Die ägyptische Helena
Die ägyptische Helena A Helena exipcia | |
---|---|
Forma | Ópera |
Actos e escenas | 2 actos |
Idioma orixinal do libreto | Alemán |
Libretista | Hugo von Hofmannsthal |
Fontes literarias | Electra de Sófocles |
Estrea | 6 de xuño de 1928 |
Teatro da estrea | Semperoper |
Lugar da estrea | Dresden |
Duración | 2 horas 15 minutos |
Música | |
Compositor | Richard Strauss |
Personaxes | |
Die ägyptische Helena (en galego A Helena exipcia) é unha ópera en dous actos con música de Richard Strauss e libreto en alemán de Hugo von Hofmannsthal, sendo a quinta e penúltima colaboración do libretista austríaco e compositor alemán. A súa estrea tivo lugar na Semperoper de Dresden o 6 de xuño de 1928 baixo a dirección de Fritz Busch.
Libreto
[editar | editar a fonte]A ópera está baseada na lenda grega de Helena de Troia e o seu legado, o conflito épico de dez anos coñecido como a Guerra de Troia. Helena foi "a cara que activou a mil navíos". A súa lendaria beleza e a contenda entre o seu marido grego e o seu amante troiano levaron as dúas nacións a combateren amargamente durante máis dunha década. A pesar de non haber unha única fonte dominante sobre os acontecementos da Guerra de Troia, hai aínda menos sobre que pasou con Helena e Menelao, logo de que a parella marchase de Troia. Esta ópera de Strauss e Hofmannsthal é unha de tantas versións.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Como inspiración para a historia, Hofmannsthal empregou fontes como Eurípides e Estesícoro. Estreouse o 6 de xuño de 1928 na Semperoper de Dresden, sendo Fritz Busch o director da orquestra. Strauss escribira o papel titular pensando en Maria Jeritza mais, creando bastante sensación na época, a administración da ópera de Dresden rexeitou pagar os enormes honorarios de Jeritza e no seu lugar seleccionou a Elisabeth Rethberg como Helena de Troia.[1] Jeritza ao final interpretou a obra en Viena e Nova York.
Strauss fixo trocos na ópera en 1933, cinco anos despois da estrea, traballando con Lothar Wallenstein e o director Clemens Krauss.[2][3] Esta ópera rara vez se representa na actualidade, aparecendo nas estatísticas de Operabase con tan só 3 representacións no período 2005-10.[4]
Personaxes
[editar | editar a fonte]Personaxe | Tesitura | Elenco na estrea, 6 de xuño de 1928 (Director: Fritz Busch) |
---|---|---|
Helena, muller de Menelas. | soprano | Elisabeth Rethberg |
Menelas. | tenor | Curt Taucher |
Hermione, súa filla. | soprano | Anneliese Petrich |
Aithra, a filla do rei exipcio: unha feiticeira. | soprano | Maria Rajdl |
Altair. | barítono | Friedrich Plaschke |
Da-Ud, seu fillo. | tenor | Guglielmo Fazzini |
Dous serventes de Aithra. | soprano, mezzosoprano |
Erna Berger, Sigrid Rothermel |
Catro elfos. | dúas sopranos, dúas contraltos |
Angela Kolniak, Eva Johnn, Elfriede Haberkorn, Sigrid Rothermel |
Die allwissende Muschel, a omnisciente cuncha mariña. | contralto | Helene Jung |
Argumento
[editar | editar a fonte]Acto I
[editar | editar a fonte]O pasado mitolóxico
No seu pazo insular, a feiticeira Aithra espera en van o regreso de Poseidón. A cuncha mariña omnisciente dille que aínda que Poseidón está lonxe, permanece firmemente namorado dela. A cuncha fala entón dun barco no que a muller máis fermosa do mundo, Helena de Troia, está a piques de ser asasinada polo seu home, Menelas. Para salvar a muller, Aithra conxura unha treboada instantánea para facer naufragar os pasaxeiros, que axiña chegan á beira e aparecen no pazo. Helena estivera tratando de salvar o seu matrimonio, mais Menelas non pode perdoala pola súa traizón con Paris a comezos da Guerra de Troia. Amargamente, impediu á súa filla, Hermione, coñeza a súa propia nai. En terra, Menelas novamente planea acoitelar a súa dona, pero a visión da súa beleza á luz da lúa fai que dubide. Para asegurarse de que el non a mate, Aithra invoca os elfos para o atormentaren, facéndolle crer que o seu rival Paris está presente, e el apresúrase a enfrontarse co seu espectro. Daquela, a maxia de Aithra axuda a Helena a recuperar a súa beleza xuvenil orixinal e unha bebida de loto fai desaparecer a súa ansiedade. As serventas lévana a outra habitación.
Mentres Menelas regresa, alporizándose por ter sido sorprendido, Aithra dálle unha bebida calmante. Ao escoitar as súas emocións cara á súa dona, a feiticeira tenta dicirlle que nove anos antes, cando el perdera a Helena en favor de Paris, os deuses realmente empregaron un truco para enganar a Paris e a auténtica Helena estaba agochada no castelo do pai de Aithra nas abas do Atlas. Alí permanece ela, adormecida, agardando que o seu esposo a despertar; a muller na habitación próxima é a falsa. Aithra roga para transportar a Menelas con maxia ao castelo. Sorprendido e dubidando, réndese devagar á idea de que a Helena orixinal lle será devolta. Nun pavillón ao pé da montaña, os dous poden reunirse. Aithra suxire que beba a poción de loto para manter afastados os recordos perturbadores.
