembro de 1946.
  9. Florenzano, M. B. (2015). A Coleção de Moedas Romanas da Universidade de São Paulo. MAE - USP, São Paulo.
  10. Ihering, H. (1900).
  11. "900 cédulas e moedas raras são furtadas do museu do Ipiranga". En Folha de São Paulo. 10 de agosto de 2007.
  12. "Moedas e notas somem no Museu do Ipiranga". En A Tarde. 10 de agosto de 2007.
  13. "Acervo do Museu do Ipiranga é furtado". En Globo.com. 9 de agosto de 2007.
  14. "PF não tem pistas sobre furto no Museu do Ipiranga". En Globo.com. 10 de agosto de 2007.
  15. "Colecionadores devolvem 10% do acervo furtado no Museu do Ipiranga". En Globo.com. 11 de setembro de 2007.
  16. "Policía recupera parte del acervo robado del Museo Ipiranga". En Globo.com. 9 de novembro de 2007.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]