Museo da Royal Mint
Museo da Royal Mint | ||||
---|---|---|---|---|
![]() | ||||
Tipo | museo e museo independente ![]() | |||
Tema principal | Numismática. | |||
Parte de | Royal Mint ![]() | |||
Instalacións | Baño accesible ![]() | |||
Matriz | Royal Mint. | |||
Localización | ||||
| ||||
Estado | Reino Unido | |||
País | Gales | |||
Área principal | Rhondda Cynon Taf ![]() | |||
Localización | Llantrisant, Gales. | |||
Código postal | CF72 8YT ![]() | |||
Enderezo | Llantrisant, Pontyclun CF72 8YT ![]() | |||
Altitude | 66,4 m ![]() | |||
Datas | ||||
Fundación | 1816: Creación. 2009: Entidade independente. | |||
Persoas e organizacións | ||||
Fundador/a | William Wellesley Pole. | |||
Dedicado a | Museo numismático. | |||
Director/a | Kevin Clancy.[1] | |||
Presidente/a | Andrew Burnett. | |||
Patrimonio cultural | ||||
Premios | 2017: Premio da Sociedade Británica da Medalla de Arte.[2] | |||
Contacto | ||||
Páxina WEB | royalmintmuseum.org.uk ![]() | |||
[ Wikidata ] |
O Museo da Royal Mint (en inglés: Royal Mint Museum; en galés: Amgueddfa Bathdy Brenhinol) é un museo numismático situado en Llantrisant, Gales, que alberga unha colección de moedas, medallas, obras de arte e equipamentos de cuñaxe que anteriormente eran propiedade da Real Casa da Moeda do Reino Unido.
Malia compartir sede coa propia Royal Mint, o museo constitúese como unha entidade independente daquela, aínda que a colaboración entrabas as institucións deu lugar a un novo centro de visitantes, cun investimento de nove millóns de libras esterlinas, para que o público poida ver parte da colección do museo.
Historia
[editar | editar a fonte]Conformación da colección
[editar | editar a fonte]Logo de senllas iniciativas anteriores que resultaran frustradas, en 1806 e en 1811, da man dos daquela Masters of the Mint Charles Spencer e Henry Bathurst, o Museo da Royal Mint foi creado en 1816 por iniciativa do seu sucesor no cargo William Wellesley Pole, como unha colección propia da ceca real londiniense concibida como fonte de inspiración para os gravadores da propia institución.[3][4]
Ese núcleo foise nutrindo con diversas adquisicións e doazóns, algunhas tan salientables como as dos coleccionistas e filántropos Joseph Banks e a súa irmá Sarah Sophia Banks. Inicialmente, Joseph Banks fixo unha primeira doazón en agosto de 1818 dun centenar de moedas e medallas e algúns libros. Meses máis tarde, en outubro do mesmo ano, logo do falecemento de Sarah Sophia, Joseph deu cumprimento ao desexo expresado por aquela de legar toda a súa colección ao Museo da Royal Mint. Esta segunda doazón estaba composta por máis de 2.000 obxectos numismáticos e un importante fondo bibliográfico.[5][6]
O museo en Tower Hill, Londres
[editar | editar a fonte]
Coa colección xa firmemente establecida, a ceca comezou a conservar nela diversa documentación e libros de rexistros da súa actividade, así como os cuños e exemplares de proba das súas propias emisións, entre as que destacan as moedas deseñadas por Benedetto Pistrucci e a súa celebrada medalla da Batalla de Waterloo.[7]
Entre as incorporacións posteriores alleas ás emisións da propia casa da moeda destaca unha procedente da colección de E. Roberts, producida en 1829, consistente en seis cuños medievais para a produción de moedas a martelo. Pouco despois, en 1831, Thomas Harris doou unha trintena de moedas de Isabel I (1558-1603) e de Xacobe I (1603-1625). En 1838 incorporáronse unhas moedas escocesas de ouro e en xaneiro de 1842 recibíronse 36 moedas viquingas procedentes do tesouro de Cuerdale, achado dous anos antes.[8]