Acto II
[editar | editar a fonte]No pavillón, Helena acorda e saúda a segunda noite de vodas da parella ("Zweite Brautnacht"). Menelas, espertándose tamén, aínda desconfía dos seus sentidos. A súa muller tenta suavizalo con máis bebida de loto, pero el colle a súa espada, que revive os seus recordos. É esta muller real ou unha ilusión? Xinetes do deserto aparecen, e Altair, príncipe das montañas, inclínase fronte a Helena, ofrecendo agasallos; o seu fillo Da-ud únese alabando a súa beleza. A escena lémbralle a Menelas unha celebración troiana en honor de Helena, mais tenta ocultar os seus celos cando Altair e Da-ud o invitan a unirse a unha partida de caza. Despedíndose de Helena, e aínda inseguro da súa identidade, marcha a cazar. Aithra aparece como unha das serventas e advirte a Helena de que un dos viais que empaquetou contén unha poción do esquecemento, pero a outra ten unha poción de recordos. Contra a forte advertencia de Aithra, Helena declara que as súas lembranzas serán necesarias para salvaren o seu matrimonio; a fantasía de volver a un pasado impoluto non é unha.
A un sinal de Helena, as doncelas retíranse cando Altair regresa, cortexándoa abertamente e convidándoa a un banquete no seu honor. Mesmo cando chega a nova de que Menelas matou a Da-ud durante a caza, Altair segue co seu cortexo. Marcha, no entanto, cando traen o corpo do mozo, seguido por Menelas, quen permanece confundido, crendo que é a Paris a quen matou. Após desafiar o consello de Aithra, Helena ordena a poción de recolección preparada mentres o tempo da festa se acerca. Menelas imaxina agora que a verdadeira Helena morreu, e decide unirse a ela na morte; a Helena que está perante el seguramente sexa o espectro. Cando el colle o que cre que é a poción da morte, ve a morta Helena como a que está viva: as dúas están unidas. Altair e ás súas cohortes collen e separan a parella, mais Aithra revela unha falanxe dos soldados de Poseidón, quen están escoltando a nena Hermione. Recoñecendo a Aithra a feiticeira, Altair cede ante o seu poder. Hermione, reunida ao fin con seus pais, irá a casa con eles para comezaren a súa vida xuntos.
Orquestración
[editar | editar a fonte]Aínda que non é tan densa e magmática como a orquestración Elektra e Salomé, é aínda importante, requirindo de:
- 4 frautas (3ª e 4ª dobran con piccolo), 2 óboes, corno inglés, 3 clarinetes, clarinete baixo, 3 fagots (3ª dobra con contrafagot)
- 6 trompas, 6 trompetas, 3 trombóns, tuba
- Timbais, bombo, tamtam, caixa, platillos, glockenspiel
- Celesta, órgano
- Archi (16.14.10.10.8), 2 arpass
Músicos en escena:
6 óboes, 6 clarinetes, 4 trompas, 2 trompetas, 4 trombóns, timbais, 4 ferriños, 2 pandeiretas, máquina de vento
Gravacións
[editar | editar a fonte]Ano | Elenco (Helena, Menelaus, Aithra, Altair) |
Director, Teatro de ópera e orquestra |
Selo[5] |
---|---|---|---|
1956 | Leonie Rysanek, Bernd Aldenhoff, Annelies Kupper, Hermann Uhde |
Joseph Keilberth, Orquestra e Coro da Ópera Estatal de Viena |
CD de son: Opera d'Oro Cat: OPD 1381 |
1970 | Gwyneth Jones, Jess Thomas, Mimi Coertse, Peter Glossop |
Josef Krips Wiener Philharmoniker e Coro da Ópera Estatal de Viena (Gravado nunha representación na Ópera Estatal de Viena o 5 de decembro) |
CD de son: RCA Cat: 74321 69429-2 |
1979 | Gwyneth Jones, Matti Kastu, Barbara Hendricks, Willard White |
Antal Dorati, Detroit Symphony Orchestra e Kenneth Jewell Chorale |
CD de son: Decca (Londres) Cat: 430 381-2 |
2001 | Vitalija Blinstrubyte, Stephen O'Mara, Giulia Mattana, Johannes von Duisburg |
Gérard Korsten, Orquestra e Coro de Teatro Lirico di Cagliari |
CD de son: Dynanmic Cat: CDS 374/1-2 |
2002 | Deborah Voigt, Carl Tanner, Celena Shafer, Christopher Robertson |
Leon Botstein, American Symphony Orchestra e New York Concert Chorale (Gravación dunha versión de concerto no Avery Fisher Hall o 6 de outubro) |
CD de son: Telarc Cat: CD 80605 |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Robert Baxter, "Die ägyptische Helena. Richard Strauss" (crítica da gravación). The Opera Quarterly, 18(4), 643-647 (2002).
- ↑ Roger Pines, "Die ägyptische Helena. Richard Strauss" (crítica da gravación). The Opera Quarterly, 7(4), 195-197 (1990).
- ↑ Roland Graeme, "Die ägyptische Helena: Original version (1928)." The Opera Quarterly, 15, 540-544 (1999).
- ↑ "Estatísticas de Operabase". Arquivado dende o orixinal o 14 de maio de 2017. Consultado o 26 de febreiro de 2013.
- ↑ Gravacións de Die ägyptische Helena en operadis-opera-discography.org.uk
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]A Galipedia ten un portal sobre: Ópera |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Holden, Amanda (Ed.), The New Penguin Opera Guide, Nova York: Penguin Putnam, 2001. ISBN 0-14-029312-4
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Gravacións de son:
- Prinzregententheater, München 1956 - Joseph Keilberth
1. Akt
2. Akt
Helena: Leonie Rysanek, Menelas: Bernd Aldenhoff, Aithra: Annelies Kupper, Altair: Hermann Uhde, Da-ud: Richard Holm, Die allwissende Muschel: Ira Malaniuk