Dean Fertita
(2011) | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 6 de setembro de 1970 (54 anos) Royal Oak, Estados Unidos de América (pt) |
Actividade | |
Ocupación | guitarrista, compositor, cantante, compositor de cancións |
Período de actividade | 1997 - |
Xénero artístico | Rock alternativo e garage rock |
Instrumento | Voz, guitarra e teclado |
Selo discográfico | Interscope Records |
Dean Fertita, nado o 6 de setembro de 1970 en Royal Oak, Míchigan, é un multiinstrumentista estadounidense. Fertita foi o vocalista e guitarrista de The Waxwings dende a formación da banda en 1997 ata a súa desaparición no 2005. Fertita comezou entón a colaborar con Brendan Benson tocando os teclados e a guitarra nas súas edicións en solitario e tamén foi o teclista de xira de The Raconteurs. No 2007 Fertita uniuse a Queens of the Stone Age para substituír a Natasha Shneider nos teclados e ocasionalmente toca a guitarra nalgúns temas. Na actualidade a banda está tomándose un descanso e Fertita está tocando a guitarra, os teclados e o órgano con The Dead Weather. No ano 2009 Fertita editou o seu primeiro álbum en solitario.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]The Waxwings
[editar | editar a fonte]En 1997 Fertita formou a banda de power pop The Waxwings xunto con baixista Kevin Peyok, o batería James Edmunds e o guitarrista Dominic Romano. O nome da banda, así como o nome do seu álbum de estrea, ven da primeira liña dun poema que aparece na novela de Vladimir Nabokov Pale Fire. No ano 2000 The Waxwings asinaron co selo Bobsled Records e comezaron a traballar no seu primeiro disco, Low to the Ground, gravado nos Terrarium Studios de Minneapolis, Minnesota con Bryan Hanna. No 2002 a banda sacou o seu segundo álbum, Shadows Of... Despois da festa de presentación do disco, unha carta do xefe de Bobslead Records Bob Salerno na cal ridiculizaba a banda por considerar que fixera un concerto moi pobre foi publicada no foro Velvet Rope creando unha enorme controversia.
Debido a este feito o terceiro álbum do grupo, Let's Make Our Descent, gravado con Brendan Benson, foi editado polo selo Rainbow Quartz Records no ano 2004. No 2005 a banda anunciou na súa páxina web que comezaran a traballar en temas para un cuarto álbum. Dende entón os membros do grupo involucráronse noutros proxectos e a páxina non volveu ser actualizada.
Colaboración con Brendan Benson
[editar | editar a fonte]Despois da ruptura de The Waxwings no 2004, Fertita foi recutado por Brendan Benson para tocar os teclados na súa xira británica. Fertita coñeceuno a través de amigos mutuos no instituto, e estableceron unha relación de traballo moi cedo. Fertita cita a Benson como unha grande influencia, inspirándoo a centrarse máis na enerxía en vez de escribir cancións con fortes riffs. Cando Benson formou The Raconteurs Fertita foi recrutado para tocar os teclados e o órgano na xira de promoción do álbum Broken Boy Soldiers. Fertita uniuse á banda e gravou o clavinet no segundo álbum do grupo, Consolers of the Lonely, no ano 2008.
Queens of the Stone Age
[editar | editar a fonte]Durante a xira Fertita coñeceu a Hutch, o técnico de son da banda, que tamén traballaba con Queens of the Stone Age. No 2007 Hutch pediulle a Fertita unirse a Queens of the Stone Age como novo teclista e guitarrista adicional, substituíndo á finada Natasha Shneider. Fertita aceptou e xunto co novo membro no baixo Michael Shuman gravaron as derradeiras cancións extra de Era Vulgaris. O álbum editouse o 12 de xuño dese ano e seguiulle a Duluth Tour, que os levou a actuar en pequenas cidades. O 16 de agosto do 2008 Queens of the Stone Age realizou un concerto na honra de Natasha Shneider no Henry Fonda Theatre en Los Angeles. Uníronse no escenario a Alain Johannes, Jack Black, Kyle Gass, Matt Cameron, Brody Dalle, Jesse Hughes, Chris Goss e PJ Harvey. A recadación do concerto foi destinado a pagar os custos asociados á enfermidade de Natasha. Na actualidade os membros da banda están envoltos en varios proxectos, pero segundo o guitarrista Troy Van Leeuwen planean reunirse no verán do 2010.
The Dead Weather
[editar | editar a fonte]No 2009 Fertita, xunto con Jack White na batería, Alison Mosshart como vocalista e Jack Lawrence ao baixo formaron The Dead Weather. A banda inicialmente só quería gravar un sinxelo de 7 polgadas pero os plans cambiaron e a banda compuxo e gravou o seu álbum de estrea en quince días. O disco, Horehound, editouse o 14 de xullo do 2009 e foi seguido por unha xira de presentación. No mes de outubro o vocalista Alison Mosshart confirmou que o segundo álbum estaba a medio camiño. Posteriormente Jack White revelou nunha entrevista que a banda agardaba ter de 20 a 25 cancións listas para a súa xira australiana en marzo do 2010. Máis tarde confirmouse que o primeiro sinxelo do novo traballo, Sea of Cowards, chamaríase "Die by the Drop" e aparecería o 30 de marzo.
Traballo en solitario
[editar | editar a fonte]No 2009 Fertita editou o seu primeiro disco en solitario baixo o nome Hello=Fire. O álbum foi gravado durante un ano e medio cando Fertita e os seus amigos atopaban tempo dispoñible nos estudos, aínda que algúns temas foron compostos tempo antes, durante a xira con Brendan Benson nos anos 2005 e 2006. O álbum inclúe colaboracións dos seus compañeiros en Queens of the Stone Age Troy Van Leeuwen, Joey Castillo e Michael Shuman, así como a de Brendan Benson e a de Michael Horrigan de Afghan Whigs. O álbum auto-titulado editouse o 26 de outubro do 2009 a través do selo Schnitzel Records, e a cancións "Nature of Our Minds" foi o seu primeiro sinxelo. Fertita tiña plans para realizar unha serie de concertos para promocionar o álbum durante o descanso de Queens of the Stone Age, pero despois de unirse a The Dead Weather as actuacións foron canceladas.