A partir da década de 1840 foi moi salientable a colaboración da Sociedade Numismática de Londres, fundada ese mesmo ano, á que pertencían varios membros do cadro do museo, que fixeron tamén as súas doazóns particulares.[8] Tamén nesta década iniciouse a incorporación ao museo de lingotes e pranchas metálicas históricas utilizadas na coñecida como proba ou ensaio do Pyx (Trial of the Pyx) a partir do século XIII.[9]
A representación da numismática estadounidense viuse notablemente incrementada en 1859 coa doazón por parte do profesor John Alexander, de Baltimore, consistente nunha serie completa, desde a moeda dun centavo ata a de dez dólares, que se veu sumar ao escaso exemplar do dólar Gobrecht de 1836 que o cuñador xefe da Casa da Moeda de Filadelfia Franklin Peale fixera chegar en 1837.[9]

A finais da década de 1860, baixo a dirección de Charles William Fremantle, o museo comezou unha etapa de expansión, e pódese dicir que na década de 1870, a Royal Mint posuía xa unha das mellores coleccións numismáticas do Reino Unido. No derradeiro terzo do século XIX os seus fondos ampliábanse ano a ano, debido a unha acertada política de relacións con outras casas de moeda, con coleccionistas e con comerciantes, e tamén pola adquisición de moedas procedentes de tesouros descubertos nesa época. Esta expansión fixo necesaria unha profunda reorganización da colección e, aproveitando a construción dun novo edificio nas instalacións da ceca destinado ao Departamento de Cuños e Medallas, decidiuse reservar alí un espazo para o museo, onde abriu as súas portas en outubro de 1904, cun espazo expositivo moi superior ao dispoñible ata entón.[10]
No entanto, en 1922 a ampliación do Departamento de Medallas motivou que o museo fose desaloxado destas novas instalacións e, durante un tempo, toda a colección foi almacenada nas dependencias do edificio central de oficinas da ceca. Durante os anos 30 procurouse sen éxito, en diversas ocasións, unha nova localización para o museo, e o estoupido en 1939 da segunda guerra mundial frustrou drasticamente este propósito, obrigando a albergar a colección nun lugar seguro. Deste xeito, logrou manterse a salvo do bombardeo sufrido polo edificio en 1940.[11]
Malia estar a colección oculta ao público, ao longo da década de 1930 a Royal Mint colaborou co Departamento de Moedas e Medallas do Museo Británico proporcionándolle a Harold Mattingly datos sobre a composición e a microestrutura cristalina de diversas moedas antigas da súa colección, o que en moitos casos obrigou a danar e mesmo a destruír exemplares de moedas antigas. Nestes casos, para manter un rexistro delas, fixéronse copias electrotipadas para manter na colección da Casa da Moeda. Por outra banda, unha interpretación restritiva da idea inicial de Wellesley-Pole de que o museo conservase probas de todas as novas moedas emitidas pola Casa da Moeda provocou que se producisen algunhas lagoas na representación destas pezas entre os reinados de Vitoria (1937-1901) e de Xurxo V (1910-1936). [12]
Finalizada a guerra, a colocación recolocouse nunha sala do primeiro andar do edificio principal da ceca londiniense, aínda que limitada ás moedas británicas máis sobranceiras, algúns selos e unha mostra dos fondos bibliográficos, co resto dos fondos aínda almacenados en caixas noutras dependencias. Esta mostra non estaba, porén, aberta ao público e só se autorizaba a súa apertura para visitas especiais. E a situación empeorou na década de 1960, xa que o aumento da produción de moedas da Royal Mint para estados estranxeiros fixo que se precisase máis espazo para oficinas, o que obrigou a suprimir o exiguo museo e os poucos exemplares expostos tiveron que volver ás súas caixas, almacenadas nos sotos.[13]
A década seguinte caracterizouse pola incerteza da continuidade da colección, e mesmo se considerou a posibilidade de desprendela da Royal Mint e transferila a outra institución. A situación fíxose aínda máis confusa ao se anunciar a construción dunhas novas instalacións da Royal Mint en Llantrisant, no Sur de Gales, coa idea de que a ceca se trasladase alí. Mais o novo director da institución, Harold Glover, non era partidario do traslado da colección, senón do seu mantemento en Tower Hill, e en 1971 logrou organizar a exposición dunha pequena parte dos fondos no primeiro andar do edificio principal, aínda que a marcha de Glover en 1974 e o cesamento da produción en Londres en 1975 supuxeron un novo contratempo para a colección, que non se resolveu ata que en 1980 se decidiu o seu traslado ás novas instalacións da Real Casa da Moeda en Gales.[14]
Traslado do museo á sede de Gales
[editar | editar a fonte]
As novas dependencias en Llantrisant ofreceron a posibilidade de modernización das precarias instalacións que, no mellor dos casos, o museo tivera ata daquela, e ademais o desaloxo dos edificios londinienses sacou á luz numerosos espécimes cuñados en proba, modelos en xeso, cuños e materiais diversos cuña existencia se descoñecía, sobre todo datados dos inicios do século XX, e que resultaron de moito interese para a colección. De todas estas incorporacións destaca particularmente a serie completa de 49 probas das moedas cuñadas a nome de Eduardo VIII (1936-1936), desde o cuarto de penique ata a moeda de cinco libras, que foi achada nunha caixa forte do despacho do director John Hastings James cando este se xubilou en 1970. Aínda que se supuña a existencia desta serie, non fora confirmada ata ese momento.[15]
Mesmo nesta nova etapa da Royal Mint —que pasaba a constituírse como compañía privada—, a súa vinculación co museo seguía a cuestionarse, e mesmo se estivo a piques de vincular a colección numismática ao Departamento de Moedas e Medallas do Museo Británico, aínda que finalmente se optou por acondicionar unhas instalacións adecuadas para o museo nas novas dependencias de Llantrisant.[15]
Logo da privatización da Real Casa da Moeda do Reino Unido en 2009, pola que se converteu nunha sociedade anónima, gran parte da súa colección numismática separouse para se constituír nunha entidade que pasou a denominarse Royal Mint Museum, de carácter independente e tamén constituída como sociedade anónima. Pola súa banda, os activos patrimoniais do Fondo de Comercio da Royal Mint foron transferidos ao Museo o 31 de decembro de 2009.[16]
En novembro de 2010, o Museo da Royal Mint acadou o status de entidade benéfica.[16]
A colección no século XXI
[editar | editar a fonte]Moedas
[editar | editar a fonte]A colección de moedas componse de arredor de 80.000 exemplares que abranguen todos os períodos desde a moeda da antiga Grecia e da antiga Roma ata a actualidade, aínda que a maior parte se centra na época posterior a 1660. Á parte das moedas circulantes, hai unha boa representación de probas e pezas experimentais.[17]
Unha das principais políticas do Museo é a de ter unha representación o máis completa posible das emisións da Royal Mint, tanto para Gran Bretaña como para as súas posesións ultramarinas.[17]

Equipamentos, cuños e ferramentas de cuñaxe
[editar | editar a fonte]Entre os antigos equipamentos da Royal Mint destacan media ducia de prensas de cuñaxe de principios do século XX, así como tres máquinas redutoras e elementos menores como carriños, básculas, pesas[19] e calibradores para medir o grosor das moedas.[20]
O museo alberga tamén unha nutrida colección de cuños, matrices, punzóns e ferramentas de gravado composta por arredor de 30.000 pezas. Aínda que algúns exemplares datan da Idade Media, é de sinalar a serie ininterrompida de todos os cuños das moedas e medallas producidas pola Royal Mint desde mediados do século XVII.[21]
Deseños, gravados e obras artísticas
[editar | editar a fonte]Esta parte da colección do museo componse principalmente de deseños e modelos en xeso para moedas e medallas cuñadas pola Royal Mint, os primeiros deles de mediados do século XIX. Destaca o grupo de deseños do gravador xefe William Wyon para as medallas da Grande Exposición Internacional de 1851 en Londres. Tamén hai unha boa representación de deseños da década de 1920. Ademais, no museo consérvanse todos os deseños presentados nos últimos anos nos concursos convocados para a elección dos motivos das novas emisións.[22]

Medallas
[editar | editar a fonte]O museo alberga tamén unha importante colección dunhas 12.000 medallas, con particular representación de principios do século XIX, e entre as que destacan as medallas de campaña e servizo producidas logo da Batalla de Waterloo en 1815. Tamén é salientable a representación de medallas conmemorativas das coroacións e das celebracións de aniversarios reais no trono.[23]
Sixilografía
[editar | editar a fonte]En 1901, o Deputy Master of the Mint foi nomeado ex officio gravador dos selos reais e do Goberno. Por tal motivo, durante os últimos 100 anos, a Real Casa da Moeda foi acumulando unha gran colección de copias en cobre e impresións en papel de selos oficiais producidos pola propia ceca real, tanto para o Reino Unido como para dependencias de ultramar e estados da Commonwealth, que pasaron a formar parte das coleccións do Museo.[24]
Biblioteca, arquivo e fondo fotográfico
[editar | editar a fonte]O Museo da Royal Mint ten tamén unha ampla biblioteca numismática duns 15.000 volumes, así como un arquivo que ten a súa orixe nos fondos documentais adquiridos procedentes da antiga sede da ceca en Tower Hill, que na súa maior parte data de principios do século XIX.[25]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Dr Kevin Clancy, Museum Director". The Royal Mint Museum.
- ↑ "Winners of the President's Medal & The Marshall Award". British Art Medal Society (BAMS.org.uk).
- ↑ Dyer, G. A Living Collection. Numismatic holdings of the Royal Mint. The Royal Mint Museum. Páxinas 2-4.
- ↑ "About Us". Royalmintmuseum.org.uk
- ↑ "Sarah Sophia Banks Library". Royalmintmuseum.org.uk
- ↑ Dyer, G. Op. Cit. Páxinas 4-5.
- ↑ Dyer, G. Op. Cit. Páxinas 7-8.
- ↑ 8,0 8,1 Dyer, G. Op. Cit. Páxinas 8-9.
- ↑ 9,0 9,1 Dyer, G. Op. Cit. Páxina 10.
- ↑ Dyer, G. Op. Cit. Páxinas 11-15.
- ↑ Dyer, G. Op. Cit. Páxina 18.
- ↑ Dyer, G. Op. Cit. Páxinas 16-17.
- ↑ Dyer, G. Op. Cit. Páxina 19.
- ↑ Dyer, G. Op. Cit. Páxina 19.
- ↑ 15,0 15,1 Dyer, G. Op. Cit. Páxinas 20-23.
- ↑ 16,0 16,1 "Governance". Royalmintmuseum.org.uk
- ↑ 17,0 17,1 "Coins". Royalmintmuseum.org.uk
- ↑ "Janvier Reducing Machine". Royalmintmuseum.org.uk
- ↑ "Pesas". Royalmintmuseum.org.uk
- ↑ "Minting Equipment". Royalmintmuseum.org.uk
- ↑ "Master Tools and Dies". Royalmintmuseum.org.uk
- ↑ "Artwork and Models". Royalmintmuseum.org.uk
- ↑ "Medals". Royalmintmuseum.org.uk
- ↑ "Seals". Royalmintmuseum.org.uk
- ↑ "Library and Archive". Royalmintmuseum.org.uk